

A continuación, o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Emilio Fernández, abordou, a través dunha conferencia inaugural, respostas a preguntas que considerou clave para que o alumnado, a través das súas respostas, creasen os seus proxectos.

Pola tarde, da man do correlato do profesor de Filosofía Guillermo Rodríguez Vega, o catedrático Emilio Fernández abordou no seminario docente, a través dun obradoiro, a transferencia curricular interdisciplinar dos contidos implicados nas preguntas da conferencia inaugural. O profesorado analizou utilidades e transposicións didácticas en grupos organizados por especialidades.

Durante esa tarde do día 30 tamén se abordou a primeira hora e media diaria dedicada aos obradoiros competenciais, cuxo obxectivo foi dotar ao alumnado das competencias e habilidades necesarias para os seus roles nos proxectos. Desde esta curtametraxe pódese visualizar o desenvolvemento deses proxectos:
Xa pola noite desenvolveuse a cea das nacionalidades, na que cada unha das doce delegacións territoriais presentou e compartiu coas demais os pratos máis singulares da súa cultura gastronómica.

Despois da cea das nacionalidades tivo lugar a primeira parte do festival das nacionalidades coa intervención de seis delegacións. Neste festival cada delegación presentou o seu territorio e compartiu cancións e coreografías propias de cada cultura. O festival completouse ao día seguinte coa segunda parte, na que interviñeron as outras seis delegacións territoriais.

O día 31 continuaron os proxectos e a hora e media diaria de obradoiros competenciais. No proxecto do making of do documental de eCO2Rivers que se estaba gravando en Aveiro, implicouse alumnado dos socios escolares do IES Virxe do Mar de Noia, do IES Lope de Vega de Madrid e da escola profesional ADA de Montemor-o-Velho. Ese día realizouse a gravación nun monte incendiado nos días anteriores. Tamén se filmaron as investigacións sobre os procesos de freo da erosión e recuperación na cunca fluvial do gran incendio de setembro de 2024.
O día 1 de setembro continuouse co traballo nos proxectos e obradoiros do programa. Pola tarde foise á praia e pola noite celebrouse a primeira festa xuvenil preparada no obradoiro de DJ e festas.

No seminario docente, os investigadores e profesores de comunicación audiovisual da USC Pablo Calviño e Manuel Barreiro analizaron diferentes filmes desde o punto de vista das súas utilidades didácticas. No coloquio o profesorado fixo achegas desde as súas especialidades:

Ese penúltimo día pechouse tamén o programa do Seminario docente homologado con 24 horas de formación permanente do profesorado polo Ministerio de Educación.

Entre os seus obradoiros destacou o impartido polo profesor de Xeografía Física Alfredo García sobre “Risco de inundacións nos barrancos valencianos: unha visión desde a Xeografía Física”, cuxo coloquio permitiu reflexionar sobre o aumento dos riscos derivados do avance climático por eventos extremos.
Ás 19:00 horas procedeuse á preestrea dos capítulos de Galicia, Aveiro e Polonia no auditorio do Centro de Congresos de Aveiro.

O mércores 3 de setembro pechouse o campus co evento de clausura, que se retransmitiu por streaming, seguido por centos de usuarios dos doce territorios participantes. Desde esta ligazón pódese visualizar o evento final gravado a través do streaming.
Neste evento presentáronse as sete curtametraxes creativas sobre cambio climático elaboradas por produtoras xuvenís con representantes dos doce territorios, que se comentan a continuación:
Curtametraxe AV1 – Outro mundo, os mesmos erros? Pode visualizarse aquí:
O argumento céntrase nas tecnoloxías espaciais, especialmente os satélites de observación terrestre, que permiten estudar e monitorizar o cambio climático nas últimas décadas. Nun contexto onde a exploración espacial é habitual, prantexase un futuro hipotético no que a humanidade descobre un planeta habitable con recursos explotables. Xorde entón o debate: ¿deberiamos colonizalo e explotar os seus recursos para manter o ritmo de consumo actual ou enfocalo doutra maneira?
AV2 – Interferencia. Visualizar aquí:
AV3 – Vivindo unha mentira. Visualizar aquí:
Argumento: Nun mundo saturado de estímulos é moi doado ignorar a crise climática. A información é máis accesible ca nunca, pero non sempre axuda a comprender mellor a realidade. ¿Pode a humanidade mirar eternamente para outro lado?
AV4 – Chispa é lume. Visualizar aquí:
Argumento: A problemática do cambio climático abórdase a partir do efecto bolboreta; é dicir, como pequenas accións poden desencadear sucesos moito maiores. Vese a grupos de mozos realizando pequenos malos hábitos (tirar lixo, consumo excesivo…) e como iso provoca consecuencias graves posteriormente.
AV5 – A pesadela. Visualizar aquí:
Argumento: Un neno vive sen preocuparse polo medio ambiente: tira lixo, malgasta recursos e non recicla. Mais unha noite soña cun mundo devastado, sen auga e dominado polos efectos do cambio climático. A pesadela confróntao coa realidade dos seus actos e faino reflexionar sobre cambiar hábitos antes de que sexa demasiado tarde.
AV6 – Un pequeno xesto, un gran cambio. Visualizar aquí:
Argumento: O vídeo mostra como un xesto aparentemente insignificante, como non reciclar unha botella de plástico, ten un gran impacto ambiental: continentes de plástico, danos para animais mariños e terrestres, e incluso para os seres humanos.
AV7 – Golpe de realidade. Visualizar aquí:
Argumento: Un millonario participa nun reality show no que vive cos medios dunha persoa común. Durante a súa participación aprende sobre o cambio climático e sobre como as súas consecuencias afectan a vida cotiá da maioría da poboación.
O evento pechouse coa representación do musical “Odisea a través do tempo”, que se pode visualizar aquí:
O musical integrou o traballo dos subproxectos de Banda, Canto, Teatro e Escenografía, así como o obradoiro de danza, e implicou alumnado de todos os territorios. O argumento céntrase na viaxe de dous investigadores do cambio climático nunha nave de translación cuántica desde o ano 2084 ata rematar no auditorio do Centro de Congresos de Aveiro o 3 de setembro de 2025. Ao longo dese percorrido de 59 anos, visitan diversos países e épocas para analizar momentos clave da crise da auga derivada do cambio climático de 2084. O argumento desenvólvese nun prólogo, catro capítulos e un epílogo.
