CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Máis de 1.500 alumnos nos Encontros educativos Oceántica 13-14

 
Xa está publicado o vídeo dos Encontros educativos Oceántica 13-14, celebrados o 21 de outubro, xuntaron aos 350 estudantes galegos de ESO e Bacharelato de toda Galicia que encheron o auditorio da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, con 1.215 que os seguiron dende aulas de centros educativos de localidades doutras comunidades autónomas - Valencia, Alicante, Castelló, San Sebastián dos Reis, Alcalá de Henares, Badaxoz, Huelva, Tenerife, Almería e Eivissa - e doutros sete países - Polonia, Eslovaquia, Portugal, México, Arxentina, Perú e Costa Rica -.



Os Encontros educativos Oceántica 13/14 consistiron nun encontro educativo organizado polo Campus do Mar no marco do proxecto Oceántica con tres grandes obxectivos. O primeiro era achegar contidos para estimular a produción de traballos multimedia para o congreso xuvenil internacional Oceántica 14. O segundo foi presentar os resultados de Oceántica 13, no que participaron máis de 300 estudantes de tres comunidades españolas, de Portugal, Polonia, Costa Rica, Arxentina e México. O último obxectivo era presentar as iniciativas para Oceántica 14 para recoller as suxestións e achegas das comunidades educativas interesadas en participar en Oceántica 14, motivo polo que se apuntaron a estes encontros educativos.

O arranque da xornada tivo lugar no Edificio de Ciencias Experimentais. Alí despois da inauguración por parte do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; iniciouse o desenvolvemento do primeiro obxectivo da xornada, mediante o desenvolvemento dunha secuencia de catro breves conferencias inspiradas no modelo TED, para achegar coñecementos sobre liñas conceptuais transversais prioritarias para Oceántica 14.

A primeira das conferencias foi impartida polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, tomou a palabra para impartir a primeira conferencia, dunha secuencia das catro que se impartiron ao longo da xornada, como fonte de datos, contidos e contextos para inspirar os produtos de sensibilización sobre a investigación oceánica para a sostibilidade deste medio. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo formulou a importancia de estudar o océano para facer fronte aos retos ambientais do século XXI, centrándose de forma especial no cambio climático e na sostibilidade do medio oceánico.

A continuación interveu Luis Gago, catedrático de Xeociencias Marinas e Ordenación do territorio, que impartiu, a charla "Buscando o Océano primitivo: A Terra en Marte". Este profesor defendeu o proceso de formación do Oceáno na Terra e a importancia da súa permanencia no tempo, dende a comparación cos desaparecidos océanos marcianos. A súa conferencia buscou conseguir a visión global da sostibilidade dun sistema complexo susceptible de perderse ou alterarse, tomando como referencia a perda dos océanos en Marte. Un marco de reflexión comparativo global deste tipo que xera oportunidades para sensibilizar sobre a conservación global dos océanos.

A terceira miniconferencia da serie de catro, foi defendida polo catedrático en Física da Terra da Universidade de Vigo, Moncho Gómez Gesteira. Este catedrático de Física defendeu a relevancia de desenvolver modelos de simulación informáticos baseados en cálculos físicos e matemáticos, para determinar os riscos de inundacións no medio costeiro. Ao longo da conferencia presentou as súas simulacións informáticas desenvolvidas polo seu equipo no que se inclúen os datos históricos de inundacións costeiras, e os escenarios derivadas do cambio climático, con especial atención ás predicións de suba do nivel do mar e a proliferación de fenómenos extremos.

A última conferencia foi defendida por Anxo Guerra, o Profesor de Investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Investigacións Científicas (CSIC) no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, xefe do grupo de investigación Ecoloxía e Biodiversidade Mariña. Este científico presentou as súas investigacións sobre os requirimentos ecolóxicos da posta e alevinaxe dos polbos no Parque Nacional de Illas Atlánticas, para inspirar a produción de traballos multimedia de sensibilización relativos á conservación de especies e hábitats oceánicos.

Para seguir co desenvolvemento deste obxectivo de achegar coñecementos singulares que estimulen a produción multimedia para o congreso xuvenil Oceántica 14, os alumnos buscaron información en dúas fontes no exterior do auditorio. Estas dúas iniciativas foron a realización de sete talleres comunicados por científicos mediante experiencias prácticas sobre as correntes mariñas, os animais que hai na auga, os otólitos e o seu papel nos desprazamentos dos peixes, as zonas de pesca e a frota pesqueira española, o talle mínimo dos peixes, a importancia das dunas, a acidificación do océano ou a xestión integral da zona costeira.

Tamén se buscou información que inspire traballos para o congreso xuvenil Oceántica 13 mediante a visita de diversos laboratorios da Universidade de Vigo. Para desenvolve estas visitas, os máis de 350 rapaces e rapazas que seguiron as xornadas a nivel presencial, distribuíronse en grupos que visitaron os laboratorios das facultades de Química, Ciencias do Mar, Bioloxía e das escolas de enxeñaría de Minas e Telecomunicación. O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, CACTI, foi outro dos lugares de destino para recompilar a información procedente das fontes empíricas. Aquí conseguiron o instrumental que se emprega no laboratorio de seguridade alimentaria e desenvolvemento sostible, comprobaron que se fai e para que serve un laboratorio de detección remota e coñeceron, entre outras cousas, que son e para que se empregan a microscopía electrónica e a nanotecnoloxía



A valoración de Oceántica 13 e as propostas para Oceántica 14

Para o desenvolvemento do segundo obxectivo o responsable deste proxecto e do proxecto Climántica, Francisco Sóñora, presentou os resultados de Oceántica 13. A continuación subiron ao escenario os autores premiados en Oceántica que estaban no auditorio. Estes foron entrevistados polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Chechu Pérez, que conduciu un acto no que tamén aproveitou a súa participación para transmitir a importancia non só de facer ciencia senón de tamén "de compartir cos demais os resultados dese traballo". O profesor Pérez, ao longo da súa entrevistas, preguntou aos estudantes os obxectivos dos seus traballos premiados e as técnicas usadas. Estes autores que participaron como premiados no Campus internacional Oceántica 13, tamén responderon a preguntas relativas aos vídeos elaborados polos seus grupos e ao musical, todos eles traballos realizados en equipo co obxectivo de sensibilizar sobre os dous grandes retos ambientais do século XXI: o cambio climático e a sostibilidade dos océanos.

O último obxectivo dos encontros, consistente en recoller as iniciativas para Oceántica 14 desenvolveuse mediante un coloquio co que concluíron as xornadas, e que foi moderado por Francisco Sóñora. Nese coloquio tamén participaron por video conferencia catro docentes en calidade de representantes das catro grandes categorías de centros que participan no proxecto: centros de diferentes comunidades autónomas de España, centros de Iberoamérica, centros de Portugal e centros con seccións bilingües de español en diferentes países de Europa.

Representando os países iberoamericanos participou Julio Ríos, profesor de Bioloxía do Colexio Madrid de México, formador de profesores nese país, e bo coñecedor dos diferentes sistemas educativos iberoamericanos. O profesor Ríos destacou o interese de contextualizar Oceántica en ecosistemas costeiros singulares en Iberoamérica como os manglares. Tamén propuxo realizar encontros presenciais Oceántica en diferentes países, con modelos semellantes ao de Oceántica 13-14.

Os centros europeos con seccións bilingües estiveron representados nesta vídeo conferencia pola profesora de español de Polonia da escola polaca Gimnazjum 34 im. Kamila Baczynskiego de Lodz, Karen Piera. A profesora Piera recomendou seguir afondando nos aspectos de convivencia intercultural, que enriquecen, fortalecen e motivan a aprendizaxe das linguas estranxeiras.

Os centros das diversas comunidades españolas estiveron representados pola profesora de Bioloxía e Xeoloxía do IES Virxe do Remedio de Alacante, Mar Serra. A profesora Sierra, que coordina os proxectos Oceántica e Climántica no IES Virxe do Remedio de Alacante, apostou por reforzar a colaboración interdisciplinar entre departamentos sobre aspectos ambientais que poidan ser compartidos por diversas comunidades autónomas españolas.

A última intervención correu a cargo da profesora de Bioloxía da Escola Secundaria D. Duarte de Coimbra, María de Jesús Bento, coordinadora dos proxectos Oceántica e Climántica nese centro. A profesora Bento recomendou reforzar os lazos culturais entre os diferentes países que participan, para que as propostas de Oceántica 14 sexan aínda máis interesantes en Portugal. Tamén recomendou incorporar o inglés como idioma do portal do congreso xuvenil virtual, para estimular a participación doutros países.

Os alumnos tamén participaron neste coloquio co que concluíron os encontros. Dende a sala trasladouse á organización o seu interese porque Oceántica desenvolva itinerarios costeiros próximos aos seus centros. Tamén pediron intervir a través da video conferencia os alumnos de Alicante e de Polonia. As súas intervencións centráronse en contar o seu interese por participar en Oceántica 14, polo que para eles supuxo participar en Oceántica 13.


Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  
Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino