A elaboración dos vídeos dos grupos de alumnos fíxose sobre un fío condutor expresado no lema, “Coñezo Sada e A Coruña, compároas co pasado, e busco conclusións para un futuro sostible”. Orientados por ese lema os alumnos organizáronse en grupos seminario, coordinados cada un educador/a en prácticas. A cada grupo seminario pedíuselle elaborar un vídeo inspirado nese lema, que recollera os datos das visitas programadas para coñecer Sada e A Coruña. Para centrar o inicio da realización do vídeo, fíxose un obradoiro sobre a elaboración de argumentos, apoiado na improvisación teatral. A partires dese momento iniciouse o traballo en equipos para a elaboración dos vídeos. Os traballos dos proxectos e seminarios combinouse con actividades lúdicas e deportivas, entre as que destacou o voleipraia por xentileza da Federación Galega de Voleibol.
Este campus, co que se premiou a 40 estudantes galegos por traballos presentados ao V Congreso CLMNTK, supuxo a primeira experiencia internacional, ao participaren tamén delegacións de México, Arxentina, Alacante e Málaga, apoiados polos seus gobernos e/ou comunidades educativas.
Estas delegacións de alumnos de fóra de Galicia que destacaron polos traballos que presentaron ao V Congreso CLMNTK, aportou unha diversidade moi enriquecedora, e incorporou ao equipo de docentes ás profesoras voluntarias Ana Jiménez do colexio Madrid de México D.F., Mª Dolores Pérez do IES Poetas Andaluces de Málaga, Mª del Mar Sierra e Josefina Santacreu do IES Virgen del Remedio de Alacante e Jorge Greco da Escola Técnica Superior Nº 12 D. E. 1 «Gral. José de San Martín de Bos Aires.
Neste campus tamén participaron como voluntarios/as as educadoras en prácticas Ana Patricia Losada, Antía Carrera, Gema Cid, Helena Caamaño, Lucía Melo; e o educador en prácticas, e director da Agrupación teatral Criaturas, Juan Mosquera, que desenvolveu tamén os obradoiros de improvisación teatral, e o profesor da Escola de Altos Estudos Musicais de A Coruña José Rodríguez, quen desenvolveu os obradoiros de improvisación teatral.
Tamén desenvolveron obradoiros e charlas o catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS), Ángel Carracedo e os profesores da Escola de restauración de Pontevedra e artistas significados na liña de Arte e natureza, Antón Sobral e Carmen Hermo.
A todos estes participantes Climántica quere agradecerlle a súa achegas valiosas, entusiastas e desinteresadas. Tamén agradece o apoio á Consellería de Traballo e Benestar, quen cedeu o albergue, con todos os medios para a estancia e o desenvolvemento das actividades. Ao departamento de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas do Concello de A Coruña, por posibilitar a totalidade das actividades nesa cidade, á empresa municipal EMALCSA de A Coruña, por posibilitar os desprazamentos e visitas ás súas plantas potabilizadora e depuradora de augas residuais e á dirección e persoal técnico do Auditorio da Casa da Cultura de Sada, por posibilitarnos os ensaios e a celebración do festival de fin do campus.