O día 5 de xuño, coincidindo coa celebración do Día mundial de medio ambiente, clausuráronse as primeiras xornadas temáticas de Climántica que se celebraron como experiencia piloto no IES Fernando Blanco de Cee.
Nestas xornadas o Director Xeral de Desenvolvemento Sostible e o Director de Climántica desenvolveron unha conferencia conxunta no salón de actos. Ao rematar, os estudantes pasaron a informarse sobre as causas e consecuencias do cambio climático nas carpas temáticas onde recibiron as explicacións dos seus compañeiros monitores, apoiándose en experiencias prácticas. Estes estudantes - monitores formáronse durante 3 días coa Técnica do proxecto Climántica que se encarga das actividades de dinamización en centros.
Durante o recreo os estudantes observaron as actuacións de magos, acróbatas e malabaristas. A celebración do Día mundial do medio ambiente pechouse co espectáculo Climantopía, onde confluíron música, maxia, proxeccións multimedia, que acompañaron e reforzaron as mensaxes de educación ambiental comunicadas nunha serie de contos e cancións. O modelo xa quedou suficientemente testado para que se poida exportar a outros centros piloto interesados e implicados en Climántica.
Actualización: Xa se pode ver o documental das actividades en Climántica TV.