O proxecto Climántica foi convidado a participar con unha presenza destacada no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat, un foro de referencia na Educación Ambiental da Comunidade Valencia que organiza o CEFIRE de Castellón, e que este ano se celebrou na cidade de Vila-real. Esta actividade supuxo unha nova oportunidade para Climántica de contactar coa comunidade educativa da Comunidade valenciana, despois das actividades formativas presenciais desenvolvidas en Alicante no ano 2010 e en Castellón no ano 2011; o que honra a este proxecto, ao ter presenza significativa nesa Comunidade, tal e como se pon de manifesto na presenza das actividades de Climántica do IES Virgen del Remedio de Alicante, previstas no programa do Seminario de educación sobre o cambio cambio climático que se celebrará o día 1 de decembro no Centro de Educación Ambiental da Comunidade Valenciana.
A presenza de Climántica neste III Simposi d´Educació per la sostenibilitat abarcou a xornada completa, de 9,30 a 14 horas de mañá e de 16 a 19:30 da tarde do sábado 10 de novembro de 2012, atendendo á solicitude – convite formulado polo coordinador da actividade Vicent Vicent, a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto. Durante a sesión de mañá, Climántica presentou en plenario a todos os asistentes as conclusións das achegas máis singulares do proxecto á temática de cambio climático e tamén participou nun seminario con 30 educadores de Primaria, Secundaria, Universidade e Educación Ambiental non formal, no que se analizaron as características, estrutura, contidos, actividades e poleas de transmisión do proxecto para sacar a Educación Ambiental das aulas á sociedade. Durante a tarde desenvolvéronse dous obradoiros, no que se completaron as 24 prazas ofertadas en cada un, sobre o deseño de actividades multimedia.
Climántica quedou reflectido neste simposio como un proxecto que aporta á Educación Ambiental o valor da programación a longo prazo deste ámbito de coñecemento; e que ao vertebrarse sobre o cambio climático, consigue unha transversalidade que vai máis alá do sentido clásico académico de atravesar disciplinas. Nese senso, destacouse que a dimensión transversal de Climántica tamén atravesa as barreiras dos centros educativos, implicando ás familias en actividades interxeneracionais, e potenciando a capacidade de comunicación dos estudantes como autores de produtos multimedia, e como líderes de comunicación e sensibilización da poboación sobre o cambio climático, equilibrando razón e emoción, e rigor científico e espírito lúdico. Tamén se sinalou a dimensión transversal expresada pola vocación de atravesar as barreiras entre o particular e o global, construíndo así modelos globais sobre denominadores comúns extraídos de impactos do cambio climáticos en diferentes dominios climáticos, para aplicar logo ese modelo no contextual e explicar con máis fundamento os impactos evidenciados. Por último, destacouse a vocación de Climántica por superar barreiras dos sistemas educativos, para o que se optou por cambiar as asignaturas por competencias básicas e os cursos por niveis de competencia curricular.
Climántica quere agradecer á organización deste III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat e a Castellón que lle ofreceran esta nova oportunidade de interacción con esta destacada comunidade de educadores ambientais.