Finalizada esta visita, o grupo trasladouse a Ézaro, para visitar o Centro de Interpretación da Electricidade, realizando diversas actividades e experiencias relativas á enerxía hidroeléctrica. Acto seguido visitouse a Fervenza do Xallas, famosa por ser o único río na europa continental que desemboca en fervenza, posiblemente por mor dos movementos tectónicos que sacudiron Galicia durante o terciario e á presenza dun afloramiento de duro granito. Tamén se puido comprobrar o efecto que sobre a fervenza teñen as presas de auga que hai rio arriba, e sobre a frecha de area que se atopa na desembocadura.
A continuación o grupo desprazouse á Lagoa de Louro, complexo de praia-dunas-marisma-lagoon incluído dentro da Rede Natura 2000. Nese lugar comprobouse a erosión diferencial esquisto-granito, relacionándoo coa orixe do inselberg Monte Louro. Observouse a flora e diferenciamos as características entre o loureiro galego e o canario. Tamén realizaron birdwatching na lagoa e a pesar de non ser a mellor época do ano puidemos observar varios tipos de anátidas e gaivotas.
A seguinte parada foi un percorrido guiado polo centro histórico de Muros, onde nos explicaron a orixe da palabra Muros por ser unha cidade amurallada. Comprobamos o que eran cásalas remeiras (cuxa fachada era a do tamaño dun remo por ser casas de pobres) e as casas señoriais, así como historias sobre a Santa Compaña, as Meigas, e a relación da vila coa agricultura e a pesca.
A última actividade do día realizouse no muíño de mareas, sen dúbida o máis importante de Galicia e España, comprobando como funciona un muíño de mareas, e a importancia que os muíños tiveron en Galicia, non só para moer o millo senón tamén como centro de reunión entre homes e mulleres, por mor do cal xurdiron múltiples historias de relacións e picaresca ademais de dar nome ao máis famoso e típico bailes galego "A muiñeira".