CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
O LIXO TAMÉN QUENTA
CAMBIOS NO CLIMA E CAMBIOS NA AUGA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

II Congreso de estudantes CLMNTK

 


Climántica celebra mañá o seu día máis grande, o congreso de fin de curso CLMNTK dos grandes protagonistas deste proxecto: os estudantes.

Neste congreso preséntanse os traballos dos 581 estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Ciclos formativos e Universidade. Os traballos presentados foron elaborados ao longo do curso co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación. Todos eles quedan editados no nº 2 da revista CLMNTK que se pode descargar en pdfs organizados por centros educativos no subapartado Revista do apartado Biblioteca. Os traballos multimedia poden visualizarse desde o subapartado Alumnos do mesmo apartado Biblioteca.

As actividades desenvoltas en plenario quedan recollidas neste programa e as rutas de autobuses organízanse de acordo a estes 13 itinerarios.

Os 30 estudantes de Primaria e ESO premiados  desenvolverán este itinerario formativo viaxando a vela nunha goleta polas rías de Arousa e Vigo entre os días 25 e 29 de xuño. Os premiados de Bacharelato, Ciclos formativos e Universidade desenvolverán o seu campamento formativo en Allariz entre o 7 e o 11 de setembro e o seu programa publicarase nesta web.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraesturas quere destacar a elevada calidade dos traballos, felicitar aos estudantes pola excelencia e dedicación mostrada nestes traballos  e recoñecer aos docentes e as familias o seu apoio, orientacións e motivacións, condicións todas elas necesarias para esta producción intelectual e a súa presentación no II Congreso CLMNTK.

Autorización para alumnos de ESO
Autorización para alumnos de Bacharelato

Documentais sobre o "Primeiro curso para a introducción de Climántica en primaria"

 


Xa están publicados no apartado de Climantica TV os dous documentais que resumen o curso para os primeiros maestros que desenvolveron experiencias piloto de Climántica entre o 18 de abril e o 6 de xuño.

No primeiro documental resúmese a presentación do curso por parte do director de Climántica, Francisco Sóñora. A continuación pásase a unha visualización do resumo das tres xornadas dedicadas aos blogs do desenvolvemento da competencia dixital para xestionar, administrar e dotar de contido aos blogs das que se encargaron Susana Vázquez e Jesús Teira.

Tamén se fai un amplo resumo da explicación das actividades interactivas da subweb de Primaria por parte de José Manuel Bouzán. Este mestre enxeñeiro técnico informático foi o encargado de transformar en interactivas as actividades de Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a súa vez están inspiradas no nº1 do comic dedicado ao cambio climático, do nº 2 do comic dedicado á enerxía, da novela A Treboada de C e do videoxogo CLMNTK, que tamén se presentou neste curso. Entre as ferramentas TIC para Primaria púxose o acento nas webquest, presentando como exemplo a de aforro e eficiencia enerxética no fogar e na escola publicada na subweb de Primaria. A súa autora Ana Cristina Torres da Universidade de Aveiro, foi quen fixo esta presentación das súas posibilidades didácticas e educativas. Todas estas propostas responden ao centro de interese “Movémonos e consumimos moi diferente a como o facían os nosos avós. Isto provocou o cambio climático, pero coa miña axuda podémolo frear”, que a súa vez se sustenta sobre a unidade 1 (cambio climático) e a unidade 2 (enerxía).

O segundo documental recolle un resumo das postas en común das experiencias piloto que se presentaron o 6 de xuño, data na que se clausurou o curso. As experiencias que presentaron os mestres dos centros piloto, mostraron un elevado potencial de réplica, o que ten máis mérito se cabe ao desenvolverse nos dous últimos meses de curso, polo que o equipo Climántica quere destacar e agradecer esta dedicación.


Resumo da conferencia "Evolución da Situación enerxética en España no marco do cambio climático"

 


Está dispoñible en Climántica TV un documental resumo da conferencia que Ignacio de Loyola Hierro desenvolveu nas xornadas correspondentes á Unidade 2 de Climántica, “Se quentamos queimamos”. Este profesor coordina a cátedra de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Comillas e tamén imparte clases na Universidade Complutense de Madrid. Entre as dimensións non universitarias relacionadas coa conferencia, destaca as súas responsabilidades na Elaboración do Informe Anual do Observatorio da Sustentabilidade e do Informe da Situación Enerxética de España no marco do cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente, Agricultura y Medio Marino, tema central da súa conferencia. Disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou relacionando a enerxía co nivel de desenvolvemento, sinalando que aínda non estando a enerxía nos obxectivos para o milenio da ONU, este organismo recoñece que para que este desenvolvemento se produza é necesario un certo nivel enerxético.
 
Sen embargo insistiu en que isto non pode ser un argumento para xustificar o sobre consumo actual, que é o que nos levou a que o consumo enerxético de orixe fósil nos últimos 200 anos nos puxera ao borde do esgotamento. Indicou tamén que este tipo de combustibles supoñen máis do 80% do consumo enerxético actual. Destacou ademais que 1/3 da humanidade non dispón de este tipo de enerxía e ten que recorrer a queimar leña.

En relación a este abuso da enerxía dos combustibles fósiles augurou unha duración do orde de 40 anos para o petróleo, de 61 anos para o gas natural e duns 204 anos para o carbón, tendo presente a tecnoloxía que hoxe coñecemos. Pero aquí puxo o acento tamén nos cambios que están experimentando no consumo as economías emerxentes, destacando países como China que en 1983 tiña un consumo do orde do 6% e na actualidade xa supera o 20%.
 
Explicou que estes elevados niveis de consumo de combustible fósiles son a causa de que pasáramos dun nivel de CO2 na atmosfera de 280 ppm antes de 1800 ata os actuais niveis comprendidos entre 380-400 ppm, sobre os que o IPCC establece unha correlación directa entre aumento de emisións e aumento de temperatura. Expuso que nos próximos 100 anos, de seguir a situación actual se manteña, o IPCC prevé que se dupliquen estes niveis e iso implicará do orde de 3ºC de aumento de temperatura global que no caso de España, pode supoñer o aumento duns 7º C.

Situado así o escenario do cambio climático, abordou a situación de superación do limite de crecemento que temos establecido segundo o Protocolo de Kioto, que nos permite un crecemento anual de emisións no período 2008-20012 non superior ao 15%, cando temos superado o 50%, con tendencia progresiva en ascenso desde que asinamos o Protocolo, con unha única diminución ata o de agora no ano 2006, pero que atribuíu a unha serie de condicións atípicas favorecedoras da diminución do consumo e que coincidiron ao longo do ano: verán non moi cálido, inverno non frío e moita pluviosidade anual. Sinalou tamén que temos que ser moito máis ambiciosos no novo protocolo, pasando da redución do 5% actual global posta como obxectivo a unha redución de máis do 80%.

Tamén indicou a situación atípica de España con unha tendencia a aumentar a intensidade enerxética (consumo de enerxía/PIB) cando os países da Unión Europea están diminuíndo esa intensidade enerxética. Dixo que isto significaba que a nosa economía se sustentaba máis no formigón e estaba a potenciar o aumento por emisións difusas na mobilidade, cando noutros países do noso entorno estaban a potenciar outras modalidades de mobilidade. Destacou tamén o papel do abuso da electricidade, que segundo expresou vese favorecida polo baixo custo, o que xustificou co dato de que unha familia de 4 membros está a pagar unha media de 1,3 €/día no recibo eléctrico.
 
Esta situación relacionouna tamén coa nosa dependencia enerxética exterior, presentando a situación aínda máis preocupante, pois indicou que esta estaba recoñecida oficialmente nun 80% pero indicou que o dato non era real, dado que se consideraba que non tíñamos dependencia da enerxía nuclear, porque se partía do suposto de que as nosas centrais nucleares nos abastecen, pero sen embargo dixo que todo o uranio o estábamos importando de Francia, porque temos o noso esgotado. Segundo esta argumentación concluíu que a dependencia real é do 90%.

A pesares de concluír desta forma a situación non sostible do uso da enerxía, rematou a súa intervención facendo un chamamento ao optimismo por canto que preveu unha ampla capacidade de resposta sobre campos como o aforro e a eficiencia enerxética, a extensión do uso de renovables, a captura e almacenamento do CO2, a educación enerxética, o control de prezos, a posibilidade de elixir vales de consumo para determinados usos, as posibilidades do hidróxeno como vector que ocupe o lugar dos carburantes derivados do petróleo, etc.


Resumo da conferencia "Da enerxía primaria á final: O futuro do hidróxeno"

 


Pode verse en Climántica TV un documental resumo da conferencia que impartiu o 14 de marzo nas xornadas correspondentes á unidade 2 de Climántica, o profesor de Enxeñería industrial da Universidade de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó. A súa presentación está no apartado de Biblioteca.

O profesor Parajó introduciu o tema apoiándose nos conceptos de ruta enerxética, enerxía primaria e final, facendo fincapé en que cada proceso de transformación pérdese máis dun tercio. Tamén situou a problemática enerxética sobre a inestabilidade socio política que supón que uns países teñan a enerxía primaria e outros a enerxía final.

Desde este enfoque abordou a situación enerxética actual, indicando que as enerxías finais máis utilizables son a electricidade e os combustibles fósiles derivados do petróleo. Sobre o comportamento do consumo da industria, apostou por un estancamento nos niveis de consumo, como consecuencia do control de emisións e regulacións de eficiencia e aforro derivadas da xestión económica racional. Pero preveu un aumento debido ao transporte e un aumento aínda máis grande nos sectores doméstico e terciaria, sobre os que argumentou que non cabe o control económico racional e solo se pode solucionar con educación ambiental.

Nesta extrapolación da situación enerxética actual cara o futuro, referiuse tamén á superación dos niveis de consumo de petróleo aos niveis de extracción desde nos anos oitenta do século pasado, e comentou a preocupación que existe porque non dispoñamos de petróleo sobre o ano 2020. Sobre o gas natural fixo previsións semellantes. As previsións máis optimistas sobre a duración do recurso fósil foron para o carbón, pero catalogouno como o máis contaminante. Segundo esta visión de limitación e tendo en conta de que estes combustibles fósiles son os responsables de máis do 80% do actual cambio climático, concluíu a necesidade de recorrer a outras fontes de enerxía.

Respecto da opción de potenciar a enerxía nuclear fixo reflexións moi interesantes sobre os ciclos de vida, partindo do dato de que o período de vida útil dos reactores é de 40 anos, polo que concluíu que os actuais xa estaban amortizados. A continuación aportou o dato de que temos reservas de uranio para uns 20 anos, polo que os novos reactores funcionarían durante a metade da súa vida útil. Outro dato que presentou como limitación desta enerxía para facer fronte ao cambio climático é que a necesidade de novas centrais para substituír as térmicas é de 14 centrais nucleares por ano, cando o crecemento que estamos a vivir é de 3 novas por ano, cos problemas ambientais de residuos que xa teñen asociadas. Sobre a alternativa do Plutonio, con máis vida media e posibilidade de obtelo desde o uranio usado, sinalou os problemas de explosións como a de Chernóbil.

Sobre esta panorámica decantouse polas renovables, como opción máis sensata para facer fronte á cambio climático, pero fixo constar que na actualidade carecemos de desenvolvemento tecnolóxico suficiente, polo que demandou máis I+D+i para desenvolvelo. Destacou sobre todo como de máis potencial a fotovoltaica, solar térmica e eólica, mentres que a hidráulica a pesares de estar máis madura a nivel tecnolóxico, ten moi limitado o avance no contexto de cambio climático. Tamén augurou un futuro pouco prometedor para os biocombustibles, tanto a nivel de biodiésel (de especies oleaxinosas) como de biotenal (de cereais). Por último preveu un crecemento para a xeotérmica e para a maremotriz aínda que moito menor.

No marco desta liña discursiva, entrou de pleno na última parte nuclear da súa conferencia: o futuro do hidróxeno. Empezou destacando o elevado aproveitamento que pode ter a obtención de electricidade desde o hidróxeno, xa que pode permitir acadar rendementos entre o 50% e o 70%. Tamén indicou que había que ter presente que o hidróxeno é un vector, non unha fonte de enerxía, polo que o seu papel clave na sociedade do cambio climático, estará en ocupar o papel dos derivados do petróleo, converténdose así no combustible con máis previsións de futuro para substituír aos derivados do petróleo no transporte. Dixo que esta substitución pode facelo de dúas formas, en motores de combustión interna ou en pilas de combustible nas que a rección co osíxeno deixa por residuo vapor de auga. Pero tamén fixo a observación que para obtelo require de electricidade e se esta procede de combustibles fósiles ou de enerxía nuclear, non será a enerxía limpa que ambicionamos. Por iso se decantou por obtelo a partires de enerxía fotovoltaica ou eólica, advertindo que de momento obtela así de pozo a depósito é moi custoso. Sen embargo preveu que nun prazo de 15 ou 20 anos podería ser unha realidade que ocupara o oco dos actuais combustibles derivados do petróleo, e en base a este dato xustificou o feito de que todos os fabricantes de coches tiveran xa prototipos de hidróxeno.

En definitiva, unha conferencia maxistral dun experto en enerxía que nos centrou moi ben a relación da enerxía co cambio climático, situando sobre el o futuro do hidróxeno na liña de análise da enerxía primaria á final.


Climántica no Día Mundial do Medio Ambiente

 


Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Climántica presenta o programa do II congreso CLMNTK de estudantes e publica “Se queimamos quentamos” en versión navegable html. Esta segunda unidade didáctica aborda a historia das crises enerxéticas e os prezos ambientais das revolucións que nos sacaron delas, para situarnos na actual crise enerxética dos combustibles fósiles e no reto do cambio climático. A unidade finaliza con un resumo de boas prácticas e posibles solucións ambientalmente favorables, aludindo a futuras fontes enerxéticas.

Tamén se publica hoxe o número 2 do cómic de Educación Ambiental “Palmira e Marcial, odisea medioambiental, que recolle e adapta o contido de “Se queimamos quentamos”. Tanto este número, como os 8 capítulos da segunda unidade, están dispoñibles en formato pdf para a súa descarga desde o apartado ‘Biblioteca’.

Dentro desta segunda etapa de Climántica –e inspirándose no seu contido- tamén se desenvolveu o material didáctico para Primaria “Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a súa vez se apoia nos cómics, na novela e no videoxogo CLMNTK, e cuxas actividades tamén se poden facer de forma interactiva desde o apartado de Primaria desta web.
 
Climántica fixo un esforzo especial na produción didáctica durante este curso 2008-2009 e únese, así, ao chamamento de Educadores pola Sostibilidade da Organización de Estados Iberoamericanos para converter este 5 de xuño nunha xornada de activismo educativo en prol dun Protocolo de Copenhague realmente efectivo. Unha xornada que impregne a actividade escolar e irradie a súa acción a toda a sociedade, tanto ese día como o resto del ano, animando desde a Educación Ambiental aos responsables políticos para que convertan este Protocolo nunha prioridade para nosa supervivencia e a das demais especies. Ademais, quere estender este chamamento á súa rede educativa para que desde os seus blogues se unan a este activismo medioambiental que tan ben están despregando nos seus centros educativos. .

Actividades sobre a Primeira Exposición Interactiva de Climántica

 




Nesta semana na que celebraremos o Día Mundial do Medio Ambiente, Climántica centra a súa actividade sobre a primeira exposición interactiva no IES Francisco Asorey de Cambados.

Esta exposición correspóndese coa primeira etapa do proxecto que se pechou no mes de marzo, coa celebración das xornadas formativas correspondentes ao inicio da segunda etapa: enerxía e cambio climático. Consta de 8 paneis, un por cada capítulo da unidade didáctica global da primeira etapa “Cambia o clima?”.

Os 8 paneis poden descargarse desde o apartado Biblioteca.

A exposición está deseñada para expoñer nos centros piloto de Climántica en semanas temáticas transversais de Educación Ambiental, e propón 3 retos por cada panel que se resolven traballando en paralelo cos cursos interactivos multimedia de autoaprendizaxe do apartado de Formación e coas dinámicas de grupos de Climántica, tal e como se pode observar no curto resumo das actividades piloto celebradas co motivo da exposición no IES Nº 1 de Ribeira, que xa se pode ver en Climántica TV.


Climántica no Seminario Europeo sobre o Artigo 6 da convención de Nacións Unidas

 


O proxecto Climántica foi un invitado máis no Seminario Europeo sobre o Artigo 6 da Convención marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático como modelo de boas prácticas a proposta do punto focal de España. Neste seminario, que se celebrou en Estocolmo os días 18, 19 e 20 de maio, abordáronse modelos de boas prácticas europeas en educación, formación e sensibilización do público sobre o cambio climático.

Sitio web oficial: European Regional Workshop on Article 6 of the Convention


 

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino