A viaxe tivo un claro carácter formativo orientado polo obxectivo de “comunicar os cambios nas paisaxes e na vida das persoas e as súas relación co cambio climático”, buscando potenciar a dimensión creativa pola que foron premiados e a súa capacidade de traballo en equipo. Para iso organizáronse 5 equipos de estudantes de 6 membros cada equipo. Para a constitución dos equipos tívose en conta a categoría pola que foron premiados e as dimensións de competencia de comunicación a traballar: literatura, fotografía, artes plásticas, música e comunicación multimedia de investigacións baseadas na técnica de entrevistas.
O documental recolle as visitas a paraxes naturais, pobos, museos e centros de investigación onde se recolleu a información, así como os obradoiros formativos – meteoroloxía, parámetros oceanográficos, captura e observación de plancto, etc. – , e a propia dinámica de traballo dos 5 equipos.
As imaxes foron tomadas durante a navegación e nos lugares que se visitaron: O Grobe, Illa de Arousa, Pobra do Caramiñal, Bueu, Illas Cíes, Ons, Sálvora e San Simón e Vigo. Nesta cidade tivo lugar a sesión de clausura coa que conclúe o vídeo e na que se presentaron os traballos.