Unha desas xornadas intensas de preparación viviuse no Coliseo Noela de Galicia o luns 31 de xullo. Alí os 5 alumnos galegos que formarán parte da banda musical xuvenil do musical titulado "Resposta Musical de Gaia fronte ao Cambio Climático" reuníronse para desenvolver unha intensa xornada de traballo dende as 11 ata as 20 horas. Alí estiveron a facer arranxos previos e primeiros ensaios, que completarán cando se encontran cos outros 5 membros da banda procedentes doutros países e comunidades autónomas.
A dirección dos arranxos musicais correu a cargo do responsable musical do proxecto Climántica, o profesor da Escola de Altos Estudos Musicais da Coruña, José Rodríguez García. O profesor J.R. García desenvolveu a dirección en tres momentos diferentes. En primeiro lugar dedicouse a dirixir os arranxos e os ensaios de todas as cancións do musical. Logo traballaron cancións para a actividade lúdica nocturna "Esta Canción Sóame", na que a banda tocará cancións que os asistentes ao campus identificarán. Por último finalizou coas cancións que a banda interpretará para a cidadanía dentro do programa de festas de Valsaín. Entre estas está a do ensaio de Alba Vázquez e Álvaro Castro que se inclúe neste vídeo gravado durante esta xornada preparatoria.
Este campus supón a cuarta edición internacional, pero a primeira que se celebra no CENEAM, e o fai coa vocación de ter continuidade, nese centro de referencia para a Educación Ambiental española, todos os meses de setembro. Outra novidade é que nesta cuarta edición internacional se lle adapta ao campus xuvenil internacional un seminario docente, cuxa finalidade é desenvolver, a partir da observación e análise do campus, procesos de investigación acción para buscar e diseminar novas formas de ensinar e aprender para responder ao cambio climático dende o ámbito da Educación.
Este seminario conta co recoñecemento de 50 horas de formación permanente por parte do Ministerio de Educación, tramitada a través do convenio coa AEPECT para a formación do profesorado. No seu desenvolvemento participarán os científicos e técnicos máis relevantes en relación á temática da Área de Educación do CENEAM, do equipo Climántica, da Unidade de Cultura Científica do CIEMAT e da AEPECT, que son as organizacións que se sumaron para facer posible este reto. Pero tamén se sumaron autoridades académicas de universidades como é o caso do Dr. Juan Ignacio Pozo, catedrático de Psicoloxía Básica da Universidade Autónoma de Madrid, que dedicará a mañá do luns 7 de setembro á análise das sinerxías entre os proxectos escolares implicados no campus para desenvolver intercambios e conexións ao longo do curso 2015-2016.
Como nas tres edicións anteriores, os alumnos participantes son os gañadores dun Congreso Xuvenil virtual internacional que se puxo en marcha no mes de maio e no que estudantes de Primaria e Secundaria de todo o mundo presentaron traballos de sensibilización ambiental en varios formatos. Os profesores que se incorporan ao seminario docente son os que orientaron aos alumnos premiados.
O grupo que se reunirá no CENEAM o 3 de setembro, e que traballará conxuntamente durante 5 días, estará formado por 40 alumnos e 20 profesores de diferentes comunidades autónomas de España, e tamén de Portugal, Polonia, México e Arxentina.
Durante os cinco días de traballo colaborador, os alumnos desenvolverán proxectos que conducirán a dous tipos de produtos de comunicación e sensibilización sobre o cambio climático: 4 vídeos e un musical.
Os traballos previos do musical desenvólvense a través da rede entre todos os implicados neste proxecto. Os actores están a desenvolver os seus disfraces, estudando os guións e facendo achegas de mellora. Os músicos están a compartir partituras para arranxarse e ensaian a nivel individual, de tal forma que este encontro do Coliseo Noela é o único, aproveitando que Galicia achega a metade dos músicos á banda.
Os alumnos implicados nos proxectos audiovisuais están a buscar imaxes sobre todos os factores e elementos vinculados coa sostibilidade e o cambio climático. Estas imaxes do seu ámbito que están a capturar antes de saír dos seus lugares de orixe van destinadas a usar nos proxectos audiovisuais que se desenvolverán no campus.
Proxectos audiovisuais que se desenvolverán no campus
O argumento dos vídeos estará inspirado e orientado polo lema "Observamos o ámbito urbano de Segovia e o ámbito natural da Serra do Guadarrama, comparámolos, sobre a base do clima e os seus cambios actuais, cos ámbitos urbanos e naturais de todos os países dos que procedemos os compoñentes do grupo de traballo, e coas conclusións da comparación, facemos propostas para responder ao cambio climático".
Cada equipo de proxectos orientados á edición de vídeos estará formado por alumnos de todos os países e daquelas comunidades autónomas con máis diferenzas nos seus dominios climáticos. Os grupos de traballo tamén serán diversos en canto a idade e a talentos en competencias de comunicación
Esta será a primeira vez que o encontro se realice nunha zona de interior, sen unha temática vinculada coa conservación oceánica, o que permitirá abordar novos enfoques e analizar as problemáticas ambientais da zona de Valsaín, La Granja, Segovia e a Serra de Guadarrama, comparándoas cos lugares de orixe dos participantes. Esa comparación farase sobre a base de imaxes, polo que as memorias das cámaras serán os cadernos de traballo destes alumnos.
Coas conclusións da análise comparativa e toda a información achegada polas conferencias, seminarios, talleres, itinerarios didácticos e entrevistas, nos cinco días do Campus, desenvolverán o proxecto audiovisual que reflicta estes problemas ambientais, conciencie sobre a necesidade de palialos e ofreza solucións ao cambio climático. Para iso, os estudantes asistirán a charlas de expertos, visitarán varios lugares de interese da zona e traballarán en equipos coordinados por profesores e monitores que os asesorarán e guiarán en todo momento.
O proxecto do musical que se desenvolverá no campus
O outro produto será o musical "Resposta musical de Gaia ao cambio climático". Trátase de musical sinxelo que intenta transmitir unha serie de valores e mensaxes sobre o medio nunha clave claramente de humor.
Para a presentación do musical á sociedade de Segovia, contarase coa colaboración da Asociación Paladio Arte, para representar a obra. Paladio Arte é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa pola integración social e laboral de persoas en exclusión social, principalmente con persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial a través dun medio tan eficaz para a integración como é o teatro.
O musical toma como fío condutor unha historia que coñecen ben os mozos, as historias de super heroes. As mensaxes que se lanzan son varios, entre os que destacan:
- O progreso e a ambición humana como desencadeante da maioría das accións que levaron ao planeta á situación de abandono e precariedade na que se encontra hoxe en día. Está presente sobre todo no personaxe de Lama McMugres e en todas aquelas imaxes que se proxectan na primeira metade do musical.
- Os problemas dos sistemas terrestres e os seus mecanismos de auto limpeza para soportar os continuos ataques que sofren día a día e a súa debilidade cada vez máis patente. Está presente no personaxe de Gaia (o espírito gardián do planeta, aquela que vela polo seu benestar e o seu correcto funcionamento), representación do planeta e a súa dor.
- A necesidade dunha resposta baseada no desenvolvemento sostible ante os problemas ambientais e o conflito medio-progreso. Presente no personaxe de Flora Faunez e varios dos diálogos que teñen lugar na súa presenza.
- O cambio que debe dar a sociedade ante a súa actuación para co medio, dende un enfoque egoísta e de despreocupación cara a outro de sensibilización e conciencia ambiental. Esta mensaxe está nos personaxes de Enigma e Brea e a súa conversión do bando de Lama McMugres ao de Gaia e os seus elementos.
- Non é necesario ser un súper heroe ou ter súper poderes para cambiar as cousas. Que realmente calquera persoa da pé cun mínimo de educación ambiental e ganas de axudar pode coidar o medio mediante un número de pequenas cousas e cambios de actitude.
Na liña de apertura á sociedade que defende o proxecto Climántica para facer chegar a ela o potencial de sensibilización da Educación Ambiental escolar, representarase o musical en dúas sesións dirixidas cada unha a unha poboación. A primeira sesión será en Valsaín, o domingo 6 de setembro pola noite, coincidindo coas festas patronais de Valsaín. A segunda sesión será a que se represente en Segovia o día 7 de setembro ás 13 horas, no teatro da Asociación Paladio Arte, que é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa pola integración social e laboral de persoas en exclusión social, principalmente con persoas con discapacidade física, psíquica e sensorial a través dun medio tan eficaz como o teatro.