CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Un sexenio de Climántica

 
Con motivo da celebración do sexto ano de existencia de www.climantica.org, que se puxo en marcha o 9 de febreiro de 2007, procedeuse a publicar en Climántica TV o vídeo Un sexenio de Climántica que recolle unha cronoloxía a modo de anuario de imaxes correspondentes aos seis anos de aplicación do proxecto.

Durante este primeiro sexenio www.climantica.org superou as 870.000 visitas, procedentes de 153 países. Estes datos supoñen un incremento de máis de 200.000 visitas en relación as 659.000 visitas que existían cando se publicou a información o ano pasado, coincidindo cos cinco anos de existencia do proxecto.


Cambio climático no océano

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia titulada Cambio climático no océano impartida polo investigador do Instituto Español de Oceanografía Antonio Bode.

Nela situou o papel do océano na regulación do clima, incidindo no papel da cinta transportadora do calor. Fundamentou o papel do océano como reservorio de CO2 en base ao funcionamento da bomba biolóxica e da física. Analizou a entrada e saída deste gas en febreiro e en agosto nas diferentes rexións oceánicas. Tamén situou os niveis de reservorio do gas CO2 de orixe antropoxénico nas diferentes rexións oceánicas.

A continuación abordou as proxeccións do AR4 IPCC (2007) relativas a: CO2 atmosférico, quentamento e nivel do mar, circulación oceánica global, eventos extremos e acidificación. Todos os riscos oceánicos do cambio climático analizounos no marco da importancia socioeconómica do océano costeiro.

Por último, contextualizou en Galicia a importancia socioeconómica do seu océano costeiro e analizou as evidencias e impactos do cambio climático nese océano costeiro e nos seus recursos en base aos estudos de Cligal, dos que foi corresponsable.


Feliz Nadal e ventureiro aninovo 2013

 
Climántica ven de publicar o vídeo con 5 minutos de bos momentos do desenvolvemento do proxecto no ano 2012, co obxectivo de proceder á tradicional felicitación de Nadal dos seus usuarios. O vídeo – resumo empeza e remata con imaxes da participación dos alumnos no proxecto este ano, e entre elas aparece unha selección de imaxes da formación do profesorado durante o ano 2012.

Arranca con imaxes do V Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica celebrado en Vilagarcía o 21 de xuño de 2012, e do seu campus internacional, para premiados no congreso, desenvolto no albergue da Xunta de Gandarío entre o 23 e 29 de xuño de 2012.

O vídeo remata coa entrevista de alumnos ao co - presidente do grupo III do IPCC celebrada en Vigo e con imaxes do festival de fin do campus internacional celebrado no auditorio da Casa da Cultura de Sada o 29 de xuño de 2012, no que se presentaron os vídeos, obras de teatro e actuacións musicais preparados ao longo do campus.

Entre estas imaxes iniciais e finais da participación dos alumnos, inclúense imaxes, organizadas por orde cronolóxico, dos tres cursos de formación do profesorado desenvoltos ao longo do ano 2012 e das tres actividades de Climántica no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat do CEFIRE de Castellón, celebradas en Vila – real o 10 de novembro de 2012.


Entrevista ao copresidente do grupo III sobre Mitigación do IPCC

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo da entrevista ao copresidente do grupo III sobre Mitigación do IPCC, Ramón Pichs Madruga, que desenvolveron o martes 6 de novembro de 2012 os alumnos Úrsula Martínez do IES Valle – Inclán de Pontevedra e Álvaro Castro do IES de Arzúa. Esa entrevista foi  conducida por seis preguntas seleccionadas dunha relación de quince elaboradas dende o proxecto Climántica. As preguntas que o doutor Pichs Madruga responde no vídeo, son:
  • Cales serían as funcións e estruturas básicas do IPCC?
  • Poden ter interese as políticas actuais de cambio climático para atacar a crise económica actual global?
  • Se os países máis vulnerables ao cambio climático son os menos culpables, e o 25% da poboación está a consumir o 75% dos recursos, ¿cales serían as posibles solucións para intentar reequilibrar?
  • En que rexións do mundo haberá máis secas e inundacións? Poderán existir tamén rexións favorecidas?
  • Cales son os principais avances e frustracións dos cumios de Bali, Copenhague, Cancún e Durban?
  • Considera vostede que nesta loita fronte ao cambio climático, podemos atopar nós oportunidades profesionais?


Climántica no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat

 


Ver vídeo da xornada

O proxecto Climántica foi convidado a participar con unha presenza destacada no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat, un foro de referencia na Educación Ambiental da Comunidade Valencia que organiza o CEFIRE de Castellón, e que este ano se celebrou na cidade de Vila-real. Esta actividade supuxo unha nova oportunidade para Climántica de contactar coa comunidade educativa da Comunidade valenciana, despois das actividades formativas presenciais desenvolvidas en Alicante no ano 2010 e en Castellón no ano 2011; o que honra a este proxecto, ao ter presenza significativa nesa Comunidade, tal e como se pon de manifesto na presenza das actividades de Climántica do IES Virgen del Remedio de Alicante, previstas no programa do Seminario de educación sobre o cambio cambio climático que se celebrará o día 1 de decembro no Centro de Educación Ambiental da Comunidade Valenciana.

A presenza de Climántica neste III Simposi d´Educació per la sostenibilitat abarcou a xornada completa, de 9,30 a 14 horas de mañá e de 16 a 19:30 da tarde do sábado 10 de novembro de 2012, atendendo á solicitude – convite formulado polo coordinador da actividade Vicent Vicent, a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto. Durante a sesión de mañá, Climántica presentou en plenario a todos os asistentes as conclusións das achegas máis singulares do proxecto á temática de cambio climático e tamén participou nun seminario con 30 educadores de Primaria, Secundaria, Universidade e Educación Ambiental non formal, no que se analizaron as características, estrutura, contidos, actividades e poleas de transmisión do proxecto para sacar a Educación Ambiental das aulas á sociedade. Durante a tarde desenvolvéronse dous obradoiros, no que se completaron as 24 prazas ofertadas en cada un, sobre o deseño de actividades multimedia.

Climántica quedou reflectido neste simposio como un proxecto que aporta á Educación Ambiental o valor da programación a longo prazo deste ámbito de coñecemento; e que ao vertebrarse sobre o cambio climático, consigue unha transversalidade que vai máis alá do sentido clásico académico de atravesar disciplinas. Nese senso, destacouse que a dimensión transversal de Climántica tamén atravesa as barreiras dos centros educativos, implicando ás familias en actividades interxeneracionais, e potenciando a capacidade de comunicación dos estudantes como autores de produtos multimedia, e como líderes de comunicación e sensibilización da poboación sobre o cambio climático, equilibrando razón e emoción, e rigor científico e espírito lúdico. Tamén se sinalou a dimensión transversal expresada pola vocación de atravesar as barreiras entre o particular e o global, construíndo así modelos globais sobre denominadores comúns extraídos de impactos do cambio climáticos en diferentes dominios climáticos, para aplicar logo ese modelo no contextual e explicar con máis fundamento os impactos evidenciados. Por último, destacouse a vocación de Climántica por superar barreiras dos sistemas educativos, para o que se optou por cambiar as asignaturas por competencias básicas e os cursos por niveis de competencia curricular.

Climántica quere agradecer á organización deste III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat e a Castellón que lle ofreceran esta nova oportunidade de interacción con esta destacada comunidade de educadores ambientais.


Climántica colabora con EducaBarrié nunha actividade da reunión do IPCC en Vigo

 


EducaBarrié convidou a Climántica a desenvolver unha actividade dos seus alumnos con científicos implicados na reunión do IPCC en Vigo do 6 ao 9 de novembro de 2012, no marco da elaboración do novo informe que ten previsto a súa publicación para o 2014.

A actividade consistiu nas entrevistas co Co - presidente do grupo III do IPCC sobre Mitigación do cambio climático, o doutor Ramón Pichs Madruga e co organizador do encontro e membro dese mesmo grupo, o catedrático de Economía aplicada Xavier Labandeira, que participou no I Congreso Climántica sobre respostas educativas ao cambio climático que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2010, no que disertou sobre a Economía na mitigación e na adaptación ao cambio climático. Os vídeos destas dúas entrevistas publicaranse proximamente en Climántica TV.

As dúas entrevistas foron conducidas por dous alumnos destacados pola súa participación no proxecto Climántica, coordinados por Francisco Sóñora, autor e director do proxecto Climántica. O tándem de entrevistadores foron Álvaro Castro do IES Arzúa, autor de varios traballos premiados nas cinco edicións do congreso CLMNTK, e membro da delegación española no cumio internacional Vamos a coidar do Planeta que se celebrou en Brasilia en xuño 2010, e Úrsula Martínez do IES Valle-Inclán de Pontevedra, tamén premiada por traballos presentados nos dous últimos congresos de Climántica e presentadora no papel de Aire do V Congreso CLMNTK e do acto de presentación de traballos do primeiro campus internacional.



Climántica quere agradecer a EducaBarrié por convidar ao proxecto a desenvolver esta interesante iniciativa, e por todo o apoio que lle ten prestado en actividades de formación do profesorado e no contacto de científicos colaboradores de Climántica cos alumnos.


Recursos de Climántica para actividades no marco do “Ano internacional da enerxía sostible”

 


Neste primeiro trimestre do curso 2012-2013, Climántica está a prestar apoio para aos centros que están a desenvolver actividades relativas ao Ano internacional da enerxía sostible, a través da súa etapa de enerxía. Para facelo apóiase en recursos didácticos como:
  1. O libro Se quentamos, queimamos.
  2. Exercizos on-line sobre a historia da enerxía, sobre a mobilidade, sobre as enerxías renovables en galego e en inglés.
  3. Webquest E ti, sabes como aforrar enerxía na escola?.
  4. Vídeoxogo de simulación para a toma decisións na xestión racional dos recursos enerxéticos para a mitigación do cambio climático na primeira metade do século XXI.
Para reforzar a conceptualización implicada neses recursos, acábase de publicar en Climántica TV o vídeo da conferencia Enerxía e sostibilidade impartida polo director da Axencia enerxética de Vigo, e profesor da Escola Técnica de Enxeñería, Bernardo Parajó. Nesa conferencia o enxeñeiro Parajó expuxo a situación enerxética actual, en canto ao consumo, a política enerxética actual e estratexia 20-20-20. Con este marco actual, buscou respostas a tres preguntas:
  1. Canto tempo poderán os combustibles fósiles cubrir a crecente demanda enerxética?
  2. Ata qué punto e durante canto tempo se poderá capturar e almacenar CO2?
  3. De onde se obterá a enerxía que necesitaremos para as vindeiras décadas?
As respostas que foi dando, fundamentounas sobre consideracións que fixo en relación a:
  1. Ruta da enerxía na actualidade
  2. Impacto das enerxías fósiles
  3. Impacto da enerxía nuclear
  4. Impacto das enerxías renovables
O proxecto Climántica agradece ao profesor Parajó polo coñecemento que nos expón a través deste vídeo, e recoméndao para o fortalecemento das actividades que se están a facer nos centros educativos, aproveitando a motivación que nos ofrece este centro de interese para este primeiro trimestre de curso.


Climántica no III Seminario Iberoamericano CTS da Organización de Estados Iberoamericanos

 


O Comité Organizador do III Seminario Iberoamericano CTS da ensinanza das ciencias da Organización de Estados Iberoamericanos, que se celebrou no IES San Isidro de Madrid entre o 28 e o 30 de setembro de 2012, convidou a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto Climántica, a desenvolver un obradoiro sobre a didáctica multimedia do proxecto. Tamén comunicou as dimensións do proxecto na mesa MC 2-3, onde se presentaron ademais proxectos CTS sobre sostibilidade de Portugal, Brasil e México.

Na mesa MC 2-3 sobre proxectos CTS relativos á sostibilidade, que se celebrou na mañá do sábado 29 de setembro, presentáronse as características de Climántica, a súa organización, os seus contidos CTS sobre enerxía, cambio climático e hidrosfera, os modelos de aplicación do proxecto para diferentes niveles de competencia curricular e as súas propostas de formación do profesorado, rematando coas poleas de transmisión CTS para sacar a Educación Ambiental de Climántica dende os centros educativos cara a sociedade en xeral.

No obradoiro Didáctica multimedia sobre cambio climático dende o proxecto Climántica celebrado na tarde do domingo 30 de setembro, analizouse unha selección de cuestionarios de diversas propostas da Didáctica multimedia (http://biblioteca.climantica.org/gl/formacion/didactica )de Climántica, sobre las seguintes temáticas: o papel de la atmosfera na regulación da temperatura, cambio climático normal, a súa regulación ao longo da historia da Terra, cambio climático antropoxénico, impactos nos ecosistemas; e as relacións do cambio climático coa economía e coa sociedade. Sobre estes cuestionarios, analizáronse a súa coherencia, a pertinencia, a validez e a secuenciación. Ao longo do obradoiro, valoráronse propostas para implementar a didáctica multimedia de Climántica nos sistemas educativos iberoamericanos nos que traballan os asistentes.

Climántica quere agradecer á Organización de Estados Iberoamericanos esta oportunidade e o impulso na implementación do proxecto en diferentes países iberoamericanos.


Descarga do cuarto capítulo do libro “Auga e cambio climántico”

 

Xa se pode descargar en Unidades didácticas do apartado Biblioteca o Capítulo 4. A auga, fonte de vida dende os océanos á terra firme, escrito polo autor e director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora Luna e polo vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella. As descargas poden facerse en versións galego e castelán. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 4 capítulos restantes:

Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.


O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia O hominido emigrante: clima, barreiras e camiños impartida pola investigadora María Martinón Torres, responsable da Liña de Investigación sobre Antropoloxía Dental e Homínidos no Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), cuxas publicacións científicas entraron no top 1% mundial de traballos máis citados no seu campo.

A conferencia que impartiu este ano é a segunda edición, que complementa, diversifica e amplia as dimensións curriculares recollidas no vídeo da primeira edición, impartida no curso 2009 – 2010.

Ambalas dúas conferencias tiveron como denominar común a tese de que somos fillos dos cambios climáticos, porque as grandes oleadas demográficas da historia da humanidade tiveron que ver con cambios na bioloxía e na disposición das barreiras; aspectos moi influenciados polos cambios do clima. Un marco moi interesante para situar o feito diferencial do crecemento demográfico actual, o quentamento global contemporáneo e as súas implicacións na nosa adaptación a el.


Obradoiro e conferencia de Ángel Carracedo no campus CLMNTK 2012

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do obradoiro e da conferencia que impartiu no campus CLMNTK 2012, o xoves 28 de xuño de 2012, Ángel Carracedo, catedrático de Medicina legal da USC e director do grupo de investigación que é primeira referencia mundial en xenómica forense dende o ano 2011.

Este prestixioso investigador desenvolveu un obradoiro que consistiu en extraer ADN de chícharos. Sobre esta visualización, fixo un percorrido sobre os fundamentos básicos das investigacións do seu grupo, baseándose en breves estudos de casos prácticos que resolveron, moitos dos cales eran coñecidos polos alumnos debido á súa repercusión nos medios de comunicación.

O potencial didáctico e de divulgación da exposición do profesor Carrecedo, posibilitou o interese da totalidade do auditorio, un reto nada doado, pola diversidade de idades dos alumnos premiados (entre 12 e 21 anos), e pola diversidade xeográfica (Galicia, Andalucía, Comunidade Valenciana, México D.F. e Bos Aires).

Climántica quere expresar o seu agradecemento a este científico, distinguido entre outros premios, coa medalla Adelaida, premio Jaime I de investigación médica, medalla de Galicia e medalla de Castelao; por facer o esforzo desinteresado de encaixar na súa axenda esta visita ao campus. Tamén quere destacar a vocación deste prestixioso científico por transmitir coñecementos e estímulos intelectuais ao grupo de estudantes premiados por Climántica polo seu talento para a comunicación co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre o cambio climático e o medio ambiente.


Vídeo do Primeiro campus internacional de Climántica

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do campus para premiados no V Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica. Este vídeo, elaborado, ao igual que os anteriores, por xentileza de Pedro García Losada, recolle un resumo das actividades do campus desenvolvidas entre o 23 e o 29 de xuño, e a presentación da totalidade dos traballos que formaron parte do festival de fin de campus: presentación dos seis vídeos elaborados polos grupos seminarios coordinados polos estudantes universitarios en calidade de educadores en prácticas voluntarios, as interpretacións musicais preparadas nos obradoiros de improvisación musical e a obra de teatro preparada nos obradoiros de improvisación musical.

A elaboración dos vídeos dos grupos de alumnos fíxose sobre un fío condutor expresado no lema, “Coñezo Sada e A Coruña, compároas co pasado, e busco conclusións para un futuro sostible”. Orientados por ese lema os alumnos organizáronse en grupos seminario, coordinados cada un educador/a en prácticas. A cada grupo seminario pedíuselle elaborar un vídeo inspirado nese lema, que recollera os datos das visitas programadas para coñecer Sada e A Coruña. Para centrar o inicio da realización do vídeo, fíxose un obradoiro sobre a elaboración de argumentos, apoiado na improvisación teatral. A partires dese momento iniciouse o traballo en equipos para a elaboración dos vídeos. Os traballos dos proxectos e seminarios combinouse con actividades lúdicas e deportivas, entre as que destacou o voleipraia por xentileza da Federación Galega de Voleibol.

Este campus, co que se premiou a 40 estudantes galegos por traballos presentados ao V Congreso CLMNTK, supuxo a primeira experiencia internacional, ao participaren tamén delegacións de México, Arxentina, Alacante e Málaga, apoiados polos seus gobernos e/ou comunidades educativas.

Estas delegacións de alumnos de fóra de Galicia que destacaron polos traballos que presentaron ao V Congreso CLMNTK, aportou unha diversidade moi enriquecedora, e incorporou ao equipo de docentes ás profesoras voluntarias Ana Jiménez do colexio Madrid de México D.F., Mª Dolores Pérez do IES Poetas Andaluces de Málaga, Mª del Mar Sierra e Josefina Santacreu do IES Virgen del Remedio de Alacante e Jorge Greco da Escola Técnica Superior Nº 12 D. E. 1 «Gral. José de San Martín de Bos Aires.

Neste campus tamén participaron como voluntarios/as as educadoras en prácticas Ana Patricia Losada, Antía Carrera, Gema Cid, Helena Caamaño, Lucía Melo; e o educador en prácticas, e director da Agrupación teatral Criaturas, Juan Mosquera, que desenvolveu tamén os obradoiros de improvisación teatral, e o profesor da Escola de Altos Estudos Musicais de A Coruña José Rodríguez, quen desenvolveu os obradoiros de improvisación teatral.

Tamén desenvolveron obradoiros e charlas o catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS), Ángel Carracedo e os profesores da Escola de restauración de Pontevedra e artistas significados na liña de Arte e natureza, Antón Sobral e Carmen Hermo.

A todos estes participantes Climántica quere agradecerlle a súa achegas valiosas, entusiastas e desinteresadas. Tamén agradece o apoio á Consellería de Traballo e Benestar, quen cedeu o albergue, con todos os medios para a estancia e o desenvolvemento das actividades. Ao departamento de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas do Concello de A Coruña, por posibilitar a totalidade das actividades nesa cidade, á empresa municipal EMALCSA de A Coruña, por posibilitar os desprazamentos e visitas ás súas plantas potabilizadora e depuradora de augas residuais e á dirección e persoal técnico do Auditorio da Casa da Cultura de Sada, por posibilitarnos os ensaios e a celebración do festival de fin do campus.


Vídeo da xornada presencial do V Congreso CLMNTK

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo correspondente á xornada presencial do V Congreso CLMNTK. Nesa xornada, que se celebrou en Vilagarcía o día 21 de xuño de 2012, participaron máis de 300 estudantes dos centros educativos de Galicia implicados na organización do V Congreso CLMNTK.

Na inauguración interviñeron o director de Climántica e o alcalde de Vilagarcía. Francisco Sóñora agradeceu a participación e o esforzo dos centros educativos presentes por facer posible o evento; e destacou o significado que ten para Climántica chegar ao V Congreso. Tamén salientou a importancia desta segunda edición virtual, como unha fórmula eficiente que facilita a incorporación doutras comunidades autónomas e países. Salientou ademais a importancia da Educación Ambiental, da creatividade, do talento e da innovación para saír de situacións de crises ambientais e económicas coma as actuais. Tomás Fole destacou a importancia da iniciativa e a boa acollida da mesma na cidade de Vilagarcía. Nese sentido, destacou que a crise económica non se combate soamente co euro, senón tamén con formas de actuar, entre as que sinalou o respecto polo medio ambiente e a eficiencia enerxética.

A continuación iniciouse a presentación de traballos. O acto estivo conducido por un equipo de catro alumnas que xa participaran con este rol na edición do ano pasado. Alba, Silvia, Telma e Úrsula estiveron coordinadas e apoiadas polo humorista Manu Lago. As alumnas presentaron dende os roles de superterra, supersol, superaire e superaula, personaxes que foron recuperando vitalidade e enerxía ao longo do evento, debido á sensibilización dos traballos que ían presentado.

A primeira quenda de presentación de traballos estivo dedicado aos elaborados en centros de fóra de Galicia: dous de Arxentina, dous de México, un de Uruguai, un de Colombia, un de Chile, dous de Madrid, dous de Cantabria, un da Comunidade Valenciana e un de Andalucía. Os estudantes saudaron ao auditorio a través de Internet. Posteriormente asistiron ao campus delegacións de México, Arxentina, Alacante e Málaga, que contaron co apoio dos seus gobernos e/ou comunidades educativas.

A continuación procedeuse a presentar unha representación dun 10% dos traballos presentados segundo esta secuencia:

1. Aínda nos queda moito polo que loitar de Úrsula Martínez Álvarez e Santiago Durán Baeza. IES Valle Inclán

2. Manifesto da Terra. De María Losada González e César Alonso Fariñas. IES San Mamede

3. The environment de Valeria Crujeiras, María Fernández, Anabel Fernández, Carme Romero e Conchita Paz. IES Leliadoura

4. Oda al medio ambiente de Fernando Rubio Astilleros e Pablo de Lucia Finkel. IES Margarita Salas

5. A historia do clima de Fátima García. IES Campo de San Alberto

6. Un transporte alternativo de Alba Lado Caamaño e Christian Carrillo Sueiro. IES Poeta añón

7. Como salvar o planeta de Cecilia Moretón Rodríguez e Ariana Fernández González. IES Otero Pedrayo

8. Telexornal 2098 de María Losada González e Paula González Fernández . IES San Mamede

9. Estropear o planeta un gran erro de Andrea Nimo e Silvia Tuñas . IES Poeta Añón

10. Un acto de terrorismo ambiental de José Calvo Ayuso. IES Otero Pedrayo

11. Metamorfose enerxética. Nerea Rivadulla e Ana Romero. IES Campo de San Alberto

12. Salvemos el mundo de Pablo Couto Andrés, Gonzalo Álvarez de Soutomayor de Pugnaire, Iván Fernández Braña, Xoel Bouso López e Yolanda Rivas Sobrado. IES San Rosendo

13. A nosa Terra de Estefany Patiño e Tatiana Dono. IES Fontiñas

14. Nas túas mans de Jessica Piñeiro Brea e Alba Castro Oubiña. IES Francisco Asorey

15. Galicia, a nosa Terra de Alba Calo Blanco e Iria Ferreiro Gómez. IES Poeta Añón

16. Climate change de Manuel Argiba, Sara Maneiro e Laura Laíño. IES Leliadoura

17. De onde vimos e onde vamos de Iván Fernández Braña, Xoel Bouso López, Alejandra Garabana Maroño, Ayeik Mendez Díaz, Manuel Franco Torviso, Diego terrón Barcia, Moises Chao Fernández, Xosé Ramón Rico Pérez, Xerardo Rodriguez Franco, Susana Fra Murado, Pablo Couto Andrés, Gonzalo Álvarez de Soutomayor de Pugnaire, Borja Rivas Rodriguez e Marcos Vázquez López. IES San Rosendo

18. O que ten corazón que actúe de César Alonso Fariñas, María Losada González, Paula González Fernández, Alberto Prol Barbosa, David Meire Alonso, Elodí Cid Santos, Melisa Santiago Nieto, Aida Carballo Pumar, Noelia Meire González e Samuel González Fernández. IES San Mamede

Unha vez rematada a presentación de traballos procedeuse ao sorteo dunha tablet e dunha web TV entre os asistentes, por xentileza da empresa galega Blusens.


Xornada presencial do V Congreso CLMNTK

 


Os centros educativos de Galicia que participaron no V Congreso CLMNTK, organizan, o día 21 de xuño de 2012, a xornada presencial do V Congreso CLMNTK; na que se desenvolverá esta axenda de traballo.

Nesta xornada presencial presentarase unha selección de traballos que representarán aos centros con profesorado implicado na organización deste V Congreso CLMNTK. A este equipo docente organizador, o proxecto Climántica quere expresarlles o seu agradecemento pola dedicación, compromiso e implicación nesta etapa de intensa actividade nos centros educativos, coincidindo co remate do curso académico.

Tamén se proxectará un vídeo co saúdo dos estudantes – autores das outras catro comunidades autónomas e cinco países iberoamericanos participantes. Pódese acceder aos vídeos de presentación de alumnos de varios destes centros, dende a marxe dereita do portal deste V Congreso CLMNTK; no que están publicados todos os traballos por orde descendente de puntuación.


Homenaxe de Climántica aos seus estudantes no Día Mundial do Medio ambiente

 


Coa experiencia educativa extraída durante o tempo de existencia deste proxecto, Climántica quere celebrar unha data tan sinalada como é o Día Mundial do Medio Ambiente, expresando aquí a honra que supón para o proxecto ter unha rede de estudantes desta calidade.

O día 5 de xuño para Climántica é unha data para pararse a lembrar a participación entusiasta dos estudantes no deseño e nas demostracións prácticas na rúa, nas que se implicaron activamente para ensinar aos cidadáns as causas, consecuencias e solucións ao cambio climático. Unha lembranza, que neste día tan sinalado, ven motivada polo peche, nesta época, dos seus congresos CLMNTK. Por iso agora Climántica entende que é o momento de pedir aos usuarios deste portal que se impliquen na votación dos traballos destes estudantes - de Galicia, doutras comunidades autónomas e de varios países iberoamericanos - que participaron no V Congreso CLMNTK.

Ese é o motivo polo que dende aquí solicitamos esta colaboración aos usuarios deste portal, co convencemento de que este V Congreso deixou unha interesante variedade de formatos e competencias de comunicación, configurando un conxunto de traballos que aportan valiosos aspectos didácticos e de sensibilización ambiental entre iguais. Por iso, e para conseguir unha maior masa crítica e representatividade das votacións de usuarios, agradecémoslle que apoien o esforzo de sensibilización ambiental destes xoves voluntarios ambientais, votando e invitando a votar a outros usuarios durante todo o período de votacións.


Os condicionantes xeolóxicos da biosfera dende a orixe da vida ata a sociedade do cambio climático

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle o terceiro e último seminario que impartiu no curso, Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo o  vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella.

O doutor Anguita centro este seminario na procura  de respostas á pregunta sobre se a nosa soidade (ou compañía) cósmica é tal vez a máis popular que se pode facer á Ciencia, e sobre as implicacións das nosas accións para a continuidade da vida do Planeta no cosmos. Dixo que o fío condutor introdutorio para responder a estas preguntas,  buscouno nun libro escrito por dous científicos, un paleontólogo e un astrónomo. Unha vez exposto este fío condutor introdutorio, pasou a avaliar o comportamento da nosa sociedade co resto da biosfera, e co planeta en xeral.

Con este enfoque, consolidou a estrutura conceptual do seminario sobre estas catro ideas - eixo fundamentais:

1) As condicións para a vida no Universo. 
2) A información do rexistro xeolóxico sobre a vida na Terra. 
3) O homo sapiens e as súas relacións cos recursos xeolóxicos.
4) Consecuencias para a biosfera do uso dos recursos xeolóxicos da nosa época e as solucións que lle estamos a dar.

A argumentación sobre estes catro eixos conceptuais que expuxo no seminario, quedan recollidos neste documento que queda á disposición dos usuarios para a súa descarga.


O enfoque medioambiental da Terra fluida

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do segundo seminario impartido polo vulcanólogo Francisco Anguita Virella no curso Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo, titulado O enfoque medioambiental da Terra fluída.

O fío que seguiu para enfocar os aspectos medioambientais da Terra fluida foi a suma de problemas ambientais que ten formulada a sociedade actual no hidrosfera, na atmosfera e na criosfera; que ilustrou mediante un gráfico publicado por un grupo internacional de investigadores en 2009 na revista Nature, no que se cuantificaba o grao en que estamos a violar as marxes de seguridade do planeta. Sobre esa imaxe propuxo a tese de que a maioría dos problemas ambientais, refírense á Terra fluída, o conxunto de subsistemas que abrangue atmosfera, hidrosfera e criosfera.

Con este fío condutor foi revisando os impactos que producimos, e seguimos producindo, sobre cada subsistema da Terra fluída: os aerosois na atmosfera; a acidificación que esta contaminación causa nos océanos; o burato de ozono, que non parece reducirse significativamente, e agora ademais apareceu sobre o Ártico; as alteracións nos ciclos do nitróxeno e o fósforo; os conflitos en torno á auga; e por último o cambio climático, que inflúe en moitos dos outros temas.

Estes impactos xustificounos nos esquemas básicos de circulación atmosférica (coas súas células de Hadley) e oceánica (a famosa fita transportadora global e o fenómeno periódico Del niño) e do ciclo da auga, cunha corrente fluvial como tema máis complexo.

O contido detallado que expuxo en relación á contaminación e impactos sobre a atmosfera e a hidrosfera, e o relativo aos impactos do cambio climático sobre os subsistemas fluídos quedan recollido neste documento para a súa lectura e descarga.


Descarga do terceiro capítulo do libro “Auga e cambio climántico”

 

Xa se pode descargar en Unidades didácticas do apartado Biblioteca o Capítulo 3. Historia, presente e futuro da auga na Terra en versións galego e castelán.  Tamén se pode navegar polo seu contido extraído para a divulgación cara a cidadanía en xeral premendo no terceiro apartado Auga e cambio climático do menú da marxe esquerda da páxina de Inicio. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 5 capítulos restantes:

Capítulo 4. A auga fonte de vida dende os océanos á terra firme.
Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.


Enerxía interna do Planeta e medio ambiente

 


Está publicado en Climántica TV o video que resume o contido da primeira das tres xornadas do curso Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo dende Climántica impartido polo vulcanólogo Francisco Anguita Virella.

O fío condutor da primeira xornada do curso foi a enerxía da Terra. Fixo a consideración inicial de que para abordar este tema é necesario considerar que o Planeta non é unha cebola que imos estudando capa a capa, senón un sistema dinámico cuxos fluxos enerxéticos conectan todos os seus subsistemas.

Por iso sinalou a súa preocupación porque, as ilustracións clave dos libros de texto transmitan esa dinámica, moito máis importante que a estratificación en capas, e por iso apostou polas representacións extraídas da tomografía sísmica, que permite representar o manto en 3D, que é a mellor forma de transmitir a enerxía da Terra e a súa evolución dende o inicio da Tectónica de placas. Neste sentido o material máis frío procedería da subducción fondo do Mar de Thetis. Tamén sinalou que este tipo de representación deixan o concepto Astenosfera tal e como foi definido en 1914, como todo aquilo que está debaixo da litosfera, pero non como unha capa definida. Os materiais flúen a través de todo o manto, e coa súa dinámica, trasladan a súa enerxía á litosfera.

Fixo fincapé en que na superficie, esa dinámica profunda reflíctese basicamente en dous procesos, vulcanismo e sismicidade, que levan aparellados importantes riscos, para persoas e bens. Isto convérteos en importantes interseccións entre Ciencia e Sociedade, e por iso en fenómenos perfectos para un enfoque das materias CTMA e CCMC baseado no estudo de casos.

En relación aos volcáns, empezou con unha aclaración previa pola súa importancia ambiental: a influencia dos volcáns sobre o clima é ambivalente. Expuxo que cando nunha erupción ultraexplosiva a proporción de aerosois é importante (como o foi por exemplo no caso do Pinatubo en 1991), pódense inxectar na estratosfera cantidades importantes de partículas que bloqueen a radiación solar e polo tanto arrefríen a Terra; pero este é un efecto de prazo curto, uns poucos anos como máximo. O efecto contrario, quentamento causado pola emisión de gases de efecto invernadoiro, é moito máis significativo a escala xeolóxica. En concreto, a hipótese básica para explicar o clima de invernadoiro do Cretácico é a erupción dunha masa enorme de rochas volcánicas no fondo do Pacífico acompañada de cantidades tamén masivas de CO2. Non se coñece un sistema máis eficaz de quentar a atmosfera dun planeta que extraer do seu interior, vía volcáns, gases de efecto climático.

A continuación revisou varios exemplos paradigmáticos da avaliación de riscos de orixe profunda, empezando polos volcánicos que quedan relatados neste documento que queda a disposición para a descarga e lectura dos usuarios.


Sistemas de depuración de augas residuais con macrofitas

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia – coloquio impartida por Diego Rey Quintana sobre a depuración de augas residuais con macrofitas, mediante os tipos de sistemas baseados nos sistema de macrofitas emerxentes que se explican no capítulo 8 do libro da terceira etapa de Climántica Auga e cambio climático. Este relator expuxo as bases técnicas do sistema de depuración con macrofitas que desenvolveu dentro do proxecto I+D+i Hidrolution, posto en marcha por Vicente Torres Junco.

O enxeñeiro Rey, destacou as vantaxes do sistema en relación ás tecnoloxías convencionais, subliñando que non ten custo enerxético, ao usar plantas que inxectan osíxeno atmosférico á auga. Trátase dun sistema desenvolto con macrofitas emerxentes do xénero Typha. Baseándose nas bases morfolóxicas, histolóxicas e fisiolóxicas; fundamentou como estas plantas dispoñen dunha membrana que é capaz de transferir de xeito selectivo o osíxeno atmosférico, dende o medio máis concentrado (21% na atmosfera) ao medio anóxico propio das augas contaminadas.

Explicou como os sistemas se montan sobre unhas estruturas que facilitan a flotación da planta, para que non perda enerxía en manter a verticalidade. Co tempo, desenvolven un armazón radicular de tal densidade, que permite, ao cabo de 3 anos, desprazarse sobre a superficie sen necesidade de mollar os pés.

En relación á actuación destas plantas nos sistemas que poñen en marcha imitando os procesos naturais, diferenciou tres substratos:
  1. Inferior no que decanta a materia orgánica más densa e no que non existe osíxeno, e por tanto no que se producen procesos anaerobios e fermentativos.
  2. Superior, ou substrato flotante, que é rico en osíxeno atmosférico aportado polas raíces das plantas.
  3. Zona facultativa intermedia, que favorece a interacción aerobia e anaerobia, que a fai moi reactiva; e por tanto non xera niveis significativos de lamas e malos olores.

En relación á superficie necesaria, aportou o dato de que chega con un m2/habitante, e apoiándose nel, defendeu este sistema como moi interesante para un territorio con dispersión da poboación, como é o caso de Galicia. Sinalou tamén que se trata dun sistema que non requiría da separación entre augas da pluviometría das dos colectores, porque o aumento e diminución do nivel, non afecta ao funcionamento do sistema, dado que os microorganismos están asociados ás raíces.

Fixo referencia tamén aos diferentes sistemas que están a desenvolver, destacando sobre todo 3 modelos:
  1. En balsas, que se dispoñen onde non hai nada previamente, e neste caso constrúense uns sistemas graduados de balsas.
  2. Depuradoras recicladas. En depuradores convencionais que se abandonan cando non se ten medios para mantelas. O que se fai é plantar nos tanques da depuradora.
  3. Illas en lagos, un sistema que usan nos proxectos de axuda ao desenvolvemento que se están levando a cabo en África.

En relación a estes últimos, dixo que os lagos de África en xeral están contaminados por augas residuais, e aínda así, a xente úsaos para bañarse e beber. Por iso a súa intervención busca mellorar de xeito eficaz a calidade desas augas. Para conseguilo, montan illas flotantes de macrofitas nos puntos onde ocorren os vertidos. En relación a estas intervencións, referiuse á importancia das intervencións en África na liña de aportar á depuración de augas residuais unha dimensión potabilizadora; porque a xente consumía as augas contaminadas. Puxo como exemplo o que ocorre nas ribeiras do río Níger, onde a xente consume a auga do río moi contaminada con metais pasados, e a esperanza de vida está nos 40 anos.

En relación á depuración de augas residuais con produtos químicos, sinalou que pode requirir dunha arqueta na entrada á depuradora; porque as augas son tóxicas, pode afectar ao desenvolvemento. Por iso nestes casos combínase co sistema de depuración clásico.

En definitiva, o enxeñeiro Rey expuxo con detalle, tanto na conferencia como no amplo coloquio, os fundamentos polos que este tipo de sistema non presentan gastos enerxéticos, e tampouco producen lamas no proceso de degradación de materia orgánica; superando así dúas desvantaxes dos sistemas convencionais.


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino