Climántica é froito do traballo en equipo levado a cabo por diferentes expertos e que se iniciou en setembro de 2006. O equipo Climántica consta de catro grupos de traballo –didáctica, edición gráfica, multimedia e asesoría científica – que traballan coordinados mediante o uso dunha plataforma colaborativa situada na intranet da web do proxecto.

A parte de Climántica que está dirixida aos alumnos de secundaria expón –ao longo de oito unidades didácticas, os grandes problemas ambientais, á vez que os relaciona co cambio climático a nivel global. Todas as unidades foron deseñadas para que a súa aplicación nas diferentes áreas, materias e módulos da ensinanza secundaria resulte interesante, sinxela e eficaz. Tamén hai produtos que van dirixidos ao ensino primario, deseñados nun marco máis lúdico e próximo á fantasía infantil – cómics, series de curtos de animación 3D, videoxogos – e outros para a cidadanía en xeral como blogs na web, documentais e revistas.

O contido das unidades didácticas "alimenta" a todo o proxecto e está especialmente relacionado con áreas, materias e módulos do currículo de secundaria dos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, aínda que tamén resultan de interese para outros departamentos como Xeografía e Historia, Física e Química, Tecnoloxía e Economía. Búscase sempre o desenvolvemento e interrelación dos conceptos esenciais das disciplinas que se necesitan para abordar o estudo e comprensión do cambio climático. O cambio climático constitúese así no marco que relaciona aos temas medioambientais clásicos - enerxía, residuos, hidrosfera, biodiversidade, paisaxe e ordenación do territorio, medio rural e medio urbano – permitindo que se aborde este problema global no conxunto das unidades con un enfoque interdisciplinar.

As unidades didácticas pódense utilizar no seu conxunto, mediante a coordinación dun equipo docente de diversas disciplinas do ensino en secundaria, facilitando o seu desenvolvemento transversal. Ademais, grazas á súa estrutura, tamén é posible que os profesores que o desexen, poidan usar capítulos illados, ou extraer aquelas partes que consideren máis interesantes para os seus alumnos.

Esta selección de fragmentos realízase dun xeito moi eficaz nesta web de Climántica, na que conflúe a totalidade do proxecto e donde é posible encontrar versións dixitais de partes das unidades editadas en papel, con un contido e un deseño totalmente adaptados ao medio, constituíndo por si mesmas auténticas unidades didácticas multimedia que permiten o seu completo desenvolvemento en soporte informático. Para facilitar unha selección de contidos o máis personalizada posible, pódese acceder ás descargas selectivas dos materiais que se van a ir creando: capítulos, contidos, tipo de actividades, ilustracións singulares, fotografías e láminas de cada unidade , as animacións, documentais, artigos, cómics, etc. De esta forma, Climántica permite que os usuarios adapten o proxecto aos seus intereses educativos de forma eficaz.

A navegación na web realizase a través de dous menús: na columna de menús da esquerda enuméranse os titulares das 8 unidades didácticas, e cando se selecciona un titular, despréganse os seus capítulos nesa mesma columna. Ao premer nun dos capítulos, aparece unha nova columna de menús que se desprega á dereita da pantalla, na que se pode seleccionar o apartado do capítulo que se quere ler. Para universalizar o acceso ao proxecto, pódese acceder en galego, castelán e inglés.

Francisco Sóñora Luna, director do proxecto “Climántica”.

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino