CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Once institutos formáronse nun curso universitario sobre traballo colaborativo

 

O IES Virxe do mar foi a sede dun curso universitario de formación permanente do profesorado, no que participaron tamén docentes de outros dez institutos. O curso, celebrado os sábados 23 e 30 de setembro, encadrouse na alianza estratéxica europea para a innovación EduCO2cean-Erasmus+, para formalos no uso das súas ferramentas colaborativas.

Este curso foi incluido no plan de formación permanente do profesorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través da colaboración entre o IES do Virxe do Mar e o grupo de investigación de referencia competitiva SEPA-Interea para o desenvolvemento do proxecto Climántica. Contou tamén coa aprobación provisional da homologación polo convenio para a formación permanente do profesorado, pendente de cumprirse os requisitos de asistencia establecidos pola normativa.

O curso foi impartido profesor de Tecnoloxía do IES Virxe do Mar, e asesor TIC da alianza estratéxica EduCO2cean-Erasmus+, Felipe Roget. Este docente é o encargado de administrar as ferramentas colaborativas que implementou no IES Virxe do Mar, e que serven de base ao equipo Climántica para atender ás necesidades de traballo colaborativo que demandan o seu papel de produción do contido didáctico da alianza estratéxica EduCO2cean-Erasmus+.

Os outros dez centros dos que forman parte os asistentes a este curso, son: IES Campo de San Alberto de Noia, IES Poeta Añón de Outes, IES Fernando Blanco de Cee, CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro , IES Fernando Wirtz de A Coruña, IES Losada Diéguez da Estrada, IES Leliadoura de Ribeira, IES Pobra do Caramiñal, IES Fernando Bouza Brey de Vilagarcía, CPI Dos Dices de Rois,

Os dous principais obxectivos que orientaron o deseño do curso foron: 1) recoñecer as utilidades didácticas as diferentes ferramentas que compoñen esta plataforma de traballo colaborativo, baseada na nube, de cara a traballar nun proxecto colaborativo, 2) descubrir o potencial destas ferramentas de cara a fomentar a creación e publicación de contidos dixitais e o de aproveitar as posibilidades das plataformas de traballo colaborativo, para crear novas dinámicas de clase que se demanda para as novas formas de ensinar e aprender sobre retos globais como é do cambio climático.

Trátase dun curso eminentemente práctico sobre utilidades moi evidentes para o traballo colaborativo entre diferentes profesionais do ensino. Nel só se abordaron conceptos de aplicación inmediata e de utilidade elevada nas aulas. Ao longo das 10 horas de formación que remataron este sábado, fixéronse exercicios prácticos centrados nos intereses e nas necesidades do profesorado asistente.

As sesións desenvolveranse na aula de informática do IES Virxe do Mar, e utilizaranse como único recurso as propias ferramentas de traballo colaborativo para o desenvolvemento da totalidade da formación. Durante a formación que se inicio o sábado 23 de setembro e que rematou este sábado 30 de setembro, combinaranse prácticas individuais con prácticas de grupo, intercambiando os roles de profesor/a e de alumno/a, segundo o enfoque metodolóxico que se aborde en cada caso.

En cada actividade desenvolta, tanto desde o punto de vista docente, como discente, facilitarase materiais de apoio en formato electrónico aos participantes na actividade, baixo a licenza Creative Commons.


Primeira xornada do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de CCMC”

 


O día 1 de outubro tivo lugar a primeira xornada do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC)” que se está a celebrar ao longo dos meses de outubro, desenvolvéndose a parte presencial no IES Virxe do Mar de Noia e a parte online dende a plataforma http://edu.xunta.e-elearning.climantica.org.

Neste curso pechouse a inscrición o 21 de setembro, unha vez acadado o número de 100 inscritos. Deste colectivo seleccionáronse os 23 que imparten este curso académico Ciencias para o Mundo Contemporáneo e completáronse as 17 prazas restantes, ata chegar ás 40 convocadas, con profesorado do segundo colectivo na xerarquía de preferencia: profesorado que sen impartir CCMC este curso, pertence aos departamentos que teñen asignada esta materia:  de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química. Ao quedar un número elevado de inscritos sen praza; o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), procedeu á duplicación administrativa do curso, polo que se pretende poñer en marcha a segunda edición en xaneiro, unha vez que se consigan os apoios necesarios.

Esta primeira xornada iniciouse co acto inaugural no que interviron o director do IES Virxe do Mar de Noia, Xavier Castro; o alcalde de Noia, Rafael García e o director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora. O Director do Instituto salientou o mérito que denota unha inscrición de 100 persoas de todas as provincias, como mostra da implicación profesional do profesorado; e destacou tamén a importancia de que o Concello se encargara de patrocinar a totalidade da actividade. O Alcalde fixo fincapé na vocación do Concello de apoiar aos seus centros educativos e na calidade do IES Virxe do Mar. O Director de Climántica enmarcou a actividade formativa dentro do modelo de formación do profesorado de Climántica e concluíu afirmando que sen o patrocinio do Concello o curso non sería viable, pero tamén dixo que tampouco sería posible sen as xestións do IES Virxe do Mar.

Ao longo da mañá desenvolvouse o seminario Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental e aos riscos, que correu a cargo do doutor en xeoloxía e fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT),  Francisco Anguita Virella. O seminario estimulou ao profesorado a facer múltiples preguntas ao poñente.

Pola tarde o mesmo relator dirixiu un itinerario xeolóxico pola parte media – baixa do río Tambre, dende a central hidroeléctrica Tambre I, ata o inicio da fraga Devesa de Nimo. Ao longo da ruta situou os principais afloramentos rochosos: granitos, gneis e pegmatitas. Antes de iniciar a rota situou visualmente o val e marcou o itinerario sobre o mapa xeolóxico da zona 1:50.000. Nesa análise visual, propuxo o reto de buscar explicacións a cómo era posible a aparición de meandros nun val tan encaixado. Ao rematar o itinerario dou resposta ao reto que propuxo inicialmente, e explicou a formación dos meandros no val encaixado, como resultado da confluencia das fallas resultantes das dúas direccións de fractura difrentes que se visualizan nas fallas de Galicia. Para completar a interpretación fixo mención á importancia que tivo a elevación do terreo para explicar o que o val sexa tan encaixado.



Clausura do seminario-obradoiro “A auga no mundo contemporáneo”

 










Máis de 250 docentes e de 800 estudantes participaron nas actividades formativas enmarcadas no seminario - obradoiro A auga no mundo contemporáneo que se desenvolveu ao longo dos días 27, 28, 29 e 30 de setembro en A Coruña, Pontevedra, Ourense, Santiago e Noia. Para a súa organización nas cinco localidades, contouse  coa colaboración do IES Urbano Lugrís, IES Torrente Ballester, IES Otero Pedrayo, IES Rosalía de Castro e IES Virxe do Mar, e co patrocinio da Fundación Barrié. Tanto o seminario coma o obradoiro enmarcáronse no contido didáctico do libro da 3ª etapa de Climántica Auga e cambio climático que ven de publicar a Xunta de Galicia.

O seminario foi conducido polo coautor do libro, Francisco Anguita Virella, fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT) e autoridade académica nos eidos da vulcanoloxía e das ciencias planetarias.  Na súa condución estimulou a procura de respostas a cuestións como: por que hai tanta auga no Universo?, como chegou á Terra? por que os nosos veciños planetarios a perderon?, cal foi a causa dos brutais vaivéns climáticos que experimentou a Terra, e que papel xogou a auga neles?, que estamos a facer cos nosos ríos, e que consecuencias poden carrexar estes impactos?, cales son as previsións do panel de científicos das Nacións Unidas sobre a auga ao longo deste século, que marxe de actuación nos deixan?, as guerras pola auga, son un espantallo catastrofistas, ou unha posibilidade real?

Para estimular as respostas a estas preguntas, integrou dun xeito moi natural as Ciencias da Natureza coas Ciencias Sociais. Para conseguilo, seguiu  o fío condutor da pregunta se a auga foi un factor na caída de antigas civilizacións. Insistiu en que esta pregunta non a formulou pola resposta que permitirá obter na análise que se vai a facer, porque esta é ben coñecida: a auga foi o factor determinante da decadencia e desaparición de moitas culturas antigas. Dixo que o interese de apoiar o seminario nesa cuestión, ven dado porque o camiño para chegar a esa conclusión deixará a estudantes e profesores ensinanzas que hai que aproveitar nas aulas, porque permitirán prever escenarios de futuro que servirán de estímulo e de compromiso para cambiar os nosos usos da auga na sociedade do cambio climático. Para concluír abordou o gran dilema deste século sobre se a Tecnoloxía será un aliado importante na loita por preservar este recurso vital diante do reto do cambio climático, ou precisamente o inimigo a bater.

Da parte do obradoiro encargouse o director do proxecto Climántica, e tamén coautor do libro Auga e cambio climático, Francisco Sóñora Luna. Para desenvolvelo apoiouse na plataforma online http://auga.e-learning.climantica.org. Ao longo do obradoiro fixo unha análise didáctica de cada unha das actividades online propostas  para acadar unha secuencia de seis obxectivos didácticos referidos aos contidos analizados e debatidos ao longo do seminario. Estas actividades foron extraídas do libro e adaptadas, dende a solución proposta na guía didáctica, para o seu uso na plataforma. Tanto o libro como a súa guía didáctica foron entregados aos asistentes.

Climántica quere agradecer a todo o profesorado participante, aos cinco institutos colaboradores e á Fundación Barrié o apoio, a colaboración e o interese demostrado.


Convocatoria do seminario e do obradoiro “A auga no mundo contemporáneo”

 


Coincidindo coa estancia en Galicia do xeólogo Francisco Anguita Virella do 27 de setembro ao 1 de outubro, e coa vocación de achegar dun xeito práctico o novo libro de Climántica ao profesorado de Primaria e Secundaria de Galicia, convócase un seminario e un obradoiro baseados no seu contido e que se describen neste folleto informativo. Os relatores serán os mesmos autores do libro:

Sóñora, F. (coord.) e Anguita, F. (2011). Auga e cambio climático. Xunta de Galicia.

Estas propostas prácticas desenvolveranse de 17:00 a 20:00 e ao profesorado asistente entregaráselle un CD coa versión definitiva do libro coas infografías e fotografías con calidade de impresión. Este CD tamén contará cunha guía didáctica dos 8 capítulos cos obxectivos didácticos, coa relación de conceptos fundamentais e coas solucións a todas as actividades recollidas no libro.
 
Para facilitar a aproximación de todo o profesorado de Galicia durante os catro días dispoñibles para o desenvolvemento desta actividade de formación do profesorado, estableceuse esta axenda a desenvolver en catro cidades diferentes nas seguintes datas:

• Martes 27 de setembro. Salón de actos do Centro social Os Maios de A Coruña. Para CFRs vinculados A Coruña, Lugo e Ferrol.
• Mércores 28 de setembro. Salón de actos do IES Torrente Ballester de Pontevedra, para CFRs da provincia de Pontevedra.
• Xoves 29 de setembro. Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense, para CFRs da provincia de Ourense.
• Venres 30 de setembro. Salón de actos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, para CFRs relacionados con Santiago.

Outorgaranse tantas prazas como teñan os auditorios aplicando como único criterio a orde de chegada das solicitudes. Este mesmo criterio seguirase á hora de entregar os CDs que de tempo de imprimir antes de cada sesión.

O profesorado interesado deberá descargar este impreso no disco duro do seu ordenador. Unha vez descargado deberá cubrilo e envialo ao enderezo electrónico climantica@climantica.org.


Curso “Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo”

 


Este curso forma parte do Plan de Formación do Profesorado para o curso 2011-2012 da Consellería de Educación. Está situado na área Ámbito científico – matemático – tecnolóxico do centro de recursos Servizos centrais con código X1101053 e o prazo de inscrición remata o día 27 de setembro de 2011.

O curso está recoñecido pola Consellería de Educación con 50 horas, das cales 20 son presenciais e as 30 restantes compútanse pola investigación – acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos seminarios desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes.

O curso estrutúrase en 5 seminarios distribuídos noutros tantos módulos, cuxa fase presencial desenvolverase no IES Virxe do Mar de Noia os sábados 1, 8, 15 e 22 de outubro, e o 5 de novembro de 10 a 14 horas, con un descanso na metade da xornada. A axenda destes 5 módulos, dos que se pode obter máis información neste documento programático son:

Módulo I. DO BIG BANG AO PROBLEMA ECOLÓXICO: APROXIMACIÓN DO COSMOS Á PROBLEMÁTICA AMBIENTAL E AOS RISCOS
Sábado 1 de outubro de 10:00 a 14:00
Relator: Francisco Anguita Virella.
Profesor-doutor en xeoloxía, investigador no eido das ciencias planetarias e recoñecido divulgador da Xeoloxía, fundador da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias (AEPECT).

Módulo II. A CIENCIA CONTEMPORÁNEA DO CAMBIO CLIMÁTICO
Sábado 8 de outubro de 10:00 a 11:50
Relator: Francisco Díaz Fierros Viqueira.
Catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
• Conceptos básicos do cambio climático nos ecosistemas terrestres no IPCC e as súas implicacións en Galicia.

Sábado 15 de outubro de 10:00 a 11:50
Relator: Antonio Manuel Bode Riestra.
Investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña do Instituto Español de Oceanografía.
• Conceptos básicos do cambio nos ecosistemas acuáticos no IPCC e as súas implicacións en Galicia.

Módulo III. REFLEXIÓNS DA CIENCIA CONTEMPORÁNEA SOBRE A MITIGACIÓN E ADAPTACIÓN AO CAMBIO CLIMÁTICO
Sábado 8 de outubro de 12:10 a 14:00
Relator: Bernardo Parajó.
Profesor da escola Enxeñería industrial de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo.
• Desenvolvementos tecnolóxicos sobre Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático.

Sábado 15 de outubro de 12:10 a 14:00
Relator: Ángel Carracedo.
Catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela
• Ensinanzas da xenómica sobre as adaptacións ao cambio climático e proxeccións cara a adaptación ao cambio climático.

Módulo IV. METODOLOXÍAS TIC PARA O DESENVOLVEMENTO DO CURRÍCULO DAS CIENCIAS PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO CONDUCIDAS POLA SOSTIBILIDADE
Sábado 22 de outubro de 10:00 a 14:00
Relatores: Francisco Sóñora Luna.
Director do proxecto Climántica
Susana Vázquez Martínez.
Coordinadora da blogosfera de Climántica

Módulo V. INVESTIGACIÓN – ACCIÓN PARA DESENVOLVER UN PROXECTO NA AULA EN BASE A ESTA PROPOSTA E MEDIANTE UN EDUBLOGUE CCMC DE CLIMÁNTICA
Sábado 5 de novembro de 10:00 a 14:00
Coordinadora da posta en común: Susana Vázquez Martínez.
Coordinadora da blogosfera de Climántica


Posta en común do curso on-line “Ciencias Para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica”

 


O xoves 10 de febreiro de 2011 tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública a posta en común do curso on-line Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica do que se pode ver un vídeo resumo en Climántica TV.

Este curso iniciouse o 10 de xaneiro de 2011 e supuxo a adaptación a Galicia do curso on-line recoñecido con 100 horas polo Ministerio de Educación que Climántica desenvolve en colaboración coa Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT), que coas súas dúas primeiras edicións, aportou formación a profesores de todas as comunidades autónomas. Nesta primeira edición para Galicia, fíxose un recorte do contido para adaptalo ao máximo recoñecemento de 30 horas establecido no Plan de Formación do Profesorado para esta modalidade de formación.

Na estrutura do curso diferéncianse dúas partes. A primeira (parte A) consiste na formación para administrar e xestionar os eduglogues Climántica de Ciencias para o Mundo Contemporáneo usando a metodoloxía axeitada. A segunda (parte B), consistiu na formación necesaria para desenvolver o currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo co fío condutor proposto polo proxecto Climántica, usando os blogues CCMC de aula como ferramenta de comunicación, divulgación e debate sobre as ciencias fronteiras que forman parte do currículo de CCMC.

O curso ofertouse aos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e de Física Química, por seren aos que lles corresponde a docencia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC). O colectivo de docentes que seguiu o curso resultou da selección entre os 212 inscritos, aplicando o primeiro criterio de prioridade que era impartir CCMC no curso 2010-2011 e acomodando o número máximo prescrito de 25 usuarios por titor.

Todos os profesores asistentes á posta en común presentaron as súas experiencias. As conclusións maioritarias destacaron a importancia da ferramenta e das propostas metodolóxicas para aplicar así a materia de CCMC, pero tamén se reflexionou sobre o traballo que daba conseguir blogues con contidos de rigor que se afasten da cultura de corta e pega; e tamén sobre os problemas de acceso cotiá a equipamentos informáticos, tanto nas aulas como en algúns fogares.


Simpósio “Práticas de Educação para o Desenvolvimento Sustentável com Edublogues Climántica”

 


Xa está publicado en Climántica TV unha presentación audiovisual do simpósio Práticas de Educação para o Desenvolvimento Sustentável com Edublogues Climántica que se celebrou no Museo da Ciencia de Coimbra o 5 xuño de 2010 e no que participaron estudantes e docentes en representación dos 18 blogues de centros educativos de Climántica en Portugal.

A continuación publícase en portugués un resumo enviado por xentileza da profesora Mª Jesús Bento da Escola Secundaria de D. Duarte, un dos centros de Portugal con un blog de Climántica:

Resumo do artigo publicado na Revista (nº1, Set/2010) do CFAE – Nova Agora
Maria de Jesus Bento

O Simpósio “Práticas de Educação para o Desenvolvimento Sustentável com Edublogues Climántica” decorreu no Dia Mundial do Ambiente, 5 de Junho, de 2010 – Ano Internacional da Biodiversidade. Deste Simpósio salienta-se a disponibilidade de professores-formandos, seus alunos e de outros participantes, para divulgar e partilhar as suas experiências através de comunicações orais e posters. Os projectos apresentados foram bastante interessantes e abordaram temas diversificados (tratamento e armazenamento de resíduos, construção de uma carta de ruído numa escola, consequências da construção de uma barragem, biodiversidade), sendo de realçar o empenho dos alunos na sua concretização e a sua preocupação com problemas globais actuais, como os relacionados com alterações climáticas, que se reflectiu na procura de soluções para os evitar ou mitigar.


Dende o proxecto Climántica queremos aproveitar a ocasión para agradecer a participación entusiasta destas comunidades educativas amigas de Coimbra na blogosfera de Climántica en Portugal, nas actividades de formación continua do profesorado de Nova Ágora, o centro de formación continua de Coimbra, durante os sábados do primeiro trimestre do curso pasado e neste simposio.


A asignatura Climántica de Cuarto Ciclo da USC na clausura do curso 2007-2008

 
Actualización 2: Xa se pode ver o documental da clausura do curso en Climántica TV.
Actualización 1: Xa se pode ver o documental da visita a Carnota en Climántica TV.
Actualización: Xa se pode ver o documental da visita a Coimbra en Climántica TV.



O turno de conferencias do Segundo encontro de estudantes de cuarto ciclo, celebrado no Auditorio de Galicia o 7 de xuño, co que rematou o curso 2007-2008, abriuse con Climántica. Esta asignatura púxose en marcha en cuarto ciclo da USC por primeira vez durante este curso. As 30 horas teóricas leváronse a cabo na aula seminario da facultade de Farmacia os mércores de 17 a 18 horas e nelas desenvolvéronse os seguintes contidos:

  • Controversia arredor do cambio climático.
  • Dominios climáticos do mundo: o dominio de Galicia.
  • Elaboración das prediccións meteorolóxicas.
  • Elementos da estación meteorolóxica. Rede meteorolóxica de Galicia.
  • Cambios no clima na historia da terra: métodos, descrición do clima na historia xeolóxica e evidencias paleoclimáticas en Galicia.
  • O cambio climático: evidencias, interpretación da regulación térmica e da súa alteración, causas e consecuencias do quentamento global.
  • Horizontes de futuro en base ao cambio climático.

As 30 horas de prácticas desenvolvéronse coas seguintes experiencias:

  • Visita a Coimbra para estudar o cambio de dominio climático ao longo do tranxecto e a súas implicacións na vexetación. Estudos do paleoclima e das grandes extincións nos museos de xeoloxía e de ciencias da Universidade de Coimbra. Evidencias do paleoclima comunicadas polos fósiles atopados na canteira de Cantenhede.
  • Visita a Carnota para relacionar a influencia do cambio climático sobre as praias e dunas da zona. Tamén se efectuou unha visita didáctica con técnicos de Mar de Lira.
  • Visita a Sotavento e obradoiros sobre enerxías renovables e consumo.
  • Prácticas de laboratorio sobre clima e cambio climático.
  • Realización do curso multimedia Cambio climático na aula de informática.

Na docencia da asignatura Climántica de cuarto ciclo participaron docentes do Equipo Climántica así como asesores científicos do proxecto pertencentes a  MeteoGalicia, á Universidade e ao CSIC.


Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino