CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Climántica e Oceántica en Polonia

 

Os proxectos Climántica e Oceántica foron convidados a desenvolver actividades nas localidades de Polonia de Lodz e Varsovia, entre os días 14 ao 16 de abril no marco do proxecto escolar "Batyk nasze morze" que coordina a profesora Karen Piera del Gimnazjum nr 34 im. Krzysztofa Kamila Baczyskiego de Lódz. Este proxecto está inspirado na metodoloxía de Climántica e supón unha adaptación de Oceántica del Campus do Mar ao sistema educativo de Polonia. Para afondar nestas metodoloxías, o seu autor, Francisco Sóñora, impartiu conferencias para comunidades educativas de Lódz e Varsovia sobre as bases metodolóxicas, produtos de ambos os dous proxectos e histórico do desenvolvemento do proxecto. Tamén desenvolvemento en colaboración con outros docentes diversos talleres en todos os centros nos que participou.

O luns 14 de abril as actividades desenvolvéronse en Gimnazjum 34 do ZSO nr1 (Conxunto de Escolas de Formación Xeral). Alí presentáronse os proxectos Climántica e Oceántica ante autoridades, profesores e alumnos. Tamén se presentou por parte dos alumnos a súa participación no congreso xuvenil internacional Oceántica 13 e o seu campus para premiados. A continuación presentaron a súa participación nas actividades ao longo do curso no seu proxecto escolar "Batyk nasze morze", que adapta ao seu centro o proxecto Oceántica del Campus do Mar. Referíronse en especial ás súas actividades no Mar Báltico, onde concentran as actividades de investigación, xa que é o recurso máis grande en canto a mares refírese que comparte Polonia con outros países de Europa. Explicaron, mediante talleres, como este proxecto escolar ten como obxectivo sensibilizar a poboación no coidado e protección de recursos mariños do Báltico.
Na presentación tiveron un protagonismo especial os tres alumnos premiados en Oceántica 13 que teñen un papel moi activo, coordinados pola súa profesora de ELE, Karen Piera, no impulso do novo proxecto de centro inspirado en Oceántica: "Batyk nasze morze",
 

  • Mateusz Gorucha, de 3º da ESO do Gimnazjum nr 34, manifestou: "Oceántica13 foi un campus que nos deu moito a nivel persoal, a min por exemplo deume a posibilidade de abrirme máis a outras persoas, xa que neste campus non só aprendemos como protexer o medio senón tamén coñecemos moita xente de dous continentes América e Europa,
  • Kinga Garbarczyk, de 2º da ESO engadiu: "Tivemos que integrarnos, realizar traballos xuntos para un obxectivo común"
  • Natalia Witkowska, de 2º da ESO manifestou: "Para realizar este proxecto tivemos que aprender máis do noso mar, así que fomos á Estación Marítima de Hel en Gdask (Stacja Morska Instytutu Oceanografii Uniwersytetu Gdaskiego) e decidimos que para sensibilizar a poboación necesitamos moita xente, por iso animamos os nosos compañeiros a participar nun proxecto que tivese ámbito nacional e internacional, xa que se unimos forzas lograremos facer algo polos nosos mares, lograremos facer algo polo noso planeta",
  • A súa profesora de ELE Karen Piera e coordinadora do proxecto escolar concluíu "Este ano temos un grupo de 14 alumnos que participan no proxecto escolar, 9 colaboradores que practicamente son parte do proxecto, dúas nais de familia que colaboraron con poesía relativa ao tema de sensibilización, e realización do logo do proxecto e todos os demais pais que apoiaron incondicionalmente aos seus fillos e a min".

O martes 15 de abril as actividades desenvolvéronse na escola veciña na mesma cidade de Lódz: VI Liceum im. Joachima Lelewela, organizado por Magorzata Magdziarz, profesora de ELE. Alí o os docentes de Climántica impartiron dous talleres, con tradución do equipo docente de ELE que coordina a profesora Magdziarz

O último día de actividades, o venres 16 de abril, os docentes desprazados a Polonia desprazáronse a Varsovia, acompañados da profesora Karen Piera e dos alumnos implicados no seu proxecto escolar. Nese centro desenvolveron as súas actividades no Gimnazjum 113 z Oddziaami Dwujezycznymi i LXXIII Liceum Ogólnoksztacce w Zespole Szkó nr 17 im. Zawiszaków Proporca "Victoria". Alí as actividades coordinounas Katarzyna Turbiarz, tamén profesora de ELE. Este centro educativo invitou outras escolas de Varsovia. En concreto sumáronse: Miedzynarodowe Gimnazjum nr 51 e Liceum Meridian, Gimnazjum z Oddziaami Dwujezycznymi nr 93 im. Ksieznej Izabeli Czartoryskiej e Gimnazjum nr 15 im.gen.dyw. Stefana Roweckiego "Grota".

As actividades en Varsovia dirixíronse a alumnos de sección bilingüe española, pero con tradución tamén a alumnos de ELE como segunda lingua. A primeira actividade presidiuna en Varsovia o Conselleiro de Educación da Embaixada de España en Polonia, José Antonio Benedicto Iruiñ. Esta actividade consistiu na presentación por parte do director do proxecto Climántica dos resultados do traballo do equipo Climántica ao longo dos últimos sete anos do proxecto. O Conselleiro clausurou o acto felicitando por este labor e a da comunidade educativa de Polonia que se vai sumando á iniciativa, animando a todos

A continuación os docentes do equipo Climántica impartiron un taller pola mañá para os alumnos dos centros invitados. Pola tarde fixeron o mesmo pero cos alumnos do Gimnazjum 113. Ademais os alumnos do Gimnazjum nr 34 de Lódz, prepararon xogos e actividades, que se incorporaron aos talleres.


2101, Regreso ao pasado da Ciencia e da Tecnoloxía nas crises

 


Está publicada en Climántica TV o vídeo da conferencia “20101, Regreso ao pasado da Ciencia e da Técnica nas crises” que impartiu, no IES Poeta Añón, Francisco Sóñora, director do proxecto Climántica, e que se elaborou con imaxes aportadas polos alumnos asistentes.

Trátase dunha visión retrospectiva dende un futuro más aló da extensión máxima das previsións do IPCC, para contribuír así a romper a barreira mental da escala temporal na análise do reto do cambio climático. O fío condutor argumental considera a capacidade que temos e tiveron os nosos antecesores de afrontar retos e de modificar o seu contorno.

Analízase este devir histórico con proxeccións futuras ata o 2101 dende a sucesión de ciclos nos que cada un iníciase como resposta a unha crise debida á escaseza de recursos, que leva a innovacións creativas e a posta en xogo de novas tecnoloxías baseados na explotación de recursos, dando paso a así a un novo ciclo. Dende a aparición do xénero Homo, defendeu que cada ciclo é máis curto, con máis potencia enerxética, menos eficiencia e máis impacto ambiental.

A historia parte dunha crise debida a un cambio climático global natural e remata co último gran reto que afrontou o ser humano nun suposto século pasado (século XXI), no que o cambio climático foi antropoxénico.

O primeiro cambio climático do que se parte foi debido ao inicio do ciclo de glaciacións que se producen de forma bastante cíclica dende que o xénero Homo está presente. Precisamente sitúase a aparición de Homo como resultado das respostas á deforestación dos contornos frondosos africanos debido á glaciación de fai 2,5 millóns de anos. Xustificase estas respostas ao cambio climático polas características evolutivas do xénero Homo.

A segunda gran crise que se trata é a superación do último período glaciar (glaciación do Würm) quedando Homo sapiens sapiens como única especie do xénero que logrou superar este período. Fixo tamén alusión á que abandono da crise derivada da saída desa gran glaciación, implicou a revolución da aparición da agricultura.

Sobre a agricultura, mencionou a crise que puido supoñer a superpoboación derivada da agricultura fronte a escaseza de recursos entre os que destacaron a falta de solo para cultivar. Explicou tamén como se superou esa crise na Idade media coa innovación que supuxo a forxa hidráulica para obter aceiro coa forxa hidráulica e a aparición do arado de ferro que se conseguiu con esta innovación tecnolóxica.

Sobre esta revolución do aceiro, xustificou a crise que arrastrou pola deforestación que supuxo, na etapa fría preindustrial en zonas moi centradas no aceiro con climas fríos e húmidos, como era Inglaterra. Deste xeito situou a última gran revolución (revolución industrial), que se potenciou no século XX coa aparición dos vectores enerxéticos: electricidade e carburantes para motor de combustión interna. Explicou como esta revolución entrou en forte crise definitivamente a inicios do século XXI.

Chegando a este punto fixo referencia ás evidencias, causas e consecuencias do cambio climático no escenario de crise da etapa industrial. Tamén reflexionou sobre o crecemento exponencial da poboación coa crise alimentaria asociada, e aparición dos fertilizantes industriais que permitiron a obtención de máis proteínas cárnicas. Sobre esta innovación tecnolóxica que supuxo a obtención de máis alimentos para superpoboación, incorporou a crise ambiental do exceso de sales de Nitróxeno nos ecosistemas, e aos problemas derivados da eutrofización.

Na última parte fixo referencia ás respostas do século XXI á crise dos combustibles fósiles e ao reto do cambio climático, partindo das respostas da segunda metade do século XX á crise do petróleo, para obter electricidade dende a fisión nuclear e as súas consecuencias ambientais. Abordou o desenvolvemento de enerxías renovables no século XXI.

Por último fixo referencia a contribución das investigacións do século XXI sobre novas fontes de enerxía obtidas da fusión, sobre o papel do H como novo vector vinculado á enerxía limpa, sobre a eficiencia enerxético, e a importancia das boas prácticas para a xestión dos recursos enerxéticos e da auga.  Nesa liña de argumentación, destacou a importancia da educación, convidando aos alumnos a sentirse partícipes na construción desa última parte da historia, en relación ás respostas ao cambio climático e a crise dos combustibles fósiles. Para dar pasos nesa dirección, recomendoulles participar no congreso xuvenil e no campus Oceántica14.



Congreso e Campus Xuvenil Internacional Oceántica14

 


O campus de excelencia internacional Campus do Mar acaba de poñer en marcha a plataforma para atender á convocatoria da edición do 2014 do Congreso Xuvenil internacional OCEÁNTICA, cuxo contido se poder ver neste documento. Este congreso internacional ten como obxectivo sensibilizar sobre dous dos grandes retos ambientais contemporáneos: a sustentabilidade nos sistemas oceánicos e costeiros e sobre o cambio global, dirixido a estudantes de sexto curso de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Universidade e niveis equivalentes en ensinos básicos e medias (≥12 anos) e superiores (≥18anos) doutros países, dando así continuidade á edición do curso pasado, en cuxa plataforma quedaron recollidos as achegas de máis de 300 congresistas de 3 estados europeos e 3 americanos.

Un xurado formado por profesores, investigadores e divulgadores científicos valorará os traballos presentados e elixirá os proxectos gañadores, cuxos autores serán premiados coa participación nun campus de verán internacional de carácter científico científico-artístico-socio-ambiental, na liña do que se celebrou no ano 2013, do que se resumen as súas actividades dos  neste video. Nese campus participaron alumnos de Galicia e doutras comunidades autónomas españolas, xunto con premiados dos Polonia, Portugal, Arxentina e México.

Tanto o congreso xuvenil como o campus xuvenil internacional están confinanciados pola  Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), entidade dependente da Secretaría de Estado de I+D+I do Ministerio de Economía e Competitividade, ao ser esta iniciativa unha das seleccinadas na Convocatoria de Axudas para o fomento da Cultura Científica e da innovación 2013. A través desta convocatoria preténdese apoiar aqueles proxectos singulares que xeran maior impacto na cidadanía e exploran novos camiños para achegar a ciencia e fomentar a cultura da innovación entre os cidadáns.

Máis información sobre Oceántica14 (pulsa aquí).


Curto de felicitación de Nadal con unha selección de imaxes das actividades do 2013

 
En Climántica TV está publicado o curto de 5 minutos con unha selección de imaxes de todos os vídeos que recollen o traballo do equipo Climántica ao longo do 2013. Como xa é tradicional neste portal, con estas imaxes seleccionadas dos vídeos que resumen as actividades desenvoltas ao longo do ano que vai a rematar, o equipo Climántica quere desexar aos usuarios deste portal feliz Nadal e ventureiro aninovo.


Vídeo Aprendemos en Chacahua

 
Vídeo titulado Aprendemos en Chacahua que recolle as experiencias piloto desenvoltas no parque nacional sobre o manglar do estado mexicano de Oaxaca, no marco do programa de colaboración co colexio Madrid de México D.F.


Climántica en México

 


O proxecto Climántica foi convidado polo colexio mexicano – español Madrid coa participación da UNAM, do programa La Ciencia en tu Escuela da Academia Mexicana das Ciencias e da Academia mexicana de profesores de Ciencias Naturais, a desenvolver iniciativas no sistema educativo mexicano.

As actividades iniciáronse ás 9 de mañá do día 31 de outubro co Encontro Climántica – Academia Mexicana de Ciencias no que se presentaron as bases metodolóxicas de Climántica e o seu desenvolvemento cronolóxico. A ese encontro, celebrado na sede da Academia Mexicana de Ciencias, asistiu o equipo ao completo do programa La Ciencia en tu Escuela, encabezado polo seu director Carlos Bosch Giral.



A segunda actividade desenvolveuse ás 12 da mañá na sede do promotor das actividades, o colexio Madrid. Alí a través dunha conferencia - coloquio Francisco Sóñora explicou o desenvolvemento dos proxectos Climántica e Oceántica a autoridades educativas e medioambientais de México convidadas para a ocasión pola directora xeral do colexio Madrid Rosa María Catalá. A conferencia da tarde foi dirixida a profesores e a pais de alumnos do centro, e nela fíxose fincapé nas respostas a preguntas para qué, por qué, qué, cómo e con qué ensinan Climántica e Oceántica.



O venres 1 de novembro foi dedicado tamén a conferencias no colexio Madrid, neste caso dirixidas aos alumnos de Secundaria e Bacharelato. A conferencia para alumnos titulada 2101 regreso ao cambio climático de 2013, foi impartida en tres quendas do orde de 300 alumnos en cada unha delas. Na primeira quenda asistiron os alumnos de Bacharelato, na segunda os alumnos de primeiro de secundaria e metade dos de segundo curso, e na terceira quenda o resto dos alumnos de segundo e os de terceiro curso.

O resto das actividades xa se desenvolveron no Parque nacional de Lagunas de Chacahua, e consistiron nun conxunto de actividades baseadas no modelo de actividades de campo sobre o ecosistema do manglar deseñadas e lideradas dende hai 16 anos polo profesor do colexio Madrid, Julio Ríos. A estas actividades incorporáronse dinámicas, metodoloxías e contidos do proxecto Climántica, co obxectivo de abrir praxes conxuntas sobre actividades de Educación Ambiental. As experiencias piloto foron desenvoltas por 25 alumnos de 3º de Secundaria.

O luns 4 de novembro empregouse para desprazarse dende México D.F. ata o Parque Nacional no estado de Oaxaca, a onde se chegou xa de noite. Despois de montar o campamento e de cear, esa noite desenvolveuse o primeiro itinerario nocturno na praia para identificar rastros e acadar técnicas de rastreo de tartarugas en período de desove.

O martes 5 de novembro pola mañá dedicouse a actividades no criadeiro de crocodilos do Parque nacional. Alí estudáronse as diferenzas entre o crocodilo autóctono C. acutus e o de pantanos C. moreletii, que se introduciu na zona, afectando a identidade xenética da especie autóctona. Tamén se fixeron diferentes referencias á bioloxía das especies. Por último practicaron técnicas para retirar exemplares en situacións nas que este especie pode poñer en risco á especie humana, para proceder así a trasladalos a zona máis seguras.

As actividades da tarde do martes iniciáronse con itinerario en barco para observar o parque nacional e a fauna e flora do manglar. A continuación procedeuse a facer o segundo itinerario pola praia para localizar tartarugas. Alí atopouse unha tartaruga gólfiña desovando e procedeuse por parte do equipo técnico do Parque a explicar as tarefas de traslado de ovos cara o cercado de protección, para protexer o desenvolvemento embrionario da actividade ilícita por parte ladróns de ovos e da captura por parte dos animais. Os alumnos fixeron o proceso para protexer ese desove e observaron tamén no cercado de seguridade como saían as crías dos que naceron esa noite na área protexida.



As actividades do mércores 6 iniciáronse coa liberación das crías de tartaruga que naceron o día anterior. Todos os estudantes recolleron tartarugas que foron liberadas no lugar indicado polos técnicos responsables da conservación das tartarugas. A continuación conduciron aos alumnos cara os niños que foron abandonados por esas crías durante a noite, para proceder entre todos a limpalos para evitar a acumulación de microorganismos na porción de praia cercada. Durante ese proceso de limpeza todos os alumnos lograron liberar algunha cría que non logrou saír durante a noite.



As actividades da tarde do mércores consistiron en facer a análise das características físico – químicas da auga da lagoa. Os resultados puxeron de manifesto que a auga tiña unha temperatura de 28º en superficie, un pH do orde de 7,5 e uns niveis de nitratos, fosfatos, materia en suspensión e demanda biolóxica de osíxeno axeitados para a vida destes ecosistemas salobres. Isto puxo de relevo a nivel empírico a importancia do elevado grao de filtración neste tipo de ecosistemas. Tamén se observaron organismos acuáticos ao microscopio, chamando a atención de forma especial as colonias de pólipos con diferentes especializacións. Xa de noite fíxose unha práctica de observación de crocodilos no seu hábitat natural.



O xoves día 8 iniciouse á actividade ás cinco e media da mañá, incorporándose os alumnos a lanchas de pesca tradicional, onde os pescadores ensináronlle aos alumnos a importancia da técnica sostible no Parque nacional mediante prácticas de pesca con liña na desembocadura da lagoa. A continuación subiuse ao faro para facer unha interpretación paisaxística, xeomorfolóxica e de ecoloxía visual da formación do manglar como consecuencia da desembocadura do río no mar.

Unha vez que se descendeu do faro, fíxose un itinerario a pé polo manglar non inundado máis próximo ao campamento e observáronse as tres principais especies predominantes no parque: mangle vermello, mangle branco e mangle botoncillo. Tamén se observou a cantidade de fango que quedou da inundación da zona co furacán que ocorreu un mes antes. Sobre o papel deste tipo de ecosistemas na protección dos furacáns e no control das inundacións, reflexionouse como esa zona antes estaba inundada porque a auga baixaba con máis lentitude.

A situación actual os guías relacionáronna coa deforestación na parte superior, o que fai que auga baixe con máis forza e diminúa o papel protector de eventos extremos, que tanto preocupa nos escenarios de adaptación ao cambio. Tamén se fixo mención á importancia económica destas plantas halófitas das que depende a construción nas casas da zona. En relación ao seu papel ecolóxico, ademais do seu papel no control de inundacións e na protección contra furacáns como os que se acababa de producir, fíxose referencia a que os amplos sistemas radiculares reciben e procesan os nutrientes, capturan e precipitan sólidos en suspensión e enriquecen a auga de osíxeno. Isto xustifica o seu papel como filtros biolóxicos de control de contaminación e mellora a calidade da auga, todo elo reflectido nas análises da auga da lagoa efectuada o día anterior.



A tarde do xoves estivo dedicada á adaptación de dinámicas de Climántica á rexión de Mesoamérica e ao ecosistema do manglar. Durante estas dinámicas buscouse integrar os coñecementos aplicados durante a semana relacionándoos co cambio climático. Abordouse así a importancia de rexenerar áreas de manglar para conseguir novas superficies forestais que actúen de sumidoiros de CO2. Tamén se fixo fincapé no seu papel na resposta aos previsibles aumentos de fenómenos extremos na rexión, etc.

O equipo Climántica quere agradecer ao colexio Madrid e todas as demais organizacións dispostas a apoiar a adaptación deste concepto pedagóxico á rexión de Meseoamérica, e nese sentido tamén quere destacar a importancia da incorporación ao equipo de grupos docentes como o que lidera esta iniciativa encamiñada á conservación do manglar.


Máis de 1.500 alumnos nos Encontros educativos Oceántica 13-14

 
Xa está publicado o vídeo dos Encontros educativos Oceántica 13-14, celebrados o 21 de outubro, xuntaron aos 350 estudantes galegos de ESO e Bacharelato de toda Galicia que encheron o auditorio da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, con 1.215 que os seguiron dende aulas de centros educativos de localidades doutras comunidades autónomas - Valencia, Alicante, Castelló, San Sebastián dos Reis, Alcalá de Henares, Badaxoz, Huelva, Tenerife, Almería e Eivissa - e doutros sete países - Polonia, Eslovaquia, Portugal, México, Arxentina, Perú e Costa Rica -.



Os Encontros educativos Oceántica 13/14 consistiron nun encontro educativo organizado polo Campus do Mar no marco do proxecto Oceántica con tres grandes obxectivos. O primeiro era achegar contidos para estimular a produción de traballos multimedia para o congreso xuvenil internacional Oceántica 14. O segundo foi presentar os resultados de Oceántica 13, no que participaron máis de 300 estudantes de tres comunidades españolas, de Portugal, Polonia, Costa Rica, Arxentina e México. O último obxectivo era presentar as iniciativas para Oceántica 14 para recoller as suxestións e achegas das comunidades educativas interesadas en participar en Oceántica 14, motivo polo que se apuntaron a estes encontros educativos.

O arranque da xornada tivo lugar no Edificio de Ciencias Experimentais. Alí despois da inauguración por parte do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; iniciouse o desenvolvemento do primeiro obxectivo da xornada, mediante o desenvolvemento dunha secuencia de catro breves conferencias inspiradas no modelo TED, para achegar coñecementos sobre liñas conceptuais transversais prioritarias para Oceántica 14.

A primeira das conferencias foi impartida polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, tomou a palabra para impartir a primeira conferencia, dunha secuencia das catro que se impartiron ao longo da xornada, como fonte de datos, contidos e contextos para inspirar os produtos de sensibilización sobre a investigación oceánica para a sostibilidade deste medio. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo formulou a importancia de estudar o océano para facer fronte aos retos ambientais do século XXI, centrándose de forma especial no cambio climático e na sostibilidade do medio oceánico.

A continuación interveu Luis Gago, catedrático de Xeociencias Marinas e Ordenación do territorio, que impartiu, a charla "Buscando o Océano primitivo: A Terra en Marte". Este profesor defendeu o proceso de formación do Oceáno na Terra e a importancia da súa permanencia no tempo, dende a comparación cos desaparecidos océanos marcianos. A súa conferencia buscou conseguir a visión global da sostibilidade dun sistema complexo susceptible de perderse ou alterarse, tomando como referencia a perda dos océanos en Marte. Un marco de reflexión comparativo global deste tipo que xera oportunidades para sensibilizar sobre a conservación global dos océanos.

A terceira miniconferencia da serie de catro, foi defendida polo catedrático en Física da Terra da Universidade de Vigo, Moncho Gómez Gesteira. Este catedrático de Física defendeu a relevancia de desenvolver modelos de simulación informáticos baseados en cálculos físicos e matemáticos, para determinar os riscos de inundacións no medio costeiro. Ao longo da conferencia presentou as súas simulacións informáticas desenvolvidas polo seu equipo no que se inclúen os datos históricos de inundacións costeiras, e os escenarios derivadas do cambio climático, con especial atención ás predicións de suba do nivel do mar e a proliferación de fenómenos extremos.

A última conferencia foi defendida por Anxo Guerra, o Profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, xefe do grupo de investigación Ecoloxía e Biodiversidade Mariña. Este científico presentou as súas investigacións sobre os requirimentos ecolóxicos da posta e alevinaxe dos polbos no Parque Nacional de Illas Atlánticas, para inspirar a produción de traballos multimedia de sensibilización relativos á conservación de especies e hábitats oceánicos.

Para seguir co desenvolvemento deste obxectivo de achegar coñecementos singulares que estimulen a produción multimedia para o congreso xuvenil Oceántica 14, os alumnos buscaron información en dúas fontes no exterior do auditorio. Estas dúas iniciativas foron a realización de sete talleres comunicados por científicos mediante experiencias prácticas sobre as correntes mariñas, os animais que hai na auga, os otólitos e o seu papel nos desprazamentos dos peixes, as zonas de pesca e a frota pesqueira española, o talle mínimo dos peixes, a importancia das dunas, a acidificación do océano ou a xestión integral da zona costeira.

Tamén se buscou información que inspire traballos para o congreso xuvenil Oceántica 13 mediante a visita de diversos laboratorios da Universidade de Vigo. Para desenvolve estas visitas, os máis de 350 rapaces e rapazas que seguiron as xornadas a nivel presencial, distribuíronse en grupos que visitaron os laboratorios das facultades de Química, Ciencias do Mar, Bioloxía e das escolas de enxeñaría de Minas e Telecomunicación. O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, foi outro dos lugares de destino para recompilar a información procedente das fontes empíricas. Aquí conseguiron o instrumental que se emprega no laboratorio de seguridade alimentaria e desenvolvemento sostible, comprobaron que se fai e para que serve un laboratorio de detección remota e coñeceron, entre outras cousas, que son e para que se empregan a microscopía electrónica e a nanotecnoloxía



A valoración de Oceántica 13 e as propostas para Oceántica 14

Para o desenvolvemento do segundo obxectivo o responsable deste proxecto e do proxecto Climántica, Francisco Sóñora, presentou os resultados de Oceántica 13. A continuación subiron ao escenario os autores premiados en Oceántica que estaban no auditorio. Estes foron entrevistados polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Chechu Pérez, que conduciu un acto no que tamén aproveitou a súa participación para transmitir a importancia non só de facer ciencia senón de tamén "de compartir cos demais os resultados dese traballo". O profesor Pérez, ao longo da súa entrevistas, preguntou aos estudantes os obxectivos dos seus traballos premiados e as técnicas usadas. Estes autores que participaron como premiados no Campus internacional Oceántica 13, tamén responderon a preguntas relativas aos vídeos elaborados polos seus grupos e ao musical, todos eles traballos realizados en equipo co obxectivo de sensibilizar sobre os dous grandes retos ambientais do século XXI: o cambio climático e a sostibilidade dos océanos.

O último obxectivo dos encontros, consistente en recoller as iniciativas para Oceántica 14 desenvolveuse mediante un coloquio co que concluíron as xornadas, e que foi moderado por Francisco Sóñora. Nese coloquio tamén participaron por video conferencia catro docentes en calidade de representantes das catro grandes categorías de centros que participan no proxecto: centros de diferentes comunidades autónomas de España, centros de Iberoamérica, centros de Portugal e centros con seccións bilingües de español en diferentes países de Europa.

Representando os países iberoamericanos participou Julio Ríos, profesor de Bioloxía do Colexio Madrid de México, formador de profesores nese país, e bo coñecedor dos diferentes sistemas educativos iberoamericanos. O profesor Ríos destacou o interese de contextualizar Oceántica en ecosistemas costeiros singulares en Iberoamérica como os manglares. Tamén propuxo realizar encontros presenciais Oceántica en diferentes países, con modelos semellantes ao de Oceántica 13-14.

Os centros europeos con seccións bilingües estiveron representados nesta vídeo conferencia pola profesora de español de Polonia da escola polaca Gimnazjum 34 im. Kamila Baczynskiego de Lodz, Karen Piera. A profesora Piera recomendou seguir afondando nos aspectos de convivencia intercultural, que enriquecen, fortalecen e motivan a aprendizaxe das linguas estranxeiras.

Os centros das diversas comunidades españolas estiveron representados pola profesora de Bioloxía e Xeoloxía do IES Virxe do Remedio de Alacante, Mar Serra. A profesora Sierra, que coordina os proxectos Oceántica e Climántica no IES Virxe do Remedio de Alacante, apostou por reforzar a colaboración interdisciplinar entre departamentos sobre aspectos ambientais que poidan ser compartidos por diversas comunidades autónomas españolas.

A última intervención correu a cargo da profesora de Bioloxía da Escola Secundaria D. Duarte de Coimbra, María de Jesús Bento, coordinadora dos proxectos Oceántica e Climántica nese centro. A profesora Bento recomendou reforzar os lazos culturais entre os diferentes países que participan, para que as propostas de Oceántica 14 sexan aínda máis interesantes en Portugal. Tamén recomendou incorporar o inglés como idioma do portal do congreso xuvenil virtual, para estimular a participación doutros países.

Os alumnos tamén participaron neste coloquio co que concluíron os encontros. Dende a sala trasladouse á organización o seu interese porque Oceántica desenvolva itinerarios costeiros próximos aos seus centros. Tamén pediron intervir a través da video conferencia os alumnos de Alicante e de Polonia. As súas intervencións centráronse en contar o seu interese por participar en Oceántica 14, polo que para eles supuxo participar en Oceántica 13.


O estímulo da creatividade nos proxectos Climántica e Oceántica estiveron presentes nas III Jornadas...

 
A Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA) convidou ao equipo Climántica a que presentara en sesión plenaria no auditorio do Parque Biolóxico de Gaia as estratexias metodolóxicas para o estímulo da creatividade que están a desenvolver nos estudantes no marco dos proxectos Climántica e Oceántica.

O contido da conferencia quedou recollido integro neste vídeo. Nel recóllense, a modo de introdución, as declaracións que fixo a responsable da organización, Fátima Matos Almeida. Esta destacada educadora ambiental portuguesa manifestou nesa introdución que as actividades das xornadas serán desenvolvidas a partires da creatividade, como elemento unificador das diferentes formas de expresión na área das artes visuais, da pintura, da escultura, da expresión dramática, da ciencia e da paisaxe.

Nesa liña, o director de Climántica e coordinador de Oceántica, Francisco Sóñora, situou sobre os denominadores comúns dos dous proxectos, os fitos metodolóxicos para o estímulo da creatividade, así como as competencias básicas aplicadas e os tipos de contidos de expresión artística elaborados polos alumnos para a sensibilización ambiental.

Nese percorrido, fixo especial fincapé nos produtos presentados ao Congreso Xuvenil internacional Oceántica 13, organizado a modo virtual no marco do proxecto Oceántica e no que participaron 302 estudantes procedentes de Galicia (175), resto de España (60), Portugal (20), México (32), Arxentina (6), Costa Rica (6) e Polonia (3). Da modalidade de traballos que se presentaron (vídeos, presentación, relatos, poesía, etc.), seleccionáronse para expoñer neste foro unha selección daqueles máis ricos a nivel multimedia e con dimensións de competencias de comunicación artística singulares para cada un dos exemplos postos. Tamén se fixo fincapé nas orientacións dos mesmos para sensibilizar sobre o estudo do medio mariño e as súas implicacións para a Educación Ambiental da cidadanía.

A continuación referiuse ao Campus Xuveníl Internacional Oceántica 13 comentando imaxes do seu vídeo, para destacar nelas as competencias de comunicación e sensibilización audiovisual expresadas nos vídeos elaborados polos 6 grupos de 6 e 7 membros cada un. Expúxose ademais a creatividade e as competencias postas en xogo na creación do argumento, guións e ensaios de temas do musical, no que participaron todos os alumnos do campus e que se titulou O mar en cinco notas.

Por último o relator convidou a subir a dúas das alumnas da Escola Secundária D. Duarte de Coimbra de Coimbra premiadas e que participaron en Oceántica 13. Empezou intervindo, Maria Palaio autora de Unha mao cheia de cricos matava a fome, quen fixo referencia aos aspectos máis emotivos e vivenciais do campus. De seguido interveu Rita Joana da Cruz Roque, autora de Testemunho de uma gaivota que deixou de ser branca, que se centrou na descrición e valoración das diferentes actividades do campus. O auditorio tamén puido escoitar e acompañar con palmas a canción que interpretaron as tres alumnas de Portugal que participaron no campus.

O equipo Climántica quere agradecer á ASPEA que leve contando coas súas metodoloxías en todas as xornadas que organizou dende o curso 2009-2010, participando por tanto xa nas II Jornadas Art´Ambiente celebradas en Aveiro e recollidas na TV local.



O encontro educativo Oceántica13/14 poderá seguirse en todo o mundo

 


Os centros educativos de calquera país poderán participar no Encontro educativo Oceántica 13/14, polo que os que non poidan asistir a Vigo o día 21 de outubro, poderán seguilo en directo por streaming sen máis que solicitalo enviando un correo a oceantica@campusdomar.es

O encontro educativo OCEÁNTICA13/14 está concibido como unha xornada de achegamento entre centros educativos no marco de OCEÁNTICA, o proxecto CTS do Campus do Mar co obxectivo de reunir á comunidade educativa en torno ao coñecemento e estudo dos océanos, facendo achegas de contido mediante 4 breves conferencias coloquio impartidas por destacados científicos, a realización de obradoiros e as visitas a facultades e centros de investigación. Ademais de convidar á comunidade educativa a recibir estas achegas de coñecemento, convidarase a que poida coñecer a vida dun campus universitario, e tamén a que participe nas actividades asociadas a esta iniciativa ao longo do curso 2013-2014. Por iso se aproveitará a ocasión para recapitular sobre as experiencias de Oceántica13 e para presentar as iniciativas de Oceántica14.

Sobre Oceántica13 farase un recorrido por momentos singulares que foron claves para o desenvolvemento do campus xuvenil internacional que xa se poden visualizar no seu vídeo publicado na WebTV do Campus do Mar. E tamén se analizarán competencias e estratexias de comunicación de calidade recollidas nos traballos publicados no portal do Congreso xuvenil internacional Oceántica13, no que tamén quedaron publicados os vídeos realizados no campus.

Por tanto esta xornada inclúe conferencias de destacados investigadores do Campus do Mar e coloquios con eles, actividades de divulgación científica mariña, visita a centros universitarios e actividades lúdicas e de convivencia. En relación ás actividades relativas a acadar coñecementos, procedementos e actitudes, destacan as seguintes:

Catro charlas - coloquio breves impartidas por destacados investigadores do Campus do Mar que disertarán sobre temáticas que se destacarán no congreso OCEÁNTICA 2014:
  • Por qué estudamos os océanos no Campus do Mar?
  • Como se formaron os océanos?
  • Como se observan os océanos: as tecnoloxías oceánicas
  • A vida nos océanos
Breve recapitulación de Oceántica13. Nela farase unha posta en común global dos traballos presentados ao Congreso Xuvenil Internacional OCEÁNTICA13 e dos traballos en equipos heteroxéneos elaborados durante o campus OCEÁNTICA13.

Presentación de OCEÁNTICA14: xornadas de formación para o profesorado, Ciclos de Conferencias de Divulgación Científica, Congreso Xuvenil internacional e Campus Xuvenil OCEÁNTICA14, Encontros de Oceántica coas comunidades educativas, etc.

Participación nos obradoiros de divulgación científica mariña Mergúllate no Océano nos que terán a ocasión de coñecer diversas propostas experimentais a través de 7 stands: circulación oceánica, identificación de plancto, papel dos otolitos, localización de caladoiros e recursos pesqueiros e marisqueiros, formación e papel das dunas, acidificación do océano e cambio climático, xestión integral costeira.

Carreira de orientación polo Campus de Vigo que conducirá a visitar as dúas facultades nas que os monitores, estudantes das correspondentes facultades, lles amosarán os centros e como se desenvolve o día a día dun estudante universitario.

Interacción cos equipos técnicos altamente cualificados do Centro de Apoio Ceintífico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI). Visitaranse equipos, resultados e instalacións avanzadas relacionadas coa detección remota, a nanotecnoloxía, a microscopía electrónica ou a seguridade alimentaria e manterase unha continuada e constante interacción cos técnicos altamente cualificados que actuarán como monitores.


Corenta estudantes de Europa e América participaron no Campus Oceántica13

 


Corenta rapaces e rapazas de Galicia, Alicante, Alcalá de Henares, Portugal, México, Arxentina e Polonia integraron o Campus Xuvenil Internacional Oceántica13 organizado polo Campus do Mar no Campamento Xuvenil da Devesa, en Ribadeo (Lugo). Foron os gañadores do I Concurso do Congreso Xuvenil Internacional virtual Oceántica 2013, que participaron con traballos multimedia de sensibilización sobre a sostibilidade do medio mariño e cambio climático. O campus implicou a estes premiados noutros dous importantes desafíos, esta vez desenvolvendo a súa capacidade de traballo en equipos de traballo e en gran grupo: crear vídeos de 5 minutos con propostas para un futuro sostible da costa galega e asturiana, para o cal traballaron en grupos de seis; e montar un número musical de temática mariña que interpretaron o sábado no Teatro de Ribadeo ante o público xeral.

Na primera xornada do Campus, os alumnos tiveron pola tarde o seu primeiro contacto coa interpretación. Da man de Antón Coucheiro, guionista e director de escena, realizaron exercicios de interpretación libre, creación de personaxes, dramatización e improvisación, da que saíron personaxes tan dispares como o loro "cocorico", o pallaso "tiquitisplín", o cangrexo sen nome, a serea mar, a avogada "Dominga" ou a xitana "Shakira". E tras esta primeira aula de teatro, chegou o primeiro contacto coa costa lucense. Todo o grupo baixou ata a praia das Catedrais para facer actividades de ocio e tempo libre. Despois da cea, celebrouse a primeira reunión para a creación do número musical. Os rapaces reuníronse novamente con Antón Coucheiro e José Rodríguez, profesor da Escola de Altos Estudos Musicais da Coruña, para traballar na preparación do número musical, definir o guión, as coreografías e as dramatizacións.



As actividades do segundo día desenvolvéronse en Burela pola mañá e en Ribadeo pola tarde. A xornada empezou no porto de Burela, onde Pablo Villapol, cronista do diario El Progreso, lles falou do pasado e presente da Mariña lucense e, en especial, dos portos de Burela e Ribadeo. Villapol explicoulles, entre outras cousas, que Ribadeo e Burela son dous pobos socioloxicamente moi distintos. Ribadeo tivo un importante pasado como porto pesqueiro e comercial, e o tráfico marítimo xerou moita riqueza, ata o punto de chegar a contar con tres bancos propios. Non obstante, a día de hoxe, a pesca practicamente desapareceu e o tráfico de mercadorías é moi limitado. O presente e futuro é o porto deportivo, o máis importante entre A Coruña e Oviedo. Polo contrario, Burela é un pobo de recente creación, que creceu fundamentalmente en torno á pesca do bonito. A infraestrutura pesqueira coa que conta esta vila é moi importante e o seu porto de pesca é un dos máis relevantes de Europa.

Despois desta charla, os estudantes de Oceántica puideron visitar o barco boniteiro Reina do Carmen no mesmo porto de Burela. Alí, o señor Balbino, pescador durante 30 anos e promotor deste barco museo, explicoulles o funcionamento de diferentes aparatos e faloulles da evolución dos métodos de pesca, relacionando a súa evolución cun incremento do impacto ecolóxico sobre os ecosistemas oceánicos. Tamén se referiu á vinculación de Burela coa pesqueira do bonito, o seu desenvolvemento a partir da década dos sesenta, impulsada pola promoción do recurso debido á instauración da festa do bonito. Vinculou esta expansión co desenvolvemento do pobo e a atracción de inmigrantes. Así mesmo, fixo mención a que cada vez é necesario pescar o bonito do norte a máis distancia da costa.

A continuación participaron nos talleres "Mergúllate no Océano" que o Campus do Mar organiza en diferentes localidades de Galicia para concienciar á cidadanía sobre a importancia da conservación do medio mariño. Aproveitando que ese día se celebraba en Burela, os corenta alumnos do Campus Oceántica desprazáronse ata a vila para realizar os talleres e exercer despois de divulgadores cara ao público. Xa nos postos de Mergúllate nos Océano, os corenta participantes distribuíronse en grupos de seis para recibir formación directamente dos divulgadores do Campus do Mar, que os asesoraron sobre as correntes mariñas, os animais que hai na auga, os otólitos (que indican, entre outras cousas, a idade dos peixes), as zonas de pesca e a frota pesqueira española, o talle mínimo dos peixes, a importancia das dunas, a acidificación do océano ou a xestión integral da zona costeira. Unha vez formados, os rapaces colleron o control dos postos e, por parellas, foron os encargados de impartir os talleres e explicar toda a información ao público que visitou Mergúllate non Océano.

Pola tarde, despois dun pícnic no Miradoiro de Monte Castelo (Burela) e dun paseo pola praia de Arealonga, reuníronse en Ribadeo con Jaime Cabeza, catedrático de dereito laboral da Universidade de Vigo, que lles falou sobre as condicións laborais dos pescadores. Segundo lles explicou, controlar e inspeccionar o traballo no mar é moi difícil, polo que tradicionalmente se realizaron prácticas excesivas, con xornadas de traballo moi longas, condicións perigosas e salarios baixos. A isto contribúe tamén que os armadores abandeiren os seus barcos en países con condicións laborais moi precarias, que se aplican a todos os que traballen na nave.



O terceiro día dedicouse ao litoral asturiano. Alí o catedrático de Ecoloxía Emilio Fernández Suárez, o director do Campus do Mar, dirixiu unha serie de actividades sobre Ecoloxía litoral e intermareal. O catedrático da Universidade de Vigo levou os participantes de Oceántica ata a praia de Frexulfe, no concello asturiano de Navia para traballar nun areal que está declarado Monumento natural e que conta cun importante ecosistema. Alí, os rapaces tiveron ocasión de ver de preto os estratos que forman as rochas, así como as especies animais e vexetais que hai nos sistemas intermareais (zonas que son metade mariñas e metade terrestres). Divididos en grupos de traballo, observaron e analizaron a natureza dende o punto de vista dun ecólogo. Para iso, previamente, o profesor Fernández formuloulles preguntas que deberían responder coa observación en grupos de 6 membros. Tamén lles pediu que durante as observacións se fixeran novas preguntas.

Unha vez concluído os 45 minutos de observación, procedeu a facer unha posta en común das respostas achegadas polos diferentes grupos. O obxectivo da actividade era reflexionar sobre os valores ecolóxicos dos ecosistemas das praias, en contextos como pode ser o da toma de decisións científicas relativas á protección de ecosistemas, aplicando o concepto de servizo ecolóxico. Para iso insistiu na diferenza de valor e prezo, e puxo o exemplo dunha especie invasora presente nese ecosistema, para referirse á necesidade de eliminalas, se non teñen interese, ou ben, se son útiles, tomar decisións de mantelas illadas e controladas para que non afecten á dinámica dos ecosistemas. Aproveitou a posta en común sobre as respostas ás preguntas previas á observación, para evidenciar diferentes servizos ecolóxicos da praia, como o papel de depuración da auga doce do río, xustificando, sobre a base dos diversos servizos analizados, a necesidade da súa protección. Na posta en común tamén contestou a novas preguntas que se formularon os alumnos durante as súas observacións, como foi o caso do motivo de por que había moitos mexillóns nas rochas que percebes. A esa pregunta en concreto respondeulles que o mexillón se reproduce máis rápido e tende a colonizar as rochas, eliminando así superficie de colonización das rochas. Concluíu coa súa resposta, que nas zonas nas que hai moito mexillón é moi difícil encontrar outras especies fixadas na rocha, como pode ser o caso do percebe.

Despois das actividades de Frexulfe e dunha comida pícnic no pobo Puente de Vega, pola tarde visitaron a vila de Luarca e o Centro da Lura Xigante, onde puideron ver varios exemplares deste cefalópodo, e onde o director, Luis Laria, lles falou das súas características. Contoulles, por exemplo, que son os animais co ollo máis grande, de mesmo 12 centímetros de diámetro; ou que o seu cerebro é como un donuts, cun perforado no medio polo que pasan o esófago e os alimentos. A continuación, na zona dedicada á pesca da balea, expuxo a importancia histórica deste recurso en Luarca, a súa pesca, e a extinción da especie cantábrica, co obxectivo de reflexionar sobre a sostibilidade dos recursos pesqueiros.

No mesmo museo, asistiron tamén á charla de Juan Antonio Martín Losada, cronista oficial de Luarca, que lles falou do pasado e presente desta vila asturiana. Segundo lles explicou, a referencia histórica máis antiga de Luarca data do século X e a poboación foi crecendo entorno a porto e aos barrios pescadores. Martín Losada contoulles tamén que na historia de Luarca houbo varios fitos moi importantes: a concesión do foro no século XIII, que deriva na creación dun porto de baleas e na creación dunha industria de construción de barcos; e o privilexio do alfolí, o almacén de sal, que se lle concedeu no século seguinte e que deu lugar a un importante movemento de importación e exportación. No que respecta á pesca, a época de maior esplendor foi nos séculos XV e XVI, coa pesca da balea. A partir do século XVII houbo un importante retroceso económico e comezou a emigración cara a América. Hoxe en día, segundo lles explicou, Luarca é unha vila de servizos que depende moito do turismo, e onde a pesca é algo xa residual.

Para finalizar a xornada en Luarca, os rapaces e rapazas do Campus fixeron unha visita ao Parque da Vida. Este espazo é un referente en actividades de divulgación científica. Trátase dun percorrido de dous quilómetros entre arboredo autóctono, no que se explica, ademais como se creou a Terra, a vida, e como evolucionaron a xeoloxía e as especies. Neste percorrido centrouse en dous puntos: 1) na relación dos cambios na distribución dos continentes, cos grandes cambios ambientais e coa evolución das especies, 2) na parte de Educación Ambiental. Esta visita tamén foi conducida por Luis Laria, quen dirixe tamén este centro de divulgación científica e ambiental. Ademais, contan cun centro de recuperación de animais exóticos nos que os alumnos de Oceántica puideron tocar en vivo e en directo varios exemplares de serpes, entre elas un Pitón. Remataron a visita cunha sesión no planetario do Parque, onde lles explicaron a situación das estrelas e constelacións.



No cuarto día pechouse o programa das actividades de recompilación de datos para o desenvolvemento de proxectos. Conseguiu un itinerario xeolóxico pola famosa praia das Catedrais. Os participantes estiveron acompañados pola experta en oceanografía xeolóxica Sandra Mosquera, que lles ensinou as distintas partes desta Reserva da Biosfera. Segundo lles explicou, o nome orixinal da praia era Agusantas, pero as impresionantes formas que se foron creando nos acantilados remataron por darlle a denominación coa que este espazo é internacionalmente coñecido. Esta praia, declarada Monumento Natural, conta con distintas formacións na rocha, todas elas provocadas pola erosión. No primeiro tramo hai fundamentalmente covas, pero a medida que se avanza polo areal, empezan a aparecer furnas, bufadoiros (que son covas sen unha parte de teito) e arcobotantes, os arcos de pedra que forman a imaxe máis típica desta praia. Sandra Mosquera tamén lles falou de toda a bioloxía mariña que se pode encontrar nas rochas das Catedrais: anémonas, mexillóns, percebes ou lapas, entre outras; e contoulles a lenda da serea que encerraron nun dos arcos da praia para que deixase de seducir aos pescadores cos seus cánticos.

A tarde desta penúltima xornada do Campus estivo dedicada ao traballo nos proxectos de grupo e ao ensaio do musical que interpretaron ao día seguinte no Teatro de Ribadeo. Para rematar o día, puideron pasar unhas horas practicando diversos deportes náuticos en Ribadeo. Titorizados polos monitores do Club Náutico, percorreron a franxa de ría que separa Ribadeo da localidade asturiana de Figueras en kaiak, zodiac e vela lixeira. Xa de volta no Campamento da Devesa, celebraron a festa de fin de Campus coa presenza novamente do guionista e director de escena Antón Coucheiro, que lles propuxo diversas actividades de animación.



A mañá da última xornada do Campus estivo dedicada ao ensaio xeral do musical e á finalización dos vídeos. Os rapaces traballaron en equipos para compilar todo o aprendido durante o Campus en pezas audiovisuais duns 5 minutos de duración. Os grupos estaban formados por seis ou sete compoñentes de idades e nacionalidades diferentes para potenciar a diversidade e favorecer o traballo interxeracional e intercultural.

Os resultados puideron verse pola tarde no Teatro de Ribadeo, seis vídeos cun alto compoñente de creatividade e unha mensaxe moi clara: a necesidade de coidar o medio mariño e realizar prácticas sostibles que axuden á conservación das especies. Tras a proxección dos vídeos, comezou o musical, ideado e interpretado polos propios participantes do Campus, baixo a dirección do guionista e director de escena Antón Coucheiro e do profesor da Escola de Altos Estudos Musicais da Coruña, José Rodríguez.

O musical “O océano en cinco notas" puxo o punto final á primeira edición do Campus Internacional Xuvenil Oceántica. Todos os alumnos participaron nesta última representación, que se celebrou no Teatro de Ribadeo e na que tamén se proxectaron os traballos audiovisuais realizados coa información recompilada durante estes cinco días. O espectáculo, conducido por Antón Coucheiro, contaba a historia dunha viaxe polo fondo do mar nun submarino amarelo. María, a protagonista, ía encontrando todo tipo de especies mariñas pero tamén restos da contaminación que está a xerar o ser humano cos seus residuos. O musical finalizou cunha canción interpretada por todo o equipo de Oceántica 2013 e, novamente, cunha mensaxe de concienciación para que a sociedade en xeral coide dos océanos.

As impresións de todas as partes implicadas neste Campus Oceántica 2013 son moi positivas, sorprendendo a capacidade dos alumnos para absorber a información, procesala e transmitila nun espazo de tempo tan curto. Nas enquisas de satisfacción realizadas, os alumnos destacaban a grande experiencia que supuxo para eles compartir estes días con rapaces doutras nacionalidades, así como todos os coñecementos que puideron adquirir coas charlas e visitas realizadas, e o gratificante que lles resultou participar na creación dos vídeos e do musical. Os profesores que acudiron acompañando aos alumnos estranxeiros e de fóra de Galicia tamén valoraron moi positivamente o Campus e aseguraron que Oceántica é un grande apoio para as ensinanzas ambientais na aula.



Conferencia de Ángel Carracedo nos Encontros coa investigación para a sostibilidade e a saúde

 
Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da segunda conferencia dos Encontros coa investigación científica dos alumnos de primeiro de Bacharelato do Barbanza. Esta segunda conferencia correu a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela,  director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional del Genotipado.

O profesor Carracedo iniciou a súa intervención contextualizando a súa charla no eido da orientación profesional e vocacional cara as investigacións contemporáneas a favor da sostibilidade e da saúde, centrándoa así dentro da temática dos encontros. Para situar a charla nestas claves, lembrou as dúbidas, inquedanzas e contexto académico que tivo el cando estaba na idade dos alumnos que asistiron aos encontros. Para manter este discurso sobre as relacións da evolución das súas liñas de traballo coa evolución da Xenómica, articulou a charla sobre unha secuencia cronolóxica dos fitos do seu ámbito de coñecemento, relacionándoos con fitos persoais da súa investigación e da do seu grupo de investigación.

O primeiro fito ao que se referiu foi a oportunidade que tivo para formarse en Xenómica forense en Suecia, o que lle permitiu atender a súa vocación, toda vez que en España naquela época non había esa especialidade. Nese paralelismo que foi establecendo entre os seus fitos de investigación e os do seu ámbito de investigación, situou en paralelo a estes inicios da súa formación investigadora, coa aparición do ADN nun suposto océano primitivo, molécula que vai a ser o fío condutor do seu ámbito de coñecemento, polo valor que esta ten para identificarnos.

Situou a continuación os fitos das súas investigación no seu regreso a Galicia, cos dos avances da Xenómica no ámbito forense, pola capacidade que xa empeza a haber daquela para facer usos forenses do ADN, do que destacou as achegas de Alec Jeffrens sobre o ADN non codificante. Fixo mención a este descubrimento, porque atopouse que nese ADN lixo todos éramos tremendamente diferentes, o que posibilitaba que un tamaño mínimo de ADN permitira sacar o perfil xenético de todo un individuo, podendo así resolver con moita facilidade casos coma os de paternidade.  Daquela época destacou tamén que o seu afán por descubrir cousas novas nese contexto de avance da xenómica, lle permitiu aprender o importante que é descubrir cousas novas. Fixo referencia a que o interese que tiña por entender o por qué das cousas dende os perfís xenómicos, favoreceu que a metade dos marcadores que se usan na actualidade no ámbito da Xenómica forense, e a totalidade dos novos, foran descubertos no seu Instituto. Isto naquela época chegou a situalos no principal referente europeo no seu ámbito de investigación, o que lles permitiu participar en casos de relevancia internacional.

O seguinte fito do seu desenvolvemento científico, foi a introdución na Xenómica clínica, á que dixo que chegou porque como médico sempre tivo a vocación de investigar para curar enfermidades. Este é un ámbito de investigación ao que se chega cando se pode secuenciar o ADN e ver con detalle os cromosomas. O seu obxecto de estudo son os danos no ADN que producen enfermidades. Un exemplo de enfermidades relacionadas con fallos do ADN que puxo, foi o do cancro, cuxo orixe ten que ver con danos no ADN que impide que as células morran. Destacou como estes avances da xenómica e a evolución nas liñas de investigación do seu grupo cara ao ámbito clínico, levárono a impulsar a Fundación Galega de Medicina Xenómica do SERGAS que está a dirixir, o no que están a ter máis de 30.000 pacientes ao ano. Dentro de este ámbito de investigación, e dentro do marco estatal, pasou tamén a dirixir o Centro Nacional do Xenotipado. En relación a este ámbito clínico, tamén fixo referencia aos múltiples proxectos que se están a desenvolver dende estes marcos institucionais, moitos deles relacionados co cancro.

O fito seguinte no que se centrou, foi o relativo á relevancia actual do seu grupo no ámbito da xenómica forense, premiado no 2011 coa medalla Adelaida que os veu a recoñecer como o grupo de maior relevancia internacional nese ámbito. Dende ese marco afrontaron e están a afrontar casos de moita importancia e relevancia mundial, entre os que citou o 11S, 11M e o Tsunami asiático. Destes casos puxo algúns exemplos de descubrimentos moi coñecidos a nivel internacional.

O último fito ao que se referiu, fíxoo en termos de futuro. Dentro das liñas novas que dixo que lle interesaban na actualidade, mencionou o convite que recibiu para participar nun proxecto internacional que consiste en conseguir o ADN de todos os organismos mariños, o que permitiría inmortalizar a esas especies. En relación a esta liña, fixo mención ao interés que pode ter no contexto do castigo histórico aos océanos pola sobrepesca e a contaminación.

Pechou a súa intervención poñendo de novo o acento na dimensión orientadora e de estímulo das vocacións investigadoras a favor da saúde e da sostibilidade, sobre a que trataron os encontros. Para conseguilo mencionou a diversidade de perfís investigadores dos responsables de cada liña de investigación do grupo. Sobre estes perfís sacou dúas conclusións que deixou a modo de recomendación aos alumnos. As dúas recomendacións – conclusións formulounas sobre as características que teñen todos os membros do seu grupo son: 1) búsqueda constante da súa ilusión por descubrir cousas novas e pelexa continúa por ela, 2) moita capacidade de traballo, que a súa vez require da primeira conclusión – recomendación, porque non se pode traballar moito se non se está moi ilusionado co que se fai.


Aberto o prazo para votar traballos do congreso virtual xuvenil internacional Oceántica13

 


Xa está aberto o prazo para votar os traballos presentados ao congreso xuvenil internacional Oceántica13 que están publicados en http://congresooceantica.campusdomar.es, e que se desenvolveu no marco do proxecto Oceántica promovido polo campus de excelencia internacional Campus do Mar. Neste congreso participaron estudantes españois de Galicia, Comunidade Valenciana, Madrid e Cataluña, xunto cos de outros cinco estados da UE e de América Latina (Portugal, Polonia, México, Arxentina e Costa Rica). Os autores de traballos con maior valoración como resultado da avaliación do xurado (70% da cualificación) e das votacións dos usuarios do portal (30% da cualificación), serán premiados como asistentes ao campus xuvenil internacional Oceántica13.

Conferencia de Emilio Fernández nos Encontros coa investigación para a sostibilidade e a saúde

 
Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da primeira conferencia dos Encontros coa investigación científica cos alumnos de primeiro de Bacharelato do Barbanza, nos que os científicos Emilio Fernández e Ángel Carracedo, deron a súa visión da evolución do seu coñecemento científico na súa vida profesional, para centrarse no marco contemporáneo das súas investigación a favor do medio ambiente e da saúde. Fixérono orientándose polo fin último das xornadas, que foi espertar vocacións científicas para os retos do século XXI nos ámbitos do medio ambiente e da saúde.

Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar, foi o primeiro en intervir, e iniciou a súa intervención mostrando como os seus estudos na facultade de Bioloxía da Universidade de Oviedo espertaron o seu interese pola Ecoloxía mariña, que o levou a facer a tese nese ámbito. Fixo fincapé tamén na oportunidade que lle supuxo que no departamento lle encargaran estudar algo que descoñecían, que era a fotosíntese das comunidades planctónicas.

A continuación fixo referencia a como sigueu afondando no reto na súa estancia en Inglaterra e a oportunidade que lle supuxo poder estar nun centro de investigación da primeira división mundial. Lembrou que daquela etapa saíu no ano 1993 unha investigación que se referencia a diario. Logo comentou a seguinte etapa, como científico en EEUU.

A etapa de investigación en EEUU rematou cando se incorporou á Universidade de Vigo. Desta etapa científico investigadora á que accedeu cando gañou a oposición de profesor titular de Ecoloxía, lembrou os inicios con 100 alumnos e 48 € para investigar, contrastando esa situación coa etapa investigadora que viña de pechar en EEUU. Fixo referencia a cómo fixo fronte a esa situación e foi conseguindo proxectos que lle permitiron incorporarse á investigación no Atlántico e na Antártida, logrando descubrir canto C se fixa no Atlántico, outra investigación con moitas referencias.

Comentou como desa etapa xurdiu un equipo amplo que o levou a ter que ocupar un tempo amplo en viaxar, buscar orzamentos para os proxectos a organizar o traballo dun equipo complexo. Dalgún xeito dou por sentado que esta é unha etapa á que chega un científico na evolución da súa carreira. Nesa liña de xestión, situou o rol que lle corresponde na actualidade coa dirección do Campus do Mar, un proxecto relevante no seu ámbito para o lugar onde lle tocou vivir. Neste contexto contemporáneo, situou os grandes retos do seu ámbito para a sostibilidade.

Dentro do contexto de orientación profesional e vocacional no que estaba contextualizada a conferencia, destacou as ensinanzas dos mestres. Destas ensinanzas destacou, sobre todo as que lle levaron a asumir que na investigación solo ten sentido facer cousas novas, e que un científico contemporáneo ten que estudar más que o que lle interesa, pois ten que ter unha visión xeral e multidisciplinar .

Concluíu poñendo o acento na finalidade orientadora da charla, e recomendando aos estudantes que queiran dedicarse á investigación ter ilusión intelectual polo saber, humildade para aprender, pracer polo traballo ben feito, capacidade para comunicar, serenidade, afán de coñecer o descoñecido, e algo de sorte para transformar o mundo.


Congreso Xuvenil Internacional Oceántica13

 


Xa está operativa a plataforma para subir os traballos do Congreso xuvenil internacional Oceántica13, que contén as bases da convocatoria e os titoriais coas explicacións para subir os traballos á plataforma. Os traballos poden facerse en todos os formatos de comunicación académica, e con calquera fórmula de divulgación e sensibilización a través da web. Déixase a disposición dos usuarios este póster para imprimilo e pegalo nos centros educativos.

Os alumnos poden facer os traballos por iniciativa propia ou dentro de iniciativas académicas, como a que se explica no vídeo da experiencia do IES Virgen del Remedio de Alacante. Nel móstranse as bases do traballo coordinado pola profesora Mar Sierra, que consiste na colaboración entre os departamentos de Bioloxía e de Plástica para orientar aos alumnos na elaboración de traballos de sensibilización ambiental nun marco interdisciplinar de comunicación científico – artística.

Tamén está publicado en Climántica TV o vídeo da presentación do congreso xuvenil internacional na inauguración dos encontros educativos sobre a orientación vocacional relativa á investigación no ámbito do medio ambiente e da saúde que se celebraron no auditorio da Casa de cultura de Boiro o 19 de abril de 2013.


Inicio do proxecto Oceántica cunhas xornadas internacionais

 


Durante o venres 12 e o sábado 13 de abril de 2013, tivo lugar o inicio do proxecto Oceántica, coa organización dun curso sobre as rías, que se estendeu en dúas intensas xornadas de traballo. O proxecto Oceántica é unha iniciativa coa que o Campus do Mar quere experimentar modelos educativos de Ciencia, Tecnoloxía E Sociedade.

A presentación do proxecto Oceántica correu a cargo de Francisco Sóñora, director de Climántica, e tamén responsable do deseño e desenvolvemento pedagóxico de Oceántica, cuxa presentación pode verse neste vídeo publicado na TV web do Campus do Mar, xunto cos das restantes intervencións. Este novo proxecto Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade foi elaborado para conseguir transmitir á sociedade a importancia que ten a investigación sobre os océanos para a lóita fronte ao cambio climático, para a sustentabilidade e para a saúde.

Nas devanditas xornadas participaron uns 120 asistentes, maioritariamente docentes de secundaria, quen recibiron as pautas para aprender a extraer contidos transversais desde as rías para orientalos cara aos currículos do alumnado de todos os niveis educativos. Investigadores das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña e Aveiro, do Instituto de Investigacións Mariñas ou do Instituto Español de Oceanografía, entre outros, foron os encargados de contar as súas experiencias ao longo destas dúas xornadas.

O 71% dos matriculados participaron de maneira presencial no curso, mentres que o resto fixérono en directo vía streaming, xa que proceden doutras comunidades autónomas (Comunidade Valenciana, Asturias, Cataluña, Madrid, Murcia, Melilla, Baleares e Castela a Mancha) e doutros países (Portugal, Arxentina, Chile, Uruguai, México, Perú e Costa Rica).


Un día no laboratorio de xenómica de Angel Carracedo

 
Pode verse en Climántica TV o vídeo sobre a visita de 12 alumnos de bacharelato do IES Espiñeira atendendo ao convite do director da Fundación Pública Galega de Medicina Legal e máximo responsable do Centro do Xenotipado Nacional, o doutor Ángel Carracedo.

Durante a visita, os alumnos tiveron ocasión de coñecer os principais departamentos e liñas de investigación explicadas por este prestixioso científico galego, galardoado coa medalla Adelaida, o maior galardón científico a nivel mundial no campo das Ciencias Forenses. Deste xeito os alumnos puideron coñecer as metodoloxías que están a seguir en campos fundamentais para a mellora da saúde, como a identificación xenética de cancros, o descubrimento das bases xenéticas de enfermidades raras e os seus desenvolvementos no ámbito da farmacoxénomica.

Tamén tiveron ocasión de formular preguntas a diversos científicos do grupo sobre a actividade que estaban a desenvolver nese momento, e de realizar actividades habituais no laboratorio.

Convocatorias do curso inicial e do congreso xuvenil Oceántica

 



Síguenos en 

Como chegar ao Paraninfo da reitoría da Universidade de Vigo:


O Campus do Mar convocou o curso de formación do profesorado Introdución de contidos transversais sobre as rías nos curriculos e o congreso e campus xuvenís no marco do novo Proxecto Oceántica que se pon en marcha con estas dúas convocatorias.
 
O curso vai a ser impartido pola maioría dos compoñentes do equipo científico pedagóxico que desenvolveu o libro didáctico As Rías, e que se presentará durante o curso.

A convocatoria fíxose dentro da oferta de cursos oficiais da Universidade de Vigo, polo que é necesario inscribirse a través do portal que esta universidade ten destinado á matricula en cursos oficiais.

Coincidindo co inicio de Oceántica, convócase tamén o Congreso Xuvenil Internacional 2013 e o seu campus para premiados. O congreso desenvolverase a través dunha plataforma online.



Climántica no IES Virgen del Remedio de Alacante

 
Está publicado en Climántica TV o vídeo do relatorio inaugural do Seminario sobre cambio climático y Energía: Afrontar el cambio climático con energía en el aula que se celebrou no Centro de Educación Ambiental da Generalitat Valenciana. Neste relatorio inaugural, as profesoras María del Mar Sierra e Josefina Santacreu expuxeron as experiencias que están a desenvolver na aplicación do proxecto Climántica no IES Virgen del Remedio de Alicante, que coordina o departamento de Ciencias Naturais. As dúas profesoras presentaron as actividades de aplicación ao seu centro de Climántica que están desenvolvendo conxuntamente, mediante pontes interdisciplicinares entre as materiais do departamento de Ciencias da Natureza coas materias de expresión artística das modalidades de Artes Plásticas e Artes Escénicas do Bacharelato artístico.


Un sexenio de Climántica

 
Con motivo da celebración do sexto ano de existencia de www.climantica.org, que se puxo en marcha o 9 de febreiro de 2007, procedeuse a publicar en Climántica TV o vídeo Un sexenio de Climántica que recolle unha cronoloxía a modo de anuario de imaxes correspondentes aos seis anos de aplicación do proxecto.

Durante este primeiro sexenio www.climantica.org superou as 870.000 visitas, procedentes de 153 países. Estes datos supoñen un incremento de máis de 200.000 visitas en relación as 659.000 visitas que existían cando se publicou a información o ano pasado, coincidindo cos cinco anos de existencia do proxecto.


Cambio climático no océano

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia titulada Cambio climático no océano impartida polo investigador do Instituto Español de Oceanografía Antonio Bode.

Nela situou o papel do océano na regulación do clima, incidindo no papel da cinta transportadora do calor. Fundamentou o papel do océano como reservorio de CO2 en base ao funcionamento da bomba biolóxica e da física. Analizou a entrada e saída deste gas en febreiro e en agosto nas diferentes rexións oceánicas. Tamén situou os niveis de reservorio do gas CO2 de orixe antropoxénico nas diferentes rexións oceánicas.

A continuación abordou as proxeccións do AR4 IPCC (2007) relativas a: CO2 atmosférico, quentamento e nivel do mar, circulación oceánica global, eventos extremos e acidificación. Todos os riscos oceánicos do cambio climático analizounos no marco da importancia socioeconómica do océano costeiro.

Por último, contextualizou en Galicia a importancia socioeconómica do seu océano costeiro e analizou as evidencias e impactos do cambio climático nese océano costeiro e nos seus recursos en base aos estudos de Cligal, dos que foi corresponsable.


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino