CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Documental sobre experiencias piloto no sistema educativo de Cuba

 



Xa está dispoñible no apartado de Climántica tvdocumental que recolle as primeiras experiencias piloto do proxecto Climántica no sistema educativo de Cuba. Os días 26, 27 e 28 de maio de 2008, Climántica iniciou as súas actividades piloto no sistema educativo de Cuba. A cátedra de Educación enerxética no Instituto Pedagóxico da Universidade de A Habana interesouse polo proxecto Climántica para incorporar a didáctica do cambio climático na experimentación da reforma do currículo da asignatura de Educación enerxética do ensino secundario, que está a desenvolver no seu núcleo de experimentación “Ciudad Escolar Libertad”. Dentro destas actividades destacaron as dinámicas de grupos con escolares de 14-16 anos para explorar ideas previas, consistentes en dous tipos de dinámicas:

  • Dinámica en pequenos grupos. Esta dinámica tivo dúas partes ben diferenciadas. Nunha primeira parte os estudantes organizáronse en pequenos grupos de traballo para estudar unha ficha con ilustración relativa ao problema. O grupo de traballo titulou a ficha e argumentou en relación ao que lles comunicaba sobre causas e/ou consecuencias do cambio climático. Nunha segunda parte púxose en común o traballo de todos os grupos.

  • Dinámica de grupo clase para elaborar un esquema con fichas colocadas a modo de dominó. Este esquema sintetizou a argumentación colectiva sobre o problema do cambio climático e a súa relación coas causas que o producen e os efectos que desencadean.

As actividades de Climántica nesta primeira aproximación a Cuba, remataron o 28 de maio con unha conferencia de presentación do proxecto no II Congreso do Grupo de Educación Enerxética (GEA).


Conclusión do I Congreso Climántica para Estudantes

 
Actualización 2: Xa se pode ver o documental do I Congreso en Climántica TV.
Actualización: Xa se pode ver o documental da estancia no campamento formativo en Climántica TV.



Case 300 estudantes de centros educativos de Galicia reuníronse o día 21 de xuño en Santiago para analizar, entre outros temas, as medidas fronte ao cambio climático, o desenvolvemento sostible e o respecto ao medio ambiente, no I Congreso de Estudantes de Climántica, organizado pola Consellería de Medio Ambiente.
Os alumnos de ensino secundario obrigatorio (ESO), bacharelatos e ciclos formativos de centros educativos das catro provincias galegas participaron nesta actividade coa exposición dos traballos que presentaron no seu día á segunda edición dos premios Climántica, convocados no marco do proxecto educativo co mesmo nome que puxo en marcha a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos rapaces sobre o cambio climático e cómo atallalo.
Nesta xornada que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, os estudantes expuxeron os seus traballos presentados ao concurso nas súas tres modalidades: literatura –narrativa, poesía e cómic-, multimedia – curtametraxes, power point, entrevistas, teatro e cancións-, e artes plásticas –fotografía, debuxo e posters-. A exposición conxunta dos traballos serviu así mesmo para dar a coñecer ao público a visión que os máis xóvenes teñen sobre o cambio climático e as súas proposta para coidar o medio ambiente e fomentar o desenvolvemento sostible.
O Congreso de Climántica serviu ademais para que os estudantes de diferentes lugares de Galicia tivesen oportunidade de coñecer o punto de vista de outros alumnos, na exposición conxunta dos traballos presentados e nos que se atopaban traballos con moita calidade con títulos tan significativos como “o cambio climático e as súas consecuencias”, “cambiar nós para que non cambie o clima”, “se non o coidas es tonto”, “¿por qué ao home lle custa manter a terra”, “un día na vida dunha árbore”, entre outros. Todos estes traballos quedaron publicados na revista CLMTK que se lles entregou aos asistentes e en breve estará publicados nesta web.
A xornada estivo pensada tamén para os pais e docentes que acompañan aos estudantes, con actividades que inclúen mesas redondas sobre “alimentación e ambiente” na que se abordarán cuestións como a agricultura ecolóxica e a alimentación, a medicina ecolóxica ou o deporte.

Premios
Un total de 60 estudantes -30 de Eso e 30 de bacherelatos e ciclos formativos- recibiron neste congreso os diplomas correspondentes aos premios da segunda edición do concurso de Climántica, que foron entregados pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e polo Director Xeral de Desenvolvemento sostible. Estes premios daranlle a oportunidade de participar nunha estancia formativa de cinco días de convivencia nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia. Concretamente, os alumnos de ESO disfrutarán entre o 23 e o 27 de xuño nunha estancia nun equipamento de San Xoán de Río en Ourense; e os de bacharelato e ciclos formativos irán entre o 8 e o 12 de setembro a outro equipamento no Parque Natural das Fragas do Eume. Ver programa.


Actores de Climantopía.


Grupo de escolares do IES Ollos Grandes que representaron a obra de teatro no I Congreso.


Panorama da entrada ao Congreso.

I Congreso Climántica para estudantes

 


O sábado 21 de xuño terá lugar o I Congreso Climántica para estudantes no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Para consultar a programación pódese descargar o díptico oficial.


Primeira experiencia piloto de Escolas Climántica de Avós e Netos

 
Actualización: Xa se pode ver o documental da experiencia en Climántica TV.



O día 9 de xuño tivo lugar no IES Campo de San Alberto a primeira experiencia piloto dunha das dimensións máis innovadoras de Climántica: Escolas Climántica de avós e netos. Esta experiencia estivo coordinada polo docente do equipo Climántica José Fernández Maneiro, profesor de ensinanza de adultos deste instituto.

Os estudantes de nivel II de adultos titelaron aos estudantes de proxecto interdisciplinar Climaeucambio de 1º de ESO do mesmo centro para chegar a unhas conclusións que permitiron comparar a sostebilidade do consumo de alimentos, da producción de residuos, da mobilidade, do ocio e do traballo na idade de 12 e 13 anos dos maiores coa dos estudantes de primeiro de ESO.


Celebración do Día Mundial do Medio Ambiente coa clausura das I Xornadas Temáticas Climántica

 


O día 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día mundial de medio ambiente, clausuráronse as primeiras xornadas temáticas de Climántica que se celebraron como experiencia piloto no IES Fernando Blanco de Cee.

Nestas xornadas o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e o Director de Climántica desenvolveron unha conferencia conxunta no salón de actos. Ao rematar, os estudantes pasaron a informarse sobre as causas e consecuencias do cambio climático nas carpas temáticas onde recibiron as explicacións dos seus compañeiros monitores, apoiándose en experiencias prácticas. Estes estudantes - monitores formáronse durante 3 días coa Técnica do proxecto Climántica que se encarga das actividades de dinamización en centros.

Durante o recreo os estudantes observaron as actuacións de magos, acróbatas e malabaristas. A celebración do Día mundial do medio ambiente pechouse co espectáculo Climantopía, onde confluíron música, maxia, proxeccións multimedia, que acompañaron e reforzaron as mensaxes de educación ambiental comunicadas nunha serie de contos e cancións. O modelo xa quedou suficientemente testado para que se poida exportar a outros centros piloto interesados e implicados en Climántica.

Actualización: Xa se pode ver o documental das actividades en Climántica TV.

Experiencias piloto de Climántica en centros educativos de Arxentina e Cuba

 


Os días 26 e 27  de maio desenvolveuse a primeira experiencia piloto de Climántica no sistema educativo cubano. Nesta experiencia piloto estudantes da “Ciudad Escolar Libertad” con idades comprendidas entre 13 e 14 anos desenvolveron unha dinámica de grupos para avaliar ideas previas sobre causas e efectos do cambio climático. As primeiras actividades de Climántica en Cuba remataron coa conferencia do director de Climántica no V Congreso Internacional de Educación Enerxética celebrado no Instituto Pedagóxico da cidade de Habana.

Esta mesma dinámica desenvolveuse o día 29 de maio con estudantes de 15 e 16 anos do colexio Santiago Apóstolo da cidade de Bos Aires. Neste mesmo centro o director de Climántica impartiu unha charla - coloquio á que asistiron tódolos alumnos do ensino secundario do centro. As primeiras actividades de Climántica en Arxentina concluirán nas Xornadas sobre Cambio Climático que se celebran na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires os días 30 e 31 de maio.

Cartel da convocatoria do 2º Concurso Climántica

 



Xa está dispoñible para descargar o cartel da convocatoria do 2º Concurso Climántica.

Climántica no Forum Orienta 2008

 

CLIMANTICA ORIENTACION



Climántica presentou a súa iniciativa de Climántica Orientación no Forum Orienta 08 e que se está a desenvolver no IFEVI de Vigo do 8 ao 13 de abril. Dentro desta iniciativa participa un grupo de 4 orientadores do equipo Climántica que previamente foron formados por expertos en I+D e formación profesional para orientar aos estudantes sobre os escenarios de investigación e profesionalización que se abren nos eidos da mitigación e adaptación para facer fronte ao cambio climático. Co contido desta formación elaborouse unha documentación en forma de políptico que recolle as principais liñas de orientación profesional e vocacional das que se responsabiliza este grupo de orientadores. Tamén se desenvolven varias sesións da dinámica de grupos “Se ti cambias o clima tamén” e do obradoiro “Construíndo un forno solar".

Actualización: Xa se pode ver tamén en Climántica TV.


Os blogs de Climántica

 

Climaeucambio

Xa están operativos os blogs Climaeucambio. Ofértase un blog a cada aula que o solicite. As solicitudes fanse enviando un correo electrónico desde as contas de correo corporativas dos centros a climantica@xunta.es. No mes de febreiro porase en marcha un curso de formación sobre competencia dixital e fundamentos de meteoroloxía escolar, no que terán especial relevancia os blogs, xunto coas ferramentas e aplicacións que se poden usar para dotalos de contido. En breve comunicarase nesta web o contido do curso e a apertura da inscrición.


Documental sobre o campamento dos Primeiros Premios Climántica

 

Os días 31 de outubro, 1, 2, 3 e 4 de novembro tivo lugar a estancia de convivencia, interacción e Educación Ambiental entre os estudantes premiados no concurso correspondente aos primeiros premios Climántica. Durante a estancia formativa fixéronse diversas actividades de Educación Ambiental como itinerarios por unha fraga, xogos de orientación, argumento, preparación e representación de obras de teatro sobre causas e consecuencias do cambio climático, visita a Sotavento para estudar as enerxía renovables, obradoiros de construción de fornos solares, de xestión de residuos, de identificación de árbores, etc. Tamén se fixeron diversos xogos e actividades deportivas entre as que destacou unha rota con piraguas pola ría de Ares.


Sesión formativa en Santiago

 

Sesión Formativa

O martes 6 de novembro celebrarase unha sesión formativa para o profesorado de secundaria sobre o novo material interdisciplinar para ESO Climaeucambio e relacionarase esta iniciativa coa rede de centros de meteoroloxía escolar ClimánticaMeteo.

Ver axenda da xornada.


Palmira e Marcial en castelán

 

Xa está dispoñible en descargas a versión en castelán do primeiro número da banda deseñada Palmira e Marcial, odisea medioambiental.

comic


Palmira e Marcial

 

Xa está en descargas o primeiro número da banda deseñada Palmira e Marcial, odisea medioambiental.

comic


Comic

 

Unha Galicia co medio ambiente tan organizado no século XXII, ¿estaría afectada polo cambio climático se os demáis países non tiveron a mesma preocupación ao longo do século XXI?

comic


Unidade didáctica multimedia: A temperatura do Planeta Vivo.

 

Xa está dispoñible na sección Didáctica, a primeira unidade multimedia A temperatura do Planeta Vivo, correspondente a primeira unidade Cambia o Clima?.

portada unidad multimedia


Concentración de CO2 na atmosfera.

 

“Cada ano a concentración de CO2 na atmosfera aumenta cerca de 2 ppm e non sabemos con certeza onde se atopa a cifra fatídica, a partires da cal os esforzos chegan demasiado tarde (¿400, 450, 500 ppm?). O que parece evidente e canto máis tardemos en reaccionar máis difícil e custoso será evitar que o clima cambie de forma perigosa”

Francisco Heras
Coordinador da Área de Educación do Centro Nacional de Educación Ambiental
9 de marzo de 2007 Primeiro Curso Climántica


Evolución da temperatura en A Coruña

 

Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino