Xa está dispoñible no apartado de
Climántica tv o
documental que recolle as primeiras experiencias piloto do proxecto Climántica no sistema educativo de Argentina. Estas actividades tiveron lugar os días 29 e 30 de maio de 2008. Os estudantes aos que foron dirixidas foron os escolares de educación secundaria do colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, no
que se escolarizan unha porcentaxe de descendentes de galegos superior ao
80%. As actividades con escolares desenvolvéronse o día 29 de maio e estiveron dirixidas co obxectivo de explorar ideas previas sobre causas, consecuencias do cambio climático e posibles solucións, mediante dous tipos de actividades:
- Coloquio en grupo grande con todos os escolares sobre causas, consecuencia e solucións do cambio climático.
- Dinámica con unha clase de 15-16 anos. Esta dinámica tivo dúas partes ben diferenciadas. Nunha primeira parte os estudantes organizáronse en pequenos grupos de traballo para estudar unha ficha con ilustración relativa ao problema. O grupo de traballo titulou a ficha e argumentou en relación ao que lles comunicaba sobre causas e/ou consecuencias do cambio climático. Nunha segunda parte púxose en común o traballo de todos os grupos.
O día 30 de maio explicouse o proxecto á comunidade educativa interesada mediante unha conferencia.