CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Conferencia internacional en Segovia con participantes procedentes de seis sistemas educativos

 
Do 3 ao 7 de setembro de 2015 celebrouse en Segovia o campus xuvenil internacional CLMNTK15 do proxecto Climántica e o seu seminario docente no que participaron centros educativos de Galicia, de Castela León, de Canarias, de México, de Portugal, e de Polonia. O obxectivo destes dous eventos coordinados e relacionados consistiu en buscar formas de relacionar os proxectos educativos escolares para formar unha rede educativa capaz de innovar na dirección de buscar respostas educativas ao cambio climático.



Todas estas actividades, agás a presentación de proxectos, desenvolvéronse no Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM) do 3 ao 7 de setembro. Tanto o campus coma o seminario docente orientáronse a conseguir responder con eficacia ao cambio climático. Para conseguilo considerouse que era necesario ter unha visión comparativa dos aqueles modelos de dominios climáticos claramente diferenciados como son os de México D. F., Segovia, Tenerife, Galicia interior e costeira, Portugal oceánico e interior e Polonia interior.

As actividades do campus xuvenil internacional desenvolvéronse en dúas modalidades de proxectos, nos que están implicados a totalidade dos alumnos participantes. Estes alumnos que participan fano como premio á excelencia dos seus produtos de sensibilización que presentaron ao campus xuvenil internacional CLMNTK no que participaron centros de alumnos de Europa e América. Os seus profesores implicados no seminario docente de investigación foron seleccionados pola calidade dos seus traballos.



Para desenvolver estas iniciativas formouse un consorcio formado polo equipo Climántica, o CENEAM, a unidade de Investigación sobre Cultura Científica do Centro de Investigacións Enerxéticas, MedioAambientales e Teconológicas (CIEMAT) e a AEPCT. Esta asociación fixo posible a celebración da cuarta edición dun encontro internacional que tivo a súa primeira experiencia en 2012 en Sada, continuou en Ribadeo en 2013 e en Vigo en 2014.

As organizacións do consorcio achegaron os seus expertos máis relacionados cos contidos implicados na iniciativa. Sumáronse ademais autoridades académicas de universidades como é o caso do Dr. Juan Ignacio Pozo, da Universidade Autónoma de Madrid. Este catedrático de máxima relevancia en España no ámbito da Psicoloxía Básica, dedicou a mañá do luns 7 de setembro á análise das sinerxías entre os proxectos escolares implicados no campus para desenvolver intercambios e conexións ao longo do curso 2015-2016.

O primeiro día, unha xornada de recepción, presentacións, inauguración e formulación metodolóxica A/V do campus



O acto de inauguración correu a cargo dos directores do CENEAM e do proxecto Climántica. O director do CENEAM, Javier Pantoja deu a benvida e puxo a disposición deste reto educativo fronte ao cambio climático a todo o persoal, medios materiais e tecnolóxicos. O director do proxecto Climántica destacou a relevancia que ten para o proxecto dispoñer da totalidade das instalacións educativas para os dous eventos, transmitindo o compromiso do equipo de 12 profesionais que mobilizou dende Galicia por aproveitar a oportunidade, agradecendo ao CENEAM este apoio. Tamén estendeu os agradecementos ás dúas institucións e fundacións implicadas e aos tres concellos implicados: Segovia, La Granja de San Ildefonso e Noia.

Tras a inauguración do Campus estudantes e docentes acudiron a dúas charlas sobre edición de vídeo e técnica stop motion, impartidas por David Vicente e Javier Santiago.

O obxectivo destas dúas charlas é ofrecer aos rapaces as primeiras ferramentas e consellos para empezar a deseñar os proxectos audiovisuais que elaborarán durante o Campus. "Antes de poñerse a gravar, hai que ter claro o guión, os recursos dos que podedes dispoñer e o plan de rodaxe", aconselloulles David Vicente.



O traballo do primeiro día centrouse na formación dos grupos de traballos para os proxectos e dos talleres nocturnos. O primeiro día finalizou cunha cea e un festival das nacionalidades, nas que os alumnos tiveron ocasión de mostrar aos demais a gastronomía, cultura e medio do seu lugar de orixe.

O segundo día, o arranque dos proxectos

No segundo día os alumnos do campus asistiron a un taller impartido polo xornalista xefe de produto do portal de divulgación científica Materia. Neste taller abordáronse as competencias clave para a iniciación ao periodismo científico. A esta actividade tamén asistiron os docentes.



A seguinte actividade do segundo día consistiu nunha charla demostración sobre a apicultura, as súas vantaxes ambientais e impactos. A continuación os alumnos entrevistaron cidadáns da cidade de Segovia para coñecer a súa percepción sobre o cambio climático e poder así obter datos para os seus proxectos audiovisuais.

Tanto a actividade de apicultura coma a das entrevistas de Segovia non tiveron un seguimento por parte dos docentes, porque durante este tempo asistiron ao simposio do seminario docente impartido polo grupo de investigación de Cultura Científica do CIEMAT.

Pola tarde os alumnos e docentes realizaron un itinerario urbano guiado por Alfonso Reguera, Concelleiro de Urbanismo, Economía e Facenda do Concello de Segovia, quen tamén estivo acompañado e apoiado nas súas explicacións polo Concelleiro de Medio, Jesús García Ramos. As súas explicacións centráronse principalmente en explicar a ocupación integral do territorio dende a Idade Media á actualidade.



Durante este itinerario analizáronse a forma en como se abordou a ocupación da cidade para facer fronte ás nevadas do inverno e á calor do verán: rúas estreitas, ventás pequenas, muros grosos, teitos inclinados e con tellas como os de Galicia pero só con capas en forma de canle para facilitar o deslizamento do xeo. Tamén destacaron a pouca frecuencia de nevadas fronte ao que acontecía hai cincuenta anos, cando os nenos esquiaban polas rúas da cidade.



De regreso ao CENEAM os profesores asistiron a unha charla coloquio relativa á dimensión transversal ambiental da historia impartida polo profesor do colexio Madrid de México D.F., Ernesto Rico e os alumnos iniciaron o traballo nos proxectos, que ocuparán o traballo colaborador dos próximos tres días. Durante este tempo os alumnos desenvolverán proxectos que conducirán a dous tipos de produtos de comunicación e sensibilización sobre o cambio climático: 4 vídeos e un musical.

Ao regresar a media tarde ao CENEAM, os alumnos analizaron as súas primeiras imaxes destinadas a desenvolver o proxecto e desenvolveron un turbillón de ideas para consensuar o argumento do vídeo inspirado e orientado polo lema "Observamos o ámbito urbano de Segovia e o ámbito natural da Serra do Guadarrama, comparámolos, sobre a base do clima e os seus cambios actuais, cos ámbitos urbanos e naturais de todos os países dos que procedemos os compoñentes do grupo de traballo, e coas conclusións da comparación, facemos propostas para responder ao cambio climático".

Cada equipo de proxectos orientados á edición de vídeos formouse o día anterior con 7 alumnos, con polo menos un alumno de cada país participante e daquelas comunidades autónomas con máis diferenzas nos seus dominios climáticos. Os grupos de traballo tamén foron diversos en canto a idade e a talentos en competencias de comunicación

Esta foi a primeira vez que o encontro se realizou nunha zona de interior peninsular, sen unha temática vinculada coa conservación oceánica, o que permitirá abordar novos enfoques e analizar as problemáticas ambientais da zona de Valsaín, La Granja, Segovia e a Serra de Guadarrama, unha zona xeográfica que pola súa latitude, presenta moitas evidencias de cambio climático. Estas observacións in situ comparáronas cos lugares de orixe dos participantes. Esa comparación abordouse con imaxes, polo que as memorias das cámaras foron os cadernos de traballo destes alumnos.

Ese mesmo día pola tarde noite abordouse tamén o outro produto, que foi o musical "Resposta musical de Gaia ao cambio climático". Este musical cuxa letra e música creouse antes de chegar ao campus, e a repartición de personaxes realizouse na seguinte quincena de xullo. Previo ao inicio do campus xa se dedicara a xornada do luns 31 de agosto a realizar un ensaio musical previo antes do inicio do campus, e implicou 5 galegos dos 10 músicos que formaron a banda. Este musical presentouse no acto de clausura do campus celebrado no Teatro Paladio de Segovia xunto cos vídeos realizados durante o proxecto.

Durante da noite do segundo día iniciáronse os talleres simultáneos, que se prolongarían durante o resto das noites. Os alumnos situáronse en 7 talleres, cada un relacionado con cada unha das competencias clave implicadas nos proxectos audiovisuais e do musical: 1) Edición de vídeo, 2) Comunicación, 3) Artes plásticas, 4) Fotografía, 5) Foro audiovisual, 6) Teatro-danza, 7) Música.

A segunda xornada finalizou coa actividade lúdica do concurso "Esta canción sóame", no que a banda do musical interpretou cancións que o público tiña que identificar. Formouse un xurado docente para elixir os catro alumnos con máis acertos.

O terceiro día, unha xornada para a reflexión sobre o cambio climático

Esta xornada dedicada á comunicación sobre o cambio climático iniciouse cunha charla coloquio do director da Área de Educación do CENEAM, Francisco Heras, que titulou "Percepción social do cambio climático e barreiras". Nesta charla abordou os datos científicos máis relevantes relativos ao cambio climático e as barreiras que existen para que a sociedade os asimile



A continuación realizaron dous talleres en paralelo, rotando todos os alumnos e docentes por cada un deses talleres. Un deses talleres, impartidos polo técnico da Área de Educación do CENEAM, Julio Rodríguez, consistiu en calcular a cantidade de CO2 que emite unha familia utilizando para iso unha calculadora de emisións. O outro foi impartido por Francisco Heras, e titulado "Coma se o cambio climático interesase" consistiu en analizar anuncios de TV e de medios escritos con mensaxes relacionadas co cambio climático, para concluír se os anuncios son ecolóxicos ou se en realidade o seu obxectivo era vender.



Durante a maior parte da mañá estivo presente a TV de Castela e León entrevistando representantes do proxecto Climántica, a alumnos de todos os países e recollendo información da conferencia coloquio e dos talleres co obxectivo de realizar unha reportaxe sobre o campus xuvenil internacional e o seu seminario docente de investigación acción. Este mesmo día tamén tivo repercusión na prensa local a través do diario El Adelantado que xa tiña cuberto os eventos o día anterior e o 26 de agosto.



Pola tarde continuouse afondando na temática de publicidade que se abriu pola mañá, neste caso coa intervención de , Conselleiro Miguel Ángel Torres delegado de The Blend, quen abordou estratexias publicitarias para a venda ou para a redución de emisións, comparando unha campaña recente que desenvolveu para reducir o consumo enerxético con outras cuxo obxectivo era aumentar vendas dun produto. Durante a súa intervención explicou diferentes enfoques da linguaxe publicitaria dende un punto de vista do estímulo do espírito crítico dos asistentes.



O cuarto día: itinerarios pola Serra de Guadarrama e a Granxa deSan Ildefonso

A mañá do 6 de setembro realizouse un itinerario didáctico pola Serra do Guadarrama guiada por Francisco Heras, Coordinador da Área de Educación-Cooperación do CENEAM

O percorrido iniciouse dende Porto de Coutos, seguindo a senda da fonte dos Paxaros, pola ladeira do val do regato do inferno. No primeiro tramo, á altura da fonte observouse o proceso de reforestación da antiga estación de esquí de Valcotos, que se pechou porque xa non hai neve como antes. Segundo os datos do Observatorio do Porto de Navacerrada, situado a 1880 metros de altitude e cun rexistros case continuos dende 1945, os días de xeada diminuíron nun 24%, os días de neve nun 25%, as precipitacións anuais en 18% e a temperatura media aumentou en1,7ºC.



A segunda parada realizouse no límite dos piñeirais, despois de atravesado este bosque natural durante un bo tramo de ascenso. Este límite de distribución vén marcado porque o Pinus sylvestris encóntrase a unha altitude de 1.800 metros. Por iso a partir desta altitude desaparecen os piñeiros e implántase a matogueira entre o que destaca o piorno.



A segunda parada realizouse á altura de 2.100 metros, na xistra da Fonte dos Paxaros. Aquí observouse os ecosistemas de alta montaña máis vulnerables ao cambio climático, porque este lugar estaba recoñecido como un dos lugares mellor dotados para a acumulación e persistencia da neve na Serra de Guadarrama, así como para a súa explotación. Neste momento esta acumulación está a experimentar un retroceso evidente, o que está a provocar un aumento das matogueiras densas (o piorno sobe de altitude na súa distribución) coa conseguinte diminución de xistras, pasteiros e matogueiras abertas. Tamén se observa o claro e evidente avance do piñeiro silvestre.



O itinerario de ascenso finalizou na corda Carpetana. Alí observouse a predominancia de pasteiros de alta montaña, pero tamén se visualizou o ascenso do piorno e mesmo dalgúns exemplares de Pinus sylvestris ata estas altitudes, o que representa unha clara evidencia do quentamento global. Aproveitouse para analizar e fotografar a paisaxe que se divisa, tanto a nivel de observación de Peñalara no conxunto da Serra deGuadarrama que se divisa, como a visualización da meseta.



Unha vez finalizado o descenso ao Porto de Coutos, os alumnos tomaron os seus pícnics para repoñer enerxías do esforzo que supuxo, en especial para os que viven a nivel do mar, realizar un ascenso a unha altitude de 2.200 metros.



Xa de regreso a Valsaín, realizouse unha parada na Granxa de San Ildefonso onde os alumnos se dividiron en pequenos grupos acompañados cada un de profesores ou monitores, para realizar un itinerario polos xardíns do Pazo e para visitar a cidade.



O quinto día, unha xornada de presentación do musical e dos proxectos A/V

O quinto día dedicouse aos ensaios finais e presentación do musical e dos vídeos producidos nos proxectos do campus. Isto tivo lugar no teatro da Asociación Paladio Arte, unha asociación sen ánimo de lucro que traballa pola integración social e laboral de persoas en exclusión social, principalmente con persoas con minusvalidez física, psíquica e sensorial a través dun medio tan eficaz como o teatro.



O acto comezou coa representación do musical "Resposta musical de Gaia fronte ao cambio climático". Trátase de musical sinxelo que intenta transmitir unha serie de valores e mensaxes sobre o medio nunha clave claramente de humor. Toma como fío condutor unha historia que coñecen ben os mozos, as historias de super heroes. As mensaxes que se lanzan son varios, entre os que destacan:

  • O progreso e a ambición humana como desencadeante da maioría das accións que levaron ao planeta á situación de abandono e precariedade na que se encontra hoxe en día. Está presente sobre todo no personaxe de Lama McMugres e en todas aquelas imaxes que se proxectan na primeira metade do musical.
  • Os problemas dos sistemas terrestres e os seus mecanismos de autolimpeza para soportar os continuos ataques que sofren día a día e a súa debilidade cada vez máis patente. Está presente no personaxe de Gaia (o espírito gardián do planeta, aquela que vela polo seu benestar e o seu correcto funcionamento), representación do planeta e a súa dor.
  • A necesidade dunha resposta baseada no desenvolvemento sostible ante os problemas ambientais e o conflito medio-progreso. Presente no personaxe de Flora Faunez e varios dos diálogos que teñen lugar na súa presenza.
  • O cambio que debe dar a sociedade ante a súa actuación para co medio, dende un enfoque egoísta e de despreocupación cara a outro de sensibilización e conciencia ambiental. Esta mensaxe está nos personaxes de Enigma e Brea e a súa conversión do bando de Lama McMugres ao de Gaia e os seus elementos.
  • Non é necesario ser un super heroe ou ter super poderes para cambiar as cousas. Que realmente calquera persoa da pé cun mínimo de educación ambiental e ganas de axudar pode coidar o medio mediante un número de pequenas cousas e cambios de actitude.
Os personaxes superheroes (Gaia, Terra, Aqua, Aero, Piro e Flora Faunez) e os antagonistas (Lama Mc Mugres, Brea e Enigma) son intepretados polos alumnos participantes no campus que se mostrou con vocación e formación teatral. As súas cancións e bailes estarán conducidos pola música que interpreta unha banda musical formada polos mozos premiados que completaron estudos de conservatorio ou están a punto de facelo.

Os docentes dos alumnos reflexionaron sobre as novas formas de ensinar e de aprender que demanda o reto do cambio climático

Os docentes participaron en todas as actividades do primeiro, do terceiro e do cuarto día, pero parte das actividades da mañá do segundo día e parte das do quinto día desenvolvéronse separadas dos escenarios de observación sistemática dos alumnos, para poder realizar unha análise detallada das metodoloxías docentes.

O segundo día ás 10:30, no momento que os alumnos pasaron á actividade sobre a apicultura e o cambio climático, os profesores fóronse a unha aula seminario para asistir a un simposio organizado polo equipo de Cultura Científica do CIEMAT, coordinado polo doutor en bioloxía Emilio Muñoz, responsable do grupo, quen tamén foi director xeral de Ciencia e director do CSIC. Este científico abordou a temática Potencialidades da I+D+i para o estímulo do espírito emprendedor no ámbito científico fronte ao cambio climático.



A primeira investigadora deste equipo en intervir foi a psicóloga social Ana Muñoz, coa temática titulada "Análise dos datos de enquisas de opinión na busca de relacións entre a cultura científica e a conciencia ambiental".

 
A continuación interveu a doutora en ciencias da información, Emilia Lopera coa temática titulada "O discurso xornalístico do cambio climático" na prensa española: claves da cobertura informativa"



A seguinte intervención foi a da doutora en Economía María Cornejo, quen disertou sobre a Economía sostible e as súas relacións coas innovacións ecolóxicas.



Na tarde do segundo día os docentes tiveron outra actividade exclusiva do seminario docente, que impartiu Ernesto Rico, profesor de Historia do Colexio Madrid, que impartiu a charla "Relación dos maias e os teotihuacanos co medio e procesos de colapsos ambientais en Mesoamérica antiga". Nesa charla abordou as crises dos teotihuacanos e maias pola sobre explotación de madeira e de auga, sobre todo en épocas de super poboación e de seca. Os docentes analizaron e valoraron o potencial transversal desta análise histórica.



A última actividade exclusiva do seminario docente desenvolveuse o último día pola mañá, mentres os alumnos ensaiaban a presentación dos produtos obtidos nos proxectos que desenvolveron. Tratouse dunha charla - coloquio e foi impartido por Juan Ignacio Pozo, catedrático de Psicoloxía Básica da Universidade Autónoma de Madrid. Durante esta intervención que titulo "Por que é tan difícil cambiar as formas de comportarse comparéceas? O caso da conduta ambiental".



Durante a súa intervención abriu un coloquio intenso con todos os docentes para consensuar novas formas de aprender e ensinar para responder ao cambio climático, que partiu do postulado de que no ensino - aprendizaxe para obter respostas ao cambio climático non abonda conseguir que as persoas adquiran coñecementos, senón que cambien de comportamentos. A isto hai que sumarlle as dificultades de que se trate dun cambio global, deslocalizado e des contextualizado.

Entre as conclusións para mellorar a eficacia das respostas educativas que se obtiveron neste seminario docente de investigación - acción destacan:
  1. Hai que poñer máis atención nas ensinanzas das ciencias ás características do coñecemento científico,
  2. Débese ter presente que, aínda que o ensino do efecto invernadoiro é clave, trátase dun contido didáctico complexo,
  3. Incorporar máis espírito crítico e debate social ao ensino do cambio climático,
  4. Aproveitar a oportunidade que ofrece o 5º informe do IPCC ao hibridar as ciencias experimentais coas ciencias sociais, utilizando transferindo este principio metodolóxico ao ensino das ciencias,
  5. Reinventar o sentido da interdisciplinar ampliando a súa acepción clásica de atravesar disciplinas, para estendelo ao proceso de atravesar paredes dos centros educativos cara á sociedade, de superar fronteiras e as barreiras entre o local e o global,
  6. Urxe cambiar as metodoloxías, porque os profesores teñen difícil producir cambios no sistema educativo, pero se teñen nas súas mans incorporar cambios inmediatos de metodoloxías,
  7. Ter presente que o sistema socio- político - económico busca de forma implícita que os alumnos se crean o que din os docentes, sen que se formulen a posibilidade de argumentar sobre o que os docentes lle transmiten nas clases, polo que estas novas formas de aprender e ensinar que esixe o cambio climático debe ter presente superar este tipo de inercias,
  8. Débese fuxir do fatalismo e do catastrofismo.
  9. Debemos problematizar as situacións cotiás tendo en conta que só nos facemos preguntas cando fracasamos
  10. É necesario inquietar e romper as inercias
  11. Deben conseguirse cambios de conduta coa aprendizaxe que sexan duradeiros e transferibles
  12. É necesario dar un saber facer
  13. Son necesarias destrezas para adaptarse a un mundo cambiantes
  14. Deben priorizarse as aprendizaxes experienciales
  15. Débese aplicar o principio de disonancia cognitiva para que as persoas encontren as súas contradicións entre o que fan e o que din
  16. Hai que apoiarse na diversidade, a creación en equipo e nas emocións.
Con estas 16 conclusións obtidas do debate do conxunto dos docentes implicados no campus, quedou reforzada a aposta polo reto musical do campus, porque o coñecemento da música permite expresar emocións e nun musical conflúen as maioría das competencias artísticas.



Tamén se valorou a liña de desenvolver os proxectos audiovisuais que permitan integrar de forma comparativa imaxes de ámbitos climáticos claramente diferentes. Coas conclusións da análise comparativa destas imaxes, e toda a información achegada polas conferencias, seminarios, talleres, itinerarios didácticos e entrevistas, nos cinco días do Campus, lográronse desenvolver proxecto audiovisuais que reflictan estes problemas ambientais, concienciando sobre a necesidade de palialos e ofreza solucións ao cambio climático.



A metodoloxía de intenso traballo en equipos diversos en canto a dominios climáticos climáticos e procedencias culturais ben diferenciadas, en canto a idade e en canto a competencias clave nas que destacaron os alumnos, tendo que facer fronte a retos creativos, considerouse que era unha liña segura para avanzar. Nese sentido visualizáronse interesantes posibilidades de intercambios virtuais e presenciais. Para avanzar no fortalecemento desta rede docente no reto de responder ao cambio climático, considerouse interesante ampliar a duración deste formato de campus xuvenil internacional e o seu seminario docente de investigación - acción

En conclusión, unha nova edición dos Campus Xuvenís Internacionais de Climántica co que se seguirá afondando no cambio climático, os seus efectos, a súa abordaxe dende o sistema educativo e as posibilidades da Educación Ambiental escolar para sensibilizar a poboación na dirección da busca de vías de mitigación. Pero nesta edición conseguiuse ademais aumentar a súa dimensión, utilidade e internacionalidade asociándose con organismos referentes en España como é o Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM). Tamén se conseguiu avanzar de forma significativa ao conseguir coordinar e integrar a formación docente - discente mediante procesos de investigación - acción destinados a buscar novas respostas educativas ao cambio climático. Estes avances, xunto coa contextualización nun dos lugares nos que se fixo máis evidente o cambio climático, motivou o equipo Climántica a desprazar a Segovia un conxunto de 12 membros do equipo formado por monitores, educadores e técnicos de imaxe e son.




Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  
Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino