CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Corenta estudantes de Europa e América participaron no Campus Oceántica13

 


Corenta rapaces e rapazas de Galicia, Alicante, Alcalá de Henares, Portugal, México, Arxentina e Polonia integraron o Campus Xuvenil Internacional Oceántica13 organizado polo Campus do Mar no Campamento Xuvenil da Devesa, en Ribadeo (Lugo). Foron os gañadores do I Concurso do Congreso Xuvenil Internacional virtual Oceántica 2013, que participaron con traballos multimedia de sensibilización sobre a sostibilidade do medio mariño e cambio climático. O campus implicou a estes premiados noutros dous importantes desafíos, esta vez desenvolvendo a súa capacidade de traballo en equipos de traballo e en gran grupo: crear vídeos de 5 minutos con propostas para un futuro sostible da costa galega e asturiana, para o cal traballaron en grupos de seis; e montar un número musical de temática mariña que interpretaron o sábado no Teatro de Ribadeo ante o público xeral.

Na primera xornada do Campus, os alumnos tiveron pola tarde o seu primeiro contacto coa interpretación. Da man de Antón Coucheiro, guionista e director de escena, realizaron exercicios de interpretación libre, creación de personaxes, dramatización e improvisación, da que saíron personaxes tan dispares como o loro "cocorico", o pallaso "tiquitisplín", o cangrexo sen nome, a serea mar, a avogada "Dominga" ou a xitana "Shakira". E tras esta primeira aula de teatro, chegou o primeiro contacto coa costa lucense. Todo o grupo baixou ata a praia das Catedrais para facer actividades de ocio e tempo libre. Despois da cea, celebrouse a primeira reunión para a creación do número musical. Os rapaces reuníronse novamente con Antón Coucheiro e José Rodríguez, profesor da Escola de Altos Estudos Musicais da Coruña, para traballar na preparación do número musical, definir o guión, as coreografías e as dramatizacións.



As actividades do segundo día desenvolvéronse en Burela pola mañá e en Ribadeo pola tarde. A xornada empezou no porto de Burela, onde Pablo Villapol, cronista do diario El Progreso, lles falou do pasado e presente da Mariña lucense e, en especial, dos portos de Burela e Ribadeo. Villapol explicoulles, entre outras cousas, que Ribadeo e Burela son dous pobos socioloxicamente moi distintos. Ribadeo tivo un importante pasado como porto pesqueiro e comercial, e o tráfico marítimo xerou moita riqueza, ata o punto de chegar a contar con tres bancos propios. Non obstante, a día de hoxe, a pesca practicamente desapareceu e o tráfico de mercadorías é moi limitado. O presente e futuro é o porto deportivo, o máis importante entre A Coruña e Oviedo. Polo contrario, Burela é un pobo de recente creación, que creceu fundamentalmente en torno á pesca do bonito. A infraestrutura pesqueira coa que conta esta vila é moi importante e o seu porto de pesca é un dos máis relevantes de Europa.

Despois desta charla, os estudantes de Oceántica puideron visitar o barco boniteiro Reina do Carmen no mesmo porto de Burela. Alí, o señor Balbino, pescador durante 30 anos e promotor deste barco museo, explicoulles o funcionamento de diferentes aparatos e faloulles da evolución dos métodos de pesca, relacionando a súa evolución cun incremento do impacto ecolóxico sobre os ecosistemas oceánicos. Tamén se referiu á vinculación de Burela coa pesqueira do bonito, o seu desenvolvemento a partir da década dos sesenta, impulsada pola promoción do recurso debido á instauración da festa do bonito. Vinculou esta expansión co desenvolvemento do pobo e a atracción de inmigrantes. Así mesmo, fixo mención a que cada vez é necesario pescar o bonito do norte a máis distancia da costa.

A continuación participaron nos talleres "Mergúllate no Océano" que o Campus do Mar organiza en diferentes localidades de Galicia para concienciar á cidadanía sobre a importancia da conservación do medio mariño. Aproveitando que ese día se celebraba en Burela, os corenta alumnos do Campus Oceántica desprazáronse ata a vila para realizar os talleres e exercer despois de divulgadores cara ao público. Xa nos postos de Mergúllate nos Océano, os corenta participantes distribuíronse en grupos de seis para recibir formación directamente dos divulgadores do Campus do Mar, que os asesoraron sobre as correntes mariñas, os animais que hai na auga, os otólitos (que indican, entre outras cousas, a idade dos peixes), as zonas de pesca e a frota pesqueira española, o talle mínimo dos peixes, a importancia das dunas, a acidificación do océano ou a xestión integral da zona costeira. Unha vez formados, os rapaces colleron o control dos postos e, por parellas, foron os encargados de impartir os talleres e explicar toda a información ao público que visitou Mergúllate non Océano.

Pola tarde, despois dun pícnic no Miradoiro de Monte Castelo (Burela) e dun paseo pola praia de Arealonga, reuníronse en Ribadeo con Jaime Cabeza, catedrático de dereito laboral da Universidade de Vigo, que lles falou sobre as condicións laborais dos pescadores. Segundo lles explicou, controlar e inspeccionar o traballo no mar é moi difícil, polo que tradicionalmente se realizaron prácticas excesivas, con xornadas de traballo moi longas, condicións perigosas e salarios baixos. A isto contribúe tamén que os armadores abandeiren os seus barcos en países con condicións laborais moi precarias, que se aplican a todos os que traballen na nave.



O terceiro día dedicouse ao litoral asturiano. Alí o catedrático de Ecoloxía Emilio Fernández Suárez, o director do Campus do Mar, dirixiu unha serie de actividades sobre Ecoloxía litoral e intermareal. O catedrático da Universidade de Vigo levou os participantes de Oceántica ata a praia de Frexulfe, no concello asturiano de Navia para traballar nun areal que está declarado Monumento natural e que conta cun importante ecosistema. Alí, os rapaces tiveron ocasión de ver de preto os estratos que forman as rochas, así como as especies animais e vexetais que hai nos sistemas intermareais (zonas que son metade mariñas e metade terrestres). Divididos en grupos de traballo, observaron e analizaron a natureza dende o punto de vista dun ecólogo. Para iso, previamente, o profesor Fernández formuloulles preguntas que deberían responder coa observación en grupos de 6 membros. Tamén lles pediu que durante as observacións se fixeran novas preguntas.

Unha vez concluído os 45 minutos de observación, procedeu a facer unha posta en común das respostas achegadas polos diferentes grupos. O obxectivo da actividade era reflexionar sobre os valores ecolóxicos dos ecosistemas das praias, en contextos como pode ser o da toma de decisións científicas relativas á protección de ecosistemas, aplicando o concepto de servizo ecolóxico. Para iso insistiu na diferenza de valor e prezo, e puxo o exemplo dunha especie invasora presente nese ecosistema, para referirse á necesidade de eliminalas, se non teñen interese, ou ben, se son útiles, tomar decisións de mantelas illadas e controladas para que non afecten á dinámica dos ecosistemas. Aproveitou a posta en común sobre as respostas ás preguntas previas á observación, para evidenciar diferentes servizos ecolóxicos da praia, como o papel de depuración da auga doce do río, xustificando, sobre a base dos diversos servizos analizados, a necesidade da súa protección. Na posta en común tamén contestou a novas preguntas que se formularon os alumnos durante as súas observacións, como foi o caso do motivo de por que había moitos mexillóns nas rochas que percebes. A esa pregunta en concreto respondeulles que o mexillón se reproduce máis rápido e tende a colonizar as rochas, eliminando así superficie de colonización das rochas. Concluíu coa súa resposta, que nas zonas nas que hai moito mexillón é moi difícil encontrar outras especies fixadas na rocha, como pode ser o caso do percebe.

Despois das actividades de Frexulfe e dunha comida pícnic no pobo Puente de Vega, pola tarde visitaron a vila de Luarca e o Centro da Lura Xigante, onde puideron ver varios exemplares deste cefalópodo, e onde o director, Luis Laria, lles falou das súas características. Contoulles, por exemplo, que son os animais co ollo máis grande, de mesmo 12 centímetros de diámetro; ou que o seu cerebro é como un donuts, cun perforado no medio polo que pasan o esófago e os alimentos. A continuación, na zona dedicada á pesca da balea, expuxo a importancia histórica deste recurso en Luarca, a súa pesca, e a extinción da especie cantábrica, co obxectivo de reflexionar sobre a sostibilidade dos recursos pesqueiros.

No mesmo museo, asistiron tamén á charla de Juan Antonio Martín Losada, cronista oficial de Luarca, que lles falou do pasado e presente desta vila asturiana. Segundo lles explicou, a referencia histórica máis antiga de Luarca data do século X e a poboación foi crecendo entorno a porto e aos barrios pescadores. Martín Losada contoulles tamén que na historia de Luarca houbo varios fitos moi importantes: a concesión do foro no século XIII, que deriva na creación dun porto de baleas e na creación dunha industria de construción de barcos; e o privilexio do alfolí, o almacén de sal, que se lle concedeu no século seguinte e que deu lugar a un importante movemento de importación e exportación. No que respecta á pesca, a época de maior esplendor foi nos séculos XV e XVI, coa pesca da balea. A partir do século XVII houbo un importante retroceso económico e comezou a emigración cara a América. Hoxe en día, segundo lles explicou, Luarca é unha vila de servizos que depende moito do turismo, e onde a pesca é algo xa residual.

Para finalizar a xornada en Luarca, os rapaces e rapazas do Campus fixeron unha visita ao Parque da Vida. Este espazo é un referente en actividades de divulgación científica. Trátase dun percorrido de dous quilómetros entre arboredo autóctono, no que se explica, ademais como se creou a Terra, a vida, e como evolucionaron a xeoloxía e as especies. Neste percorrido centrouse en dous puntos: 1) na relación dos cambios na distribución dos continentes, cos grandes cambios ambientais e coa evolución das especies, 2) na parte de Educación Ambiental. Esta visita tamén foi conducida por Luis Laria, quen dirixe tamén este centro de divulgación científica e ambiental. Ademais, contan cun centro de recuperación de animais exóticos nos que os alumnos de Oceántica puideron tocar en vivo e en directo varios exemplares de serpes, entre elas un Pitón. Remataron a visita cunha sesión no planetario do Parque, onde lles explicaron a situación das estrelas e constelacións.



No cuarto día pechouse o programa das actividades de recompilación de datos para o desenvolvemento de proxectos. Conseguiu un itinerario xeolóxico pola famosa praia das Catedrais. Os participantes estiveron acompañados pola experta en oceanografía xeolóxica Sandra Mosquera, que lles ensinou as distintas partes desta Reserva da Biosfera. Segundo lles explicou, o nome orixinal da praia era Agusantas, pero as impresionantes formas que se foron creando nos acantilados remataron por darlle a denominación coa que este espazo é internacionalmente coñecido. Esta praia, declarada Monumento Natural, conta con distintas formacións na rocha, todas elas provocadas pola erosión. No primeiro tramo hai fundamentalmente covas, pero a medida que se avanza polo areal, empezan a aparecer furnas, bufadoiros (que son covas sen unha parte de teito) e arcobotantes, os arcos de pedra que forman a imaxe máis típica desta praia. Sandra Mosquera tamén lles falou de toda a bioloxía mariña que se pode encontrar nas rochas das Catedrais: anémonas, mexillóns, percebes ou lapas, entre outras; e contoulles a lenda da serea que encerraron nun dos arcos da praia para que deixase de seducir aos pescadores cos seus cánticos.

A tarde desta penúltima xornada do Campus estivo dedicada ao traballo nos proxectos de grupo e ao ensaio do musical que interpretaron ao día seguinte no Teatro de Ribadeo. Para rematar o día, puideron pasar unhas horas practicando diversos deportes náuticos en Ribadeo. Titorizados polos monitores do Club Náutico, percorreron a franxa de ría que separa Ribadeo da localidade asturiana de Figueras en kaiak, zodiac e vela lixeira. Xa de volta no Campamento da Devesa, celebraron a festa de fin de Campus coa presenza novamente do guionista e director de escena Antón Coucheiro, que lles propuxo diversas actividades de animación.



A mañá da última xornada do Campus estivo dedicada ao ensaio xeral do musical e á finalización dos vídeos. Os rapaces traballaron en equipos para compilar todo o aprendido durante o Campus en pezas audiovisuais duns 5 minutos de duración. Os grupos estaban formados por seis ou sete compoñentes de idades e nacionalidades diferentes para potenciar a diversidade e favorecer o traballo interxeracional e intercultural.

Os resultados puideron verse pola tarde no Teatro de Ribadeo, seis vídeos cun alto compoñente de creatividade e unha mensaxe moi clara: a necesidade de coidar o medio mariño e realizar prácticas sostibles que axuden á conservación das especies. Tras a proxección dos vídeos, comezou o musical, ideado e interpretado polos propios participantes do Campus, baixo a dirección do guionista e director de escena Antón Coucheiro e do profesor da Escola de Altos Estudos Musicais da Coruña, José Rodríguez.

O musical “O océano en cinco notas" puxo o punto final á primeira edición do Campus Internacional Xuvenil Oceántica. Todos os alumnos participaron nesta última representación, que se celebrou no Teatro de Ribadeo e na que tamén se proxectaron os traballos audiovisuais realizados coa información recompilada durante estes cinco días. O espectáculo, conducido por Antón Coucheiro, contaba a historia dunha viaxe polo fondo do mar nun submarino amarelo. María, a protagonista, ía encontrando todo tipo de especies mariñas pero tamén restos da contaminación que está a xerar o ser humano cos seus residuos. O musical finalizou cunha canción interpretada por todo o equipo de Oceántica 2013 e, novamente, cunha mensaxe de concienciación para que a sociedade en xeral coide dos océanos.

As impresións de todas as partes implicadas neste Campus Oceántica 2013 son moi positivas, sorprendendo a capacidade dos alumnos para absorber a información, procesala e transmitila nun espazo de tempo tan curto. Nas enquisas de satisfacción realizadas, os alumnos destacaban a grande experiencia que supuxo para eles compartir estes días con rapaces doutras nacionalidades, así como todos os coñecementos que puideron adquirir coas charlas e visitas realizadas, e o gratificante que lles resultou participar na creación dos vídeos e do musical. Os profesores que acudiron acompañando aos alumnos estranxeiros e de fóra de Galicia tamén valoraron moi positivamente o Campus e aseguraron que Oceántica é un grande apoio para as ensinanzas ambientais na aula.



Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  
Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino