CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
O LIXO TAMÉN QUENTA
CAMBIOS NO CLIMA E CAMBIOS NA AUGA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Segunda parte do seminario de Francisco Anguita no curso “CCMC no proxecto Climántica”

 


Neste segundo vídeo que se pode ver en ClimánticaTV o profesor Anguita comeza por ofrecer unha visión dende a termodinámica, dos problemas medioambientales, onde como dí a Primeira lei: A enerxía é finita (polo tanto os recursos son finitos) e atendendo á Segunda Lei postula que o desorde crece coas transformacións (quedaría aquí reflectido o problema da contaminación). Ademais amósanos unha realidade importante: a relación entre economía e calidade de vida nos paises desenvolvidos: na segunda metade do século XX a economía medrou moito pero a calidade de vida pouco o fixo.

Inmersos xa no tema dos riscos xeodinámicos delimita as lagoas sísmicas do planeta e acércanos ao concepto de Magnitude do Momento Sísmico (MW) que substituiría á escala de Richter (M). Unha das fallas á que se lle presta maior atención é á de San Andrés, en California, e os expertos xa son capaces de ofrecer porcentaxes de posibilidades de terremotos no contorno da mesma. En Haicheng unha cidade china de cerca de 1 millón de habitantes, no 1975, logrouse evacuar á poboación horas antes de que fose totalmente arrasada por un seísmo (só houbo 200 victimas). Ao ano seguinte na cidade de Tangshan un terremoto produciu 700.000 victimas. No seísmo de Sichuan en 2008, onde morreron cerca de 80000 persoas, parece que a xigantesca presa construida nas inmediacións, poido ser o desencadeante do movemento. A falla saltou ata a superficie no momento en que a presa se estaba a descargar.

O risco de tsunamis no noso país parece que pode restrinxirse á zona mediterránea onde a actividade sísmica recente no norte de África e Grecia produciu perturbacións no nivel do mar nas costas da zona.

Francisco Anguita exemplariza os riscos volcánicos falándonos dos volcáns de Colombia (Nevado del Ruiz) e Filipinas (Mayón). Este último estivo moi activo durante o 2006 e a finais dese ano a cidade veuse afectada por un tifón que movilizou o material piroclástico orixinado unhas inmensas coladas de barro. Estas zonas no marco do cambio climático onde se prevé un incremento de fenómenos meterorolóxicos extremos, o risco pode multiplícarse pola suma de ambos riscos.

O profesor incide unha vez máis sobre a superposición da acción antrópica sobre o clima analizando as series de temperaturas e amosando os datos procedentes de diferentes marcadores climáticos. En Groenlandia estanse a producir cambios moi rápidos e drásticos nos glaciares que desembocan no mar onde estos retroceden varios kilómetros en un ano e posteriormente volven a recuperarse. Existe gran cautela neste tema, xa que o desxeo de Groenlandia traduciríase nunha subida de 7 metros do nivel do mar. No Ártico os tres anos máis recentes son os de menor cantidade de xeo. Respecto ao comportamento da Antártida apunta a que existen zonas onde o nivel do xeo adelgaza e noutros onde parece aumentar, o que induce a pensar que todavia non entendemos moi ben o sistema. A fusión dos glaciares do Himalaya favorece a creación de lagos que poden provocar avalanchas de barro por desbordamento dos mesmos afectando ás poboacións situadas no entorno.

Os datos dos novos informes do IPCC parecen indicar que este organismo foi demasiado conservador nas súas estimacións do 2007 sobre as consecuencias do cambio global. Ademais parece existir un certo grao de despreocupación polo problema do cambio climático como apuntan as últimas investigacións sociolóxicas sobre o tema.

Francisco Anguita remata a súa exposición facendo alusión ao tema da urxencia do problema do cambio climático así como das cuestións éticas do modelo de sociedade actual dende a visión do decrecemento, o desenvolvemento sostible e a sobrepoboación mundial. O derradeiro dilema que nos plantexa é o relacionado co tipo de refuxiado que é un habitante de Bangladesh ¿económico, climático...? Este é un bo exemplo de “algo que comeza por unha situación que ten que ver coa natureza e remata con unha decisión de carácter político...e é que todo está misturado”.


Primeira parte do seminario de Francisco Anguita no curso “CCMC no proxecto Climántica”

 


O sábado 16 de xaneiro, o doutor en Xeoloxía Francisco Anguita e profesor titular da Universidade Complutense de Madrid, inaugurou os seminarios científicos do curso Ciencias para o mundo contemporáneo no proxecto Climántica coa ponencia Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental. Pódese ver o video da súa intervención en ClimánticaTV.

Francisco Anguita comezou a sesión disertando sobre as últimas investigacións no tocante ao tempo anterior ao Big Bang e a evolución futura do Universo basándose nas distintan hipótesis vixentes. As investigacións sobre o cosmos e a búsqueda de respostas sobre a orixe do mesmo suscitou o primeiro debate proposto na aula, que quedaba definido pola pregunta de se están xustificadas as grandes inversións en ciencia básica, onde os asistentes poideron aportar a súa visión.

No referente ás novidades na investigación sobre a formación de planetas o profesor Anguita indicou que todo parece indicar que os planetas son máis abundantes que as estrelas no Universo. Apuntou o descubrimento recente da primeira superterra oceánica. É un planeta que transita por diante da súa estrela o que permite averiguar o seu diámetro, posúe 6.6 veces a masa terrestre, conta con un núcleo probablemente sólido e presenta auga líquida na superficie. Nos vindeiros anos, o telescopio Kepler aportará información moi interesante sobre planetas con tamaño semellante ao da Terra e que orbitan ao redor doutras estrelas. Unha das metas destas investigacións vai encamiñada a atopar vida fora do noso planeta o que dou pé a formular un dilema moi aproveitable para trasladar aos alumnos e conseguir abrir un debate interesante: cambia algo se descubrimos vida fora da Terra?.

As novidades científicas sobre o Sistema Solar serían que o Sol probablemente formouse nun cúmulo globular en compañia doutras estrelas, según parece determinarse polo estudo de meteoritos con grandes cantidades de isótopos inestables formados durante a explosión dunha supernova, non obstante son demasiados para unha única supernova e a conclusión pode ser que procede dunha familia de supernovas.

Coñecemos o que sucede na Terra para formarse os oróxenos (subducción e colisión) e se observamos planetas como Venus vemos estruturas tectónicas parecidas ás da Terra. Estos rasgos son máis evidentes nos relevos de Marte comparables por exemplo ás estructuras da Cordilleira Cantábrica, Alpes, etc. Quere dicir esto que existe ou existiu tectónica de placas noutros planetas?.

Existen evidencias de cambios climáticos globales noutros corpos do sistema solar como poden ser Marte ou Venus onde poido existir un océano fai uns 4.000 millóns de anos que se evaporou. En Europa atópase o maior depósito de agua líquida no Sistema Solar polo que se pode pensar que neste satélite de Xúpiter houbo algún fluxo de enerxía que logrou fundir o xeo pero o que é unha dúbida é se esta enerxía todavía se manten.

Francisco Anguita acércanos ás posibilidades de facer habitable un planeta como Marte e que como primeiro paso tería a reconstrución da atmosfera primitiva. Unha actuación encamiñada a tal fin sería a da emisión por parte de fábricas instaladas na superficie, de gases de efecto invernadoiro como son os freóns. A emisión de inxentes cantidades destos gases tardarían uns 10.000 anos en derreter o xeo marciano e ofrecer unha primeira oportunidade para a vida vexetal (100.000 anos para os animais).

Despois dunha viaxe polo Universo chegamos á Terra e o profesor Anguita nos indica que a enerxía que todavía conserva o núcleo terrestre, despois de 4.500 millóns de anos de evolución, é considerable pois tan só o 4 % deste núcleo solidificou. Ademais fai fincapé na sincronía existente entre o remate do bombardeo meteorítico que sufreu a Terra máis ou menos aos 3.900 millóns e a aparición da vida.

Fai 100 millóns de anos produciuse, causado por un evento no interior da Terra, un máximo na temperatura da atmosfera terrestre e posteriormente o planeta comeza a enfriarse. As predicións máis pesimistas indican para o 2.100 aumentos de ata 7 ºC na temperatura media global o que nos aproximaría ao clima da época dos dinosauros.


Publicado o vídeo da posta en común do I Curso de Climántica en Portugal

 


O dia 19 de decembro tivo lugar a posta en común da fase práctica do I Curso de Climántica en Portugal, desenvolto no centro de formación do profesorado de Coimbra Nova Ágora ao longo de todos os sábados do primeiro trimestre. Neste vídeo que se acaba de publicar en Climántica TV pode verse un resumo das presentacións correspondentes á aplicación do proxecto nos centros piloto de Climántica en Portugal que xurdiron deste curso. O rigor e calidade que se observa nas presentacións dos primeiros docentes de Climántica en Portugal e a súa capacidade para adaptar o proxecto ao seu sistema educativo,  abren un futuro esperanzador de Climántica en Portugal. Por iso, parabéns a este primeiro grupo de docentes de Climántica en Portugal polos resultados acadados!

Climántica desexalles un feliz Nadal e un ventureiro aninovo 2010

 


A todas e todos os usuarios deste sitio web, o equipo Climántica quere agradecerlles o seu apoio con esta felicitación. Tamén esperamos poder seguir colaborando con vostedes para que entre todos poidamos continuar no 2010 na procura desa calidade de educación que sabemos que se necesita para aumentar o coidado do noso ambiente particular e para mellorar a situación da humanidade e do planeta en xeral.

Durante o ano 2010 seguiremos estando á súa disposición en climantica@climantica.org


Climántica foi a representación de Galicia nas presentacións de experiencias do V Congreso Educared

 


Climántica presentouse na xornada inaugural do V Congreso de Educared que se está a celebrar en Madrid dende o 26 ao 28 de novembro de 2009 e resultou ser o único proxecto de Galicia seleccionado para a comunicación presencial de experiencias, e como tal, constituíu a representación da Xunta de Galicia nas sesións simultáneas de presentacións de experiencias.

Este congreso consolidouse como o acontecemento de maior impacto e participación de cantos se ocupan do uso educativo de Internet, especialmente no entorno iberoamericano. Nesta ocasión, a principal novidade foi que ademais das sesións presenciais, durante os meses previos estivo desenvolvéndose un innovador Congreso virtual no que participaron máis de 10.000 persoas e no que Climántica tivo unha excelente acollida, que resultaría determinante para a selección das súas experiencias web 2.0 para comunicar nesta parte presencial.

Este Congreso conta coa presenza de destacados especialistas en educación e Novas Tecnoloxías, entre os que se encontran o ex Ministro de Educación de Portugal, Roberto Carneiro; a Directora de Programas Educativos da Fundación Telefónica, Marián Juste e o Secretario Xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Álvaro Marchesi, contando con Brasil como país invitado.

Unha das temáticas máis destacadas no proxecto, foi a expansión das redes sociais interactivas, sobre o que se sustenta a expansión en rede de Climántica. Para debater sobre cómo afectan estas á educación ou qué límites se deben por no seu uso, Bernardo Hernández, Director Mundial de Marketing de Google, debateu sobre este tema con Zaryn Dentzel, creador de Tuenti, que actualmente é a rede social preferida dos xoves, encargándose da moderación da mesma o periodista Manuel Campo Vidal.

Na primeira das dúas comunicacións de Climántica neste congreso, o director do proxecto, Francisco Sóñora Luna, presentou Climántica como un proxecto web 2.0 mediante a comunicación titulada “Innovación 2.0 en la Pedagogía del Cambio Climático con www.climantica.org”. Comezou situando a Climántica como un proxecto global de Educación Ambiental en rede co obxectivo básico de intercambiar ideas e experiencias, xerar produtos didácticos interdisciplinares, enriquecer o currículo de Educación Ambiental e abordar as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático. En canto ao público diana, expuxo que estaba dirixido á cidadanía en xeral e a todos os niveis do sistema educativo con produtos como unidades didácticas, blogs, documentais, novelas, videoxogos, comics, curtos de animación e revistas. Tamén indicou que pon á disposición do cidadán leccións e cursos web de autoaprendizaxe e autoavaliación, ofrecendo contidos en galego, castelán, portugués e inglés.

Destacou ademais que os libros didácticos, (un e dos), que abren cada unha das etapas teñen unha aplicación moi directa nas clases de secundaria e universidade, porque o seu deseño global e interdisciplinar posibilita que a súa aplicación nas diferentes áreas, materias e módulos resulte interesante, sinxela e eficaz, tal e como evidencia o seu uso en clases de Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía, Historia, Física, Química, Tecnoloxía e Economía, entre outras. Pero suliñou que o valor máis importante destes libros é a súa capacidade e flexibilidade para orientar ao profesorado na súa adaptación e aplicación para as súas clases.

A continuación situou os seus grandes modelos de aplicación no sistema educativo, destacando para o ensino Secundario o modelo de aplicación en ESO en Proxecto Interdisciplinar, mediante o material didáctico denominado Climaeucambio , por cuxo contido se pode navegar desde o seu apartado de Clima mozo , que permite tamén acceder á aplicación web desenvolta por Meteogalicia de MeteoEscolas que posibilita a representación e comparación dos datos obtidos polos estudantes dende as súas estacións meteorolóxicas. Sinalou ademais a importancia que ten para esta proposta a presenza dun blog temático de Meteoroloxía dinamizado polo técnico de MeteoGalicia Juan Taboada. Outro sistema de Blogs que destacou polo seu éxito académico, foi o que permite o desenvolvemento da nova materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo con edublogues e sobre o que nestes intres se está desenvolvendo a formación da segunda promoción de profesores que o van a aplicar mediante un curso semipresencial que implica 9 sábados presenciais, sendo fundamentais os libros didácticos de cambio climático e de enerxía e cambio climático , curso que tamén se está a desenvolver en Portugal co apoio institucional da Unesco, presentando tamén a importante argumentación que xa se está a desenvolver nos blogs de aula dos 15 centros piloto de Coimbra. Rematou os modelos académicos presentando o modelo de aplicación en Primaria mediante o material didáctico Aprendemos coas Escolas Climánticas en papel e a versión dixital na subweb Primaria.

Por último fixo mención á importancia da web para toda a cidadanía divulgando a actualidade do proxecto en sistema blogue e posibilidade de navegación HTML polo contido das unidades didácticas editadas en papel, que na actualidade son a de cambio climático e a de enerxía. Tamén fixo fincapé nas leccións de autoaprendizaxe sobre cambio climático do apartado de Formación así como a visualización de múltiples vídeos no apartado de Climántica TV e da descarga da primeira novela da colección de Contos Climánticos A Treboada de C do escritor Agustín Agra e tamén dos comics de cambio climático e enerxía. Rematou a súa intervención destacando a importancia do videoxogo web CLMNTK, que é un xogo interactivo de simulación en rede no que os xogadores teñen que xestionar novas poboacións para os habitantes que escapan dunha cidade moi contaminada no ano 2015, conciliando a sostibilidade, o progreso, e a economía, co benestar social da poboación e o respeto ao medio ambiente, tentando que o contorno non se vexa afectado.

A continuación interveu a coordinadora dos blogues de aula, Susana Vázquez, presentando coa súa comunicación a importancia deste recurso na aula en base a exemplificacións da aplicación nun centro do desenvolvemento da nova asignatura común para todos os estudantes de 1º de Bacharelato de España, Ciencias para o Mundo Contemporáneo utilizando estes edublogues no desenvolvemento da totalidade da asignatura.


Posta en marcha de "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"

 


Actualización: Ver video

O sábado 14 de novembro iniciouse o I módulo desta materia para formar, ao longo de todo o curso 2009-2010, ao profesorado da materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo co fin de impartila na súa totalidade a través dun fío condutor vertebrado sobre a sustentabilidade e o cambio climático. De novo este ano a inscrición superou as prazas dispoñibles, pois o número máximo de dúas persoas por ordenador supuxo que dos 74 preinscritos solo 50 puideron matricularse. Os docentes de lista de espera estarán como grupo prioritario no curso de «Competencias básicas: TIC e aprender a aprender», que se porá en marcha no segundo trimestre.

Baixo a fórmula «dende o Big-Bang ata estes tempos formouse a Terra e nela, a través dun longo proceso evolutivo, aparecemos nós como unha especie capaz de modificar o Planeta e de provocar riscos, como o cambio climático, aos que a investigación científica contemporánea busca solucións dende a física de partículas, a astrofísica, a nanotecnoloxía, a investigación enerxética, a bioloxía molecular e a xenómica», Climántica doulle forma a este reto educativo.

Esta primeira sesión enmarcouse na competencia TIC que se desenvolve mediante dous seminarios. O primeiro, que foi o que empezou o sábado 14 é o denominado “Sustentabilidade e cambio climático nos blogs e foros de Climántica en CCMC”, que desenvolverán ao longo das 4 primeiras xornadas do curso (14 e 28 de novembro, 12 de decembro e 9 xaneiro), correrá a cargo dos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e Jesús M. Teira Rois. O último seminario relativo á competencia TIC impartirao o catedrático de instituto Ramón Cid Manzano, o 9 de xaneiro, no que abordará recursos TIC para traballar a física de partículas, a astrofísica, a fisión nuclear e o LHC.

Esta forte aposta polas TIC é debido a que en Climántica valorouse como motivador para os estudantes de todas as modalidades de Bacharelato darlles a oportunidade de buscar información actual de divulgación científica co obxectivo de comunicaren as súas experiencias. Por iso se pensou nuns edublogues e eduforos, especialmente deseñados para visualizar contidos multimedia diversos, que, ademais de formar parte dos hábitos vixentes de comunicación dos estudantes, supoñen unha posta ao día continua da información, ao estilo do modus operandi dos científicos da ciencia fronteira cuxos coñecementos aborda esta materia.

No deseño do curso tívose tamén presente o feito de que os contidos desta materia non se configuran na súa totalidade dentro do marco formativo inicial de ningún dos dous departamentos implicados na docencia (Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química). Por iso se contou con investigadores I+D+i de todos os ámbitos do currículo, cunha eficacia divulgativa demostrada e capaces de asumir o reto de relacionaren as súas investigacións co fío condutor proposto. Así é como chegamos a contar con este equipo de 7 formadores que destacan polas súas investigacións na ciencia fronteira recollida no currículo desta materia. A eles lles corresponderá trasladar a actualidade das súas investigacións relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático aos profesores asistentes.

Os seminarios relativos á investigación teñen a mesma base programática que os que se desenvolveron o curso pasado, mantendo a participación do catedrático de medicina legal, director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC, doutor Ángel Carracedo, último premio Jaime I de investigación médica, quen seguirá afondando nas ensinanzas da Xenómica para a sustentabilidade. Tamén repite o profesor doutor de Xeoloxía da Universidade Complutense, Francisco Anguita, un dos principais divulgadores da xeoloxía en España nos últimos 30 anos. O profesor Anguita abordará dous seminarios neste curso «Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental» e «Riscos xeolóxicos e impactos ambientais».

Pero este curso incorporáronse novas temáticas I+D+i relacionadas coa sostibilidade e o cambio climático. Entre as novas temáticas destaca a participación do catedrático da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura galega, o profesor doutor Francisco Díaz-Fierros, Premio Nacional de Cultura Científica de Galicia no 2008, que abordará o seminario «Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres», namentres que o de conceptos básicos nos ecosistemas mariños o desenvolverá o doutor investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo, Xosé Antón Álvarez Salgado. Os puntos de vista destes dous científicos galegos que colaboraron en informes IPCC (Panel Intergobernamental para o Cambio Climático) complementaranse para aportar unha visión científica moi interesante para abordar este reto do século XXI na aula.

Outro seminario que cobra forza este ano é a Nanotecnoloxía. Del hase encargar o catedrático de Electromagnetismo da USC e director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, José Rivas, quen exporá a temática «Nanotecnoloxía básica para a sustentabilidade na sociedade do cambio climático».

 Tamén se incorpora a dimensión enerxética mediante a participación do profesor doutor de Enxeñería eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial de Vigo e director da Axencia enerxética de Vigo, Bernardo Parajó, co seminario «Enerxía e sustentabilidade: pasado presente e futuro».

O último seminario innovador deste curso será o impartido pola doutora investigadora en Xenética e Antropoloxía do proxecto de Atapuerca, María Martinón Torres: «O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños», que complementará a intervención do profesor Carracedo, reforzando a dimensión evolutiva e centrándose nos aspectos antropolóxicos dende a bioloxía molecular.

A formación presencial que se iniciou este sábado, prolongarase ao longo das mañás de 7 sábados máis, e ao tempo que se vai desenvolvendo, iranse aplicando nos edublogues e eduforos de aula propostas relacionadas co contido de cada un dos seminarios. O sábado 10 de abril farase a posta en común dos traballos de aula.

Con esta formulación da asignatura, o curso pasado formouse aos profesores dos centros pilotos voluntarios para abordaren deste xeito a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Apuntáronse a esta iniciativa profesores de 27 centros públicos e 4 privados, que a día de hoxe están a desenvolver a materia dende os seus blogues de centros aos que se accede a través do blogue guía para os profesores. Algúns blogs están a ser auténticos estimuladores da divulgación e argumentación dos estudantes, como é o caso do blog do IES Francisco Asorey, que xa superou as 20.000 visitas.

Como esta materia se atopa no segundo curso de implantación e supón un reto novo na historia do sistema educativo español, este modelo estase demandando en España. Así, a Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra aprobou no mes de outubro ofrecela vía e-learning para todos os seus socios, o que lle dá a Climántica unha oportunidade extraordinaria de abrir a súa rede docente a todas as comunidades educativas do resto de autonomías.

O interese por este proxecto educativo superou as fronteiras de España e xa está implantado con éxito en 15 centros pilotos de Portugal mediante unha réplica do curso piloto do ano pasado, que se está a desenvolver dende o 10 de outubro na cidade de Coimbra co apoio institucional da Unesco e sobre o que se pode visualizar un documental da primeira xornada.

Destes 15 centros xa hai varios que destacan pola riqueza da argumentación que están a desenvolver na súa aula, o que facilita que o espírito de Climántica estea entrando con forza nestas comunidades educativas de Portugal. Tamén chegou á Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe unha petición de Arxentina, procedente da Universidade de Entre Ríos, para replicar o modelo alí como xa fixo o centro de Formación do Profesorado de Coimbra Nova Ágora.


Convocatoria do curso "Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica"

 


Este curso universitario de posgrao consta de 120 horas (12 créditos) dos cales 36 son presenciais e as 84 restantes compútanse pola investigación –acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos seminarios desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes.

O curso estrutúrase en 10 seminarios distribuídos en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os sábados de 10 a 14 horas, con un descanso na metade da xornada. A axenda destes 10 seminarios, dos que se pode obter máis información neste documento programático e neste tríptico son:

  1. Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros de Climántica para as Ciencias do Mundo Contemporáneo (CCMC). Sábados 14 e 28 de novembro e 12 de decembro de 10 a 14 horas. Concluirá o 9 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  2. Aproximación contemporánea á Física de partículas: acelerador de partículas, Big-Bang, enerxía nuclear... Sábado 9 de xaneiro de 12 a 14 horas.
  3. Poñente: Ramón Cid, catedrático de instituto, licenciado en CC.Físicas e en CC. Químicas.
  4. Do Big - Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental. Sábado 16 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñente: Dr. Francisco Anguita Virella, Profesor Titular da Universidade Complutense de Madrid.
  5. Riscos xeolóxicos e impactos ambientais. Sábado 16 de xaneiro de 12-14 horas. Poñente: Dr. Francisco Anguita Virella, Profesor Titular da Universidade Complutense de Madrid.
  6. Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas terrestres. Sábado 23 de xaneiro de 10 a 11:45. Poñente: Dr. Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Catedrático de Edafoloxía da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
  7. Conceptos básicos de cambio climático nos ecosistemas acuáticos. Sábado 23 de xaneiro de 12 a 14. Poñente: Dr. Xosé Antón Álvarez Salgado, investigador do CSIC no Instituto de Investigación Mariña de Vigo.
  8. Nanotecnoloxía básica para a sustentabilidade na sociedade do cambio climático. Sábado 30 de xaneiro de 10 a 11:45 horas. Poñente: Dr. José Rivas Rey, catedrático de Electromagnetismo da USC e Director do Centro Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga.
  9. Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático. Sábado 30 de xaneiro de 12 a 14 horas. Poñente: Dr. Bernardo Parajó Calvo, profesor de Enxeñería eléctrica da ETS de Enxeñería Industrial da UV e Director da Axencia Enerxética de Vigo.
  10. A xenómica e as súas ensinanzas para a sustentabilidade. Sábado 6 de febreiro, de 10 a 11:45. Dr. Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático de Medicina Legal, Director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.
  11. O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños. Sábado 6 de febreiro de 12 a 14 horas. Dra. María Martinón Torres, investigadora en Xenética e Antropoloxía no Equipo investigador dos xacementos de Atapuerca.

Os seminarios con hipervínculos desenvolvéronse o curso pasado e os que non teñen hipervínculo son novos e foron introducidos de acordo coas suxestións que fixeron os asistentes e que quedaron recollidas no correspondente informe de avaliación.

Unha vez rematada a fase de aplicación na aula mediante a realización de actividades coa implicación dos estudantes na argumentación a través dos edublogues e dos eduforos, o sábado 10 de abril de 10 a 14 horas procederase á posta en común destas experiencias.

Os interesados poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando o centro educativo no que imparten docencia e no asunto a cal dos catro (4) grupos de prioridade pertencen:
  1. Docentes que impartan a materia CCMC no curso 2009-2010.
  2. Docentes dos departamentos didácticos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química e que no curso 2009-2010 non impartan a materia CCMC.
  3. Outros docentes relacionados co ensino das ciencias e da tecnoloxía.
  4. Titulados en CC. Biolóxicas, CC. Xeolóxicas, CC. Químicas e en CC. Físicas ou asimilables a efectos de docencia. Terán que presentar, coa solicitude, unha proposta de elaboración dun blogue temático que teña que ver co contido do curso.

Dado que o número máximo de prazas é de 50, estas asignaranse atendendo a unha estrita orde de chegada das solicitudes. Ao grupo 2 asignaránselle as prazas que queden vacantes unha vez inscritos os do 1, e co 3 e 4 actuarase de igual forma, pero coas que queden do 2 e do 3, respectivamente

O curso é totalmente gratuíto, tanto na xestión, como na docencia, nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvemento e nas consumicións na cafetería durante o descanso, pero non se abonarán gastos de desprazamento nin as taxas da retirada do título, que como ocorre con todo tipo de títulos das universidades, está supeditado ás taxas universitarias, neste caso as establecidas para títulos de posgrao de especialización que son do orde de 25 €.

Vídeo da conferencia de James Lovelock: Cambio climático nun planeta vivente

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia impartida en Santiago de Compostela o 6 de outubro de 2009 polo científico británico James Lovelock, titulada Cambio climático nun planeta vivente.

Esta conferencia foi impartida por Lovelock despois de recibir o premio de investigación científica Fonseca 2009. No acto de entrega, o Reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, refírese á importancia que ten a súa teoría de Gaia, ao interpretar a Terra como un macroorganismo vivo que se autorregula diante das agresións. Entre os axentes agresores destacounos como especie que está a consumir máis de 100 veces do necesario para manternos vivos, e citando a Stern, dixo que somos incapaces de arriscar o 1% do PIB a curto prazo para evitar a súa caída nun 5 ou 10% a medio prazo. Nese sentido destacou a importancia da ciencia e da tecnoloxía na solución do problema, polo que agradeceu o compromiso de Lovelock coa ciencia e o coñecemento neste empeño e súa persuasión na defensa de Gaia, a pesares das controversias e ataques que espertou.

O profesor Lovelock centrou esta conferencia na tese de que a pesares do rigor que supón o traballo dunha comunidade científica de máis de 1000 científicos do Panel Intergubernamental para o Cambio Climático (IPCC), entre os que están os mellores climatólogos do mundo, o IPCC subestimou o quentamento global, porque solo se centrou nos efectos das nosas emisións de dióxido de carbono por uso de combustibles fósiles e desprezaron a resposta que a Terra está a dar ao cambio climático, que pode chegar a ser mortal.

Nesta falta de percepción das respostas que a Terra está dando ao cambio climático, dixo que sen dúbida influíu a distancia das cidades aos principais puntos onde se están manifestando as respostas máis singulares: bosques, selvas, océanos e polos. En estas cidades estarán os máis de 8 mil millóns de habitantes que terán que facer fronte á redución de auga doce e a un entorno cada vez máis quente.

A continuación indicou que esta subestimación por parte dos científicos debeuse a 4 tipos de barreiras:
1) O noso éxito coa resolución do problema da capa de ozono que dou unha confianza falsa sobre as posibilidades da ciencia para facer fronte a este reto.
2) A excesiva fragmentación do coñecemento científico, que leva a que os grupos dunha especialidade non sexan capaces de falar e entenderse cos de outras. Débese asumir que a Terra é un todo e se a seguimos estudando como dúas realidades totalmente diferenciadas: Xeosfera e Biosfera, non seremos capaces de entendela como o macroorganismo que é.
3) A división entre a teoría e a práctica.
4) O crecemento informático que permite desenvolver modelos teóricos de simulación, que nos dan unha falsa seguridade que resta oportunidades á observación e ao empirismo.

A continuación pasou a argumentar sobre estas barreiras na liña da tese exposta inicialmente. Referiuse en primeiro lugar ao erro dos CFCs. Sobre eles dixo que nos anos oitenta non se lle deu fiabilidade aos datos dos satélites que mostraban o furado da capa de ozono, porque non coincidía cos modelos. Isto cambiou cando dous científicos o observaron a nivel empírico con espectofotómetros. Apoiouse nesta constatación empírica para defender a observación e experimentación.

De seguido referiuse a dificultade de predición dos modelos polas simplezas e limitacións dos mesmos. Sobre isto mostrou nunha diapositiva con unha zona verde como a representación das marxes de valores previstos polo IPCC relativos ao aumento de temperatura da auga do mar para a marxe de anos comprendida entre 1994 e 2005. Nesta mesma diapositiva podía verse por encima desta zona verde crecente, os valores empíricos reais, tamén de tendencia ascendente pero de valores superiores. Aproveitou esta diapositiva para caracterizar o océano como o auténtico termómetro da Terra, porque supón o 70% da superficie do Planeta, e tamén ao ter máis capacidade calorífica, a súa capacidade de retención de calor supere en 800 veces a capacidade de retención de calor da atmosfera, polo que nos ten que preocupar esta subestimación.

Sobre este quentamento do océano, xustificou o rápido desxeo do Ártico entre os anos 1978 e 2008, o que provocou que no 2007 solo quedara o 40% do xeo, e este proceso está a favorecer a liberación de metano que pode chegar a superar o 20%, o que vai a retroalimentar o problema.

Para valorar a importancia deste quentamento, expuxo que de forma natural o clima variou sempre sobre todo por cambios na excentricidade da órbita e na inclinación e orientación do eixo de xiro terrestre, pasando de temperaturas globais 6º superiores as actuais, que se coñece como períodos efecto invernadoiro, a outras 5º C inferiores propias dos períodos glaciares. O cambio recente máis brusco deuse hai 14.000 anos e foi o que nos conduciu ao período interglaciar actual, que sen ter aínda pechado e non haber unha nova glaciación, estase a experimentar un novo aumento con unha tendencia similar a unha saída dun período glaciar cara un interglaciar, polo que este aumento non se pode deber como o anterior a unha saída dunha glaciación, o que nos preocupou a vista da nosa significativa contribución ao aumento das emisións procedentes do uso dos combustibles fósiles.

Esta preocupación aínda é maior, se tal e como argumentou ata aquí, o sistema Gaia pode estar actuando agora como amplificador. Non temos máis que tomar como referencia a perda de 30.000 persoas no mundo polas olas de calor do ano 2003. Existen cálculos que poñen de manifesto que de persistir esa situación durante 3 anos, a poboación podería desaparecer e a Terra converterse en escoira. Con estas previsións, a poboación actual ten que deslocalizarse e así a de Norteamérica podería chegar a migrar  cara Canadá, a de China cara África e Siberia. A maior parte de Europa converteríase nun deserto e a súa poboación desprazaríase cara sitios como Inglaterra, Irlanda e Galicia. Por iso non só escaseará a auga, senón que tamén aumentará a fame, pois esta concentración en puntos concretos vai a dificultar a obtención de alimentos, situando así no problema dos refuxiados climáticos.

Se todo o mundo reduce drasticamente as emisións, tampouco cabe esperar que o problema se resolva. Nestes intres os gases invernadoiro reteñen partículas de po que impiden a entrada da luz do sol e diminúen por tanto o efecto invernadoiro. A medida que este proceso se free, o quentamento aumentará, polo que temos un novo exemplo de como a Terra pode actuar como motor do cambio climático.

Por todo o argumentado ata aquí, reafirmouse na tese coa que iniciou a conferencia de que a Terra está respondendo ao cambio climático e colaborando con esta resposta ao seu incremento, sendo cada vez máis probable que se converta no verdadeiro motor que acelere definitivamente o cambio climático.

Xa na última parte da súa intervención, expresou a capacidade demostrada pola Terra ao longo da súa historia para responder a cambios moi importantes, e por tanto non puxo en dúbida a súa capacidade de seguir adiante en base a estas respostas ao cambio climático. Pero tamén afirmou que nós somos unha especie resistente, pois no millón de anos nos que vimos de configurarnos como especie, soportamos 7 cambios ambientais significativos, en algúns dos cales calcúlase que solo sobreviviron uns 2000 individuos. Tamén manifestou a súa consideración de que si chegáramos a extinguirnos como especie, o Planeta perderá moito. Sobre este risco no que nos puxemos, dixo que non tíñamos que sentirnos culpables, porque non éramos conscientes de que estábamos xerando este problema, e por outro lado debíamos ter presente que outros organismos como as bacterias fotosintetizadoras noutras épocas significaron unha agresión ao medio de maior impacto, sen o que nós non teríamos aparecido. Sen embargo, concluíu que agora que somos conscientes das causas e riscos é o momento de actuar xa, poñendo todo da nosa parte, sendo pacientes e esperando que a evolución nos seleccione como unha parte integral capaz de existir en equilibrio co planeta vivente. Por iso afirmou que hai que prepararse para o peor, esperando que ocorra o mellor.

En definitiva, o premio Fonseca trouxo a Galicia a oportunidade de ter entre nós a un dos científicos que máis contribuíu a toma de conciencia da crise ambiental nos anos 70 e que máis colaborou a través da súa teoría Gaia á interpretación actual das causes e posibles consecuencias futuras do cambio climático, polo que Climántica séntese no compromiso educativo de estender o contido desta conferencia á rede global de educadores e a conxunto da sociedade. Grazas tanto ao profesor Lovelock por esta  conferencia na que sintetizou a repercusión actual de moitos anos de rigorosa investigación e eficaz divulgación científica, como á Universidade de Santiago de Compostela polas facilidades dadas para que se chegara a súa divulgación por esta vía.


James Lovelock en Santiago de Compostela

 


O pasado día 6 de outubro o científico británico James Lovelock viaxou a Galicia para recoller o Premio Fonseca 2009 de Divulgación Científica otorgado ao abeiro do Programa “ConCiencia” creado polo Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela.

No trascurso da súa estadía en Santiago de Compostela reuniuse cos medios para contestar a numerosas preguntas que versaron arredor  da súa teoria de Gaia e sobre todo do futuro do planeta. O profesor da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do programa ConCiencia, Jorge Mira, actuou de moderador e tradutor da sesión. James Lovelock, logo de indicar a urxencia que ten o concienciar a todo o mundo sobre os problemas da Terra, foi abordado polas preguntas sobre o impacto da enerxía nuclear no planeta. Este científico defende que a enerxía nuclear é o único que temos e que as enerxías renovables non abonda para satisfacer as nosas necesidades e que por tanto non serían unha alternativa. Precisa que únicamente a enerxía solar en lugares como o sur de España podería aproveitarse. Estamos chegando a un punto de non retorno e polo tanto non podemos demorar o desenvolvemento da enerxía nuclear. Respecto aos residuos procedentes desta industria, o investigador indica que é un problema moi pequeño que se esaxerou, e que non lle importaría albergar no seu terreo os residuos xenerados na súa zona (en comparación cos residuos nucleares, os derivados da queima de combustibles fósiles en un ano ocuparían unha montaña de 1 km de alto e 20 de circunferencia).

Respecto á responsabilidade que ten a humanidade no cambio climático opina de que non deberiamos ter un sentimento de culpa pois non tiñamos conciencia de estar contaminando; nin tampouco as plantas pois foron elas as que liberaron o osíxeno necesario para que poida inciarse unha combustión. A vida adaptarase a esta nova situación pero ofrece unha visión apocalíptica, en todo caso e segundo a súa opinión, a finais deste século tan só quedarían na Terra 1000 millóns de seres humanos. No último millón de anos houbo cambios moi drásticos no Planeta que reduciron a población a tan só 2000 persoas e non obstante a nosa especie logrou sobrevivir. A evolución e un continuo experimento e nos mesmos somos unha consecuencia dese experimento. Do mesmo xeito que as plantas coa produción de osíxeno exterminaron infinidad de formas de vida para as cales este elemento actuaba como un veneno, a especie humana está a destruir o seu entorno pero tamén favorecerá a proliferación de outras especies.

Para Lovelock o noso territorio, Galicia, ocupa un lugar privilexiado o mesmo que o Reino Unido, respecto ao resto de Europa nos problemas derivados do cambio climático grazas á acción termorreguladora do océano. De tódolos xeitos os problemas derivados da escaseza de alimentos serán moito máis graves que o propio quentamento do Planeta. Cita á India, China e América do Norte como lugares máis afectados. Lovelock mantense firme na súa idea de que a especie humana pode facerse dano a si mesma pero non acabará coa vida na Terra pois esta sempre se abre camiño como xa sucedeu cos diferentes eventos de extinción acaecidos no pasado xeolóxico.

O reto da especie humana para o futuro máis próximo vai a ser a propia supervivencia e non será doado pois no noso territorio, onde o clima será máis benigno, teremos que facer frente ao abastecemento de alimentos e de enerxía para nós mesmos e tamén para a grande cantidade de refuxiados que se achegarán a estas latitudes.

Sen lugar a dúbidas as tesis defendidas por James Lovelock suscitarán debates acalorados entre detractores e simpatizantes, máis dende logo non deixarán a ninguén indiferente ante un mundo cambiante no que aínda temos unha oportunidade.

Ver video

Biografía
James Ephraim Lovelock (Hertfordshire, 1919) é o pai da Teoría Gaia onde se postula que "a Terra funciona como un sistema único e autorregulado, formado por compoñentes físicos, químicos, biolóxicos e humanos". A traxectoria deste científico autodenominado "independente", ten trascurrido por campos como os da química, a medicina, a enxeñaría e as ciencias do espazo. Graduouse en Química en 1941 pola Universidade de Manchester e doutorouse en Medicina en 1948 pola London School of Hygiene and Tropical Medicine e en 1959 en Biofísica pola Universidade de Londres. Traballou durante case 20 anos no National Institute for Medical Research de Londres. En 1961 despois impartir clases nas universidades de Yale e Harvard traballou para a NASA na primeira misión lunar Surveyor. En 1964 regresou a Inglaterra a traballar nun laboratorio propio onde se dedicou á investigación, patentando inventos (rexistrou máis de 50 patentes a maioría relacionadas con detectores para ser usados en análises químicas e algúns dos seus inventos foron utilizados pola NASA nos seus programas de exploración planetaria) e escribindo libros e traballos científicos (máis de 200) en revistas especializadas. É autor de diversos libros sobre a súa Teoría de Gaia:

Gaia: a new look at life on Eath (Oxford University Press, 1979). Gaia, una nueva visión de la vida sobre la Tierra (Blume, 1983)

The Ages of Gaia (W. W. Norton, 1988). Las edades de Gaia (Tusquets, 1993)

Gaia: the practical science of planetary medicine (Gaia Books, 1991).  Gaia, una ciencia para curar el planeta (Integral, 1992)

Homage to Gaia. The life of an independent Scientist (Oxford University Press, 2000). Homenaje a Gaia. La vida de un científico independiente (Laetoli, 2005)

The revenge of Gaia: why the Earth is fighting back- and how we can still save humanity (Garners Books, 2006). La venganza de la Tierra. La Teoría Gaia y el futuro de la humanidad (Planeta, 2007)

The vanishing face of Gaia: a final warning (Basic Books, 2009)

Foi investido doutor honoris causa por 8 universidades: East Anglia, Exeter, Plymouth, Estocolmo, Edinburgo, Kent, East London e Colorado. É Membro da Royal Society dende 1974 e recibiu numerosos premios tanto literarios coma relacionados co medio, entre outros: Premio Amsterdam 1990, Premio Volvo 1996, Premio Nonino 1996, Premio Planeta Azul 1997, Discovery Lifetime Award 2001 e Medalla Wollaston 2006 da Royal Geography Society.

Primeira xornada do I Curso de formación do profesorado en Portugal

 


Actualización: Carteis centros Portugal
Actualización: Ver video

Climántica desenvolveu en Coimbra o sábado 10 de outubro de 2009 a primeira das sesións formativas presenciais do curso “Educação para um Desenvolvimento Sustentável – Mudanças Climáticas e Edublogues Climántica”. Este curso é unha adaptación ao sistema educativo de Portugal do curso de Climántica para a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo do que en breve se convocará a segunda edición nesta web, coordinado polo grupo de docentes de Climántica en Portugal, liderado pola profesora da Universidade de Coimbra Arminda Pedrosa e convocado como unha das accións formativas do centro de formación continua do profesorado de Coimbra Nova Ágora, que atende a unha rede docente de 1.700 educadores. A metodoloxía do curso require un traballo práctico continuo co sistema CCMC de edublogues de Climántica, de tal xeito que en cada ordenador se sitúe un número máximo de dous docentes. As prazas convocadas foron ocupadas na súa totalidade por docentes de 15 centros educativos, que se constitúen así na primeira rede de centros piloto de Climántica en Portugal. Este curso consta de 30 horas teóricas que se desenvolverán ao longo dos sábados do primeiro trimestre, e de 30 horas prácticas que consistirán na aplicación práctica nas aulas da metodoloxía de Climántica. Ao remate da fase práctica, presentaranse estas experiencias piloto.
 
Nesta primeira sesión procedeuse primeiramente á distribución de material necesario para o desenvolvemento do curso. De seguido o director da Oficina de Formación Nova Ágora, fixo unha breve referencia ó documento de divulgación do curso por parte da Oficina de Formación, poñendo especial énfase en aspectos organizativos, metodolóxicos e de avaliación. A continuación tomou a palabra a coordinadora da actividade, a profesora da Universidade de Coimbra Arminda Pedrosa, aportando información relativa a recursos dispoñibles, institucións que participan e apoian a Oficina de Formación, facendo especial mención á implicación da Xunta de Galicia a través do proxecto Climántica e do apoio institucional da Comissao Nacional da UNESCO. Este acto de presentación rematou coa intervención do director de Climántica, Francisco Sóñora, que presentou o proxecto, as actividades desenvoltas no seu marco, os recursos producidos e dispoñibles para acceso libre, indicando a fonte dende o sitio web. Tamén xustificou a vocación internacional deste proxecto, e agradecendo por este motivo a oportunidade que se lle dou ao proxecto co desenvolvemento desta actividade.
 
Xa na aula de informática, procedeuse á organización dos grupos de traballo e a entrega de claves para acceder á comunidade de blogs na plataforma Climántica. As actividades prácticas dese día centraronse nos aspectos técnicos e prácticos para crear, xestionar e actualizar blogues en base ao uso de titoriais en portugués moi detallados e ilustrados con capturas de pantalla e que orientan paso a paso as seguintes tarefas: entrar nun blogue para xestionar, crear unha categoría, escribir un post, editar un artigo, subir, editar e borrar a conexión e, finalmente, introducir e editar imaxes.

En definitiva, unha intensa xornada de formación e un inicio digno merecedor do momento histórico que corresponde ao primeiro paso para a expansión da rede de educadores de Climántica en Portugal.

Primeiro curso de formación de Climántica en Portugal

 


Climántica inicia mañá sábado 10 de outubro o primeiro curso de formación en Portugal. Este curso é unha adaptación ao sistema educativo portugués do curso de terceiro posgrao Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica do que se convocará a segunda edición nesta páxina web para a semana. Está coordinado polo grupo docente de Climántica na Universidade de Coimbra que contan co apoio institucional de Comisión Nacional da Unesco en Portugal. A formación presencial extendese ao longo do primeiro trimestre e remata o 19 de decembro, de acordo co programa. A fase práctica desenvolverase ao longo de todo o curso e ao remate do mesmo farase unha posta en común das experiencias piloto. Os docentes dos primeiros centros piloto en Portugal formados neste curso, desenvolverán a aplicación do proxecto con un blogue de centro da modalidade internacional de Climántica, quedando a súa disposición neste sitio web os titoriais en portugués.

Obradoiros que Climántica desenvolverá en centros educativos no curso 2009-2010

 


Coa finalidade de apoiar aos centros educativos na incorporación ao currículo de metodoloxías participativas de Educación Ambiental e tamén de dotar de contidos aos tres modelos actuais de implantación de Climántica no currículo escolar:




Todos os centros de Galicia que teñan interese en que Climántica desenvolva nos seus centros estas propostas participativas, poden solicitalas de acordo coas indicacións que se enumeran nos dípticos sobre os obradoiros de Primaria e sobre os de Secundaria, para o que deben descargar a ficha ao disco duro, cubrila e enviala como documento adxunto a climantica@climantica.org.

Documental sobre a estancia dos premiados de Bacharelato e Universidade no II Congreso CLMNTK

 


Xa se pode ver en Climántica TV o documental que resume as actividades do campamento formativo para os estudantes de Bacharelato e Universidade premiados por traballos presentados ao II Congreso de Climántica que se celebrou o 20 de xuño.
O campamento desenvolveuse do 7 ao 11 de setembro de 2009 en Allariz.

Durante esta estancia todos os estudantes asistiron a visitas e itinerarios nos que se abordaron aspectos relacionadas co proxecto. A temática enerxética cubriuse mediante a visita a Allarluz onde se puxo de manifesto a importancia do aproveitamento enerxético da biomasa. Tamén se abordaron diversas actividades e roteiros relacionados con aspectos etnográficos e a obtención de recursos na zona. Outra temática das visitas e itinerarios xirou sobre a innovación agraria na zona.

As actividades diarias abríronse con dinámicas de aula. Nestas os estudantes de Bacharelato desenvolveron obradoiros sobre publicidade e os de universidade encargáronse de preparar as veladas de orientación con unha dimensión de sensibilización ambiental e de activación de actitudes de valores de convivencia.

As actividades formativas das tardes centráronse na astronomía e en obradoiros multimedia na aula de informática sobre o universo e a biomasa, que foron dúas das temáticas do proxecto traballadas no campamento.

O tempo libre dedicouse a actividades deportivas como o baloncesto, remo e natación.
Pola noite, despois de cear, desenvolvéronse as divertidas veladas de sensibilización deseñadas e dirixidas polos estudantes universitarios de Educación Social premiados no congreso.

En definitiva, unha estancia moi intensa e rica en formación e convivencia nun entorno moi formativo, onde os estudantes universitarios lograron aportar unha dimensión lúdica, sensibilizadora e de convivencia, que enriqueceu o campamento con unhas veladas nocturnas moi valoradas polos seus compañeiros de bacharelato.


Documental sobre a estancia formativa dos premiados de ESO e Primaria no II Congreso CLMNTK

 


Xa se pode ver en Climántica TV o documental que recolle os 5 días de navegación (do 25 ao 29 de xuño de 2009) nunha goleta dos 30 estudantes de ESO e Primaria premiados por traballos presentados ao II Congreso de estudantes celebrado o 20 de xuño de 2009. A estancia consistiu en 5 días de navegación nun veleiro de principios do século XX no que desenvolveron actividades de coñecemento do medio mariño, de meteoroloxía para a navegación, de estudio do plancto e da flora costeira, de muestreo intermareal, do estudio das artes de pesca, do sector conserveiro, do estudo da paisaxe e da ordenación do territorio.
As actividades iniciáronse ás 11 de la mañá do día 25 de xuño coa visita ao Acuario do Grove e posterior visita á salga de Punta Moreiras e ao Museo da salga. Pola tarde fixéronse actividades de integración, cohesión do grupo e inicio da convivencia. Ás 18 horas embarcaron por primera vez no porto de O Grove rumbo a Punta Carreirón (Illa de Arousa) onde visitaron a zona de especial protección de aves (ZEPA). Antes de subir ao barco foron informados polas 5 monitoras das condicións e normas para a vida no barco e definíronse os 4 grupos de traballo: terra, auga, lume e aire. Ao subiren ao barco foron recibidos polo Patrón quen lles dou a benvida a bordo e lles presentou aos outros 3 membros da tripulación. Durante a navegación fixéronse actividades relativas a meteoroloxía e oceanografía. Pola noite fixeron actividades de convivencia en Portovonovo, onde pernoctaron.
O venres 26 de xuño o barco saíu de Portovono e durante a ruta da mañán os estudantes recibiron explicacións sobre navegación. Ao medio día subiron a Santa Tecla onde desenvolveron as rotas de sendeirismo da zona abordando de xeito interdisciplinar aspectos, ecolóxicos, paisaxístiscos, de ordenación do territorio desde os enfoques histórico e etnográfico. Pola tarde navegaron cara o Porto de Baiona onde visitaron o pobo, desenvolvendo actividades nocturnas de convivencia, pernoctando neste porto.
O sábado 27 de xuño o barco saíu de Baiona rumbo ás illas Cíes. Durante a viaxe fixéronse prácticas diversas entre as que destacaron a identificación de mamíferos mariños, o cálculo do pH da auga do mar que resultou ser do orde de 8.3.
Calculouse a temperatura da auga en superficie (17.9º C), a 15 m de profundidade (17.3º C) e a 40 m de profundidade (14.2º C) co que se buscou a relación desta temperatura coa penetración da radiación solar na auga do mar e coa estación. Tamén se calculou a salinidade que resultou ser do orde de 35 por mil. Aproveitouse para explicar a relación destes parámetros coa formación das correntes mariñas e a relación destas co clima, e por tanto a súa alteración cos cambios climáticos. Tamén se fixo unha recollida de plancto e a continuación observouse os seus organismos con lupas binoculares. Unha vez que se desembarcou nas Cíes ao medio día, procedeuse a facer unha ruta na que se observaron as dúas illas e as adaptacións da súa flora, a xeomorfoloxía, a paisaxe, as características da plantación forestal e a historia das illas. A visita rematou co baño e posterior picnic nunha praia. Pola tarde saíuse rumbo a Bueu e durante a navegación fixéronse prácticas de navegación a vela, izando e arriando velas.
O día 28 de xuño, antes de saír e aproveitando que amañeceu coa presenza dunha fronte o Patrón explicou aos estudantes as observacións do día anterior que lle permitiron facer a previsión da entrada do frente, como os arroaces que viran refuxiándose cerca de terra. Identificou tamén outros indicadores de cambio de tempo durante a navegación.  A continuación saíuse rumbo as illas Ons. Alí fixeronse fixéronse diversos tomas de mostras no intermareal rochoso e areoso. Tamén se fixo unha rota cos mesmos obxectivos que os anteriores e rematouse a visita co baño nunha praia próxima ao embarcadoiro. A continuación embarcouse rumbo as illa de Sálvora onde se fondeou para facer actividades de observación de estrelas. Aproveitouse para explicar a orientación na navegación coa súa observación e as dos faros que se avistaban. Tamén se contaron unha serie de lendas que contaban os mariñeiros na zona.
O día 29 de xuño visitaron a illa de Sálvora cos mesmos obxectivos que nas rutas anteriores e facendo especial fincapé na visita á aldea que quedou deshabitada nos anos 70 do século pasado. A continuación saíuse rumbo á Pobra do Caramiñal con apoio de navegación a vela. No porto de Pobra comeron e despediron a parte das monitoras e a tripulación. Pola tarde visitouse o Parque Natural de Corrubedo cos mesmos obxectivos que nos itinerarios anteriores e rematouse o campamento coa despedida no salón de actos do Centro de interpretación.
En definitiva, unha estancia moi intensa e rica en formación e convivencia, tal e como se merecía este grupo de 30 estudantes excelentes premiados, aos que o equipo Climántica felicita unha vez máis e anímaos a que sigan pola liña de rigor académico que os trouxo ata esta apaisoante aventura de convivencia e aprendizaxe ambiental.


Documental do II Congreso de estudantes CLMNTK

 


Xa se pode ver en Climántica TV o documental do II Congreso de estudantes CLMNTK que se celebrou no Pazo de congresos de Pontevedra o 20 de xuño de 2009. Este documental recolle unha breve presentación dos traballos finalistas de Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos formativos e Universidade publicados como artigos no Nº 2 da revista CLMNTK e dos traballos multimedia que se poden ver no subapartado Alumnos do epígrafe Biblioteca. Asemade resúmense as interpretacións de todas as cancións presentadas a concurso polos estudantes. Tamén se resume  o acto institucional de entrega de premios por parte do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, D. Agustín Hernández Fernández de Rojas. Por último, este documental recolle un amplo resumo do espectáculo Climántopía de sensibilización para todos os públicos mediante diversas formas de comunicación artística: música, danza, maxia e humor, co que se amenizou o desenvolvemento da xornada. En definitiva, coa posibilidade de visualización permanente do documental nesta  web, queda unha importante mostra audiovisual que permitirá recoñecer ao longo do tempo esta meritoria xornada de sensibilización que nos ofreceron os estudantes de Climántica aos que hai que felicitar unha vez máis pola súa excelencia e dedicación durante o curso 2008-2009 para sensibilizar á poboación sobre o coidado do medio.

II Congreso de estudantes CLMNTK

 


Climántica celebra mañá o seu día máis grande, o congreso de fin de curso CLMNTK dos grandes protagonistas deste proxecto: os estudantes.

Neste congreso preséntanse os traballos dos 581 estudantes de Primaria, Secundaria, Bacharelato, Ciclos formativos e Universidade. Os traballos presentados foron elaborados ao longo do curso co obxectivo de sensibilizar a toda a poboación. Todos eles quedan editados no nº 2 da revista CLMNTK que se pode descargar en pdfs organizados por centros educativos no subapartado Revista do apartado Biblioteca. Os traballos multimedia poden visualizarse desde o subapartado Alumnos do mesmo apartado Biblioteca.

As actividades desenvoltas en plenario quedan recollidas neste programa e as rutas de autobuses organízanse de acordo a estes 13 itinerarios.

Os 30 estudantes de Primaria e ESO premiados  desenvolverán este itinerario formativo viaxando a vela nunha goleta polas rías de Arousa e Vigo entre os días 25 e 29 de xuño. Os premiados de Bacharelato, Ciclos formativos e Universidade desenvolverán o seu campamento formativo en Allariz entre o 7 e o 11 de setembro e o seu programa publicarase nesta web.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraesturas quere destacar a elevada calidade dos traballos, felicitar aos estudantes pola excelencia e dedicación mostrada nestes traballos  e recoñecer aos docentes e as familias o seu apoio, orientacións e motivacións, condicións todas elas necesarias para esta producción intelectual e a súa presentación no II Congreso CLMNTK.

Autorización para alumnos de ESO
Autorización para alumnos de Bacharelato

Documentais sobre o "Primeiro curso para a introducción de Climántica en primaria"

 


Xa están publicados no apartado de Climantica TV os dous documentais que resumen o curso para os primeiros maestros que desenvolveron experiencias piloto de Climántica entre o 18 de abril e o 6 de xuño.

No primeiro documental resúmese a presentación do curso por parte do director de Climántica, Francisco Sóñora. A continuación pásase a unha visualización do resumo das tres xornadas dedicadas aos blogs do desenvolvemento da competencia dixital para xestionar, administrar e dotar de contido aos blogs das que se encargaron Susana Vázquez e Jesús Teira.

Tamén se fai un amplo resumo da explicación das actividades interactivas da subweb de Primaria por parte de José Manuel Bouzán. Este mestre enxeñeiro técnico informático foi o encargado de transformar en interactivas as actividades de Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a súa vez están inspiradas no nº1 do comic dedicado ao cambio climático, do nº 2 do comic dedicado á enerxía, da novela A Treboada de C e do videoxogo CLMNTK, que tamén se presentou neste curso. Entre as ferramentas TIC para Primaria púxose o acento nas webquest, presentando como exemplo a de aforro e eficiencia enerxética no fogar e na escola publicada na subweb de Primaria. A súa autora Ana Cristina Torres da Universidade de Aveiro, foi quen fixo esta presentación das súas posibilidades didácticas e educativas. Todas estas propostas responden ao centro de interese “Movémonos e consumimos moi diferente a como o facían os nosos avós. Isto provocou o cambio climático, pero coa miña axuda podémolo frear”, que a súa vez se sustenta sobre a unidade 1 (cambio climático) e a unidade 2 (enerxía).

O segundo documental recolle un resumo das postas en común das experiencias piloto que se presentaron o 6 de xuño, data na que se clausurou o curso. As experiencias que presentaron os mestres dos centros piloto, mostraron un elevado potencial de réplica, o que ten máis mérito se cabe ao desenvolverse nos dous últimos meses de curso, polo que o equipo Climántica quere destacar e agradecer esta dedicación.


Resumo da conferencia "Evolución da Situación enerxética en España no marco do cambio climático"

 


Está dispoñible en Climántica TV un documental resumo da conferencia que Ignacio de Loyola Hierro desenvolveu nas xornadas correspondentes á Unidade 2 de Climántica, “Se quentamos queimamos”. Este profesor coordina a cátedra de Desenvolvemento Sostible da Universidade de Comillas e tamén imparte clases na Universidade Complutense de Madrid. Entre as dimensións non universitarias relacionadas coa conferencia, destaca as súas responsabilidades na Elaboración do Informe Anual do Observatorio da Sustentabilidade e do Informe da Situación Enerxética de España no marco do cambio climático do Ministerio de Medio Ambiente, Agricultura y Medio Marino, tema central da súa conferencia. Disponse da presentación no subapartado materiais de cursos do apartado de Biblioteca.

Empezou relacionando a enerxía co nivel de desenvolvemento, sinalando que aínda non estando a enerxía nos obxectivos para o milenio da ONU, este organismo recoñece que para que este desenvolvemento se produza é necesario un certo nivel enerxético.
 
Sen embargo insistiu en que isto non pode ser un argumento para xustificar o sobre consumo actual, que é o que nos levou a que o consumo enerxético de orixe fósil nos últimos 200 anos nos puxera ao borde do esgotamento. Indicou tamén que este tipo de combustibles supoñen máis do 80% do consumo enerxético actual. Destacou ademais que 1/3 da humanidade non dispón de este tipo de enerxía e ten que recorrer a queimar leña.

En relación a este abuso da enerxía dos combustibles fósiles augurou unha duración do orde de 40 anos para o petróleo, de 61 anos para o gas natural e duns 204 anos para o carbón, tendo presente a tecnoloxía que hoxe coñecemos. Pero aquí puxo o acento tamén nos cambios que están experimentando no consumo as economías emerxentes, destacando países como China que en 1983 tiña un consumo do orde do 6% e na actualidade xa supera o 20%.
 
Explicou que estes elevados niveis de consumo de combustible fósiles son a causa de que pasáramos dun nivel de CO2 na atmosfera de 280 ppm antes de 1800 ata os actuais niveis comprendidos entre 380-400 ppm, sobre os que o IPCC establece unha correlación directa entre aumento de emisións e aumento de temperatura. Expuso que nos próximos 100 anos, de seguir a situación actual se manteña, o IPCC prevé que se dupliquen estes niveis e iso implicará do orde de 3ºC de aumento de temperatura global que no caso de España, pode supoñer o aumento duns 7º C.

Situado así o escenario do cambio climático, abordou a situación de superación do limite de crecemento que temos establecido segundo o Protocolo de Kioto, que nos permite un crecemento anual de emisións no período 2008-20012 non superior ao 15%, cando temos superado o 50%, con tendencia progresiva en ascenso desde que asinamos o Protocolo, con unha única diminución ata o de agora no ano 2006, pero que atribuíu a unha serie de condicións atípicas favorecedoras da diminución do consumo e que coincidiron ao longo do ano: verán non moi cálido, inverno non frío e moita pluviosidade anual. Sinalou tamén que temos que ser moito máis ambiciosos no novo protocolo, pasando da redución do 5% actual global posta como obxectivo a unha redución de máis do 80%.

Tamén indicou a situación atípica de España con unha tendencia a aumentar a intensidade enerxética (consumo de enerxía/PIB) cando os países da Unión Europea están diminuíndo esa intensidade enerxética. Dixo que isto significaba que a nosa economía se sustentaba máis no formigón e estaba a potenciar o aumento por emisións difusas na mobilidade, cando noutros países do noso entorno estaban a potenciar outras modalidades de mobilidade. Destacou tamén o papel do abuso da electricidade, que segundo expresou vese favorecida polo baixo custo, o que xustificou co dato de que unha familia de 4 membros está a pagar unha media de 1,3 €/día no recibo eléctrico.
 
Esta situación relacionouna tamén coa nosa dependencia enerxética exterior, presentando a situación aínda máis preocupante, pois indicou que esta estaba recoñecida oficialmente nun 80% pero indicou que o dato non era real, dado que se consideraba que non tíñamos dependencia da enerxía nuclear, porque se partía do suposto de que as nosas centrais nucleares nos abastecen, pero sen embargo dixo que todo o uranio o estábamos importando de Francia, porque temos o noso esgotado. Segundo esta argumentación concluíu que a dependencia real é do 90%.

A pesares de concluír desta forma a situación non sostible do uso da enerxía, rematou a súa intervención facendo un chamamento ao optimismo por canto que preveu unha ampla capacidade de resposta sobre campos como o aforro e a eficiencia enerxética, a extensión do uso de renovables, a captura e almacenamento do CO2, a educación enerxética, o control de prezos, a posibilidade de elixir vales de consumo para determinados usos, as posibilidades do hidróxeno como vector que ocupe o lugar dos carburantes derivados do petróleo, etc.


Resumo da conferencia "Da enerxía primaria á final: O futuro do hidróxeno"

 


Pode verse en Climántica TV un documental resumo da conferencia que impartiu o 14 de marzo nas xornadas correspondentes á unidade 2 de Climántica, o profesor de Enxeñería industrial da Universidade de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo, Bernardo Parajó. A súa presentación está no apartado de Biblioteca.

O profesor Parajó introduciu o tema apoiándose nos conceptos de ruta enerxética, enerxía primaria e final, facendo fincapé en que cada proceso de transformación pérdese máis dun tercio. Tamén situou a problemática enerxética sobre a inestabilidade socio política que supón que uns países teñan a enerxía primaria e outros a enerxía final.

Desde este enfoque abordou a situación enerxética actual, indicando que as enerxías finais máis utilizables son a electricidade e os combustibles fósiles derivados do petróleo. Sobre o comportamento do consumo da industria, apostou por un estancamento nos niveis de consumo, como consecuencia do control de emisións e regulacións de eficiencia e aforro derivadas da xestión económica racional. Pero preveu un aumento debido ao transporte e un aumento aínda máis grande nos sectores doméstico e terciaria, sobre os que argumentou que non cabe o control económico racional e solo se pode solucionar con educación ambiental.

Nesta extrapolación da situación enerxética actual cara o futuro, referiuse tamén á superación dos niveis de consumo de petróleo aos niveis de extracción desde nos anos oitenta do século pasado, e comentou a preocupación que existe porque non dispoñamos de petróleo sobre o ano 2020. Sobre o gas natural fixo previsións semellantes. As previsións máis optimistas sobre a duración do recurso fósil foron para o carbón, pero catalogouno como o máis contaminante. Segundo esta visión de limitación e tendo en conta de que estes combustibles fósiles son os responsables de máis do 80% do actual cambio climático, concluíu a necesidade de recorrer a outras fontes de enerxía.

Respecto da opción de potenciar a enerxía nuclear fixo reflexións moi interesantes sobre os ciclos de vida, partindo do dato de que o período de vida útil dos reactores é de 40 anos, polo que concluíu que os actuais xa estaban amortizados. A continuación aportou o dato de que temos reservas de uranio para uns 20 anos, polo que os novos reactores funcionarían durante a metade da súa vida útil. Outro dato que presentou como limitación desta enerxía para facer fronte ao cambio climático é que a necesidade de novas centrais para substituír as térmicas é de 14 centrais nucleares por ano, cando o crecemento que estamos a vivir é de 3 novas por ano, cos problemas ambientais de residuos que xa teñen asociadas. Sobre a alternativa do Plutonio, con máis vida media e posibilidade de obtelo desde o uranio usado, sinalou os problemas de explosións como a de Chernóbil.

Sobre esta panorámica decantouse polas renovables, como opción máis sensata para facer fronte á cambio climático, pero fixo constar que na actualidade carecemos de desenvolvemento tecnolóxico suficiente, polo que demandou máis I+D+i para desenvolvelo. Destacou sobre todo como de máis potencial a fotovoltaica, solar térmica e eólica, mentres que a hidráulica a pesares de estar máis madura a nivel tecnolóxico, ten moi limitado o avance no contexto de cambio climático. Tamén augurou un futuro pouco prometedor para os biocombustibles, tanto a nivel de biodiésel (de especies oleaxinosas) como de biotenal (de cereais). Por último preveu un crecemento para a xeotérmica e para a maremotriz aínda que moito menor.

No marco desta liña discursiva, entrou de pleno na última parte nuclear da súa conferencia: o futuro do hidróxeno. Empezou destacando o elevado aproveitamento que pode ter a obtención de electricidade desde o hidróxeno, xa que pode permitir acadar rendementos entre o 50% e o 70%. Tamén indicou que había que ter presente que o hidróxeno é un vector, non unha fonte de enerxía, polo que o seu papel clave na sociedade do cambio climático, estará en ocupar o papel dos derivados do petróleo, converténdose así no combustible con máis previsións de futuro para substituír aos derivados do petróleo no transporte. Dixo que esta substitución pode facelo de dúas formas, en motores de combustión interna ou en pilas de combustible nas que a rección co osíxeno deixa por residuo vapor de auga. Pero tamén fixo a observación que para obtelo require de electricidade e se esta procede de combustibles fósiles ou de enerxía nuclear, non será a enerxía limpa que ambicionamos. Por iso se decantou por obtelo a partires de enerxía fotovoltaica ou eólica, advertindo que de momento obtela así de pozo a depósito é moi custoso. Sen embargo preveu que nun prazo de 15 ou 20 anos podería ser unha realidade que ocupara o oco dos actuais combustibles derivados do petróleo, e en base a este dato xustificou o feito de que todos os fabricantes de coches tiveran xa prototipos de hidróxeno.

En definitiva, unha conferencia maxistral dun experto en enerxía que nos centrou moi ben a relación da enerxía co cambio climático, situando sobre el o futuro do hidróxeno na liña de análise da enerxía primaria á final.


Climántica no Día Mundial do Medio Ambiente

 


Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Climántica presenta o programa do II congreso CLMNTK de estudantes e publica “Se queimamos quentamos” en versión navegable html. Esta segunda unidade didáctica aborda a historia das crises enerxéticas e os prezos ambientais das revolucións que nos sacaron delas, para situarnos na actual crise enerxética dos combustibles fósiles e no reto do cambio climático. A unidade finaliza con un resumo de boas prácticas e posibles solucións ambientalmente favorables, aludindo a futuras fontes enerxéticas.

Tamén se publica hoxe o número 2 do cómic de Educación Ambiental “Palmira e Marcial, odisea medioambiental, que recolle e adapta o contido de “Se queimamos quentamos”. Tanto este número, como os 8 capítulos da segunda unidade, están dispoñibles en formato pdf para a súa descarga desde o apartado ‘Biblioteca’.

Dentro desta segunda etapa de Climántica –e inspirándose no seu contido- tamén se desenvolveu o material didáctico para Primaria “Aprendemos coas Escolas Climánticas, que a súa vez se apoia nos cómics, na novela e no videoxogo CLMNTK, e cuxas actividades tamén se poden facer de forma interactiva desde o apartado de Primaria desta web.
 
Climántica fixo un esforzo especial na produción didáctica durante este curso 2008-2009 e únese, así, ao chamamento de Educadores pola Sostibilidade da Organización de Estados Iberoamericanos para converter este 5 de xuño nunha xornada de activismo educativo en prol dun Protocolo de Copenhague realmente efectivo. Unha xornada que impregne a actividade escolar e irradie a súa acción a toda a sociedade, tanto ese día como o resto del ano, animando desde a Educación Ambiental aos responsables políticos para que convertan este Protocolo nunha prioridade para nosa supervivencia e a das demais especies. Ademais, quere estender este chamamento á súa rede educativa para que desde os seus blogues se unan a este activismo medioambiental que tan ben están despregando nos seus centros educativos. .

Contacto
climantica@climantica.org

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino