O profesor Iglesias iniciou a súa intervención situando o concepto de patrulla Climántica. Concetualizounas como grupos de estudantes que recorren o centro para conseguir aforro en enerxía eléctrica apagando as luces, en enerxía calorífica pechando as ventás e portas e nos residuos, en especial retirando bolsas. Tamén recollen datos de forma sistemática da súa supervisión nestes aspectos e informan e convencen aos membros da comunidade educativa para conseguir mellores prácticas.
Para describir os seus aspectos organizativos, apoiouse nun plano do centro, destacando os dous edificios, indicando que as patrullas desenvólvense no edificio no que non teñen a súa aula. Expuxo que a experiencia empezou no curso de 2008 con 3º de ESO, no curso 2008-2009 incorporáronse estudantes de Bacharelato e no curso 2009-2010 tamén se incorporaron os ciclos formativos. Dixo que o esquema organizativo mantívose ao longo dos tres cursos académicos, e que se basea nun calendario onde se secuencian as patrullas por edificios que disporían. Destacou tamén a importancia do Rincón Climántico como punto estratéxico entre os dous centros, onde se localiza tamén a administración do centro. Mencionou tamén os dous cadernos Climántica, un por cada edificio, que forma parte do resto de material Climántica que se localiza na sala de profesores ao que poden acceder os estudantes nos recreos, con discreción, para recollelo ao inicio da patrulla e gardalo ao remate.
En relación aos obxectivos, fixo unha síntese dos mesmos, poñendo o acento na orientación dos mesmos cara a convencer, concienciar e buscar rutinas sobre a base da adopción de medidas sinxelas de aforro enerxético e hábitos de consumo de enerxía, adoptando posturas de denuncia e actitude crítica das malas prácticas, para adoptar medidas individuais. Dixo que para inculcar hábitos tiveron moi presente a reiteración para inculcar rutinas como luz apagada, ventás pechadas e portas arrimadas. Neste sentido reafirmouse no convencemento da importancia que ten unha pequena acción dun alumno.
Sobre a metodoloxía para conseguir estes obxectivos, fixo mención ás dinámicas de grupos. Insistiu en que a participación nestas dinámicas tiña que xurdir da voluntariedade e do compromiso individual. Tamén se referiu á importancia que se lle daba ao principio de non impoñer nada. Tamén fixo mención á importancia de inculcar rutinas, como na puntualidade das patrullas, no rigor na toma de datos e no coidado do material, como camiño para inculcar hábitos de consumo responsable.
En relación aos resultados fixo mención ao método de recollida de datos e análise dos mesmos. Por iso explicou a importancia da expresión dos resultados de cada día nun calendario mediante o uso de pegatinas de pingüíns de tres cores: vermello (malas prácticas), verde (boas prácticas) e amarelo (intermedio). Os datos así recollidos mostran avances tan rápidos como son o paso de un xaneiro onde abundaban os pingüíns vermellos a un marzo onde o facían os verdes. Expuxo que dende que empezaron en abril de 2008 a adoptar medidas de aforro e eficiencia, conseguiron cambios importantes que chegaron incluso a ser significativas na economía do centro, chegando a aforrar en luz entre 100 e 150 € ao mes, e un aforro en calefacción do orde de 500 €.