CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Campamentos formativos CLMNTK 2011

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo dos campamentos formativos para premiados por traballos presentados ao IV Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica que se desenvolveron no Campamento da Xunta de Galicia Marina española (Gandarío -Bergondo), entre o 22 e o 30 de xuño de 2011.

Os 40 estudantes premiados por traballos individuais ou en parellas organizáronse en 4 seminarios de 10 membros cada un. A cada seminario propúxoselle elaborar un produto de sensibilización cidadá inspirado na observación do litoral de Sada e Gandarío, que compararían co pasado para sacar conclusións sobre o seu futuro no marco da adaptación ao cambio climático.

A formación foi aportada polos dous campus de excelencia internacional de Galicia: Campus do Mar e Campus Vida. O Campus do Mar aportou un equipo científico multidisciplinar que abordou a observación do presente e a súa comparación co pasado mediante prácticas de carácter ecolóxico, xeomorfolóxico e  urbanístico.

Para analizar o presente fixeron unha análise visual do litoral con apoio cartográfico e un mostreo no intermareal areoso e rochoso. A comparación co pasado xeolóxico fíxose mediante unha análise visual da costa e levantamentos de perfís da praia para analizar as variacións do nivel do mar.

A nivel de escala histórica, fíxose unha comparativa da cartografía actual do litoral coa de mediados do século pasado. Tamén se fixo análise de fotos antigas e visitas a zonas concretas do litoral como o recheo do paseo marítimo de Sada e a canalización do río que desemboca alí. A comparación dos cambios nas poboacións do intermareal fíxose mediante mostreos nos intermareais rochosos e areosos e a súa comparación con mostreos en anos anteriores.

A adaptación ao cambio climático abordouse dende o marco da xenómica e da evolución. Para facelo contouse con un obradoiro do catedrático da USC Ángel Carracedo, cuxo grupo de investigación, que traballa no ámbito da xenómica dentro do Campus Vida, é o máximo referente mundial do seu ámbito específico de investigación.

O profesor Carracedo estimulou as reflexións sobre a adaptación ao cambio climático dende un obradoiro no que fixo unha extracción de ADN e unha electroforese con sangue de peixes adaptados a temperaturas de auga diferentes. En base a estes estímulos do ámbito da xenómica, abriuse a reflexión sobre a adaptación das especies e das poboacións ao cambio climático; idea forza sobre a que se articularon os 4 seminarios que deron lugar aos produtos de sensibilización.

Os catro produtos de sensibilización elaborados polos seminarios titelados cada un por un dos estudantes da Universidade premiados, foron presentados diante das familias o domingo 26 de xuño de 2011.

No campamento para premiados por traballos de 3 ou 4 membros, propúxose o reto de dar o paso á potenciación do traballo en grupos grandes. Por iso os 32 premiados pasaron a desenvolver un mural colectivo onde cada un se responsabilizaría do deseño dunha peza de 40 cm. x 40 cm. Cada peza deseñouse no marco dun bosquexo elaborado pola profesora Margarita Cimadevila, recoñecida autora de obras de Arte e Ciencia. Cada estudante comprobou que as súas decisións de deseño respondían fielmente ao bosquexo, e por tanto encaixaban á perfección coas pezas lindantes. Unha vez feita a comprobación, procedeuse a pintar e decorar as pezas seguindo as directrices da profesora Cimadevila. O campamento remataría con unha foto dos autores rodeando o mural de 32 pezas.

Climántica quere agradecer á Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar os medios de aloxamento e manutención para desenvolver o campamento. Asemade quere agradecer aos campus de excelencia internacional Campus do Mar e Campus Vida o inestimable apoio científico aportado, sen o cal estes campamentos non serían posibles.


Xornada presencial do IV Congreso CLMNTK

 


O día 22 de xuño de 2011 tivo lugar no auditorio da Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada a sesión presencial do IV Congreso CLMNTK, unha vez pechada a fase virtual. A este acto, do que xa está publicado un vídeo resumo en Climántica TV, asistiron os 300 estudantes premiados pola categoría de grupos de tres ou máis membros, e pola categoría de traballos individuais e de parellas.

O acto iniciouse coa benvida por parte do director do proxecto Climántica, D. Francisco Sóñora, quen dou paso á inauguración institucional; intervindo na mesma en representación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a inspectora de Educación, Dª Berta Estrada, en representación da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, o xefe de servizo de Promoción e Participación da Sostibilidade, D. Manuel Salgado e, pechando a inauguración institucional, interveu o alcalde de Sada, D. Ernesto Anido.

A continuación pasouse á parte central do acto, no que se presentou unha mostra dos traballos de Galicia, Portugal e Arxentina. Esta parte foi conducida por un equipo de 5 presentadoras de ensino secundario, Úrsula Martínez do IES Valle Inclán de Pontevedra, Mª Isabel Limia, do IES Otero Pedrayo de Ourense, e Telma Lago, Silvia Viña e Alba Salgado do IES Rosalía de Castro de Santiago. O coordinador do equipo de presentación foi o mestre titulado neste curso académico na Facultade de Educación da Universidade de Vigo e participante no congreso, Miguel de Cabo.

A presentación dos traballos iniciouse coa proxección dun vídeo no que os participantes de Portugal saudaron ao auditorio: Cátia Gonçalves, Marta Ferreira, Mónica Vilão, Nuno Nunes, Miguel José Silvério Martins, Gustavo Moura, João Oliveira, José Barata, Miguel Martins, P. Henriques, Ana Luísa Matos Alves, Diana Sofia Neves Lucas Correia, Diogo Pereirinha.

A continuación procedeuse a presentar unha selección de 15 traballos de Galicia seleccionados cos seguintes criterios: non presentar máis dun traballo por centro educativo, presentar traballos con unha importante valoración do xurado e con un número significativo de votos dos usuarios da plataforma, e que foran representativos do maior número posible de categorías. Os 15 traballos seleccionados presentáronse por esta orde:

1. Chora o vento. De Irene Moledo do Sar de Santiago, de Noelia Abelleira do IES Campo de San Alberto de Noia e de Elisabeth Rey do IES Antonio Fraguas de Santiago.

2. Savia sabia. De Álvaro López do IES As Fontiñas de Santiago.

3. Unha historia de peixes con volta. De Joaquín Nicolás Saavedra e Álvaro Castro do IES de Arzúa

4. Adeus á nosa terra querida. De Silvia García e Malena Sineiro do IES Francisco Asorey de Cambados.

5. Grupo de reciclaxe Cotarelo. De Cristian Baños, Rodrigo Canario, Alexandre Falcón, Rebeca García, Rosana González, Aida López, Anxo Martínez, Carmen Meijide, Santiago Mora, Laura Prego, Alejandro Rial, Andrea Rodríguez, Silviu Teisanu, Alejandro Vázquez, Maria Vieites e Noemí Vieites do IES Armando CotareloVallador de Vilagarcía.

6. Aforro enerxético. De Alba Leiro, Paula Romero, Andrea Seoane e Andrea Solla do IES Valle-Inclán de Pontevedra.

7. Estanse asando as abellas?. De Lidia Blanco e Iván Gallego do IES Otero Pedrayo de Ourense.

8. Pasa o cambio!. De Celia Agra e Montserrat López do IES Poeta Añón de Outes.

9. Tras a vía do tren. De Marcos Vilar e Ana López do IES Nº 1 de Ribeira.

10. Natural como a vida mesma. De Irene Fernández e Miriam González do IES de Allariz.

11. Cadernos de relatos e poemas. De Carlos Alberto Arufe, Nerea Carreño, Leticia Castro, Nerea Estévez, Alicia Fontenlos, Borja García, Sara González, Juan Manuel León, Pablo López e Blanca Lorenzo do IES Campo de San Alberto de Noia.

12. A terra berra. De Miguel Moledo do IES Lamas de Abade de Santiago, de Isabel Abelleira do IES Poeta Añón de Outes e de Julia Bugallo do IES Virxe do Mar de Noia.

13. Morte nun soño. De Katiana Veiga do CIP Alcalde Pichel de Coristanco.

14. Cara onde imos?. De María Gregorio e María Isabel Seoane da Facultade de Educación da Universidade de Vigo.

15. Non esperes a que outros cho digan. De María Losada, César Alonso, David Meire, Paula González, Elodi Cid e Alberto Prol do  IES San Mamede de Maceda.

Como o remate da presentación dos traballos coincidiu coa hora de inicio da actividade de Arxentina, aproveitouse para saudar aos autores dese país e para ver un vídeo co saúdo deles: Florencia Mouriño, Ariadna Sánchez Albornoz, Giovanna Grispino, Matias Almeida Souto, María Victoria Araneta, Sofía Mezzina, Rocío Mariana Gallo Gosende, Florencia Belén Conversano, Joaquín González Vega, Tomás Val.

Esta interacción virtual con Arxentina dou paso a presentación do traballo Conciencia Argentina do Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires, ao que pertencen os alumnos participantes, e que pechou a presentación da selección dos 117 traballos publicados na plataforma virtual do IV Congreso CLMNTK.

O equipo Climántica quere agradecer ao alumnado participante e ao profesorado que os orientou e motivou; e trasladarlles os seus parabéns pola capacidade de sensibilización, rigor, creatividade e orixinalidade; tanto no que contaron con estes traballos, coma en cómo o contaron. Tamén quere agradecer ao Concello de Sada a cesión das instalacións, do persoal técnico de apoio e da invitación a comer que culminou un brillante papel de anfitrión institucional, sen o cal este acto non sería posible.


Xornada presencial do IV Congreso CLMNTK

 


O mércores 22 de xuño terá lugar a xornada presencial do IV congreso CLMNTK que se celebrará en Sada e en Gandarío. Nela participarán os estudantes premiados na categoría de traballos presentados en grupos de 3 ou máis estudantes, e os premiados na categoría de traballos individuais e en parellas. Se algún centro non tivera premiados en algunha das dúas categorías, convidarase tamén a participar con unha delegación de autores, polo que entre os 300 asistentes haberá estudantes dos 20 centros de Galicia que participaron nesta IV edición do congreso CLMNTK.

Os premiados na categoría de traballos individuais ou en parellas, quedarán aloxados no campamento de Gandarío ata o día 26 de xuño, de acordo coas bases da convocatoria, polo que deberán asistir coa equipaxe e a documentación que se lles indicará cando o día 15 a organización se poña en contacto con eles, a través do centro, para notificarlle o premio.

A xornada está repartida en dúas partes ben diferenciadas. A primeira parte farase no auditorio Francisco Llorens de Sada de 11:00 a 13:30. Alí presentarase unha selección dos traballos que están publicados na plataforma do congreso virtual. Esa selección farase atendendo a 3 criterios: valoración do xurado, popularidade en Faceebok e representación da maioría dos centros participantes. Como os centros participantes de Arxentina e Portugal, non poden asistir a esta xornada, procederase a retransmitilo en directo e presentarase algún traballo deses países.



A organización está a buscar unha alumna e un alumno para presentar os traballos. Para conseguilo os estudantes galegos que se propoñan como presentadores deben subir a Youtube un vídeo con unha proba de presentación e enviar o ligazón a congreso@climantica.org. O prazo para facelo remata o día 16 ás 24 horas. De entre todos os vídeos recibidos un xurado elixirá un rapaz e unha rapaza como presentadores do IV Congreso Climántica.

A segunda parte terá lugar en Gandarío e guiarase polo obxectivo de xerar oportunidades de convivencia entre os estudantes dos 20 centros. Empezará ás 14 horas coa comida no comedor ao aire libre do campamento de Gandarío.

Ás 16:00 terá lugar o campionato de voleipraia de 4x4 na praia de Gandarío entre equipos mixtos de todos os centros. Este campionato estará coordinado pola Federación Galega de Voleibol, por convite da Secretaría Xeral para o Deporte. Ao centro que gañe a final entregaráselle o primeiro trofeo Climántica no acto de clausura da xornada. Para que todos os centros poidan participar, pediráselle a cada centro que faga un equipo de ao menos 4 membros, os partidos xogaranse entre equipos de catro participantes, podendo facer os cambios que se queira pero tendo que estar sempre na cancha de xogo un mínimo de dúas rapazas en cada equipo.

Unha vez rematado o campamento, os premiados pola categoría de traballos individuais ou en parellas, pasarán a ocupar os seus aloxamentos no albergue para gozar do campamento polo que foron premiados e cuxos medios pon na súa totalidade a Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar. Os demais sairán cara as paradas nas que foron recollidos nos centros educativos pola mañá.


Premios CLMNTK 2011

 


O xurado dos premios por traballos presentados ao IV Congreso CLMNTK apurou nos últimos días a valoración dos traballos para dalos a coñecer coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. Procédese a concretar as dúas modalidades de premios convocados:

1. Os premios outorgados por traballos individuais ou en parellas consistirán nunha estancia formativa no campamento de Gandarío do 22 ao 26 de xuño de 2011 para os 40 primeiros autores de traballos individuais ou en grupos de dous. Estase estudando ofertar un segundo campamento para un número máximo de 30 estudantes que non obteñan praza no campamento de secundaria que está convocado. Si se organiza o segundo campamento, nel outorgaríanse prazas tamén a grupos de 3 e 4 membros.

A valoración que o xurado completou con esta data, pode verse no subapartado Entradas máis valoradas do apartado “Votacións”. O xurado outorgou a cada traballo un máximo de 600 puntos. Esta votación ampliarase, ata un máximo de 1000 puntos, mediante a suma dunha cantidade máxima de 400 votos procedentes dos votos de Facebook, obtendo un punto por cada voto de Facebook.

A puntuación procedente dos votos de Faceebok manterase aberta ata o día 14 de xuño ás 24 horas. O día 15 de xuño a organización do congreso porase en contacto coas dirección dos centros educativos dos premiados para confirmar a súa asistencia ao campamento. As prazas dos que renuncien serán outorgadas aos suplentes segundo a orden na que quedaron.

2. Os premios a traballos a grupos de 3 ou máis membros que consisten nun día de viaxe por Galicia, e que estaba previsto para o día 20, pasa ao día 22 de xuño. A viaxe será a Sada con tres momentos ben definidos: presentación dunha selección de traballos no auditorio de Sada, comida no comedor ao aire libre do campamento de Gandarío e participación en competicións deportivas na praia de Gandarío entre os centros asistentes. Tamén participarán nesta viaxe a Sada os premiados por traballos individuais ou en grupos de dous, que levarán a equipaxe para os 5 días de estancia en Gandarío. Así mesmo asistirán a esa viaxe a Sada os que estean na lista de suplentes ata un número máximo de 300 asistentes.


Presentación das III Xornadas de Climántica

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo correspondente ao acto de presentación das III Xornadas de Climántica que tiveron como principal obxectivo retroalimentar as bases científicas e didácticas do libro didáctico da terceira etapa: “Auga e cambio climático”. Un libro que cando se publique quedará dispoñible para a navegación HTML e para a descarga en formato pdf dende a Biblioteca desta web.

Este libro someteuse ao longo da xornadas ás achegas da masa crítica dos docentes que confirmaron a asistencia, formada por 369 docentes de centros sostidos con fondos públicos que confirmaron a asistencia a través da web da Consellería de Educación; e por diversos docentes de centros privados non concertados, centros educativos dependentes doutras consellerías e educadores ambientais de diferentes ámbitos de Galicia e Portugal.

O vídeo recolle as palabras de benvida institucional das dúas consellerías que promoven o proxecto Climántica e unha breve presentación dos oitos capítulos que conforman o libro. En representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas interveu o Xefe territorial de A Coruña, quen manifestou que na Consellería e na Xunta de Galicia existía un orgullo por ter atopado a fórmula eficaz de Climántica para difundir contidos transversais de sostibilidade, para estruturar a Educación Ambiental e para crear cidadáns responsables para o futuro.
 
Sinalou tamén a importancia de que baixo o paraugas de Climántica se teñan unido xunto a Galicia rexións de Inglaterra, Irlanda, Francia e Portugal para abordar respostas educativas sobre o cambio climático do Arco Atlántico europeo no marco do proxecto Interreg – FEDER, Climatlantic.

Tamén apuntou cara o futuro do proxecto, adiantando a vocación da Consellería de que o cuarto piar de Climántica sexa o referido a Territorio e cambio climático. Nesa dirección fixo o apunte de que a ordenación do territorio é unha asignatura ambiental pendente en Galicia, na que se empezaron a dar os primeiros pasos nas Directrices de ordenación do territorio e no Plan de ordenación do litoral.
 
Rematou trasladando aos docentes a vocación que ten a Consellería de apoialos nos retos que supón a implantación do proxecto Climántica, agradecendo a inestimable colaboración de la Consellería de Educación, afirmando que Climántica non tería sentido sen esa colaboración institucional.

A continuación interveu en representación da Consellería de Educación e O. U. o Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen empezou agradecendo o esforzo que fixo o profesorado para chegar ás xornadas despois de vir de impartir clases toda a mañá. Tarefa que puxo en valor pola transcendencia que ten para os máis novos, sinalando a importancia que ten ser quen de dar respostas educativas aos cambios na sociedade actual, entre os que dixo que xa resultaban moi visibles os derivados do cambio climático.
 
Sobre este reto e as demais temáticas ambientais, destacou o enorme traballo de colaboración que se está a desenvolver entre as dúas consellerías, matizando sen embargo, que nada dese traballo se podería facer sen a labor de sensibilización do profesorado.

Rematou agradecendo o esforzo e a participación aos asistentes; á acollida do IES Universidade Laboral e o traballo dos que fixeron posibles as xornadas, engadindo que espera que teñan unha continuidade delixente.

A terceira intervención foi a do Director do proxecto Climántica para facer unha breve presentación e percorrido por o material didáctico do terceiro libro; a modo de comunicación introdutoria das xornadas. Ao longo da mesma comentou brevemente como as relacións da auga co cambio climático conducen os oito capítulos do libro.


Estudantes actores do CEIP San Benito de Lérez

 


Pode verse en Climántica TV un vídeo que resume as interpretacións artísticas que resultaron da formación de alumnos por parte de Climántica no CEIP San Benito de Lérez (Pontevedra).
 
O día 29 de marzo de 2011 os alumnos de Educación Primaria deste centro interpretaron obras de teatro, contos e cancións que previamente compuxeron. Os argumentos das obras tomaron como referencia os catro elementos da cultura clásica, terra, auga, aire e lume.

O vídeo recolle unha canción de rap sobre o lume, un conto sobre a enerxía, outro sobre o consumo e un teatriño para sensibilizar sobre a necesidade de aforro da auga. Tanto na interpretación dos contos como na pequena obra de teatro participaron narradores e personaxes.
 
No reparto do conto sobre enerxía, ademais do narrador, interviñeron cinco personaxes, cada un dos cales interpretou unha fonte de enerxía: luminosa, calorífica, mecánica, eléctrica e nuclear. Cada un deles explicoulle ao auditorio o que era capaz de facer, pero tamén lles explicou como había que facer para aforrala e non contaminar co seu uso.
 
Entre os personaxes da obra de teatro sobre o uso da auga, destacaron a deusa aforradora de auga e o demo non aforrador. Na trama tentan convencer á protagonista para que se adapte aos intereses aforradores da deusa ou aos intereses non aforradores do demo, segundo as quendas de intervención de cada quen, gañando ao final a deusa aforradora.


III Xornadas Climántica: Auga e cambio climático

 



Con motivo da publicación do 3º libro de Climántica (Auga e cambio climático), convócanse as súas xornadas (III Xornadas Climántica "Auga e cambio climático") que se celebrarán no IES Universidade Laboral de Culleredo o venres 6 de maio de 17 a 21:30 e o sábado 7 de maio de 9 a 14:30.

Programa

Guión e recensión do libro


VENRES 6 DE MAIO
16:30 a 17:00Recepción e entrega de documentación
17:00 a 17:45Presentación da unidade 3 de Climántica “Auga e cambio climático”. Francisco Sóñora Luna. Coautor do terceiro libro didáctico de Climántica e director do proxecto.
17:45 a 19:00Conferencia – coloquio “Da liña de neve á  sociedade do cambio climático: unha visión xeolóxica da hidrosfera dende  a súa orixe ata a actualidade”. Francisco Anguita Virella. Coautor do  terceiro libro de Climántica “Auga e cambio climático”
19:00 a 19:15Pausa
19:15 a 20:30Conferencia - coloquio “Impactos e riscos nas  augas continentais contemporáneas”. Francisco Díaz-Fierros. Catedrático  de Edafoloxía. Universidade de Santiago de Compostela
20:30 a 21:30Comunicación-coloquio “Iniciativas lúdicas para a comunicación sobre a auga”. Antón Concheiro. Xerente de Pista Catro.
SÁBADO 7 DE MAIO
9:00 a 10:15Conferencia - coloquio “Impactos antropoxénicos sobre os océanos costeiros” Antonio Bode. Investigador do IEO no Centro Oceanográfico da Coruña
10:15 a 11:30Conferencia-coloquio Riscos nas augas  oceánicas. Urbano Fra. Profesor titular do departamento de Enxeñería  Agroforestal. Universidade de Santiago de Compostela
11:30 a 11:45Pausa
11:45 a 13:00Conferencia - coloquio “Depuración de augas na sociedade do cambio climático: o potencial das macrofitas”. Representante do proxecto Macrofitas
13:00 a 14:30Mesa redonda “Actividades prácticas no laboratorio e no entorno relativas a auga e ao cambio climático”
  1. Prácticas sobre o medio litoral. Luisa Martínez Lorenzo. Unidade de Cultura Científica - IIM de Vigo
  2. Prácticas para o análise da calidade da auga no proxecto Ríos. Representante do Proxecto Ríos
  3. Prácticas de laboratorio sobre auga e cambio climático no proxecto Climántica. Mercedes Rodríguez Ruibal


Os profesores con correo corporativo edu.xunta.es xa teñen aberto o prazo de inscrición no Sistema de Xestión de Formación do Profesorado, FProfe, da páxina web da Consellería de Educación, dentro da Área: Temas transversais e Centro de formación e recursos: Servizos centrais con código X1002025. Data de remate do prazo: 1 de maio de 2011.

Os demais docentes e educadores poden inscribirse a través da páxina web das xornadas http://xornadas.auga.climantica.org, onde se atopa toda a información sobre as xornadas.

As cinco conferencias e a mesa redonda recollen contidos do libro didáctico nº 3 do proxecto “Auga e cambio climático”, que se entregará aos asistentes xunto coa súa guía didáctica - solucionario, e que se estrutura de acordo ao seguinte guión:

1. Unha substancia universal
    - A auga no Universo
    - Os antigos océanos de Venus e Marte como probas de outros cambios climáticas globais
    - Mais alá da liña de neve

2. A auga en movemento
    - Un movemento cíclico
    - Balance hídrico dun territorio
    - A circulación da auga, chave do clima do noso planeta: das selvas aos desertos

3. Historia, presente e futuro da auga na Terra
    - Os primeiros mares da Terra
    - Mares que xa non existen
    - Épocas glaciais e épocas de invernadoiro: o papel da auga
    - Un pouco de Oceanografía: cómo o cambio climático influíu nos océanos, e cómo estes influíron no clima

4. A auga, fonte de vida desde os océanos á terra firme
    - A aparición da vida nos mares
    - Ganancia dunha relativa independencia da vida da auga
    - Por que a vida non chega a ter unha independencia plena da auga?
   
5. Auga e civilización
    - A auga na historia recente da Terra   
    - A auga e as civilizacións antigas
    - O caso dos indios anasazi
    - O caso da civilización maya
    - O caso da Illa de Pascua
    - Resumo: as sociedades e o medio ambiente

6. Cambio climático nunha sociedade sedenta
    - A auga na sociedade actual
    - Os cambios previsibles na hidrosfera como consecuencia del cambio climático global
    - Consecuencias del cambio climático global.
    - Guerras pola auga?

7. A auga como recurso crítico na sociedade do cambio climático global
    - Tensión hídrica e escaseza de auga na sociedade do cambio climático
    - Crise na calidade da auga no uso doméstico, urbano e industrial
    - Impactos e riscos da agricultura sobre a calidade da auga
    - Consecuencias sobre a saúde da escaseza e da baixa calidade da auga na sociedade do cambio climático
    - Impactos e riscos sobre os ecosistemas oceánicos

 8. Conservación e xestión sostible da auga na sociedade do cambio climático
   - Cuantificar para solucionar: as tres cores da auga - azul, verde e gris - na auga virtual e a pegada hídrica.
   - A agricultura sostible
   - A depuración da auga
   - Recuperación de augas servidas urbanas
   - Boas prácticas para a conservación municipal e industrial das augas
   - Novas políticas para a recuperación dos custos ambientais dos usos da auga nos ámbitos da demografía, dos dereitos humanos e da mitigación e adaptación ao cambio climático.



Estudantes explicando o cambio climático na rúa

 


Ao longo do curso académico 2010-2011, o proxecto Climántica  está a implicar aos estudantes en obradoiros e dinámicas de grupos en máis de 70 centros de Galicia que solicitaron incorporar actividades prácticas do proxecto aos seus proxectos curriculares. Un deses centros é o IES Virxe do Mar de Noia que dedicou o xoves 31 de marzo como día Climántica dentro da súa XVII Semana cultural.

Na primeira hora do xoves 31 de marzo de 2011, os estudantes do IES Virxe do Mar sacaron á rúa as súas demostracións prácticas para explicarlle aos compañeiros, profesores e cidadáns do pobo as causas, consecuencias e solucións ao cambio climático. Sobre o seu desenvolvemento acaba de publicarse un vídeo que se visualiza en Climántica TV.

Para explicar as causas, deseñaron dous experimentos. Nun puxeron xeo en cartolinas de diferentes cores, chegando á conclusión que na de cor negra o xeo derretíase máis rápido e no branco máis lento. En base a estas observacións, explicaron como a cor negro absorbía toda a radiación solar e o branco a reflectía. Unha vez feita esta análise, medían a temperatura da auga, contida no mesmo volume, en tres vasos, dous de vidro incoloro e un negro. Un dos de vidro transparente tapábano con outro tamén transparente, provocando así o efecto invernadoiro. Deste xeito demostraban que a auga máis quente era a deste último, e a máis fría a do vaso tamén transparente, pero sen tapar; evidenciando así o aumento do efecto invernadoiro como causa do cambio climático.

En relación ás consecuencias, fixeron varias demostracións experimentais, unha por cada gran tipo de ecosistema. Nos ecosistemas oceánicos centráronse nos fenómenos de desxeo e nas súas relacións coa subida no nivel do mar. Na interacción dos océanos coa atmosfera, abordaron a formación dos furacáns, as súas partes, os seus nomes e distribucións por diferentes partes do mundo, e as súas consecuencias e implicacións do cambio climático sobre o seu aumento en número e intensidade. Nos ecosistemas terrestres abordaron as relacións entre dous problemas ambientais que se están a retroalimentar: a crise relativa á cantidade e a calidade da auga, e o cambio climático. Entraron así nos efectos da contaminación da auga sobre os seres vivos, e nos efectos do cambio climático sobre o ciclo da auga.

Unha das solucións para a adaptación ao cambio climático que propuxeron foi a xestión da auga para a adaptación ao cambio climático. A experiencia co que os alumnos – profesores estimularon os debates foi a construción e funcionamento dunha depuradora. Sobre o seu funcionamento aproveitaron para explicar a diferenza entre depurar e potabilizar. Deixaron claro que o proceso que estaban a poñer en práctica depuraba a auga, no sentido que a limpaba para aumentar a súa calidade, pero non a deixaba dispoñible para o consumo. Deste xeito práctico explicaron a diferenza entre augas negras e augas grises, e evidenciaron a importancia que ten a xestión da auga para a adaptación ao cambio climático. Tamén entraron nos diferentes usos da auga e nas implicacións no aforro e na depuración.

O outro tipo de solucións que abordaron foi o uso das enerxías renovables. Fixérono dende a construción e funcionamento dun forno solar. Coa medida da subida de temperatura na auga que estaba no interior do forno, fronte á de fóra, que inicialmente tiña a mesma temperatura que a que se introduciu no seu interior, abriron coloquios sobre a enerxía, destacando a importancia das renovables para a adaptación ao cambio climático.

En definitiva, o IES Virxe do Mar fixo do día 31 de marzo de 2011 un día Climántica singular para a súa comunidade educativa, abrindo o centro á rúa e poñendo en valor a calidade educativa do centro e o talento dos seus estudantes. Polo que o proxecto Climántica, representado nesas xornadas polas dúas consellerías que dan soporte ao proxecto, Medio Ambiente e Educación, quere agradecer e recoñecer a iniciativa, e facelo extensible e todos os centros de Galicia que están a desenvolver este tipo de actividades no marco do proxecto Climántica.


Travesía, a revista Climántica do IES Francisco Asorey

 


Pode verse en Climántica TV o vídeo da presentación da revista Travesía coordinada polos docentes que aplican Climántica no IES Francisco Asorey de Cambados. A presentación defendeuna en representación dese grupo de docentes, Isaac Pontanilla Pérez.
 
O profesor Pontanilla empezou a súa intervención facendo mención a que a revista estaba recentemente editada, e dixo que apuraran o traballo porque a súa elaboración partiu do curso de formación Técnicas de climantica.org para a comunicación do cambio climático, e publicouse a un mes do remate do curso, para atender á invitación da organización para presentala no congreso. Esta revista atópase agora publicada no apartado Centros da Biblioteca da web de Climántica, xunto con outras 14 revistas que resultaron da mesma proposta formativa.

A continuación pasou a enumerar unha serie da vantaxes que lle vían a unha revista deste tipo, deseñada para ler na pantalla do ordenador, pero con formato compatible coa impresión. Entre estas vantaxes destacou as seguintes:
  • Facer unha revista con moita imaxe e cor, sen ter que levala a papel, pode conseguirse sen ter que dispor dun orzamento para a iniciativa
  • A elevada capacidade de divulgación. Contrapuxo a limitación das revistas escolares clásicas, limitadas en divulgación á comunidade educativa, con este tipo de publicacións que ao divulgarse en plataformas coñecidas en internet, teñen máis vocación de divulgación global
  • Incorpora elementos multimedia mediante enlaces
A continuación pasou a xustificar o nome escollido: Travesía. Xustificou esta elección porque buscaban un nome que tendo referencias ao clima, conectara co local. Escolleron este porque Cambados é un pobo moi abrigado de todos os ventos, menos do que ven do oeste, e que por iso alí é un vento que se fai notar, denominándose a nivel local como travesía.

Situou a revista dentro da experiencia do centro traballando co proxecto Climántica nos últimos tres cursos. Dixo que empezaran pola adaptación ao centro no curso 2007-2008 do proxecto interdisciplinar de 1º de ESO Climaeucambio e que seguiran pola incorporación á blogosfera de Climántica. Destacou que a experiencia dos blogs permitiu que os estudantes acadaran unha importante madurez para crear contidos, que en moitos casos eran doados de trasladar a unha revista dixital. Neste sentido, destacou a importancia do protagonismo dos estudantes como autores e a motivación que para eles supón que apareza o seu nome na revista como autores. Sobre esta valoración, propuxo a viabilidade de ter unha rede de revistas de centros Climántica.

Pasou de seguido a destacar a importancia de ter unha revista escolar temática, por canto que as revistas escolares convencionais non soen ter unha temática condutora. Defendeu que o feito de introducir unha, como neste caso a educación ambiental e o cambio climático, apórtalle a revista máis rigor científico, tendo igual cabida nelas as cuestións literarias e artísticas en relación coa expresión da temática.

De seguido entrou na estrutura, na que fixo referencia a que se mantivo a estrutura proposta no curso, baseado nos catro elementos básicos: terra, auga, aire e lume. A Terra abordárona dende o global, o cambio climático, ao local, a natureza no Salnés. No apartado de aire recolleron os fenómenos atmosféricos e a incidencia sobre atmosfera do cambio climático e da contaminación. O de auga xirou a redor dos usos das augas e as súas boas prácticas, tanto oceánicas como continentais. Por último, no apartado de lume, incorporaron todos os temas referidos á enerxía. Expuxo tamén que cada bloque leva un encabezado diferente, con unha cor distinta.

En relación aos textos, fixo mención aos apartados de novas, efemérides, axenda, reportaxes, temas de interese, entrevistas, dende o local (profesor, persoa da localidade) a personaxes máis coñecidos a máis vinculadas a redes de coñecemento máis globais, para atender a unha difusión que vaia máis alá das paredes do centro educativo. Indicou tamén o uso de estilos variados: textos literarios, poesía, tradición oral, reportaxes elaboradas polos estudantes, etc.

Con respecto ás imaxes, fixo mención á importancia que ten na revista a edición de imaxes de autores da comunidade educativo: alumnos, pais e profesores. Xustificou esta decisión na importancia que lle daban á creatividade, estimulando a edición non só de fotos de autor, senón tamén a de debuxos, gráficas e infografías elaboradas polos propios autores da revista. Nesta saída a creatividade e tamén buscando o espírito lúdico, tamén mencionou a edición de pasatempos, humor xogo de palabras, manualidades e enlaces multimedia.

Por último, expuxo os resultados optando por un presentación moi intuitiva. Simplemente ensinou todas as páxinas da revista nunha proxección multimedia.


Convocado o IV Congreso CLMNTK e os seus premios

 



Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático e promover actitudes máis sostibles co medio, o proxecto Climántica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convoca o IV Congreso CLMNTK e os Premios Climántica para estudantes de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Universidade, que dan continuidade ao III Congreso CLMNTK, celebrado en Pontevedra o pasado ano, e aos seus premios. Como novidade, este ano o Congreso acollerá estudantes doutras comunidades autónomas e de Portugal os que así mesmo, poderán tamén optar aos premios finais.

Poderán participar todos os estudantes matriculados en calquera centro educativo no curso 2010-2011, e o prazo de presentación de traballos queda aberto dende a data de comunicación na web de Climántica ata o 31 de maio do 2011. Esta cuarta edición vai ter un carácter virtual e polo tanto os traballos terán que ser subidos á páxina web do Congreso antes das 24 horas do último día de prazo. Dentro do apartado Como participar? encóntranse seis titoriais (dous por nivel) en video e en formato pdf con todos os pasos a seguir para cargar os traballos na plataforma, segundo sexa documento de texto, imaxe ou video.

Todos os traballos publicaranse no n.º 4 da revista CLMNTK e os da categoría multimedia, ademais, poderanse ver na sección Alumnos do apartado Biblioteca de climantica.org. Os traballos que optan á categoría de premios xerais, consistentes en campamentos ambientais de verán, deberán realizarse de forma individual ou por parellas. Os que superen o número de dous, incluiranse na categoría de premios especiais a grupos grandes: teatro, dramatizacións, coros, etc.

Os traballos terán que ver coas temáticas do proxecto e tomarán como referencia os seguintes xéneros:
  1. Relatos
  2. Poesía
  3. Curtos cun guión ambiental
  4. Videos musicais
  5. Videos de obras de teatro
  6. Fotografía comentada
  7. Cómic
  8. Presentacións
  9. Póster
  10. Debuxos
  11. Reportaxes multimedia
  12. Xogos e pasatempos
Sistema de votacións e puntuacións.
  1. Ao tratarse dunha convocatoria virtual, as votacións terán lugar a través de Facebook.
  2. Deste modo, os usuarios da web poderán elixir os seus favoritos dende o momento da publicación dos traballos ata o remate do prazo.
  3. A plataforma dará cumprida información sobre os resultados obtidos ao longo da semana, así como dos máis populares, que serán os máis votados polos usuarios.
Na valoración terase en conta tanto a votación dos usuarios da páxina web do Congreso (40%) como a puntuación outorgada por un xurado formado por educadores (60%) que emitirán a súa opinión baseándose nos seguintes criterios:
  1. Que exista unha relación clara co proxecto.
  2. Orixinalidade.
  3. Elaboración rigorosa.
  4. Capacidade de sensibilización.
  5. Grao de madureza na elaboración técnica.
  6. Que se mostre relación entre os diferentes coñecementos e a
  7. comprensión destes.
Premios.
Todos os traballos participantes serán publicados na páxina web do Congreso e recibirán un diploma de participación e autoría.

Os autores dos traballos máis populares (máis de 20 votos), obterán ademais unha camiseta, un caderno, un bolígrafo, un cómic e unha novela do proxecto Climántica.

Os premios xerais (traballos individuais ou por parellas) serán outorgados a un máximo de oitenta e dous autores, repartidos segundo os diferentes niveis educativos, e consistirán en campamentos ambientais de verán.

Os premios especiais (traballos en grupos de tres ou máis membros) se concederán a un máximo de cincuenta participantes e estarán baseados en un itinerario ambiental por Galicia que se celebrará o 20 de xuño.

Premios xerais: Campamentos ambientais de verán por niveis e etapas educativas (traballos individuais ou por parellas).

Estes premios faranse públicos na web principal de Climántica o día 5 de xuño de 2011.

Premio xeral de ESO, Bacharelato e Ciclos formativos a 40 alumnos. O premio consistirá nunha estancia de 5 días que inclúe todos os gastos dende a saída en autobús dende Santiago o día 22 de xuño ata o regreso a esta mesma cidade o 26 de xuño de 2011. Tanto a estancia como as actividades desenvolveranse en equipamentos da Dirección Xeral de Xuventude de la Xunta de Galicia, a cal colaborará cubrindo os gastos de manutención xerados no campamento.

A estancia seguirá a mesma metodoloxía que o ano anterior: haberá un programa de actividades deseñado para estimular a convivencia, o traballo en equipo e a creatividade mediante actividades náuticas, de astronomía, e de orientación, pequenos proxectos de expresión artística en grupos de traballo, investigacións, xogos e reunións nocturnas. Ao finalizar dito campamento, obsequiarase cun diploma acreditativo coas actividades de formación realizadas.

Das 40 prazas convocadas, ata un máximo de 10 poden ser ocupadas por estudantes doutras comunidades autónomas ou de Portugal, sempre e cando queden valorados entre os 40 primeiros. En todo caso, os únicos desprazamentos que quedan cubertos para todos os premiados, en calquera das modalidades, son os de ida e volta entre Santiago e o lugar do albergue xuvenil onde se celebren as xornadas que se dará a coñecer nesta web e mediante correo electrónico a todos os premiados.

Premio para estudantes de Primaria a 30 alumnos escolarizados en centros de Galicia. O premio consistirá nunha estancia de 4 días que inclúe todos os gastos dende a saída en autobús dende Santiago o día 27 de xuño ata o regreso a esta mesma cidade o 30 de xuño de 2011. Tanto a estancia como as actividades se desenvolverán en equipamentos da Dirección Xeral de Xuventude de la Xunta de Galicia, a cal colaborará cubrindo os gastos de manutención xerados no campamento. Como en anos precedentes, neste campamento infantil desenvolveranse talleres, xogos, obras de teatro e actividades na natureza, entre outras. Ao finalizar o devandito campamento, obsequiarase cun diploma acreditativo coas actividades de formación realizadas.

Premio xeral para estudantes universitarios a 12 estudantes de grado ou posgrao. Os estudantes serán premiados polas súas colaboracións de contido á plataforma Wiklimántica. O xurado e os criterios son os mesmos que para o resto de ensinanzas, e para a valoración teranse en conta tanto os proxectos creados, a calidade dos diálogos con expertos e as melloras aportadas a aportacións doutras personas. Os gañadores colaborarán no deseño e aplicación de actividades formativas para os campamentos de primaria e secundaria, asígnandose un nivel ou outro en función das preferencias manifestadas e a valoración obtida. Esta participación colaborando como formadores acreditarase con unha certificación de 50 horas de formación. Das 12 prazas convocadas, ata un máximo de 4 poden ser ocupadas por estudantes doutras comunidades autónomas ou de Portugal, sempre e cando queden valorados entre os 12 primeiros.

Pódese consultar calquer dúbida sobre a participación no Congreso, así como solicitar axuda técnica para publicar un traballo enviando un correo a congreso@climantica.org.

Folleto coa convocatoria


Lanzamento de Wiklimántica

 


Ponse en marcha Wiklimántica, a Wiki de Climántica, coa vocación de compartir coñecemento sobre o cambio climático dende comunidades educativas diferentes. Trátase dunha plataforma pensada para que os seus usuarios vaian dotándoa de contido propio e singular.

Polo tanto o obxectivo principal de Wiklimántica é elaborar de forma colaborativa coñecemento para compartilo a nivel global e de forma interactiva sobre o medio e as súas modificacións na sociedade do cambio climático. Todo o mundo que o desexe, pode participar na súa elaboración, quedando rexistrado como autor/a da achega, polo que a información achegada debe ser clara e real.

A obxectividade é clave en Wiklimántica, por iso é tan importante que haxa debates formais para lograr un contido neutral e veraz, ademais de libre. Neste sentido, é necesario destacar que o contido que se suba á plataforma pode ser modificado e completado por outros usuarios, premisa que deben asumir os autores que acheguen ideas, que deberán facelo coa vocación de que se sigan ampliando e mellorando.

Conta, ademais, cun apartado no que os usuarios rexistrados poderán intercambiar opinións con expertos en temas científicos, técnicos, sociais e económicos relacionados co medio ambiente en xeral e co cambio climático en particular. Os  temas poden ser aportados polos expertos ou suxeridos polos usuarios.

A posta en marcha dunha plataforma cuxo contido debe de ser configurado polos seus usuarios a través dun proceso continuo proponse para que todas as persoas e usuarios que estean implicados no coidado do medio e a loita contra o cambio climático poidan achegar o seu coñecemento global sobre estas materias e ter en Wikli, un espazo para compartir o seu coñecemento e interactuar con outros usuarios.

Polo tanto Wiklimántica comparte os obxectivos da web 2.0 que democratizou internet sobre a base de tres premisas moi importantes actualmente: compartir contido, conversar con outros usuarios e comunicar todo aquilo que sabemos ou coñecemos.

Co convencemento de que entre todos conseguiremos crear un espazo aberto ao diálogo e a reflexión, onde medre o coñecemente sobre o cambio climático e o medio ambiente, o proxecto Climántica espera sumar nesta plataforma coñecementos e experiencias que nos axuden a entender e comprometer ós cidadáns co reto do cambio climático.


Estudantes en Patrullas Climánticas no IES de Arzúa

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo da presentación da experiencia das patrullas Climánticas que defendeu no I Congreso de Climántica o profesor Carlos Iglesias Ramos, en representación do grupo de docentes do proxecto Climántica no IES de Arzúa. No vídeo recóllese un resumo da comunicación, centrándose no concepto de patrulla e os seus aspectos organizativos, nos obxectivos, na metodoloxía e nos resultados.

O profesor Iglesias iniciou a súa intervención situando o concepto de patrulla Climántica. Concetualizounas como grupos de estudantes que recorren o centro para conseguir aforro en enerxía eléctrica apagando as luces, en enerxía calorífica pechando as ventás e portas e nos residuos, en especial retirando bolsas. Tamén recollen datos de forma sistemática da súa supervisión nestes aspectos e informan e convencen aos membros da comunidade educativa para conseguir mellores prácticas.

Para describir os seus aspectos organizativos, apoiouse nun plano do centro, destacando os dous edificios, indicando que as patrullas desenvólvense no edificio no que non teñen a súa aula. Expuxo que a experiencia empezou no curso de 2008 con 3º de ESO, no curso 2008-2009 incorporáronse estudantes de Bacharelato e no curso 2009-2010 tamén se incorporaron os ciclos formativos. Dixo que o esquema organizativo mantívose ao longo dos tres cursos académicos, e que se basea nun calendario onde se secuencian as patrullas por edificios que disporían. Destacou tamén a importancia do Rincón Climántico como punto estratéxico entre os dous centros, onde se localiza tamén a administración do centro. Mencionou tamén os dous cadernos Climántica, un por cada edificio, que forma parte do resto de material Climántica que se localiza na sala de profesores ao que poden acceder os estudantes nos recreos, con discreción, para recollelo ao inicio da patrulla e gardalo ao remate.

En relación aos obxectivos, fixo unha síntese dos mesmos, poñendo o acento na orientación dos mesmos cara a convencer, concienciar e buscar rutinas sobre a base da adopción de medidas sinxelas de aforro enerxético e hábitos de consumo de enerxía, adoptando posturas de denuncia e actitude crítica das malas prácticas, para adoptar medidas individuais. Dixo que para inculcar hábitos tiveron moi presente a reiteración para inculcar rutinas como luz apagada, ventás pechadas e portas arrimadas. Neste sentido reafirmouse no convencemento da importancia que ten unha pequena acción dun alumno.

Sobre a metodoloxía para conseguir estes obxectivos, fixo mención ás dinámicas de grupos. Insistiu en que a participación nestas dinámicas tiña que xurdir da voluntariedade e do compromiso individual. Tamén se referiu á importancia que se lle daba ao principio de non impoñer nada. Tamén fixo mención á importancia de inculcar rutinas, como na puntualidade das patrullas, no rigor na toma de datos e no coidado do material, como camiño para inculcar hábitos de consumo responsable.
 
En relación aos resultados fixo mención ao método de recollida de datos e análise dos mesmos. Por iso explicou a importancia da expresión dos resultados de cada día nun calendario mediante o uso de pegatinas de pingüíns de tres cores: vermello (malas prácticas), verde (boas prácticas) e amarelo (intermedio). Os datos así recollidos mostran avances tan rápidos como son o paso de un xaneiro onde abundaban os pingüíns vermellos a un marzo onde o facían os verdes. Expuxo que dende que empezaron en abril de 2008 a adoptar medidas de aforro e eficiencia, conseguiron cambios importantes que chegaron incluso a ser significativas na economía do centro, chegando a aforrar en luz entre 100 e 150 € ao mes, e un aforro en calefacción do orde de 500 €.


Ciencias Para o Mundo Contemporáneo no blog do IES Asorey

 


Pode verse en Climántica TV o video da comunicación do profesor Victor Caamaño Rivas. Nesta comunicación presentou a súa experiencia de dous anos desenvolvendo a Materia de Ciencias do Mundo Contemporáneo mediante o uso dun edublogue de Climántica pertencente á blogosfera desa materia.

O profesor Caamaño empezou a súa intervención valorando a oportunidade que supuxo a aparición no curso 2008-2009 desta materia común en primeiro de bacharelato, recoñecendo deste xeito que a ciencia é cultura merecedora de estar presente na formación xeral básica de todos os estudantes de bacharelato.

Tamén fixo mención aos retos que supón, sobre todo ao ter tantas temáticas diferentes, entre as cales o profesorado responsable da docencia sempre vai a atoparse con algunha na que necesita formación e cando menos apoio. Afirmou tamén que ao ter só dúas sesións lectivas semanais, as dificultades aumentan.

Nese contexto situou a súa vocación de formación que sentiu xa o ano anterior a implantarse a materia. Nese sentido o feito de incorporarse ao curso de formación de Climántica para esta materia xusto o ano que se puxo en marcha.

Como resultado dese curso empezou a traballar con un edublogue do proxecto e as metodoloxías de darlle protagonismo aos estudantes como autores propostos no curso. Deste xeito conseguiu que cada estudante publique 2 ou 3 artigos o que supuxo un número de 185 entradas no blogue no momento de estar efectuando esta comunicación. Entradas que darían lugar a 5.200 comentarios, tendo en conta ademais que cada entrada traballa contidos do currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

Para conseguir esta participación previamente doulles unhas pautas como: poñer un título que invite á lectura, menos texto e máis imaxe que transmita información, introducir enlaces para explicar termos difíciles, exercitar a capacidade de síntese buscando palabras clave e categorizando.

Fixo mención a que na actualización de contido no blogue o 90% ou incluso o 95% do traballo faino o alumno. O traballo do profesor vai a estar en presentar modelos moi xerais e básicos como o ADN ou o efecto invernadoiro, en orientar, en dar pautas metodolóxicas, prestando especial atención no desenvolvemento de estratexias de argumentación mediante comentarios e a avaliación dos mesmos; facendo que calquera posición de apoio ou refutación de opinións, deba quedar debidamente argumentado. Neste sentido, resaltou tamén a importancia que ten o uso do foro para todos aqueles que son obxecto de debate, sumamente abundantes no currículo desta materia.

Apoiándose en todo anterior, pasou a citar barreiras diagnosticadas antes de empezar a dar a materia e que esta metodoloxía lle permitiu superar:

  1. Superar a limitación das dúas sesións semanais. Mostrou mediante gráficos a existencia de múltiples entradas polas tardes e noutras horas non lectivas, incluso en vacacións.
  2. Abordar un currículo multidisciplinar. Atópanse entradas de todas as temáticas do currículo.
  3. Superar a falta de referentes por falta de experiencia da materia no sistema educativo. Destacou o apoio do blogue guía e do traballo dos blogues doutros compañeiros para enriquecerse de ideas e recursos.
  4. Avaliar unha materia onde as opinións son máis importantes que os propios contidos. A avaliación de comentarios pon de manifesto a maior calidade da argumentación dos alumnos que foron practicando comentarios ao longo do curso, porque desta forma van coñecendo as técnicas para opinar con rigor, saber que teñen que facelo aportando un pouco máis de información.

Sinalou como obxectivos claramente acadados con esta proposta:

  1. Transmitir avances científicos e tecnolóxicos.
  2. Implementar as TIC nas clases de ciencias.
  3. Desenvolver a capacidade de argumentación, destacando que o primeiro ano o profesor aportou un 40% dos comentarios e o segundo sólo un 9% da argumentación derivada dos comentarios.

Para concluír, sinalou as potencialidades que lle ve a este enfoque da materia:

  1. Está totalmente convencido de que é unha maneira de facer protagonista ao alumno no seu proceso de aprendizaxe.
  2. Desenvolve o espírito crítico.
  3. É unha fórmula eficaz para abordar a diversidade do currículo con sólo dúas sesións lectivas á semana.
  4. Favorece o intercambio de información entre docentes de diferentes materias.
  5. Potencia as TIC, a transversalidade e o traballo docente en equipo.

Explicacións prácticas dos estudantes sobre cambio climático

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo que recolle o resumo da comunicación das experiencias deseñadas no marco da aplicación do proxecto Climántica no IES Nº1 de Ribeira e que permitiron aproveitar a tradición da celebración da Semana da Ciencia no centro como unha oportunidade para que os estudantes lle explicaran á comunidade escolar de Ribeira as causas, consecuencias e solucións do cambio climático.

A comunicación defendeuna a profesora de Bioloxía e Xeoloxía deste instituto, Raquel Troitiño Barros, en representación dun grupo de profesores. As experiencias que expuxo supoñen dende o seu deseño un importante modelo de réplica do proxecto Climántica.

Isto supuxo que a profesora Raquel Troitiño e a súa compañeira de departamento Mercedes Rodríguez Ruibal, foran invitadas a participar en diversos cursos de formación do profesorado en Galicia e incluso fora das nosas fronteiras, tendo un papel importante nas xornadas de sostibilidade da Administración educativa de Cantabria (Santander, febreiro de 2010), no XVI Simposio da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (Teruel, xullo de 2010) e nas próximas Jornadas de Ciencias de la Tierra do Planetario de Castellón (febreiro de 2011).

A profesora Raquel Troitiño fixo un breve resumo da historia da semana da ciencia, e un percorrido polas prácticas nas que os estudantes actúan como eficaces e motivados profesores: explican as causas, as consecuencias e aportan solucións ao cambio climático.

Das experiencias relativas ás causas, o vídeo recolle con bastante detalle a importancia que ten o dióxido de carbono, illado tanto de fontes de orixe natural (respiración, fermentacións, combustión) como de orixe antrópico ( neste caso se explicou como identificar a presenza de dióxido de carbono e de óxidos de nitróxeno recollidos do tubo de escape dun coche). Tamén o efecto da choiva ácida sobre materiais de diferente natureza e sobre a vexetación.

Nas prácticas relativas ás consecuencias do cambio climático, o vídeo céntrase nas relativas ao desxeo dos polos. Mostra imaxes sobre as experiencias coas que os estudantes explican como o desexo da Antártida supón un maior aumento do nivel do mar que o desexo do Ártico.

No relativo as solucións ao cambio climático, no vídeo recóllense imaxes e explicacións de ideas dos estudantes. Pode verse como aproveitaron a construción no taller de tecnoloxía dun prototipo de coche mecano solar para explicar a importancia da enerxía fotovoltaica. Tamén se visualizan no vídeo a exposición a as imaxes sobre a importancia da enerxía térmico solar, mediante a fabricación de fornos solares con materiais de refugallo.

Ao longo do vídeo pode verse en acción aos propios estudantes durante as súas explicacións, dentro das correspondentes casetas temáticas montadas no ximnasio do Instituto e que eles mesmos deseñaron e decoraron con elementos de conceptualización gráfico - visual de apoio das explicacións.


Galicia formou parte da delegación de España na I conferencia “Vamos a coidar do planeta”

 


Esta publicado en Climántica TV un curto que recolle momentos da participación da delegación de España nesta I Conferencia infanto - xuvenil na que participaron delegacións de máis de 50 países da ONU, e que se celebrou en Brasilia do 5 ao 10 de xuño de 2010. Os tres estudantes galegos que formaron parte, xunto con outros compañeiros, da delegación de España, foron seleccionados a través do concurso Camiño a Brasilia que se desenvolveu a través de Wiklimántica, a Wiki do proxecto Climántica. Durante a conferencia estes estudantes participaron activamente en diversos obradoiros e foron protagonistas dos grupos de traballo de redacción da Carta europea dos compromisos co planeta e Carta musical mundial, coa que remata este curto.

Campamento dos premiados de Bachalerato e Universidade

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do campamento formativo de 5 días co que se premiou aos estudantes de Bacharelato e Universidade por traballos presentados ao III Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica. A estancia foi no albergue Marina Española situado en Sada e dependente da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Traballo e Benestar que aportou todos os medios para o seu desenvolvemento.

A maioría das actividades do campamento centráronse no deseño e execución de obras de arte no litoral, que foi a temática central deste campamento. Para conseguilo contouse coa formación, asesoría e coordinación dos profesores Antón Sobral e Carmen Hermo, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Estes dous artistas e docentes expertos na liña de Arte na natureza dedicaron a tarde do día 7 de setembro a presentar o fundamento da obra dos autores máis relevantes nesta modalidade artística. Na tarde do día 8 os estudantes agrupáronse en 4 equipos, e cada un deles deseñou e executou unha obra colectiva. Coas imaxe e notas do deseño, do desenvolvemento e do resultado desta obra, elaboraron unha presentación ao longo da tarde do día 9. Esas presentacións expuxéronas a primeira hora do día 10 diante dos dous artistas docentes coordinadores e dos compañeiros. Despois de que os artistas Sobral e Hermo retroalimentaran os traballos, baixaron todos á praia de Gandarío a recoller obxectos que deixou o mar para facer obras libres individuais ou en pequenos grupos. Pola tarde, coa presentación e retroalimentación destas obras rematou o traballo creativo sobre o arte efímero no litoral.

O último día do campamento, o sábado 11 de setembro, dedicouse pola mañá a actividades de investigación no marco da Educación Ambiental no contexto urbano, centrándose principalmente nos recursos e contextos que aporta o Parque de pasatempos de Betanzos. A tarde dedicouse a actividades de Educación Ambiental no medio natural, centradas nun itinerario de estudo da fauna, flora e paisaxe do río Chelo e na súa Aula de interpretación.

As estudantes universitarias premiadas formáronse durante a estancia para encargarse do deseño e da dirección das veladas nocturnas e das actividades lúdicas e de convivencia. Neste tipo de actividades aproveitouse de xeito especial o equipamento de embarcacións, pistas polideportivas e piscina deste albergue da Xunta de Galicia.

Viaxe dos premiados de ESO

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da viaxe de cinco días polas Rías Baixas dos 30 estudantes de ESO premiados no III Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica. A ruta partiu do Grove o 24 de xuño e rematou en Vigo o 28 do mesmo mes.

A viaxe tivo un claro carácter formativo orientado polo obxectivo de “comunicar os cambios nas paisaxes e na vida das persoas e as súas relación co cambio climático”, buscando potenciar a dimensión creativa pola que foron premiados e a súa capacidade de traballo en equipo. Para iso organizáronse 5 equipos de estudantes de 6 membros cada equipo. Para a constitución dos equipos tívose en conta a categoría pola que foron premiados e as dimensións de competencia de comunicación a traballar: literatura, fotografía, artes plásticas, música e comunicación multimedia de investigacións baseadas na técnica de entrevistas.

O documental recolle as visitas a paraxes naturais, pobos, museos e centros de investigación onde se recolleu a información, así como os obradoiros formativos – meteoroloxía, parámetros oceanográficos, captura e observación de plancto, etc. – , e a propia dinámica de traballo dos 5 equipos.
 
As imaxes foron tomadas durante a navegación e nos lugares que se visitaron: O Grobe, Illa de Arousa, Pobra do Caramiñal, Bueu, Illas Cíes, Ons, Sálvora e San Simón e Vigo. Nesta cidade tivo lugar a sesión de clausura coa que conclúe o vídeo e na que se presentaron os traballos.

Campamento dos premiados de Primaria

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo resumo do campamento de cinco días polas Rías Baixas dos 25 estudantes de Primaria premiados no III Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica. O campamento celebrouse no albergue de Albarella entre os días 24 e 27 de xuño. O vídeo recolle algunhas das actividades de educación ambiental das desenvoltas como xogos, adiviñas, elaboración de pan, visitas e presentación dos contos e dramatizacións de sensibilización ambiental que elaboraron ao longo da estancia.

III Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo resumo do III Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica que se celebrou en Pontevedra o 19 de xuño de 2010 e ao que presentaron traballos 652 estudantes de Primaria, ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade. Estes traballos poden descargarse dende o subapartado Revista do apartado Biblioteca e os curtos premiados poden proxectarse dende o apartado de Alumnos. Os descansos das presentacións de traballos foron aproveitados para a representación de divertidos espectáculos de humor, maxia e música con mensaxes de sensibilización ambiental. O último traballo presentado foi a experiencia dos tres estudantes galegos seleccionados a través do concurso Camiño a Brasilia para formar parte da delegación de España na I Conferencia internacional infanto – xuvenil dos países da ONU Vamos a coidar do Planeta que se celebrou en Brasilia do 5 ao 10 de xuño de 2010. O congreso pechouse co xa tradicional espectáculo de Climantopía que cada ano nos sorprende con novos guións e actuacións.

III Congreso CLMNTK en directo

 

Retransmisión cerrada.

Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino