Esta experiencia piloto aspira a deixar consolidado este intercambio cada curso académico, dando oportunidades a incorporarse cada novo curso a outros centros canarios e galegos, e incorporando cada ano unha nova rexión climática diferente. Todos os centros interesados en liderar un núcleo de intercambio e ben en incorporarse a núcleos xa constituídos, poden solicitalo enviado un correo electrónico a climantica@climantica.org.
Climántica Intercambios é o novo proxecto derivado do concepto pedagóxico de Climántica que se pon en marcha no curso 2014-2015 coa finalidade de buscar respostas educativas fronte ao cambio climático mediante intercambios de Educación Ambiental e Científica entre comunidades autónomas e países implicados no proxecto Climántica.
En cada intercambio compararanse os aspectos claves das dúas comunidades para a mitigación e adaptación ao cambio climático: dominio climático, transporte, transformación e uso de combustibles fósiles, xestión da auga, impacto das enerxías renovables, respostas do tipo de substrato ante eventos extremos e xestión integral do territorio. Para facelo, selecciónanse equipamentos de divulgación científica e ambiental xunto con contextos ambientais que destaquen por ser recursos de calidade para a consecución dos obxectivos do proxecto.
Cos datos obtidos nos intercambios de cada curso académico, aliméntase un congreso xuvenil virtual internacional para presentar produtos de autor de sensibilización sobre este reto global. Á súa vez este congreso permitirá que os alumnos autores de traballos individuais máis destacados teñan acceso a un campus xuvenil internacional. Os docentes que orientasen traballos gañadores conseguirán, a través dos seus alumnos premiados, unha praza nun seminario docente que se desenvolverá de forma simultánea e sinérxica para investigar sobre as actividades do campus e propoñer a súa mellora.
O campus xuvenil internacional e o seu seminario docente de 2015 está programado para desenvolverse entre o 25 ao 30 de xuño no Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM). Os docentes recibirán o recoñecemento por parte do Ministerio de Educación de 50 horas de formación a través do convenio de formación do profesorado coa Asociación Española para o Ensino das Ciencias da Terra (AEPECT).