CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Conferencia de Ángel Carracedo nos Encontros coa investigación para a sostibilidade e a saúde

 
Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da segunda conferencia dos Encontros coa investigación científica dos alumnos de primeiro de Bacharelato do Barbanza. Esta segunda conferencia correu a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela,  director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional del Genotipado.

O profesor Carracedo iniciou a súa intervención contextualizando a súa charla no eido da orientación profesional e vocacional cara as investigacións contemporáneas a favor da sostibilidade e da saúde, centrándoa así dentro da temática dos encontros. Para situar a charla nestas claves, lembrou as dúbidas, inquedanzas e contexto académico que tivo el cando estaba na idade dos alumnos que asistiron aos encontros. Para manter este discurso sobre as relacións da evolución das súas liñas de traballo coa evolución da Xenómica, articulou a charla sobre unha secuencia cronolóxica dos fitos do seu ámbito de coñecemento, relacionándoos con fitos persoais da súa investigación e da do seu grupo de investigación.

O primeiro fito ao que se referiu foi a oportunidade que tivo para formarse en Xenómica forense en Suecia, o que lle permitiu atender a súa vocación, toda vez que en España naquela época non había esa especialidade. Nese paralelismo que foi establecendo entre os seus fitos de investigación e os do seu ámbito de investigación, situou en paralelo a estes inicios da súa formación investigadora, coa aparición do ADN nun suposto océano primitivo, molécula que vai a ser o fío condutor do seu ámbito de coñecemento, polo valor que esta ten para identificarnos.

Situou a continuación os fitos das súas investigación no seu regreso a Galicia, cos dos avances da Xenómica no ámbito forense, pola capacidade que xa empeza a haber daquela para facer usos forenses do ADN, do que destacou as achegas de Alec Jeffrens sobre o ADN non codificante. Fixo mención a este descubrimento, porque atopouse que nese ADN lixo todos éramos tremendamente diferentes, o que posibilitaba que un tamaño mínimo de ADN permitira sacar o perfil xenético de todo un individuo, podendo así resolver con moita facilidade casos coma os de paternidade.  Daquela época destacou tamén que o seu afán por descubrir cousas novas nese contexto de avance da xenómica, lle permitiu aprender o importante que é descubrir cousas novas. Fixo referencia a que o interese que tiña por entender o por qué das cousas dende os perfís xenómicos, favoreceu que a metade dos marcadores que se usan na actualidade no ámbito da Xenómica forense, e a totalidade dos novos, foran descubertos no seu Instituto. Isto naquela época chegou a situalos no principal referente europeo no seu ámbito de investigación, o que lles permitiu participar en casos de relevancia internacional.

O seguinte fito do seu desenvolvemento científico, foi a introdución na Xenómica clínica, á que dixo que chegou porque como médico sempre tivo a vocación de investigar para curar enfermidades. Este é un ámbito de investigación ao que se chega cando se pode secuenciar o ADN e ver con detalle os cromosomas. O seu obxecto de estudo son os danos no ADN que producen enfermidades. Un exemplo de enfermidades relacionadas con fallos do ADN que puxo, foi o do cancro, cuxo orixe ten que ver con danos no ADN que impide que as células morran. Destacou como estes avances da xenómica e a evolución nas liñas de investigación do seu grupo cara ao ámbito clínico, levárono a impulsar a Fundación Galega de Medicina Xenómica do SERGAS que está a dirixir, o no que están a ter máis de 30.000 pacientes ao ano. Dentro de este ámbito de investigación, e dentro do marco estatal, pasou tamén a dirixir o Centro Nacional do Xenotipado. En relación a este ámbito clínico, tamén fixo referencia aos múltiples proxectos que se están a desenvolver dende estes marcos institucionais, moitos deles relacionados co cancro.

O fito seguinte no que se centrou, foi o relativo á relevancia actual do seu grupo no ámbito da xenómica forense, premiado no 2011 coa medalla Adelaida que os veu a recoñecer como o grupo de maior relevancia internacional nese ámbito. Dende ese marco afrontaron e están a afrontar casos de moita importancia e relevancia mundial, entre os que citou o 11S, 11M e o Tsunami asiático. Destes casos puxo algúns exemplos de descubrimentos moi coñecidos a nivel internacional.

O último fito ao que se referiu, fíxoo en termos de futuro. Dentro das liñas novas que dixo que lle interesaban na actualidade, mencionou o convite que recibiu para participar nun proxecto internacional que consiste en conseguir o ADN de todos os organismos mariños, o que permitiría inmortalizar a esas especies. En relación a esta liña, fixo mención ao interés que pode ter no contexto do castigo histórico aos océanos pola sobrepesca e a contaminación.

Pechou a súa intervención poñendo de novo o acento na dimensión orientadora e de estímulo das vocacións investigadoras a favor da saúde e da sostibilidade, sobre a que trataron os encontros. Para conseguilo mencionou a diversidade de perfís investigadores dos responsables de cada liña de investigación do grupo. Sobre estes perfís sacou dúas conclusións que deixou a modo de recomendación aos alumnos. As dúas recomendacións – conclusións formulounas sobre as características que teñen todos os membros do seu grupo son: 1) búsqueda constante da súa ilusión por descubrir cousas novas e pelexa continúa por ela, 2) moita capacidade de traballo, que a súa vez require da primeira conclusión – recomendación, porque non se pode traballar moito se non se está moi ilusionado co que se fai.


Aberto o prazo para votar traballos do congreso virtual xuvenil internacional Oceántica13

 


Xa está aberto o prazo para votar os traballos presentados ao congreso xuvenil internacional Oceántica13 que están publicados en http://congresooceantica.campusdomar.es, e que se desenvolveu no marco do proxecto Oceántica promovido polo campus de excelencia internacional Campus do Mar. Neste congreso participaron estudantes españois de Galicia, Comunidade Valenciana, Madrid e Cataluña, xunto cos de outros cinco estados da UE e de América Latina (Portugal, Polonia, México, Arxentina e Costa Rica). Os autores de traballos con maior valoración como resultado da avaliación do xurado (70% da cualificación) e das votacións dos usuarios do portal (30% da cualificación), serán premiados como asistentes ao campus xuvenil internacional Oceántica13.

Conferencia de Emilio Fernández nos Encontros coa investigación para a sostibilidade e a saúde

 
Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da primeira conferencia dos Encontros coa investigación científica cos alumnos de primeiro de Bacharelato do Barbanza, nos que os científicos Emilio Fernández e Ángel Carracedo, deron a súa visión da evolución do seu coñecemento científico na súa vida profesional, para centrarse no marco contemporáneo das súas investigación a favor do medio ambiente e da saúde. Fixérono orientándose polo fin último das xornadas, que foi espertar vocacións científicas para os retos do século XXI nos ámbitos do medio ambiente e da saúde.

Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar, foi o primeiro en intervir, e iniciou a súa intervención mostrando como os seus estudos na facultade de Bioloxía da Universidade de Oviedo espertaron o seu interese pola Ecoloxía mariña, que o levou a facer a tese nese ámbito. Fixo fincapé tamén na oportunidade que lle supuxo que no departamento lle encargaran estudar algo que descoñecían, que era a fotosíntese das comunidades planctónicas.

A continuación fixo referencia a como sigueu afondando no reto na súa estancia en Inglaterra e a oportunidade que lle supuxo poder estar nun centro de investigación da primeira división mundial. Lembrou que daquela etapa saíu no ano 1993 unha investigación que se referencia a diario. Logo comentou a seguinte etapa, como científico en EEUU.

A etapa de investigación en EEUU rematou cando se incorporou á Universidade de Vigo. Desta etapa científico investigadora á que accedeu cando gañou a oposición de profesor titular de Ecoloxía, lembrou os inicios con 100 alumnos e 48 € para investigar, contrastando esa situación coa etapa investigadora que viña de pechar en EEUU. Fixo referencia a cómo fixo fronte a esa situación e foi conseguindo proxectos que lle permitiron incorporarse á investigación no Atlántico e na Antártida, logrando descubrir canto C se fixa no Atlántico, outra investigación con moitas referencias.

Comentou como desa etapa xurdiu un equipo amplo que o levou a ter que ocupar un tempo amplo en viaxar, buscar orzamentos para os proxectos a organizar o traballo dun equipo complexo. Dalgún xeito dou por sentado que esta é unha etapa á que chega un científico na evolución da súa carreira. Nesa liña de xestión, situou o rol que lle corresponde na actualidade coa dirección do Campus do Mar, un proxecto relevante no seu ámbito para o lugar onde lle tocou vivir. Neste contexto contemporáneo, situou os grandes retos do seu ámbito para a sostibilidade.

Dentro do contexto de orientación profesional e vocacional no que estaba contextualizada a conferencia, destacou as ensinanzas dos mestres. Destas ensinanzas destacou, sobre todo as que lle levaron a asumir que na investigación solo ten sentido facer cousas novas, e que un científico contemporáneo ten que estudar más que o que lle interesa, pois ten que ter unha visión xeral e multidisciplinar .

Concluíu poñendo o acento na finalidade orientadora da charla, e recomendando aos estudantes que queiran dedicarse á investigación ter ilusión intelectual polo saber, humildade para aprender, pracer polo traballo ben feito, capacidade para comunicar, serenidade, afán de coñecer o descoñecido, e algo de sorte para transformar o mundo.


Congreso Xuvenil Internacional Oceántica13

 


Xa está operativa a plataforma para subir os traballos do Congreso xuvenil internacional Oceántica13, que contén as bases da convocatoria e os titoriais coas explicacións para subir os traballos á plataforma. Os traballos poden facerse en todos os formatos de comunicación académica, e con calquera fórmula de divulgación e sensibilización a través da web. Déixase a disposición dos usuarios este póster para imprimilo e pegalo nos centros educativos.

Os alumnos poden facer os traballos por iniciativa propia ou dentro de iniciativas académicas, como a que se explica no vídeo da experiencia do IES Virgen del Remedio de Alacante. Nel móstranse as bases do traballo coordinado pola profesora Mar Sierra, que consiste na colaboración entre os departamentos de Bioloxía e de Plástica para orientar aos alumnos na elaboración de traballos de sensibilización ambiental nun marco interdisciplinar de comunicación científico – artística.

Tamén está publicado en Climántica TV o vídeo da presentación do congreso xuvenil internacional na inauguración dos encontros educativos sobre a orientación vocacional relativa á investigación no ámbito do medio ambiente e da saúde que se celebraron no auditorio da Casa de cultura de Boiro o 19 de abril de 2013.


Inicio do proxecto Oceántica cunhas xornadas internacionais

 


Durante o venres 12 e o sábado 13 de abril de 2013, tivo lugar o inicio do proxecto Oceántica, coa organización dun curso sobre as rías, que se estendeu en dúas intensas xornadas de traballo. O proxecto Oceántica é unha iniciativa coa que o Campus do Mar quere experimentar modelos educativos de Ciencia, Tecnoloxía E Sociedade.

A presentación do proxecto Oceántica correu a cargo de Francisco Sóñora, director de Climántica, e tamén responsable do deseño e desenvolvemento pedagóxico de Oceántica, cuxa presentación pode verse neste vídeo publicado na TV web do Campus do Mar, xunto cos das restantes intervencións. Este novo proxecto Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade foi elaborado para conseguir transmitir á sociedade a importancia que ten a investigación sobre os océanos para a lóita fronte ao cambio climático, para a sustentabilidade e para a saúde.

Nas devanditas xornadas participaron uns 120 asistentes, maioritariamente docentes de secundaria, quen recibiron as pautas para aprender a extraer contidos transversais desde as rías para orientalos cara aos currículos do alumnado de todos os niveis educativos. Investigadores das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña e Aveiro, do Instituto de Investigacións Mariñas ou do Instituto Español de Oceanografía, entre outros, foron os encargados de contar as súas experiencias ao longo destas dúas xornadas.

O 71% dos matriculados participaron de maneira presencial no curso, mentres que o resto fixérono en directo vía streaming, xa que proceden doutras comunidades autónomas (Comunidade Valenciana, Asturias, Cataluña, Madrid, Murcia, Melilla, Baleares e Castela a Mancha) e doutros países (Portugal, Arxentina, Chile, Uruguai, México, Perú e Costa Rica).


Un día no laboratorio de xenómica de Angel Carracedo

 
Pode verse en Climántica TV o vídeo sobre a visita de 12 alumnos de bacharelato do IES Espiñeira atendendo ao convite do director da Fundación Pública Galega de Medicina Legal e máximo responsable do Centro do Xenotipado Nacional, o doutor Ángel Carracedo.

Durante a visita, os alumnos tiveron ocasión de coñecer os principais departamentos e liñas de investigación explicadas por este prestixioso científico galego, galardoado coa medalla Adelaida, o maior galardón científico a nivel mundial no campo das Ciencias Forenses. Deste xeito os alumnos puideron coñecer as metodoloxías que están a seguir en campos fundamentais para a mellora da saúde, como a identificación xenética de cancros, o descubrimento das bases xenéticas de enfermidades raras e os seus desenvolvementos no ámbito da farmacoxénomica.

Tamén tiveron ocasión de formular preguntas a diversos científicos do grupo sobre a actividade que estaban a desenvolver nese momento, e de realizar actividades habituais no laboratorio.

Convocatorias do curso inicial e do congreso xuvenil Oceántica

 



Síguenos en 

Como chegar ao Paraninfo da reitoría da Universidade de Vigo:


O Campus do Mar convocou o curso de formación do profesorado Introdución de contidos transversais sobre as rías nos curriculos e o congreso e campus xuvenís no marco do novo Proxecto Oceántica que se pon en marcha con estas dúas convocatorias.
 
O curso vai a ser impartido pola maioría dos compoñentes do equipo científico pedagóxico que desenvolveu o libro didáctico As Rías, e que se presentará durante o curso.

A convocatoria fíxose dentro da oferta de cursos oficiais da Universidade de Vigo, polo que é necesario inscribirse a través do portal que esta universidade ten destinado á matricula en cursos oficiais.

Coincidindo co inicio de Oceántica, convócase tamén o Congreso Xuvenil Internacional 2013 e o seu campus para premiados. O congreso desenvolverase a través dunha plataforma online.



Climántica no IES Virgen del Remedio de Alacante

 
Está publicado en Climántica TV o vídeo do relatorio inaugural do Seminario sobre cambio climático y Energía: Afrontar el cambio climático con energía en el aula que se celebrou no Centro de Educación Ambiental da Generalitat Valenciana. Neste relatorio inaugural, as profesoras María del Mar Sierra e Josefina Santacreu expuxeron as experiencias que están a desenvolver na aplicación do proxecto Climántica no IES Virgen del Remedio de Alicante, que coordina o departamento de Ciencias Naturais. As dúas profesoras presentaron as actividades de aplicación ao seu centro de Climántica que están desenvolvendo conxuntamente, mediante pontes interdisciplicinares entre as materiais do departamento de Ciencias da Natureza coas materias de expresión artística das modalidades de Artes Plásticas e Artes Escénicas do Bacharelato artístico.


Un sexenio de Climántica

 
Con motivo da celebración do sexto ano de existencia de www.climantica.org, que se puxo en marcha o 9 de febreiro de 2007, procedeuse a publicar en Climántica TV o vídeo Un sexenio de Climántica que recolle unha cronoloxía a modo de anuario de imaxes correspondentes aos seis anos de aplicación do proxecto.

Durante este primeiro sexenio www.climantica.org superou as 870.000 visitas, procedentes de 153 países. Estes datos supoñen un incremento de máis de 200.000 visitas en relación as 659.000 visitas que existían cando se publicou a información o ano pasado, coincidindo cos cinco anos de existencia do proxecto.


Cambio climático no océano

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia titulada Cambio climático no océano impartida polo investigador do Instituto Español de Oceanografía Antonio Bode.

Nela situou o papel do océano na regulación do clima, incidindo no papel da cinta transportadora do calor. Fundamentou o papel do océano como reservorio de CO2 en base ao funcionamento da bomba biolóxica e da física. Analizou a entrada e saída deste gas en febreiro e en agosto nas diferentes rexións oceánicas. Tamén situou os niveis de reservorio do gas CO2 de orixe antropoxénico nas diferentes rexións oceánicas.

A continuación abordou as proxeccións do AR4 IPCC (2007) relativas a: CO2 atmosférico, quentamento e nivel do mar, circulación oceánica global, eventos extremos e acidificación. Todos os riscos oceánicos do cambio climático analizounos no marco da importancia socioeconómica do océano costeiro.

Por último, contextualizou en Galicia a importancia socioeconómica do seu océano costeiro e analizou as evidencias e impactos do cambio climático nese océano costeiro e nos seus recursos en base aos estudos de Cligal, dos que foi corresponsable.


Feliz Nadal e ventureiro aninovo 2013

 
Climántica ven de publicar o vídeo con 5 minutos de bos momentos do desenvolvemento do proxecto no ano 2012, co obxectivo de proceder á tradicional felicitación de Nadal dos seus usuarios. O vídeo – resumo empeza e remata con imaxes da participación dos alumnos no proxecto este ano, e entre elas aparece unha selección de imaxes da formación do profesorado durante o ano 2012.

Arranca con imaxes do V Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica celebrado en Vilagarcía o 21 de xuño de 2012, e do seu campus internacional, para premiados no congreso, desenvolto no albergue da Xunta de Gandarío entre o 23 e 29 de xuño de 2012.

O vídeo remata coa entrevista de alumnos ao co - presidente do grupo III do IPCC celebrada en Vigo e con imaxes do festival de fin do campus internacional celebrado no auditorio da Casa da Cultura de Sada o 29 de xuño de 2012, no que se presentaron os vídeos, obras de teatro e actuacións musicais preparados ao longo do campus.

Entre estas imaxes iniciais e finais da participación dos alumnos, inclúense imaxes, organizadas por orde cronolóxico, dos tres cursos de formación do profesorado desenvoltos ao longo do ano 2012 e das tres actividades de Climántica no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat do CEFIRE de Castellón, celebradas en Vila – real o 10 de novembro de 2012.


Entrevista ao copresidente do grupo III sobre Mitigación do IPCC

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo da entrevista ao copresidente do grupo III sobre Mitigación do IPCC, Ramón Pichs Madruga, que desenvolveron o martes 6 de novembro de 2012 os alumnos Úrsula Martínez do IES Valle – Inclán de Pontevedra e Álvaro Castro do IES de Arzúa. Esa entrevista foi  conducida por seis preguntas seleccionadas dunha relación de quince elaboradas dende o proxecto Climántica. As preguntas que o doutor Pichs Madruga responde no vídeo, son:
  • Cales serían as funcións e estruturas básicas do IPCC?
  • Poden ter interese as políticas actuais de cambio climático para atacar a crise económica actual global?
  • Se os países máis vulnerables ao cambio climático son os menos culpables, e o 25% da poboación está a consumir o 75% dos recursos, ¿cales serían as posibles solucións para intentar reequilibrar?
  • En que rexións do mundo haberá máis secas e inundacións? Poderán existir tamén rexións favorecidas?
  • Cales son os principais avances e frustracións dos cumios de Bali, Copenhague, Cancún e Durban?
  • Considera vostede que nesta loita fronte ao cambio climático, podemos atopar nós oportunidades profesionais?


Climántica no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat

 


Ver vídeo da xornada

O proxecto Climántica foi convidado a participar con unha presenza destacada no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat, un foro de referencia na Educación Ambiental da Comunidade Valencia que organiza o CEFIRE de Castellón, e que este ano se celebrou na cidade de Vila-real. Esta actividade supuxo unha nova oportunidade para Climántica de contactar coa comunidade educativa da Comunidade valenciana, despois das actividades formativas presenciais desenvolvidas en Alicante no ano 2010 e en Castellón no ano 2011; o que honra a este proxecto, ao ter presenza significativa nesa Comunidade, tal e como se pon de manifesto na presenza das actividades de Climántica do IES Virgen del Remedio de Alicante, previstas no programa do Seminario de educación sobre o cambio cambio climático que se celebrará o día 1 de decembro no Centro de Educación Ambiental da Comunidade Valenciana.

A presenza de Climántica neste III Simposi d´Educació per la sostenibilitat abarcou a xornada completa, de 9,30 a 14 horas de mañá e de 16 a 19:30 da tarde do sábado 10 de novembro de 2012, atendendo á solicitude – convite formulado polo coordinador da actividade Vicent Vicent, a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto. Durante a sesión de mañá, Climántica presentou en plenario a todos os asistentes as conclusións das achegas máis singulares do proxecto á temática de cambio climático e tamén participou nun seminario con 30 educadores de Primaria, Secundaria, Universidade e Educación Ambiental non formal, no que se analizaron as características, estrutura, contidos, actividades e poleas de transmisión do proxecto para sacar a Educación Ambiental das aulas á sociedade. Durante a tarde desenvolvéronse dous obradoiros, no que se completaron as 24 prazas ofertadas en cada un, sobre o deseño de actividades multimedia.

Climántica quedou reflectido neste simposio como un proxecto que aporta á Educación Ambiental o valor da programación a longo prazo deste ámbito de coñecemento; e que ao vertebrarse sobre o cambio climático, consigue unha transversalidade que vai máis alá do sentido clásico académico de atravesar disciplinas. Nese senso, destacouse que a dimensión transversal de Climántica tamén atravesa as barreiras dos centros educativos, implicando ás familias en actividades interxeneracionais, e potenciando a capacidade de comunicación dos estudantes como autores de produtos multimedia, e como líderes de comunicación e sensibilización da poboación sobre o cambio climático, equilibrando razón e emoción, e rigor científico e espírito lúdico. Tamén se sinalou a dimensión transversal expresada pola vocación de atravesar as barreiras entre o particular e o global, construíndo así modelos globais sobre denominadores comúns extraídos de impactos do cambio climáticos en diferentes dominios climáticos, para aplicar logo ese modelo no contextual e explicar con máis fundamento os impactos evidenciados. Por último, destacouse a vocación de Climántica por superar barreiras dos sistemas educativos, para o que se optou por cambiar as asignaturas por competencias básicas e os cursos por niveis de competencia curricular.

Climántica quere agradecer á organización deste III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat e a Castellón que lle ofreceran esta nova oportunidade de interacción con esta destacada comunidade de educadores ambientais.


Climántica colabora con EducaBarrié nunha actividade da reunión do IPCC en Vigo

 


EducaBarrié convidou a Climántica a desenvolver unha actividade dos seus alumnos con científicos implicados na reunión do IPCC en Vigo do 6 ao 9 de novembro de 2012, no marco da elaboración do novo informe que ten previsto a súa publicación para o 2014.

A actividade consistiu nas entrevistas co Co - presidente do grupo III do IPCC sobre Mitigación do cambio climático, o doutor Ramón Pichs Madruga e co organizador do encontro e membro dese mesmo grupo, o catedrático de Economía aplicada Xavier Labandeira, que participou no I Congreso Climántica sobre respostas educativas ao cambio climático que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2010, no que disertou sobre a Economía na mitigación e na adaptación ao cambio climático. Os vídeos destas dúas entrevistas publicaranse proximamente en Climántica TV.

As dúas entrevistas foron conducidas por dous alumnos destacados pola súa participación no proxecto Climántica, coordinados por Francisco Sóñora, autor e director do proxecto Climántica. O tándem de entrevistadores foron Álvaro Castro do IES Arzúa, autor de varios traballos premiados nas cinco edicións do congreso CLMNTK, e membro da delegación española no cumio internacional Vamos a coidar do Planeta que se celebrou en Brasilia en xuño 2010, e Úrsula Martínez do IES Valle-Inclán de Pontevedra, tamén premiada por traballos presentados nos dous últimos congresos de Climántica e presentadora no papel de Aire do V Congreso CLMNTK e do acto de presentación de traballos do primeiro campus internacional.



Climántica quere agradecer a EducaBarrié por convidar ao proxecto a desenvolver esta interesante iniciativa, e por todo o apoio que lle ten prestado en actividades de formación do profesorado e no contacto de científicos colaboradores de Climántica cos alumnos.


Recursos de Climántica para actividades no marco do “Ano internacional da enerxía sostible”

 


Neste primeiro trimestre do curso 2012-2013, Climántica está a prestar apoio para aos centros que están a desenvolver actividades relativas ao Ano internacional da enerxía sostible, a través da súa etapa de enerxía. Para facelo apóiase en recursos didácticos como:
  1. O libro Se quentamos, queimamos.
  2. Exercizos on-line sobre a historia da enerxía, sobre a mobilidade, sobre as enerxías renovables en galego e en inglés.
  3. Webquest E ti, sabes como aforrar enerxía na escola?.
  4. Vídeoxogo de simulación para a toma decisións na xestión racional dos recursos enerxéticos para a mitigación do cambio climático na primeira metade do século XXI.
Para reforzar a conceptualización implicada neses recursos, acábase de publicar en Climántica TV o vídeo da conferencia Enerxía e sostibilidade impartida polo director da Axencia enerxética de Vigo, e profesor da Escola Técnica de Enxeñería, Bernardo Parajó. Nesa conferencia o enxeñeiro Parajó expuxo a situación enerxética actual, en canto ao consumo, a política enerxética actual e estratexia 20-20-20. Con este marco actual, buscou respostas a tres preguntas:
  1. Canto tempo poderán os combustibles fósiles cubrir a crecente demanda enerxética?
  2. Ata qué punto e durante canto tempo se poderá capturar e almacenar CO2?
  3. De onde se obterá a enerxía que necesitaremos para as vindeiras décadas?
As respostas que foi dando, fundamentounas sobre consideracións que fixo en relación a:
  1. Ruta da enerxía na actualidade
  2. Impacto das enerxías fósiles
  3. Impacto da enerxía nuclear
  4. Impacto das enerxías renovables
O proxecto Climántica agradece ao profesor Parajó polo coñecemento que nos expón a través deste vídeo, e recoméndao para o fortalecemento das actividades que se están a facer nos centros educativos, aproveitando a motivación que nos ofrece este centro de interese para este primeiro trimestre de curso.


Climántica no III Seminario Iberoamericano CTS da Organización de Estados Iberoamericanos

 


O Comité Organizador do III Seminario Iberoamericano CTS da ensinanza das ciencias da Organización de Estados Iberoamericanos, que se celebrou no IES San Isidro de Madrid entre o 28 e o 30 de setembro de 2012, convidou a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto Climántica, a desenvolver un obradoiro sobre a didáctica multimedia do proxecto. Tamén comunicou as dimensións do proxecto na mesa MC 2-3, onde se presentaron ademais proxectos CTS sobre sostibilidade de Portugal, Brasil e México.

Na mesa MC 2-3 sobre proxectos CTS relativos á sostibilidade, que se celebrou na mañá do sábado 29 de setembro, presentáronse as características de Climántica, a súa organización, os seus contidos CTS sobre enerxía, cambio climático e hidrosfera, os modelos de aplicación do proxecto para diferentes niveles de competencia curricular e as súas propostas de formación do profesorado, rematando coas poleas de transmisión CTS para sacar a Educación Ambiental de Climántica dende os centros educativos cara a sociedade en xeral.

No obradoiro Didáctica multimedia sobre cambio climático dende o proxecto Climántica celebrado na tarde do domingo 30 de setembro, analizouse unha selección de cuestionarios de diversas propostas da Didáctica multimedia (http://biblioteca.climantica.org/gl/formacion/didactica )de Climántica, sobre las seguintes temáticas: o papel de la atmosfera na regulación da temperatura, cambio climático normal, a súa regulación ao longo da historia da Terra, cambio climático antropoxénico, impactos nos ecosistemas; e as relacións do cambio climático coa economía e coa sociedade. Sobre estes cuestionarios, analizáronse a súa coherencia, a pertinencia, a validez e a secuenciación. Ao longo do obradoiro, valoráronse propostas para implementar a didáctica multimedia de Climántica nos sistemas educativos iberoamericanos nos que traballan os asistentes.

Climántica quere agradecer á Organización de Estados Iberoamericanos esta oportunidade e o impulso na implementación do proxecto en diferentes países iberoamericanos.


Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino