Na primeira hora do xoves 31 de marzo de 2011, os estudantes do IES Virxe do Mar sacaron á rúa as súas demostracións prácticas para explicarlle aos compañeiros, profesores e cidadáns do pobo as causas, consecuencias e solucións ao cambio climático. Sobre o seu desenvolvemento acaba de publicarse un vídeo que se visualiza en Climántica TV.
Para explicar as causas, deseñaron dous experimentos. Nun puxeron xeo en cartolinas de diferentes cores, chegando á conclusión que na de cor negra o xeo derretíase máis rápido e no branco máis lento. En base a estas observacións, explicaron como a cor negro absorbía toda a radiación solar e o branco a reflectía. Unha vez feita esta análise, medían a temperatura da auga, contida no mesmo volume, en tres vasos, dous de vidro incoloro e un negro. Un dos de vidro transparente tapábano con outro tamén transparente, provocando así o efecto invernadoiro. Deste xeito demostraban que a auga máis quente era a deste último, e a máis fría a do vaso tamén transparente, pero sen tapar; evidenciando así o aumento do efecto invernadoiro como causa do cambio climático.
En relación ás consecuencias, fixeron varias demostracións experimentais, unha por cada gran tipo de ecosistema. Nos ecosistemas oceánicos centráronse nos fenómenos de desxeo e nas súas relacións coa subida no nivel do mar. Na interacción dos océanos coa atmosfera, abordaron a formación dos furacáns, as súas partes, os seus nomes e distribucións por diferentes partes do mundo, e as súas consecuencias e implicacións do cambio climático sobre o seu aumento en número e intensidade. Nos ecosistemas terrestres abordaron as relacións entre dous problemas ambientais que se están a retroalimentar: a crise relativa á cantidade e a calidade da auga, e o cambio climático. Entraron así nos efectos da contaminación da auga sobre os seres vivos, e nos efectos do cambio climático sobre o ciclo da auga.
Unha das solucións para a adaptación ao cambio climático que propuxeron foi a xestión da auga para a adaptación ao cambio climático. A experiencia co que os alumnos – profesores estimularon os debates foi a construción e funcionamento dunha depuradora. Sobre o seu funcionamento aproveitaron para explicar a diferenza entre depurar e potabilizar. Deixaron claro que o proceso que estaban a poñer en práctica depuraba a auga, no sentido que a limpaba para aumentar a súa calidade, pero non a deixaba dispoñible para o consumo. Deste xeito práctico explicaron a diferenza entre augas negras e augas grises, e evidenciaron a importancia que ten a xestión da auga para a adaptación ao cambio climático. Tamén entraron nos diferentes usos da auga e nas implicacións no aforro e na depuración.
O outro tipo de solucións que abordaron foi o uso das enerxías renovables. Fixérono dende a construción e funcionamento dun forno solar. Coa medida da subida de temperatura na auga que estaba no interior do forno, fronte á de fóra, que inicialmente tiña a mesma temperatura que a que se introduciu no seu interior, abriron coloquios sobre a enerxía, destacando a importancia das renovables para a adaptación ao cambio climático.
En definitiva, o IES Virxe do Mar fixo do día 31 de marzo de 2011 un día Climántica singular para a súa comunidade educativa, abrindo o centro á rúa e poñendo en valor a calidade educativa do centro e o talento dos seus estudantes. Polo que o proxecto Climántica, representado nesas xornadas polas dúas consellerías que dan soporte ao proxecto, Medio Ambiente e Educación, quere agradecer e recoñecer a iniciativa, e facelo extensible e todos os centros de Galicia que están a desenvolver este tipo de actividades no marco do proxecto Climántica.