Xa está publicado en
Climántica TV o
vídeo da conferencia impartida en Santiago de Compostela o 6 de outubro de 2009 polo científico británico James Lovelock, titulada
Cambio climático nun planeta vivente.
Esta conferencia foi impartida por Lovelock despois de recibir o premio de investigación científica Fonseca 2009. No acto de entrega, o Reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, refírese á importancia que ten a súa teoría de Gaia, ao interpretar a Terra como un macroorganismo vivo que se autorregula diante das agresións. Entre os axentes agresores destacounos como especie que está a consumir máis de 100 veces do necesario para manternos vivos, e citando a Stern, dixo que somos incapaces de arriscar o 1% do PIB a curto prazo para evitar a súa caída nun 5 ou 10% a medio prazo. Nese sentido destacou a importancia da ciencia e da tecnoloxía na solución do problema, polo que agradeceu o compromiso de Lovelock coa ciencia e o coñecemento neste empeño e súa persuasión na defensa de Gaia, a pesares das controversias e ataques que espertou.
O profesor Lovelock centrou esta conferencia na tese de que a pesares do rigor que supón o traballo dunha comunidade científica de máis de 1000 científicos do Panel Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC), entre os que están os mellores climatólogos do mundo, o IPCC subestimou o quentamento global, porque solo se centrou nos efectos das nosas emisións de dióxido de carbono por uso de combustibles fósiles e desprezaron a resposta que a Terra está a dar ao cambio climático, que pode chegar a ser mortal.
Nesta falta de percepción das respostas que a Terra está dando ao cambio climático, dixo que sen dúbida influíu a distancia das cidades aos principais puntos onde se están manifestando as respostas máis singulares: bosques, selvas, océanos e polos. En estas cidades estarán os máis de 8 mil millóns de habitantes que terán que facer fronte á redución de auga doce e a un entorno cada vez máis quente.
A continuación indicou que esta subestimación por parte dos científicos debeuse a 4 tipos de barreiras:
1) O noso éxito coa resolución do problema da capa de ozono que dou unha confianza falsa sobre as posibilidades da ciencia para facer fronte a este reto.
2) A excesiva fragmentación do coñecemento científico, que leva a que os grupos dunha especialidade non sexan capaces de falar e entenderse cos de outras. Débese asumir que a Terra é un todo e se a seguimos estudando como dúas realidades totalmente diferenciadas: Xeosfera e Biosfera, non seremos capaces de entendela como o macroorganismo que é.
3) A división entre a teoría e a práctica.
4) O crecemento informático que permite desenvolver modelos teóricos de simulación, que nos dan unha falsa seguridade que resta oportunidades á observación e ao empirismo.
A continuación pasou a argumentar sobre estas barreiras na liña da tese exposta inicialmente. Referiuse en primeiro lugar ao erro dos CFCs. Sobre eles dixo que nos anos oitenta non se lle deu fiabilidade aos datos dos satélites que mostraban o furado da capa de ozono, porque non coincidía cos modelos. Isto cambiou cando dous científicos o observaron a nivel empírico con espectofotómetros. Apoiouse nesta constatación empírica para defender a observación e experimentación.
De seguido referiuse a dificultade de predición dos modelos polas simplezas e limitacións dos mesmos. Sobre isto mostrou nunha diapositiva con unha zona verde como a representación das marxes de valores previstos polo IPCC relativos ao aumento de temperatura da auga do mar para a marxe de anos comprendida entre 1994 e 2005. Nesta mesma diapositiva podía verse por encima desta zona verde crecente, os valores empíricos reais, tamén de tendencia ascendente pero de valores superiores. Aproveitou esta diapositiva para caracterizar o océano como o auténtico termómetro da Terra, porque supón o 70% da superficie do Planeta, e tamén ao ter máis capacidade calorífica, a súa capacidade de retención de calor supere en 800 veces a capacidade de retención de calor da atmosfera, polo que nos ten que preocupar esta subestimación.
Sobre este quentamento do océano, xustificou o rápido desxeo do Ártico entre os anos 1978 e 2008, o que provocou que no 2007 solo quedara o 40% do xeo, e este proceso está a favorecer a liberación de metano que pode chegar a superar o 20%, o que vai a retroalimentar o problema.
Para valorar a importancia deste quentamento, expuxo que de forma natural o clima variou sempre sobre todo por cambios na excentricidade da órbita e na inclinación e orientación do eixo de xiro terrestre, pasando de temperaturas globais 6º superiores as actuais, que se coñece como períodos efecto invernadoiro, a outras 5º C inferiores propias dos períodos glaciares. O cambio recente máis brusco deuse hai 14.000 anos e foi o que nos conduciu ao período interglaciar actual, que sen ter aínda pechado e non haber unha nova glaciación, estase a experimentar un novo aumento con unha tendencia similar a unha saída dun período glaciar cara un interglaciar, polo que este aumento non se pode deber como o anterior a unha saída dunha glaciación, o que nos preocupou a vista da nosa significativa contribución ao aumento das emisións procedentes do uso dos combustibles fósiles.
Esta preocupación aínda é maior, se tal e como argumentou ata aquí, o sistema Gaia pode estar actuando agora como amplificador. Non temos máis que tomar como referencia a perda de 30.000 persoas no mundo polas olas de calor do ano 2003. Existen cálculos que poñen de manifesto que de persistir esa situación durante 3 anos, a poboación podería desaparecer e a Terra converterse en escoira. Con estas previsións, a poboación actual ten que deslocalizarse e así a de Norteamérica podería chegar a migrar cara Canadá, a de China cara África e Siberia. A maior parte de Europa converteríase nun deserto e a súa poboación desprazaríase cara sitios como Inglaterra, Irlanda e Galicia. Por iso non só escaseará a auga, senón que tamén aumentará a fame, pois esta concentración en puntos concretos vai a dificultar a obtención de alimentos, situando así no problema dos refuxiados climáticos.
Se todo o mundo reduce drasticamente as emisións, tampouco cabe esperar que o problema se resolva. Nestes intres os gases invernadoiro reteñen partículas de po que impiden a entrada da luz do sol e diminúen por tanto o efecto invernadoiro. A medida que este proceso se free, o quentamento aumentará, polo que temos un novo exemplo de como a Terra pode actuar como motor do cambio climático.
Por todo o argumentado ata aquí, reafirmouse na tese coa que iniciou a conferencia de que a Terra está respondendo ao cambio climático e colaborando con esta resposta ao seu incremento, sendo cada vez máis probable que se converta no verdadeiro motor que acelere definitivamente o cambio climático.
Xa na última parte da súa intervención, expresou a capacidade demostrada pola Terra ao longo da súa historia para responder a cambios moi importantes, e por tanto non puxo en dúbida a súa capacidade de seguir adiante en base a estas respostas ao cambio climático. Pero tamén afirmou que nós somos unha especie resistente, pois no millón de anos nos que vimos de configurarnos como especie, soportamos 7 cambios ambientais significativos, en algúns dos cales calcúlase que solo sobreviviron uns 2000 individuos. Tamén manifestou a súa consideración de que si chegáramos a extinguirnos como especie, o Planeta perderá moito. Sobre este risco no que nos puxemos, dixo que non tíñamos que sentirnos culpables, porque non éramos conscientes de que estábamos xerando este problema, e por outro lado debíamos ter presente que outros organismos como as bacterias fotosintetizadoras noutras épocas significaron unha agresión ao medio de maior impacto, sen o que nós non teríamos aparecido. Sen embargo, concluíu que agora que somos conscientes das causas e riscos é o momento de actuar xa, poñendo todo da nosa parte, sendo pacientes e esperando que a evolución nos seleccione como unha parte integral capaz de existir en equilibrio co planeta vivente. Por iso afirmou que hai que prepararse para o peor, esperando que ocorra o mellor.
En definitiva, o premio Fonseca trouxo a Galicia a oportunidade de ter entre nós a un dos científicos que máis contribuíu a toma de conciencia da crise ambiental nos anos 70 e que máis colaborou a través da súa teoría Gaia á interpretación actual das causes e posibles consecuencias futuras do cambio climático, polo que Climántica séntese no compromiso educativo de estender o contido desta conferencia á rede global de educadores e a conxunto da sociedade. Grazas tanto ao profesor Lovelock por esta conferencia na que sintetizou a repercusión actual de moitos anos de rigorosa investigación e eficaz divulgación científica, como á Universidade de Santiago de Compostela polas facilidades dadas para que se chegara a súa divulgación por esta vía.