O profesor Sóñora empezou a súa intervención comunicando o modelo xeral de formación do profesorado, e a súa relación co esquema xeral de desenvolvemento das etapas do proxecto e os produtos didácticos de cada unha delas.
De seguido entrou no contido das dúas xornadas correspondentes a cada unha das etapas desenvolvidas do proxecto Cambia o clima? e Se queimamos quentamos, para centrarse deseguido nos dous modelos prácticos baseados en obradoiros e en seminarios: Competencias básicas en Climántica para 10 -15 anos Ciencias para o Mundo Contemporáneo no proxecto Climántica para 16-18 anos.
Sobre o primeiro modelo, fixo mención a que todas as propostas formativas que se propoñen aos profesores van encamiñadas a que logo estes poidan implicar nelas aos estudantes para desenvolveren así as súas competencias científicas, de expresión oral e escrita, e de expresión plástica.
Sobre a segunda, fixo referencia á importancia de poñer aos estudantes a desenvolver proxectos de investigación e comunicación científica conducidos por esta formulación de proposta de traballo nas aulas: “Dende o Big Bang ata os nosos tempos formouse a Terra, e nela,a través dun longo proceso evolutivo, aparecemos como unha especie capaz de modificar o Planeta provocando riscos (como os derivados do cambio climático) aos que a investigación científica busca solucións para a súa mitigación e a nosa adaptación dende a astrofísica, da física de partículas, da nanotecnoloxía da bioloxía molecular e da xenómica”.
Sobre ámbalas dúas propostas prácticas de formación do profesorado, destacou a importancia de enfocalas para conseguir que os estudantes elaboren produtos de sensibilización para toda a cidadanía, tanto en papel como en edublogues. Tamén sinalou a importancia que se lle da a difusión destes traballos, chegando a publicalos en revistas CLMNTK de estudantes, das que xa hai 3 números publicados na páxina web. Destes traballos fixo especial mención ás recensións de traballos multimedia, que é posible visualizalos dende o apartado Alumnos deste sitio web.
En relación a este obxectivo de sensibilizar á cidadanía a través dos traballos dos estudantes, destacou a importancia dos Congresos CLMNTK dos que se levan celebrado un por cada número da revista. Dixo que esta importancia viña dada sobre todo porque os estudantes que presentan traballos, conseguen invitacións para ir acompañados dos pais, avós e irmáns.
A súa vez o congreso vai a conseguir reforzar o potencial creativo dos autores dos traballos máis destacados, premiándoos con campamentos formativos de 5 días onde conviven e se forman para incrementar a súa creatividade e capacidade de traballo en equipo en retos de investigación e comunicación na que aportan o talento polo que foron premiados. Así no último campamento formativo de premiados de ESO, os estudantes recorreron as Rías Baixas navegando nun veleiro de principios do século pasado durante cinco días para estudar e comunicar dende o punto de vista lingüístico, de artes plásticas, audiovisuais e musicais, os cambios que experimentaron o clima, as paisaxes e a economía das rías das Rías Baixas.
Destacou que estes contactos coas familias supoñen unha oportunidade para afondar no modelo de formación interxeneracional propio das Escolas Climántica de Avós e Netos, como metodoloxía para facer chegar ás aulas a memoria histórica dos avós sobre os cambios no clima, no consumo e na mobilidade ao longo da súa vida.
Xusto antes de entrar na experiencia de Climántica na formación do profesorado en Portugal, comunicou a importancia que tivo o I Congreso de respostas educativas sobre o cambio climático que se celebrou en Pontevedra os días 7 e 8 de maio de 2010 para retroalimentar e avaliar estes modelos de formación.
Para concluír, recapitulou a experiencia do primeiro curso de formación do profesorado en Portugal celebrado no centro de formación do profesorado Nova Ágora de Coimbra, presentando un curto sobre a posta en común deste curso, cos 18 edublogues resultantes e ilustrando a conclusión con imaxes do I Simposio de estudantes de Climántica en Portugal, no que os estudantes, orientados polos vinte profesores formados nesa acción de formación, presentaron os seus traballos.