A comunicación defendeuna a profesora de Bioloxía e Xeoloxía deste instituto, Raquel Troitiño Barros, en representación dun grupo de profesores. As experiencias que expuxo supoñen dende o seu deseño un importante modelo de réplica do proxecto Climántica.
Isto supuxo que a profesora Raquel Troitiño e a súa compañeira de departamento Mercedes Rodríguez Ruibal, foran invitadas a participar en diversos cursos de formación do profesorado en Galicia e incluso fora das nosas fronteiras, tendo un papel importante nas xornadas de sostibilidade da Administración educativa de Cantabria (Santander, febreiro de 2010), no XVI Simposio da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (Teruel, xullo de 2010) e nas próximas Jornadas de Ciencias de la Tierra do Planetario de Castellón (febreiro de 2011).
A profesora Raquel Troitiño fixo un breve resumo da historia da semana da ciencia, e un percorrido polas prácticas nas que os estudantes actúan como eficaces e motivados profesores: explican as causas, as consecuencias e aportan solucións ao cambio climático.
Das experiencias relativas ás causas, o vídeo recolle con bastante detalle a importancia que ten o dióxido de carbono, illado tanto de fontes de orixe natural (respiración, fermentacións, combustión) como de orixe antrópico ( neste caso se explicou como identificar a presenza de dióxido de carbono e de óxidos de nitróxeno recollidos do tubo de escape dun coche). Tamén o efecto da choiva ácida sobre materiais de diferente natureza e sobre a vexetación.
Nas prácticas relativas ás consecuencias do cambio climático, o vídeo céntrase nas relativas ao desxeo dos polos. Mostra imaxes sobre as experiencias coas que os estudantes explican como o desexo da Antártida supón un maior aumento do nivel do mar que o desexo do Ártico.
No relativo as solucións ao cambio climático, no vídeo recóllense imaxes e explicacións de ideas dos estudantes. Pode verse como aproveitaron a construción no taller de tecnoloxía dun prototipo de coche mecano solar para explicar a importancia da enerxía fotovoltaica. Tamén se visualizan no vídeo a exposición a as imaxes sobre a importancia da enerxía térmico solar, mediante a fabricación de fornos solares con materiais de refugallo.
Ao longo do vídeo pode verse en acción aos propios estudantes durante as súas explicacións, dentro das correspondentes casetas temáticas montadas no ximnasio do Instituto e que eles mesmos deseñaron e decoraron con elementos de conceptualización gráfico - visual de apoio das explicacións.
Enviado por María Elena Guntiñas Rodríguez 26 01 2011 as 18:13
Enviado por mercedes e raquel 11 02 2011 as 12:38
Enviado por Raquel Troitiño Barros 11 02 2011 as 13:54