No Parque Nacional estudouse as adaptacións da flora ás condicións microclimáticas do terreo volcánico a 2.000 metros de altitude da superficie que se mostrou. Os expertos do Parque Nacional caracterizaron a zona de mostraxe destacando entre outros datos que as condicións dese ecosistema de alta montaña se caracterizan por ter 320 días ao ano sen precipitacións, unha humidade relativa do 30%, diferenza de temperatura entre o día e a noite de máis de 25ºC, precipitacións anuais equivalente á auga consumida por unha persoa en tres días de ducha, e fortes ventos, con frecuencia tempestuosos de máis de 160 Km/h.
Para explicar estas características microclimática entaboouse un coloquio sobre o réxime de ventos nese lugar. No desenvolvemento da argumentación analizouse a circulación dos ventos alisios e a súa coincidencia cos que atravesan o deserto do Sahara. Concluíuse que no caso de Canarias os alisios non provocan a desertización que xeran no Sahara por dous motivos. O primeiro é o choque dos ventos coa barreira montañosa no Val da Orotava, interpretando así a orixe da capa de nubes que visualizaron na suba. A segunda explicación que se encontrou ten que ver coa coincidencia nese lugar dos contra - alisios que sopran en dirección contraria e que frean e arrefrían os ventos alisios.
Con este modelo microclimático, analizáronse as adaptacións das especies a esas condicións tan singulares que determinan a presenza de endemismos con adaptacións moi marcadas entre as que se destacaron as longas raíces, follas dobradas e pegadas, tamaño reducido, que lle permiten unha eficaz economía hídrica.
A continuación o grupo de intercambio das dúas rexións climáticas procederon a visitar as instalacións do Observatorio Astrofísico do Teide. Alí estudaron o funcionamento das lentes analizando un telescopio. O contido da visita centrouse sobre todo no papel deste tipo de instalacións científicas para analizar a contaminación lumínica. Ao longo da charla coloquio sobre este tema, analizáronse medidas paliativas de aforro enerxético e de deseño e orientación das luminarias.