CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Sistema de blogs Climántica

 
Xa está activo o novo sistema de blogues Climántica dende o cal se pode acceder as catro plataformas de blogues: Climaeucambio, Climántica CCMC, Temáticos e Internacional. Pódese acceder a este sistema dende o apartado Blogues desta web.

Aquelas persoas que queiran participar con un blog deben solicitalo no correo climantica@climantica.org

Avance do videoxogo CLMNTK que se porá en marcha en decembro

 


En decembro estará a disposición dos estudantes o videoxogo CLMNTK sobre cambio climático, territorio, consumo e enerxía, do que se presenta un avance.

Stephen Hawking: Cambio Climático e posibilidades do cosmos para a Humanidade

 


Pode verse un curto en Climántica TV que contén as declaracións deste científico nas que expresa o seu pensamento sobre a relación do cambio climático e a vida humana no cosmos na rolda de prensa que concedeu en Santiago o 24-9-2008.

Próxima convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica 2007-2008

 
Actualización: Orde do 18 de xuño de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica, 2007-2008.

A Consellería de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a ultimar a tramitación dunha orde de aprobación das bases e convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica 2007-2008.

Ditos premios teñen por obxecto fomentar a aplicación das propostas de Climántica nos centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia e recoñecer o traballo educativo desenvolto no marco do proxecto.


Declaracións éticas de Eduardo Galeano sobre as inxustizas Norte-Sur

 


Eduardo Galeano abordou o día 13 de maio de 2008 en Ourense os aspectos éticos das relacións inxustas norte - sur tan importantes na Educación Ambiental do século XXI e na sociedade do cambio climático.

Entre estes aspectos, destacou a nova Constitución de Ecuador, onde por primeira vez na historia da Humanidade se recoñecen os dereitos da Natureza e se nos sitúa como uns inquilinos entre outros moitos. 

Na súa intervención destacou tamén as cuestións éticas relativas á emigración, e a oportunidade que se abre para a aventura de recoller o arco da vella na Terra referido á importancia da diversidade de razas.

Pódese ver a entrevista completa en Climántica TV.

22 de abril: Día Mundial da Terra

 
  Hoxe 22 de abril celébrase o Día Mundial da Terra, Climántica compartirá esta data co Claustro do CEIP Agra do Muiño. Os estudantes da asignatura Climántica de Cuarto Ciclo da USC celebrarán esta data en Coimbra con actividades desenvoltas por representantes da asociación da Unesco: Ano Internacional do Planeta Terra en Portugal.  

Actualización: Xa se pode ver o documental das actividades en Climántica TV

2º Concurso Climántica

 

CONVOCATORIA DA SEGUNDA EDICIÓN DOS PREMIOS CLIMÁNTICA POR TRABALLOS PRESENTADOS AO PRIMEIRO CONGRESO DE ESTUDANTES DE CLIMÁNTICA

concurso

Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a SEGUNDA EDICIÓN dos Premios Climántica. Os segundos premios consisten nunha estancia de 5 días nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia no que tamén se desenvolverán actividades deportivas e de lecer. Esta estancia levarase a cabo ao remate do curso 2007-2008 en dúas quendas diferentes: entre o 23 e o 27 de xuño para ESO e entre o 8 e o 12 de setembro para bacharelato e ciclos formativos. A diferenza dos Primeiros Premios Climántica celebrados en novembro de 2007, os segundos premios outorgaranse por traballos enviados para publicar no primeiro número da revista CLMNTK e que se presentarán no Primeiro Congreso de Estudantes Climántica

Establécense as seguintes categorías:

1.-Literatura: Redaccións, relatos reais e de ficción ou poesía cuxa temática xire sobre algún tema que se trate no proxecto.

1.1 Narrativa

1.2 Poesía

1.3 Comics

2.-Multimedia: Os formatos nos que se presenten deben responder ás seguintes características técnicas: resolución mínima 320 x 240. Formato de vídeo: mov, mp4, vob, dv, flv, avi, 3gp.

2.1 Curtos nos que se conte unha historia sobre a base dun guión. Pequenos vídeos (ver cómo facer unha película co teu móbil).

2.2 Presentacións

2.3 Entrevistas, representacións teatrais e cancións grabadas

3.-Artes plásticas:

3.1 Fotografía. Cada foto debe levar unha breve referencia do que autor/a quere comunicar con ela.

3.2 Debuxos

3.3 Pósters. Neste caso deberá facerse chegar o orixinal ao enderezo de contacto de Climántica.

Cada traballo que se envíe deberá ir acompañado da ficha de inscripción na que o autor/a ou autores (máximo 3 membros por grupo) describan o que desexan comunicar co traballo.

Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico concursos@climantica.org. O prazo de presentación de traballos vai desde a data de publicación desta convocatoria na web ate o 15 de maio do 2008.

Todos os traballos que cumpran os requisitos mínimos inseriranse na web na sección Concurso dentro do epígrafe de Centros. Todos os traballos que sexan incorporados á web de Climántica tamén se publicarán na revista dos estudantes de Climántica CLMNTK e serán premiados co envío dunha camiseta ou dun maillot do proxecto, para o que se fará constar no correo co que se remita o traballo a elección de camiseta ou maillot e a talla.

PODES PARTICIPAR TAMÉN NO CONGRESO DE AUTORES CLIMÁNTICA

Os traballos elexidos para publicar na revista dos estudantes de Climántica CLMNK presentaranse no I Congreso de estudantes de Climántica. Os premios serán comunicados neste PRIMEIRO CONGRESO DE AUTORES CLIMÁNTICA que se celebrará en Santiago o 21 de xuño do 2008 no Pazo de Congresos de Galicia.

Outorgaranse 10 premios por cada categoría para alumnado de ESO (un total de 30 premios para a quenda de xuño) e outros tantos para bacharelato e ciclos de grao medio e superior (un total de 30 premios para a quenda de setembro). Se os traballos dunha categoría non reúnen os requisitos mínimos de calidade para ocupar os 10 premios desa categoría, poderá incrementarse o número de premios das restantes categorías si estes reunen suficiente calidade. Os premios poderán declararse premios desertos, sempre que o xurado considere que non hai suficientes traballos de calidade para cubrir os 30 premios de ESO ou os 30 de bacharelato e ciclos formativos.

Os criterios que se seguirán para avaliar os traballos serán:

- Que exista unha relación clara co proxecto.
- Orixinalidade.
- Elaboración rigorosa.
- Capacidade de sensibilización.
- Grao de madurez na elaboración técnica.
- Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.

Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes da saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2007-2008 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI e se fora menor de idade unha autorización, permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal.

PODES TER APOIO TÉCNICO

Se tes dificultades co teu proxecto podes recibir apoio técnico enviando un correo electrónico concursos@climantica.org


Blogues Climántica

 



Xa se pode acceder ao blog guía desde o novo epígrafe de Blogues desta web. Unha vez que se entra no blog guía pode accederse a unha serie de Titoriais que a modo de película  nos explican con detalle como xestionar e administrar os blogues de aula. Tamén se pode acceder aos Foros onde se pode interactuar sobre diversos temas e recibir asesoría para o uso e administración de edublogs e eduforos de aula. O epígrafe de Blogues do blog guía é o que nos permite acceder aos blogues de aula dos centros que xa solicitaron esta utilidade didáctica. Este blog guía, ademáis de ser un blog de blogues, contén recursos, ideas de actividades e suxerencias para integrar nos blogues de aula de forma que lles facilite a tarefa. Os centros que queiran solicitar un blog de aula poden facelo enviando unha solicitude mediante o correo corporativo do centro ao enderezo de contacto desta web climantica@climantica.org

Nova entrada en Climántica TV

 

Xa está dispoñible en Climántica TV a entrevista sobre Climántica Bibliotecas co escritor Agustín Agra, Premio Merlín 2006.


Palmira e Marcial en inglés

 

Comic

Xa se pode descargar o Nº1 do comic Palmira e Marcial na versión en inglés.


Resultados do I Concurso Climántica

 

Relación dos 30 premios do Primeiro Concurso Climántica. Os que non conseguíchedes o premio esta vez, non vos desanimedes porque haberá máis convocatorias, así que seguide participando. Fixádevos na relación de material necesario ao facer o equipaxe. Acordádevos de vir coa autorización asinada por vosos pais e traede grapada coa mesma unha copia do voso DNI. Non vos esquezades de que o autobús sairá da parada de autobuses que está enfrente da estación de autobuses de Santiago mañan día 31 de outubro ás 17 horas. Levará un distintivo do proxecto.


Ampliado o prazo para participar no I Concurso Climántica

 
Amplíase o prazo para participar no I Concurso Climántica para toda ESO, bachareletos e ciclos formativos ata o 29 de Outubro. Máis información en Concurso. Xa está dispoñible tamén o programa da estancia.

Xa se pode descargar o material multidisciplinar para ESO

 

Proxecto Interdisciplinar

O Equipo Climántica ven de publicar un libro do estudante con un nivel de competencia curricular básico de 1º de ESO, pero con un grao de atención á diversidade que permite aplicar actividades en diferentes cursos de ESO e programas de diversificación curricular. Todos os capítulos deste libro xa se poden descargar desde o apartado de Descargas.

O libro planificouse en estreita colaboración con MeteoGalicia manexando tanto datos directos das estacións meteorolóxicas como indirectos obtidos da información meteorolóxica da prensa e das webs de Climántica. e MeteoGalicia, por tanto ten como fíos condutores a Meteoroloxía, a Climatoloxía e o Cambio Climático. Sobre esta estrutura que por si mesma inclúe competencias de ciencias naturais, ciencias sociais e matemáticas, incorporouse a competencia lectoescritora mediante textos e actividades de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá e a competencia de aprender a aprender.

A competencia dixital queda resaltada en actividades con un formato singular e diferenciado e nela destacan as actividades que se propoñen para desenvolver en cadernos de bitácoras e foros. Tamén se propón desenvolver cursos de autoaprendizaxe dirixidos polo profesorado e desenvoltos desde o apartado de Formación desta web. Os cadernos de bitácoras e foros poranse en marcha no apartado de Centros cando os centros educativos que apliquen o libro os soliciten.

Proximamente porase en marcha un novo apartado que se denominará “ClimánticaMeteo” no que se navegará polos contidos recollidos neste libro. Desde este apartado poderase acceder aos recursos que publicará MeteoGalicia, entre os que destacan as representacións gráficas dos datos aportados polos centros que soliciten incorporarse a ClimanticaMeteo a través do enderezo clima@meteogalicia.es; así como animacións elaboradas a partires de imaxes obtidas con satélites que mostren a evolución dos fenómenos atmosféricos. Por último, e tamén para potenciar o uso didáctico da web, propóñense baterías de actividades que se poden facer a partir da visualización dos videos de cambio climático, mobilidade e enerxía que se poden proxectar desde a mesma web no apartado Climántica tv.

Proximamente procederase ao envío dun exemplar do libro a cada centro de Galicia que escolarice alumnado de ESO. Os centros que desexen aplicalo poden solicitar exemplares para os estudantes ao enderezo climantica@xunta.es. A estes centros tamén se lles fará chegar unha guía didáctica solucionario.


Climántica no I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia

 

I Congreso

Climántica estivo presente na mesa redonda sobre Comunicación e Educación sobre o Cambio Climático que moderou o director do proxecto, Francisco Sóñora, e que se celebrou o día 25 de setembro no marco do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia.

O primeiro membro da mesa en intervir foi o técnico do Centro Nacional de Educación Ambiental, Francisco Heras que expuxo un marco global, como experto en comunicación sobre cambio climático, destacando que o educador ambiental debe transmitir as causas, os riscos e como actuar diante da problemática do cambio climático.

De seguido interveu o catedrático de Edafoloxía da USC, Francisco Díaz - Fierros, tratando a temática dos riscos. Na súa exposición destacou que a sociedade xa percibe que o cambio climático é un problema, polo que a educación ambiental é un dos factores claves para informar sobre os riscos deste fenómeno. Precisou tamén que na súa opinión é necesario ensinar á poboación a avaliar os riscos deste problema ambiental.

Xa entrando en modelos de Educación Ambiental, Rachel Trajber, coordinadora de Educación Ambiental do Ministerio de Educación de Brasil expuxo as liñas que se están a seguir no seu departamento. Pola súa parte, Francisco Sóñora presentou o proxecto Climántica como un modelo concreto de educación, sensibilización e comunicación, situado como un dos catro piares do Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático.


Proxecto Interdisciplinar. 1º ESO

 

Proxecto Interdisciplinar

O Equipo Climántica ven de elaborar un libro do alumno para desenvolver a nova materia de 1º de ESO “Proxecto Interdisciplinar”. Este material elaborouse en colaboración con MeteoGalicia.

O libro do alumno planificouse desde os datos directos das estacións meteorolóxicas e os indirectos obtidos da información meteorolóxica da prensa e das webs de Climántica e MeteoGalicia, por tanto ten como fíos condutores a Meteoroloxía, a Climatoloxía e o Cambio Climático. Sobre esta estrutura que por si mesma inclúe competencias de ciencias naturais, ciencias sociais e matemáticas, incorporouse a competencia lectoescritora en base a textos e actividades de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá relativos a cada un dos elementos desta estrutura. Con esta mesma relación secuencial, incorporáronse as competencias de cálculo e de aprender a aprender.

A competencia dixital desenvólvese mediante o traballo desde a web de cursos de autoaprendizaxe dirixidos polo profesorado e desenvoltos desde o apartado de “Formación” desta web, na que tamén se atoporá diversa información da prensa e de meteoroloxía escolar. Tamén se propón nesta publicación baterías de actividades que se poden facer vendo os vídeos de cambio climático, mobilidade e enerxía que se poden proxectar desde a mesma web no apartado “Climántica tv”.

Proximamente porase en marcha un novo apartado que se denominará “ClimánticaMeteo” na que se divulgarán os contidos da publicación e a través do cal se poderá acceder aos recursos que sobre o subproxecto publicará MeteoGalicia.

Coincidindo co inicio do curso publicarase na web o material, unha vez aprobada a publicación pola Comisión do Libro. Tamén se procederá a enviar un exemplar a cada centro de Galicia que escolarice alumnado de 1º de ESO. A aqueles centros que desexen aplicalo, enviaráselle o corresponde libro do profesorado onde se aportarán orientacións, suxestións, recursos, así como as solucións a todas as actividades propostas. Este libro pode solicitarse a través do enderezo climantica@xunta.es, a través da cal se pode consultar calquera dúbida.


Segunda Convocatoria dos Premios Climántica

 

Concurso Climántica

As bases son as mesmas da primeira convocatoria recollidas nesta páxina web con estas tres particularidades:

1) Convócase unha única quenda, con un número máximo de 30 premiados, para todos os cursos de ESO, bacharelato e ciclos formativos.
2) Os cinco días de estancia serán os comprendidos entre o mércores 31 de outubro e o domingo 4 de novembro. O autobús collerase na estación de autobuses de Santiago ás 17:00 do mércores 31 de outubro e sairá do lugar da estancia o domingo 4 de novembro ás 16:00.
3) Os traballos deberán enviarse ao enderezo climantica@xunta.es antes do 26 de outubro, data na que se reunirá o xurado para decidir os 30 estudantes premiados. Ese mesmo día, os premiados recibirán un correo electrónico enviado ao enderezo a través do que remitiron o traballo e no que se lles concretará o plan de viaxe e o programa das actividades a realizar durante a estancia.


Presentacións do Primeiro Curso Climántica

 
Xa están dispoñibles na sección de Descargas as presentacións do Primeiro Curso Climántica.

1º Concurso Climántica

 

Concurso Climántica

Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible convoca a primeira edición dos premios Climántica para elaboración de traballos sobre este proxecto de Educación Ambiental. Os premios consisten nunha estancia totalmente gratuíta de 5 días nun campamento de Educación Ambiental de Galicia no que tamén se desenvolverán actividades deportivas e de lecer. Esta estancia levarase a cabo en setembro, antes do inicio das clases do curso 2007-2008.

Establécense 3 categorías:

Narrativa: Redaccións, relatos reais e de ficción cuxa temática xire sobre algún tema que se trate no proxecto.

Multimedia: Pequenos vídeos, presentacións e animacións. Os formatos nos que se presenten deben responder ás seguintes características técnicas: resolución mínima 320 x 240. Formato de vídeo: mov, mp4, vob, dv, flv, avi, 3pg. Cada traballo multimedia irá acompañado dunha breve referencia do que o autor/a quere comunicar con ese traballo.

Fotografía: Cada foto debe levar una breve referencia do que autor/a quere comunicar con ela.

Os traballos remitiranse á seguinte dirección de correo electrónico climantica@xunta.es. O prazo de presentación de traballos é de dous meses, iniciándose o 18 de xuño e rematando o 18 de agosto e comunicaranse os premiados o 24 de agosto mediante un anuncio na web e envío dun correo electrónico á conta coa que se enviou o traballo.

Todos os traballos que cumpran os requisitos mínimos inseriranse na web na sección Concurso dentro do apartado de Centros. Todos os traballos que sexan incorporados á web de Climántica serán premiados co envío dunha camiseta ou dun maillot do proxecto, para o que se fará constar no correo co que se remita o traballo a elección de camiseta ou maillot e a talla.

Outorgaranse 10 premios por cada categoría para alumnado de ESO (os estudantes terán que ter cumpridos os 15 anos o 31 de decembro de 2007) e outros tantos para bacharelato e ciclos de grao medio e superior. Haberá dúas quendas, un para os 30 alumnos de ESO e outra diferente para os 30 alumnos de bacharelato e ciclos. Para outorgar os premios constituirase un xurado de expertos por cada categoría que se reunirán o día 23 de agosto. Os criterios que se seguirán para avaliar os traballos serán:

• Que exista unha relación clara co proxecto.
• Orixinalidade.
• Elaboración rigorosa.
• Capacidade de sensibilización.
• Grao de madurez na elaboración técnica.
• Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e comprensión dos mesmos.

Poderán declararse premios desertos se o xurado considera que non hai suficientes traballos de calidade para cubrir os 30 premios de ESO ou os 30 de bacharelato e ciclos formativos.

Para poder percibir o premio, o estudante deberá presentar antes de saída unha certificación académica en conforme estivo matriculado durante o curso 2006-2007 nun centro de ensino no nivel polo que concursou, copia certificada do DNI e se fora menor de idade unha autorización, permitíndolle asistir á estancia, asinada polo pai, nai ou titor legal; da que poderá descargar o formulario na web.


Climántica no IV Seminario Respostas desde a educación e a comunicación ao cambio climático

 

Córdoba

O Cuarto seminario “Respostas desde a Educación e a Comunicación ante o cambio climático” celebrouse en Córdoba os días 24 e 25 de maio de 2007, coa participación de 55 expertos procedentes de administracións públicas (locais, autonómicas e xeral), organizacións non gobernamentais e empresas. No seminario presentáronse experiencias de educación, sensibilización e participación en materia de cambio climático promovidas desde Comunidades Autónomas (Andalucía, Cataluña, Galicia), así como traballos e campañas de comunicación desenvolvidos desde o sector non gobernamental (Ecoloxistas en Acción, Fundación Natura). No seminario celebráronse tamén tres talleres temáticos dedicados á reflexión e o debate sobre diversos temas de interese:

- Código de boas prácticas para unha publicidade responsable ante o cambio climático.

- Novas necesidades formativas expostas ante o cambio climático.

- Ideas para un novo plan de traballo para desenvolver o artigo 6 da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático.

As principais suxestións e conclusións derivadas do debate son as seguintes:

Taller 1: Código de boas prácticas para unha publicidade responsable ante o cambio climático.

Taller 2: Novas necesidades formativas expostas ante o cambio climático.

Taller 3: Ideas para un novo plan de traballo para desenvolver o artigo 6 da Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (CMNUCC).


IV Seminario sobre Comunicación, Educación e Participación fronte ao Cambio Climático

 

O proxecto Climántica estará presente no IV SEMINARIO SOBRE COMUNICACIÓN, EDUCACIÓN E PARTICIPACIÓN FRONTE AO CAMBIO CLIMÁTICO que se celebrará en Córdoba, 24-25 de maio de 2007 organizado pola Oficina Española de Cambio Climático (OECC) e o Centro Nacional de Ecuación Ambiental (CENEAM - Ministerio de Medio Ambiente) e a Secretaría General de Sostenibilidad da Consejería de Medio Ambiente da Junta de Andalucía.

O proxecto “Climántica” da Xunta de Galicia, de acordo co programa, será presentado polo director do mesmo Francisco Sóñora Luna o xoves 24 de maio de 11:45 a 12:15 horas e despois da presentación da Estratexia Andaluza ante o cambio Climático e da Estratexia de participación para o plan de Acción de adaptación e mitigación en Catalunya, haberá un debate de 45 minutos sobre o contido das tres intervencións.

Cordoba

Pode consultar o programa nesta ligazón.


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino