CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Convocatoria do V Congreso CLMNTK

 

Co obxectivo de sensibilizar sobre o problema do cambio climático e promover actitudes máis sostibles co medio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración coas Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Traballo e Benestar, convoca o V Congreso CLMNTK e os Premios Climántica para estudantes de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e Universidade, que lle dan continuidade ao IV Congreso CLMNTK que se celebrou en Sada o 22 de xuño de 2011 e aos seus premios.

Poderán participar todos os estudantes matriculados nun centro educativo no curso 2011-2012, e o prazo de presentación de traballos queda aberto dende a data de comunicación na web de Climántica ata o 31 de maio do 2012. Esta quinta edición vaise a desenvolver de xeito virtual, e por tanto os traballos terán que ser inseridos na páxina web do congreso antes das 24 horas do último día de maio.  Dentro do apartado Como participar atópanse titoriais con todos os pasos a seguir para cargar os traballos na plataforma.

Os traballos que se envíen coa intención de que se teñan en conta para participar nos premios consistentes nun campamento ambiental de verán para 6º de Primaria, ESO, Bacharelatos, Ciclos formativos e Universidade, deberán ser individuais ou en parellas.

Os traballos terán que ver coas temáticas do proxecto e tomarán como referencia as seguintes categorías:   

  1. Relatos
  2. Poesía
  3. Curtos cun guión ambiental
  4. Vídeos musicais
  5. Vídeos de obras de teatro
  6. Fotografía comentada
  7. Banda deseñada
  8. Presentacións
  9. Póster
  10. Debuxos
  11. Reportaxes multimedia                              


Todos os autores de traballos que se publiquen na páxina web do V Congreso CLMNTK recibirán unha certificación de autoría emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e unha certificación de voluntariado emitida pola Consellería de Traballo e Benestar, polas súas achegas á sensibilización da cidadanía. Pero ademais, un número de 30 autores galegos de sexto de Primaria, ESO e Bacharelato, serán premiados por traballos individuais ou en parellas, con un campamento de Educación Ambiental.

Tamén se premiará a 10 alumnos de facultades de CC. da Educación e de Formación do profesorado, por traballos incorporados á mesma plataforma. No caso dos alumnos universitarios, estes participarán no campamento para premiados con un rol de educadores en prácticas, pola que recibirán dous tipos de certificacións: unha da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (50 horas por prácticas de Educación Ambiental) e a outra da Consellería de Traballo e Benestar (certificación de educador voluntario). Asemade, dende a Subdirección Xeral de Voluntariado, proporase ás universidades galegas o recoñecemento dun crédito de libre configuración por esta participación.

Como en edicións anteriores, contémplase a posibilidade de que estudantes de Portugal e doutras comunidades autónomas, que están a traballar co proxecto, poidan ser premiados pola calidade dos seus traballos, ocupando as prazas dispoñibles a maiores das 40 ofertadas para Galicia. Neste caso, terían que vir acompañados de algún docente responsable, que se implicaría no equipo de educadores do proxecto Climántica.

Esta previsto que o campamento para premiados se desenvolva no albergue da Xunta da praia de Area (Viveiro), dende o sábado 23 ata o sábado 30 de xuño. O 23 de xuño recibirase aos premiados no albergue de 11 a 13 horas da mañá. O día 30 de xuño farase a presentación de traballos, á que poderán asistir as familias e profesorado interesado ás 12 da mañá, procedendo a continuación á clausura do campamento e a despedida dos estudantes e dos familiares que veñan a recollelos. Os familiares que recollan a outros estudantes a maiores dos seus fillos, deberán traer a correspondente autorización das familias. O premio inclúe os gastos de estancia e manutención que aportará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, e o desenvolvemento das actividades educativas que aportará o proxecto Climántica.




www.viveiro.es

A data límite para publicar na plataforma os resultados definitivos das valoracións do xurado será o día 21 de xuño 2012. Unha vez publicada esta valoración definitiva, pecharase tamén as votacións dos usuarios e quedará así establecida a relación de premiados e de suplentes. Na valoración terase en conta tanto a votación dos usuarios da páxina web do congreso como a valoración outorgada por un xurado formado por educadores e que emitirán a súa cualificación fixándose nos seguintes criterios:   

  1. Que exista unha relación clara co proxecto.
  2. Orixinalidade.
  3. Elaboración rigorosa.
  4. Capacidade de sensibilización.
  5. Grao de madurez, en relación coa idade, na elaboración técnica.
  6. Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e a comprensión dos mesmos.            

As votacións dos usuarios da web empezarán a contar dende o momento da publicación e as valoracións quedarán resoltas para cada traballo nun prazo máximo dunha semana despois da súa publicación. A plataforma informará daqueles traballos que reciban máis votos, que presentará como máis populares, e tamén dos máis valorados, a medida que se vaian tendo valoracións de membros do xurado que emitan as súas cualificacións. As cualificacións do xurado suporán un 70% da puntuación e as votacións dos usuarios da plataforma suporán o 30% restante.

Poster

Folleto


Impactos do cambio climático no océano costeiro

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, Antonio Bode Riestra. O seu tema referiuse aos impactos no océano costeiro, que se aborda no capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático.

Antonio Bode iniciou a charla caracterizando o océano a nivel global, sinalando que se trata do ecosistema máis productivo, por canto que supón o 55% da produción primaria mundial. Fixo fincapé tamén no seu papel na regulación do clima e tamén na regulación dos niveis de CO2, como o principal sumidoiro deste gas polo efecto de dúas bombas: unha biolóxica que o retira nos restos carbonatos cara os sedimentos, e unha bomba física, en forma de arrastre de auga fría que descende e o almacena no fondo do océano. Deste xeito retírase a metade de dióxido de carbono emitido á atmosfera. Nesa visión global do océano, enumerou tamén unha serie de impactos sinalados no último informe do IPCC: incremento do nivel do mar, acidificación, desxeo do polo Norte, diminución da salinidade e aumento de eventos extremos.

A continuación situou o océano costeiro como o 15% das superficie oceánica no que se localiza máis do 50% da poboación. Analizou as razóns, moitas das cales teñen que ver cos usos e posibilidades que ofrece ese océano costeiro. Contextualizou esa análise en Galicia na que, dixo que as actividades relacionadas co océano supoñen o 70% da actividade económica e do orde do 80% do turismo. Reflexionou sobre a relación desas actividades con moitos dos impactos actuais do océano costeiro.

Na análise dos impactos, empezou polo quentamento. Destacou que este está sendo bastante acelerado nas nosas latitudes, no que está a supoñer un promedio de 0,8ºC cada 30 anos e que ao final do século pode ser de 3º C, situación que pode resultar crítica para determinadas especias.

O seguinte impacto que analizou foi a subida do nivel do mar, que relacionou co quentamento e co desxeo terrestre (glaciares). Sinalou que en Galicia está a producirse un aumento do nivel do mar de 2 cm. por década ao longo dos últimos 60 anos. Sobre este dato propuxo a reflexión do que supón que un cm. de subida do nivel do mar, poida implicar a perda de hasta un metro de lonxitude de praia. En relación a esta análise, fixo tamén mención a que este dato complícase máis co aumento que se está a observar nos temporais e no tamaño das ondas. Dixo que isto xa se estaba a ter en conta en obras públicas como se está a ter en conta no porto exterior de A Coruña.

Sobre a diminución do pH indicou que este estaba a descender 0,05 unidades/década desde 1975. Referiuse aos efectos desta variación sobre o desenvolvemento dos organismos con esqueleto carbonato, e sobre os riscos que pode chegar a supoñer sobre a resistencia de cunchas de mexillóns e ostras.

Outros dos impactos que analizou foi diminución do afloramento por diminución dos ventos do Nordeste. Estes ventos, predominantes en verán, teñen unha orientación perfecta para retirar a auga da superficie cara o interior, facilitando con esta depresión na costa, o escenso de auga fría profunda, rica en nutrientes. Dixo que estes ventos antes mantíñanse durante un período amplo, de febreiro a novembro. Na actualidade estanse a reducir, posiblemente debido ao cambio climático, e isto está a afectar a produtividade das rías.

Fixo mención a que a nivel global tamén se está a rexistrar dende o ano 1958 unha estratificación xeral debido ao quentamento da auga superficial, provocando unha diminución da produtividade primaria. Expuxo que tamén se está a constatar a diminución de diatomeas e o aumento de dinoflaxelados, algúns dos cales son os responsables das mareas vermellas. Este aumento de dinoflaxelados tamén se está a constatar nas rías, onde se observa unha renovación máis lenta pola diminución do afloramento, que coincide co aumento de días de peche dos polígonos por mareas vermellas.

Entre os impactos derivados do aumento da temperatura das augas costeiras galegas pode subliñarse a aparición de especies asociadas a augas máis quentes, entre as que xa se teñen identificado 21 especies de afinidade subtropical.

Rematou a conferencia referíndose a outros impactos nos ecosistemas oceánicos non derivados do cambio climático. Para facelo apoiouse nun mapa de impactos no océano publicado pola revista Science (2008), entre os que mencionou os vertidos, a diminución de peixes predadores por sobrepesca. Contextualizando en Galicia, fixo mención á diminución do tamaño do mexillón, a diminución da ameixa babosa polo aumento da temperatura das augas, que pon tamén en compromiso á ameixa fina, que está xa no límite de distribución. Por último fixo mención á diminución de capturas de polbo, parece ser que asociado á diminución do afloramento.


Segundo capítulo do libro “Auga e cambio climático”

 


Está dispoñible para a descarga no apartado Biblioteca o capítulo 2 do libro Auga e cambio climático titulado A auga en movemento. Tamén se pode navegar polo seu contido máis divulgativo extraído para informar á cidadanía, en versión HTML. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 6 capítulos restantes:

Capítulo 3. Historia, presente e futuro da auga na Terra.
Capítulo 4. A auga fonte de vida dende os océanos á terra firme.
Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.



“Biografía de la Tierra” para un lustro de www.climantica.org

 


Con motivo da celebración do quinto ano de www.climantica.org, posto en marcha o 9 de febreiro de 2007, o científico colaborador do proxecto, Francisco Anguita Virella, puxo á disposición dos usuarios deste portal o seu libro Biografía de la Tierra, revisado no ano 2011. Como acto simbólico, procedeuse a sortear un exemplar do libro dedicado polo autor entre os 40 asistentes ao curso Ciencias da Terra para o Mundo Contemporáneo.
 
Ao longo destes 5 anos a web de Climántica superou as 659.000 visitas procedentes de 133 países diferentes.





A contaminación das augas continentais

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Francisco Díaz-Fierros, referida ao capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático. Por tanto, nela abordou a contaminación das augas continentais a nivel global, a nivel europeo, a nivel de España e a nivel de Galicia.

Empezou a conferencia enmarcando a contaminación da auga a nivel histórico; facendo referencia ao cambio de concepción, no que a auga deixou de considerarse como impoluta, debido ao gran fedor de Londres en 1858, por acumulación de fecais no Támese. Esta contaminación foi consecuencia da mellora das condicións hixiénicas da poboación, que provocaron un importante aumento de fecais aos ríos. Ata entón a auga era considerada como pura, e con esa situación de contaminación do Támese, pasouse a ver como algo susceptible de contaminar por nós. Deste xeito, a contaminación orgánica e fecal apareceron como primeiras formas de contaminación. Logo xurdiu a salinización, logo, coa industrialización, a contaminación por metais pesados a acidificación, a contaminación radiactiva, e coa agricultura intensiva, a eutrofización.

Sobre a contaminación a nivel mundial, destacou os avances dos países que se adiantaron a esta preocupación como Noruega e Canadá, que practicamente solo lles quedan os retos da contaminación orgánica. Nesa visión global da contaminación, fixo mención aos problemas de contaminación das augas continentais nos países do leste, entre os que destacan os metais pesados e a salinización. En relación aos países pobres rurais, expuxo que practicamente non teñen problemas de metais pesados e de contaminación radiactiva; pero si presentan importantes problemas de contaminación orgánica e fecal. Nos estuarios hai contaminación orgánica tal, que provoca a falta de osíxeno por proliferación de algas. Nos países máis desenvolvidos, no 2007 atopouse, unha tendencia á diminución dos fosfatos. En xeral, os países más avanzados son os que teñen maior contaminación das augas continentais, pero tamén son os que máis melloran.

Fixo fincapé en que a contaminación das augas continentais pode ser puntual e difusa. A puntual afrontase con depuradoras de augas residuais no punto de saída. Sen embargo na difusa, hai moitos puntos nos que se produce a contaminación e esta sigue camiños diversos e non predicibles. A única forma para afrontala é limitar a cantidade de vertido nunha superficie. Así por exemplo, no caso do nitróxeno, non debe superarse os 170 kg/Ha en ningún sitio que poda levar auga cara os ríos. Esa limitación imponse porque por encima desa cantidade por Ha, as plantas e o solo non son capaces de reter o nitróxeno, e este lávase. Para facer fronte a este tipo de contaminación, recomendou manter a vexetación de ribeira, que defende a auga do río da contaminación difusa. Dixo que España ía retrasada na entrega da normativa, e presenta unha contaminación importante, con máis da metade dos encoros eutrofizados pola agricultura e polos residuos domésticos das lavadoras, ricas en P.

En relación á situación de Galicia, referiuse, en primeiro lugar, á situación da calidade da auga dos ríos, medida en base á súa potabilidade. Sinalou que teñen mala calidade parte do Miño, Sar, unha pequena parte do Anllóns e parte do Sil. Dixo que máis da metade dos ríos de Galicia terían unha boa calidade da auga, aplicando este criterio de potabilidade, medido soamente dende o punto de vista físico – químico; pois dende o punto de vista bacteriolóxico, a maioría dos ríos galegos non teñen auga potable. Comentou que había ríos, como o Sar, onde aparecen bioindicadores de niveis de contaminación preocupante, como poden ser determinadas malformacións en algunhas comunidades biolóxicas. Dixo tamén que máis da metade dos encoros galegos están en situación mesotrófica ou eutrófica, con algún hipereutrofizado como o dos Peares.

En relación á situación das augas subterráneas, expuxo que en Galicia había poucos acuíferos, e que ademais son de tamaño pequeno. O máis grade é o de A Limia. Dixo que se trataba dun acuífero aberto, formado por unha capa de area, que acumula a auga, e que vai dende os 20 ata os 60 m de profundidade. Por tanto esta auga non está protexida da contaminación por ningún tipo de barreira xeolóxica. Sinalou que por debaixo da area, aparece unha capa de arxila, e algúns sitios, capas de lignitos. Esta capa illa un acuífero fósil inferior. Outros acuíferos importantes están nos vales de Sarria e da Terra Chá, como grandes depresións do terciario en Galicia. O resto localizaríanse en rochas, fracturas e zonas de acumulación. En todos eles, resulta moi difícil establecer unha relación entre riscos e contaminación. Nas zonas húmidas, en xeral, a contaminación é por nitróxeno. Na Terra Chá, onde o acuífero é de bolsas de area protexida por arxila; aínda así, o 11% dos pozos analizados presentan máis de 50 mg/l de nitratos e o 23% supera os 25 mg/l .

En relación a cómo afrontar os problemas de contaminación, dixo que á contaminación puntual prodúcese onde hai concentración de poboación. Neste sentido, fixo referencia a que en Galicia, non se separan as augas pluviais das domésticas, entre o 80% e o 90% dos casos. Si se fixera, as pluviais poderían verterse directamente. Ao non facelo, teñen que pasar necesariamente por depuradora; o que aumenta a contaminación das augas, e os días de choiva, fai chegar ás depuradoras moita máis auga da que pode tratar. Sobre a contaminación difusa, dixo hai que controlar o nitróxeno de orixe orgánico gandeiro. Isto urxe facelo en zonas como Arzúa, Silleda ou Lalín, onde se está engadindo máis nitróxeno orgánico e inorgánico do que poden tomar as plantas, o que supón un impacto sobre as augas por contaminación difusa. En relación a este tipo de contaminación difusa, aludiu tamén á contaminación por praguicidas, antibióticos e hormonas, centrándose no exemplo do lindano.

Por último, sinalou que o cambio climático vai a agravar o problema, porque ao haber máis secas, haberá menos dilución. Sen embargo concluíu con unha mensaxe optimista e esperanzadora, apoiándose en países avanzados, como Noruega e Canadá, que dende que diagnosticaron ben os problemas da contaminación das súas augas continentais, tomaron medidas que se están mostrando eficaces para resolvelos. Por iso comentou que esperaba que a situación actual de contaminación fora un máximo, con tendencia a diminuír progresivamente nos próximos anos.

Novo curso sobre as dimensións transversais ambientais das Ciencias da Terra

 


Aproveitando a oportunidade que supón a visita a Galicia do vulcanólogo fundador da AEPECT e colaborador habitual do proxecto Climántica, Francisco Anguita Virella, propúxoselle o deseño, preparación e impartición deste novo curso. Para facelo, pedíuselle que desenvolvera unha adaptación de carácter medioambiental dos obxectivos da materia de Ciencias da Terra e Ambientais, para conseguir un enfoque transversal coa flexibilidade suficiente para inspirar contextos transversais nas materias da especialidade de Bioloxía e Xeoloxía e nas áreas de Ciencias da Natureza e de Coñecemento do Medio.

O profesor Francisco Anguita concretou o deseño en tres módulos aos que lle dedicará a cada un unha xornada de traballo:
  1. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra fluída
  2. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra sólida
  3. Os condicionantes xeolóxicos da biosfera, dende a orixe da vida á sociedade tecnolóxica
O curso así deseñado quedou convocado en FProfe do Servizo de Formación do Profesorado cos seguintes datos:

    Referencia: S1101071
    Centro de formación e recursos: CAFI
    Temporalización:  07/02/2012  -  09/02/2012
    Data límite de inscrición: 30/01/2012
    Lugar: CAFI
    Prazas:  35

Folleto informativo



Conferencia sobre os capítulos 1, 3 ,4, 5 e 6 do libro “Auga e cambio climático”

 


O vulcanólogo fundador da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT) Francisco Anguita Virella, impartiu unha conferencia nas xornadas sobre o libro da 3ª etapa de Climántica Auga e cambio climático, do que é coautor. Iniciou a conferencia - cuxo vídeo se pode visualizar en Climántica TV - explicando a chegada da auga á Terra dende máis aló da liña neva, situada entre Marte e Xupiter; a través dos meteoritos que se comportarían así como os vectores que transportaron a auga aos Planetas próximos ao Sol (Venus Marte e Terra); segundo se expón no capítulo 1 do libro.

A continuación pasou a abordar a formación dos océanos que se trata no capítulo 3, entrando tamén no contido do capítulo 4, para referirse á aparición da vida, e a súa evolución asociada aos cambios de clima, bastante ben coñecidos nos últimos 80 millóns de anos. Sobre a xustificación do quentamento global da época dos dinosauros, estableceu paralelismos e diferenzas co quentamento global, para situar a dimensión antrópica do quentamento global actual.

Nese marco analizou a nosa participación no quentamento global actual, aplicando a escala histórica na comparación das extincións das civilizacións anasazi, mayas e polinesios da illa de Pascua, que se trata no capítulo 5, coa situación actual. Nesa comparación atopou similitudes que definen a situación actual: 1) estamos destruíndo os nosos recursos, 2) estamos construíndo unha sociedade global con internet e cos viaxes transoceánicos fáciles, de tal forma que nos situamos nun territorio que é todo o planeta, no que provocamos impactos globais, 3) non temos a onde ir, porque o lugar máis próximo ao territorio global no que vivimos, e estamos a contaminar e deixando sen recursos, é Marte; que se atopa a cen millóns de kilómetros, con unha viaxe moi complicada.

Eses impactos do cambio climático sobre a hidrosfera, situounos a nivel de quentamento da atmosfera, dos océanos e das augas subterráneas; e tamén no desxeo e na subida do nivel do mar. Rematou coa reflexión sobre como as consecuencias do desxeo do Ártico está fomentando unha competencia polos recursos do petróleo e do gas; cuxa explotación potencia máis o cambio climático; facendo referencia á similitude desta competencia polos recursos e deterioro ambiental, co que lles sucedeu ás civilizacións dos indios anasazi, dos mayas e dos polinesios da illa de Pascua.


Inicio do curso “Competencias básicas no proxecto Climántica”

 


O mércores 11 de xaneiro de 2011 celebrouse a 1ª xornada do curso Competencias básicas no proxecto Climántica. Nela desenvolvéronse dous seminarios.

No primeiro seminario, o director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora, expuxo os diferentes recursos que o proxecto Climántica elaborou para traballar todas as competencias básicas recollidas nos currículos de Primaria e de ESO, facendo especial fincapé no videoxogo CLMNTK, de acordo coa súa guía didáctica.

No segundo seminario, o profesor de Bioloxía e Xeoloxía que coordina a aplicación do proxecto Climántica no IES Francisco Asorey de Cambados, Víctor Caamaño, expuxo a súa experiencia no desenvolvemento de competencias básicas a través dos blogues de Climántica do centro; e como estes estimularon a posta en funcionamento da revista electrónica transversal A Buxaina.

A seguinte xornada celebrarase o luns 16 de xaneiro. Na primeira parte, José Manuel Bouzán, coordinador do equipo de novas tecnoloxías do CEIP de Palmeira, e responsable da adaptación das actividades do libro Aprendemos coas escolas climánticas ao formato interactivo on-line Eduprimaria; presentará estas actividades para mostrar como permiten desenvolver competencias de tratamento de información e dixital, e de aprender a aprender.

Na segunda parte, Juan Taboada, responsable da predición operativa de MeteoGalicia, mostrará a través de posts do seu blogue temático de meteoroloxía en Climántica, como se pode desenvolver a través desa forma de comunicación da meteoroloxía a competencia básica de coñecemento do mundo físico e de aprender a aprender.

O último seminario desenvolverase o martes 24 de xaneiro. Nel, Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño, exporán a súa experiencia na aplicación do proxecto Climántica no centro a través da implicación dos estudantes para comunicar o cambio climático á cidadanía mediante o deseño e desenvolvemento de prácticas de laboratorio. Deste xeito, mediante prácticas de laboratorio sinxelas, mostrarán como se pode fomentar as competencias básicas de coñecemento do medio físico, o tratamento da información, a autonomía e iniciativa persoal, social e cidadá.


Reedición do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contempor...

 


Procedeuse á reedición do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, de acordo ao establecido para os cursos nos que a demanda supera moito á oferta de prazas. A diferenza da primeira edición, que quedou enmarcada no IES Virxe do Mar e na Concellería de Educación de Noia, esta segunda edición queda enmarcada en EducaBarrié.

Nesta nova edición, mantéñense os Relatores sobre os ámbitos da ciencia fronteira recollidos no currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo que interviñeron na primeira edición, e incorporase ademais a investigadora do equipo de Atapuerca e responsable da liña de Investigación sobre Antropoloxía Dental en Homínidos no Centro Nacional de Investigación sobre Evolución Humana, María Martinón Torres, que intervirá, o día 4 de febreiro, co seminario titulado “O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños”.

Os outros cinco relatores, que xa estiveron na primeira edición, esta vez intervirán de acordo con esta axenda:
  • 21 de xaneiro. Ángel Carracedo Álvarez. Catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela. “Xenómica para o mundo contemporáneo: xenómica de poboacións e clima”
  • 28 de xaneiro. Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Catedrático de Edafoloxía da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega. “Cambio climático nos ecosistemas terrestres”
  • 4 de febreiro. Antonio Bode Riestra. Investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña do Instituto Español de Oceanografía. “Cambio climático no medio oceánico”.
  • 11 de febreiro. Francisco Anguita Virella. Vulcanólogo fundador da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT). “Do big bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental e aos riscos”
  • 25 de febreiro. Bernardo Parajó Calvo. Profesor da escola Enxeñería industrial de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo. “Desenvolvementos tecnolóxicos sobre Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático”.

Folleto informativo

Inscrición



Feliz Nadal e ventureiro aninovo 2012

 


Climántica quere transmitir aos usuarios desta web feliz Nadal e ventureiro aninovo 2012 con lembranzas dos mellores momentos do ano 2011.

Vídeo en Climántica TV


Descarga do primeiro capítulo do libro “Auga e cambio climántico”

 

Xa se pode descargar en Unidades didácticas do apartado Biblioteca o Capítulo 1. Unha substancia universal en versións galego e castelán.  Tamén se pode navegar polo seu contido extraído para a divulgación cara a cidadanía en xeral premendo no terceiro apartado Auga e cambio climático do menú da marxe esquerda pa páxina de Inicio. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 7 capítulos restantes:

Capítulo 2. A auga en movemento.
Capítulo 3. Historia, presente e futuro da auga na Terra.
Capítulo 4. A auga fonte de vida dende os océanos á terra firme.
Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.


Convocatoria do curso "Competencias básicas en Climántica"

 


Este curso deseñouse pensando en abordar proxectos interdisciplinares centrados no currículo de coñecemento do medio de Primaria e no ámbito de Ciencia-Tecnoloxía-Sociedade de ESO. Para conseguilo, estruturouse o curso nunha parte presencial e noutra a distancia, con metodoloxías diferentes, pero complementarias.

Contidos:
  • O cambio climático
  • Xestión do territorio, do urbanismo, dos recursos e da enerxía para adaptación ao cambio climático no videoxogo CLMNTK
  • Boas prácticas na alimentación
  • Hábitos de mobilidade saudable
  • Consumo responsable
  • Evidencias, causas, consecuencias e solucións do cambio climático
  • Fundamentos de meteoroloxía escolar
O prazo para a inscrición en FProfe remata o día 20 de decembro.

Folleto informativo


Entrevista a Francisco Anguita sobre a ensinanza das Ciencias medioambientais

 


Na tarde do día 1 de outubro de 2011, o prestixioso vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella, desenvolveu actividades de campo na parte media baixa do val do río Tambre, no marco da aplicación práctica do seminario que impartiu pola mañá no IES Virxe do Mar de Noia, dentro do programa do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Ao remate das actividades de campo, respondeu a preguntas relativas á situación actual da ensinanza das Ciencias mediambientais, con un enfoque social, no marco da Educación Ambiental. En Climántica TV pode verse o vídeo coas súas respostas a estas catro preguntas:

1. Como ve vostede a relación entre Ciencia e Sociedade no mundo actual?
2. Que prioridade lle daría ao problema medioambiental no mundo de hoxe?
3. Que considera que hai que facer para fomentar o interese entre os alumnos polas Ciencias en xeral e polas Ciencias medioambientais en particular?
4. Que clase de apoios requeriría esta importante tarefa de Educación medioambiental?


Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos profesores

 


Está publicado en Climántica TV un vídeo sobre o seminario para profesores A auga no mundo Contemporáneo, impartido por Francisco Anguita Virella. Tamén se pode descargar e ler unha recensión sobre o seu contido. O seminario está baseado no contido do novo libro de Climántica Auga e Cambio Climático. Aínda que o tema abordado foi a auga no mundo contemporáneo, iniciouno con un preámbulo relativo á aparición da auga sobre a Terra, para situala como un recurso limitado e susceptible de perderse, como ocorreu en Venus e en Marte. Sostivo que os tres planetas deberon recibir a auga a través do impacto de meteoritos procedentes de máis alá da liña de neve. Para sensibilizar sobre as repercusións da falta de auga sobre as civilizacións, invitou ao profesorado a recorrer a civilizacións, - Anasazi, Maya e Jemer - que non foron capaces de soportar as secas por unha mala xestión dos recursos, especialmente os forestais. Coa base desta visión retrospectiva, abordou os grandes problemas coa auga no mundo contemporáneo, como a construción de presas, o desvío e modificación de canles naturais de ríos, a explotación de acuíferos fósiles, e o desxeo no marco do cambio climático.


Arte e Ambiente em Climántica nas II Jornadas de Art’ Ambiente

 


A Asociación portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA) e a Fábrica de Ciencia Viva de Aveiro, convidaron ao director de Climántica, Francisco Sóñora, a impartir o relatorio inaugural das II Jornadas de Art’ Ambiente, da que se pode ver un vídeo resumo en Climántica TV. Esta comunicación celebrouse no Anfiteatro do Departamento de Geociencias da Universidade de Aveiro. A comunicación tratou sobre os produtos de creación artística dos estudantes de Climántica e dos artistas profesionais que colaboran co proxecto.

Nova sobre as xornadas nos informativos da TV local de Aveiro.


Prácticas relativas ao seminario “Cambio climático no océano”

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo sobre as prácticas relativas ao seminario Cambio Climático no Océano, impartido, o sábado 15 de outubro, por Antonio Bode, no marco do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Estas actividades desenvolvéronse na praia de Testal de 12 a 14 horas e no criadoiro de moluscos do Freixo dende as 17 ata as 19 horas. Ás actividades do obradoiro da praia de Testal asistiron todos os docentes matriculados no curso, e ás actividades do obradoiro no criadoiro, solo foron os voluntarios.

Unha vez rematado o seminario Cambio Climático no Océano que se desenvolveu no IES Virxe do Mar de 10 a 11:45 horas, os asistentes ao curso desprazáronse á praia de Testal para participar nun obradoiro sobre as ideas forza expostas por Antonio Bode no IES Virxe de Mar.

Na aplicación práctica dos contidos do seminario, este científico do Instituto Español de Oceanografía contou coa colaboración do biólogo da Cofradía de mariscadores de Noia, Antonio Rama. Esta parte práctica iniciouna Antonio Bode. Desta forma, na praia de Testal aplicou coñecementos que expuxo antes no IES Virxe do Mar; apoiándose no coñecemento teórico – práctico do marisqueo de Antonio Rama, quen fundamentou dende o punto de vista biolóxico as tarefas de marisqueo, e da súa xestión biolóxica, entre as que destacou os mostreos.

Entre os conceptos que Antonio Bode expuxo no Instituto, e que aplicou na praia, destacaron os relativos á necesidade de ordenar o territorio na xestión do medio litoral, incluíndo o interior das rías, e incluso do océano. Para facelo centrouse nos efectos de eliminación de terreo de recheo, por parte da auga da ría, que se visualiza no acceso á praia dende a estrada que vai á lonxa. Chamou a atención dos docentes sobre a natureza de recheo do material derruído depositado sobre a praia. Sobre esa observación, fixo fincapé sobre o importante que é non facer recheos como os que se fixeron en Testal. Dixo que estes recheos se van a ver afectados de forma moi significativa pola subida do nivel do mar, cos conseguintes riscos nos casos nos que hai construcións sobre eses terreos gañados ao mar.

No relativo aos efectos que se poden derivar do cambio climático sobre os bivalvos obxecto do marisqueo nese banco en concreto, abordaron o feito de que a ameixa se poida atopar xa moi no límite da distribución, polo que lle pode estar afectando de forma significativa a subida da temperatura da auga. Tamén se fixo mención, a nivel xeral, á importancia que pode ter a alteración do sistema climático nas rías sobre os afloramentos e sobre as riadas; dous impactos claros para este tipo de bivalvos.

A continuación fíxose unha demostración das técnicas de marisqueo a pé, coordinadas polo patrón maior da Cofradía, Santiago Cruz; e na que participaron mariscadoras que explicaron as técnicas ao profesorado. Nestas tarefas de marisqueo a pé con rastro, tamén participou profesorado que coñecía a técnica, e outro que quixo experimentala por primeira vez.

Pola tarde, Antonio Rama explicou as actividades que está a dirixir no criadeiro de moluscos que ten a Cofradía no Freixo. Alí contou tamén coa colaboración de Antonio Bode, que lle fixo varias preguntas a Rama, cuxas respostas resultaron interesantes para o profesorado, porque con esas respostas, o Biólogo da Cofradía, expuxo os fundamentos científicos de diversos aspectos. Bode tamén aportou, ao longo da visita á nave, coñecementos e reflexións formuladas dende o seu ámbito da Oceanografía.

O biólogo Rama empezou o itinerario pola nave, explicando o sistema para obter fitoplancto para alimentar ás larvas e aos xuvenís de berberechos. A continuación pasou a explicar a indución do desove, coas diferenzas entre as tres especies. Para finalmente abordar os procesos a seguir para garantir un número satisfactorio de xuvenís para levar a bateas. Os asistentes observaron ao microscopio mostras de berberecho e ameixa na fase crítica na que deixan de ser larvas nadadoras, para pasar a fixarse ao substrato. Centrándose nesta etapa final dos xuvenís na nave, referiuse á elevada mortaldade nos xuvenís, previo ao momento de pasalos ás bateas. Nese senso, fixo fincapé na importancia que ten que o colector colla auga en bo estado; aínda que tamén mencionou que a renovación faise soamente nun 10% do volume dos tanques, para aproveitar ben a comida.

Antonio Rama rematou a actividade explicando os cambios que introduciu, dende a posta en marcha do criadoiro, no sistema para ter os xuvenís en bateas, facendo fincapé na mellora dos resultados. Sobre a incorporación dos individuos ás bateas, onde engordan previamente a ser sementados nos bancos; referiuse á importancia que ten que os xuvenís teñan ao menos 3 mm. Dixo que con 2 mm xa se poderían levar á batea; pero expuxo que aínda era un tamaño moi pequeno, sobre todo porque tiñan unhas cunchas moi brandas; e por iso aínda serían moi vulnerables aos depredadores.


Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos estudantes

 


Durante os días 27, 28, 29 e 30 de setembro desenvolveuse o seminario para estudantes A auga no mundo contemporáneo no IES Urbano Lugrís de A Coruña, no IES Virxe do Mar de Noia, no IES Otero Pedrayo de Ourense e no IES Rosalía de Castro de Santiago. Ao seminario desenvolto neste último centro, é ao que se corresponden as imaxes do vídeo resumo que se acaba de publicar en Climántica TV.

O seminario desenvolveuno o xeólogo Francisco Anguita Virella; coautor do libro Auga e cambio climático, do que se extraeu o contido do seminario, e autoridade académica no eido da Xeoloxía. Nel abordou a auga dentro e fora do Planeta, dende a súa orixe ata a situación actual; e fíxoo dende un enfoque da defensa ecolóxica do recurso; manifestando que o facía dende a paixón que sentía como xeólogo polo Planeta. Xustificou esta posición persoal vinculada á súa profesión, sobre a idea de que un xeólogo ten que defender o Planeta, porque aínda que sabe que se coñecen máis de 1.000 planetas no universo; descoñécese se hai vida noutros, e ademais, se existira en algún; non teríamos medios técnicos para chegar alí.

Expuxo a curiosidade da existencia da auga no noso Planeta, cando os coñecementos actuais sobre o orixe do sistema actual postulan a fuxida da auga volátil dos planetas próximos ao Sol. Dixo que pola orixe do sistema solar, nós deberíamos quedar excluídos desta substancia, porque a auga do sistema solar tendeu a situarse máis alá da liña de neve. Por iso deberían ter quedado sen auga Mercurio, Venus, a Terra e Marte. Sen embargo, se aínda así a auga está presente na Terra; pénsase que se debe a que chegou de máis aló da liña de neve a través de asteroides.

Tamén fixo mención a que había probas de que Venus e Marte tamén tiveron océanos; polo que nese caso, a auga tamén debería ter chegado a eles a través dos asteroides. Aproveitou este razoamento para analizar as causas que puideron facer desaparecer a auga deses antigos océanos de Venus e Marte. No caso de Venus, todo parece indicar que se perdeu por un proceso de quentamento global do Planeta. Pénsase isto porque na pouca auga que permanece alí, a proporción entre deuterio (isótopo pesado de H) e o hidróxeno normal, é moi elevada; tal e como ocorre na Terra naqueles lugares onde se dan procesos de efervescencia, como pode ser o caso dos reactores nucleares. No caso de Marte, o seu relevo invita a pensar na existencia de auga líquida superficial. As hipóteses sobre a desaparición da auga en Marte, decántanse máis por procesos derivados da baixa gravidade do Planeta nun Planeta moi frío. Por iso a auga solo a atoparemos en Marte no seu subsolo.

Sobre esta reflexión dos océanos planetarios, entrou na orixe dos océanos da Terra, situandoa aos 170 millóns de anos do orixe da Terra. Explicou a súa formación vinculada a tectónicas de Placas, que sitúa as dorsais oceánicas no centro das depresións dos fondos oceánicos. Fixo mención á importancia da aparición da vida, e as probas que a vinculan co orixe da Tectónica de Placas. Aproveitou estas reflexións para relacionar a oportunidade que supuxo a Tectónica de Placas para xerar infinidades de ambientes diferentes, co seu correspondente potencial para estimular a evolución.

Cambiando a escala de tempo na súa análise, abordou os problemas que tivemos os humanos coa auga ao longo da historia. Antes de entrar nos estudos que se teñen sobre as crises da auga, abordou os métodos que utiliza a ciencia para chegar as conclusións desas crises da auga. Entre os períodos críticos que supuxeron probablemente a desaparición das civilizacións, explicou o caso dos indios anasazi, o antigo imperio maia, ou casos coma o dos habitantes da illa de Pascua. Exemplos vinculados a procesos de deforestación masiva, crecemento importante da poboación sobre unha base agrícola débil e períodos seguidos de importantes secas. Preguntou, ao longo dos relatos da desaparición de cada civilización que puxo de exemplo; si poderíamos ter algo que aprender desas crises para o mundo contemporáneo.

Para rematar, abordou os problemas actuais coa auga como son o desxeo dos glaciares, a subida do nivel do mar, o maior risco de que se formen turbulencias na atmosfera e no océano, debido ao seu quentamento. Relacionou estes impactos coas consecuencias derivadas da emisión de gases procedentes do noso uso de combustibles fósiles, apoiándose na gráfica do aumento de emisións de gases invernadoiro dende 1850, e aplicando o modelo do efecto invernadoiro. En base a esta análise, destacou o feito de que en 2010 o Ártico foi navegable por primeira vez nun veleiro catamarán. Sobre este dato propuxo a reflexión crítica sobre o acordo ao que chegaron Noruega e Rusia para explotar o gas natural; un recurso que vai a acrecentar o problema. Sinalou o paradoxal que resulta que Noruega fundamentara o seu desexo de non entrar na Unión Europea argumentando que a lexislación europea que terían que adoptar, non era suficientemente estrita.

Sobre estas argumentacións, concluíu que na sociedade contemporánea o cambio climático está a preocupar moi pouco, porque de feito, unha vez clarificado o modelo polos científicos; séguense aumentando as emisións. Por iso concluíu que o que realmente preocupa agora é a crise; e por tanto a economía.

En definitiva, o coñecemento que nos deixa o profesor Anguita neste vídeo é moi interesante para os estudantes de Ciencias para o Mundo Contemporáneo e Ciencias da Terra e Ambientais, aos que se dirixiu nesta breve estancia en Galicia. Pero tamén é interesante para calquera estudante, e polo seu valor de comunicación no marco da ciencia – técnica e sociedade contemporánea; é un recurso útil para toda a cidadanía.


Primeira xornada do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de CCMC”

 


O día 1 de outubro tivo lugar a primeira xornada do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC)” que se está a celebrar ao longo dos meses de outubro, desenvolvéndose a parte presencial no IES Virxe do Mar de Noia e a parte online dende a plataforma http://edu.xunta.e-elearning.climantica.org.

Neste curso pechouse a inscrición o 21 de setembro, unha vez acadado o número de 100 inscritos. Deste colectivo seleccionáronse os 23 que imparten este curso académico Ciencias para o Mundo Contemporáneo e completáronse as 17 prazas restantes, ata chegar ás 40 convocadas, con profesorado do segundo colectivo na xerarquía de preferencia: profesorado que sen impartir CCMC este curso, pertence aos departamentos que teñen asignada esta materia:  de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química. Ao quedar un número elevado de inscritos sen praza; o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), procedeu á duplicación administrativa do curso, polo que se pretende poñer en marcha a segunda edición en xaneiro, unha vez que se consigan os apoios necesarios.

Esta primeira xornada iniciouse co acto inaugural no que interviron o director do IES Virxe do Mar de Noia, Xavier Castro; o alcalde de Noia, Rafael García e o director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora. O Director do Instituto salientou o mérito que denota unha inscrición de 100 persoas de todas as provincias, como mostra da implicación profesional do profesorado; e destacou tamén a importancia de que o Concello se encargara de patrocinar a totalidade da actividade. O Alcalde fixo fincapé na vocación do Concello de apoiar aos seus centros educativos e na calidade do IES Virxe do Mar. O Director de Climántica enmarcou a actividade formativa dentro do modelo de formación do profesorado de Climántica e concluíu afirmando que sen o patrocinio do Concello o curso non sería viable, pero tamén dixo que tampouco sería posible sen as xestións do IES Virxe do Mar.

Ao longo da mañá desenvolvouse o seminario Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental e aos riscos, que correu a cargo do doutor en xeoloxía e fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT),  Francisco Anguita Virella. O seminario estimulou ao profesorado a facer múltiples preguntas ao poñente.

Pola tarde o mesmo relator dirixiu un itinerario xeolóxico pola parte media – baixa do río Tambre, dende a central hidroeléctrica Tambre I, ata o inicio da fraga Devesa de Nimo. Ao longo da ruta situou os principais afloramentos rochosos: granitos, gneis e pegmatitas. Antes de iniciar a rota situou visualmente o val e marcou o itinerario sobre o mapa xeolóxico da zona 1:50.000. Nesa análise visual, propuxo o reto de buscar explicacións a cómo era posible a aparición de meandros nun val tan encaixado. Ao rematar o itinerario dou resposta ao reto que propuxo inicialmente, e explicou a formación dos meandros no val encaixado, como resultado da confluencia das fallas resultantes das dúas direccións de fractura difrentes que se visualizan nas fallas de Galicia. Para completar a interpretación fixo mención á importancia que tivo a elevación do terreo para explicar o que o val sexa tan encaixado.



Clausura do seminario-obradoiro “A auga no mundo contemporáneo”

 










Máis de 250 docentes e de 800 estudantes participaron nas actividades formativas enmarcadas no seminario - obradoiro A auga no mundo contemporáneo que se desenvolveu ao longo dos días 27, 28, 29 e 30 de setembro en A Coruña, Pontevedra, Ourense, Santiago e Noia. Para a súa organización nas cinco localidades, contouse  coa colaboración do IES Urbano Lugrís, IES Torrente Ballester, IES Otero Pedrayo, IES Rosalía de Castro e IES Virxe do Mar, e co patrocinio da Fundación Barrié. Tanto o seminario coma o obradoiro enmarcáronse no contido didáctico do libro da 3ª etapa de Climántica Auga e cambio climático que ven de publicar a Xunta de Galicia.

O seminario foi conducido polo coautor do libro, Francisco Anguita Virella, fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT) e autoridade académica nos eidos da vulcanoloxía e das ciencias planetarias.  Na súa condución estimulou a procura de respostas a cuestións como: por que hai tanta auga no Universo?, como chegou á Terra? por que os nosos veciños planetarios a perderon?, cal foi a causa dos brutais vaivéns climáticos que experimentou a Terra, e que papel xogou a auga neles?, que estamos a facer cos nosos ríos, e que consecuencias poden carrexar estes impactos?, cales son as previsións do panel de científicos das Nacións Unidas sobre a auga ao longo deste século, que marxe de actuación nos deixan?, as guerras pola auga, son un espantallo catastrofistas, ou unha posibilidade real?

Para estimular as respostas a estas preguntas, integrou dun xeito moi natural as Ciencias da Natureza coas Ciencias Sociais. Para conseguilo, seguiu  o fío condutor da pregunta se a auga foi un factor na caída de antigas civilizacións. Insistiu en que esta pregunta non a formulou pola resposta que permitirá obter na análise que se vai a facer, porque esta é ben coñecida: a auga foi o factor determinante da decadencia e desaparición de moitas culturas antigas. Dixo que o interese de apoiar o seminario nesa cuestión, ven dado porque o camiño para chegar a esa conclusión deixará a estudantes e profesores ensinanzas que hai que aproveitar nas aulas, porque permitirán prever escenarios de futuro que servirán de estímulo e de compromiso para cambiar os nosos usos da auga na sociedade do cambio climático. Para concluír abordou o gran dilema deste século sobre se a Tecnoloxía será un aliado importante na loita por preservar este recurso vital diante do reto do cambio climático, ou precisamente o inimigo a bater.

Da parte do obradoiro encargouse o director do proxecto Climántica, e tamén coautor do libro Auga e cambio climático, Francisco Sóñora Luna. Para desenvolvelo apoiouse na plataforma online http://auga.e-learning.climantica.org. Ao longo do obradoiro fixo unha análise didáctica de cada unha das actividades online propostas  para acadar unha secuencia de seis obxectivos didácticos referidos aos contidos analizados e debatidos ao longo do seminario. Estas actividades foron extraídas do libro e adaptadas, dende a solución proposta na guía didáctica, para o seu uso na plataforma. Tanto o libro como a súa guía didáctica foron entregados aos asistentes.

Climántica quere agradecer a todo o profesorado participante, aos cinco institutos colaboradores e á Fundación Barrié o apoio, a colaboración e o interese demostrado.


Convocatoria do seminario e do obradoiro “A auga no mundo contemporáneo”

 


Coincidindo coa estancia en Galicia do xeólogo Francisco Anguita Virella do 27 de setembro ao 1 de outubro, e coa vocación de achegar dun xeito práctico o novo libro de Climántica ao profesorado de Primaria e Secundaria de Galicia, convócase un seminario e un obradoiro baseados no seu contido e que se describen neste folleto informativo. Os relatores serán os mesmos autores do libro:

Sóñora, F. (coord.) e Anguita, F. (2011). Auga e cambio climático. Xunta de Galicia.

Estas propostas prácticas desenvolveranse de 17:00 a 20:00 e ao profesorado asistente entregaráselle un CD coa versión definitiva do libro coas infografías e fotografías con calidade de impresión. Este CD tamén contará cunha guía didáctica dos 8 capítulos cos obxectivos didácticos, coa relación de conceptos fundamentais e coas solucións a todas as actividades recollidas no libro.
 
Para facilitar a aproximación de todo o profesorado de Galicia durante os catro días dispoñibles para o desenvolvemento desta actividade de formación do profesorado, estableceuse esta axenda a desenvolver en catro cidades diferentes nas seguintes datas:

• Martes 27 de setembro. Salón de actos do Centro social Os Maios de A Coruña. Para CFRs vinculados A Coruña, Lugo e Ferrol.
• Mércores 28 de setembro. Salón de actos do IES Torrente Ballester de Pontevedra, para CFRs da provincia de Pontevedra.
• Xoves 29 de setembro. Paraninfo do IES Otero Pedrayo de Ourense, para CFRs da provincia de Ourense.
• Venres 30 de setembro. Salón de actos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, para CFRs relacionados con Santiago.

Outorgaranse tantas prazas como teñan os auditorios aplicando como único criterio a orde de chegada das solicitudes. Este mesmo criterio seguirase á hora de entregar os CDs que de tempo de imprimir antes de cada sesión.

O profesorado interesado deberá descargar este impreso no disco duro do seu ordenador. Unha vez descargado deberá cubrilo e envialo ao enderezo electrónico climantica@climantica.org.


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino