A extensión dos contidos tratados quedan recollidos en tres documentais. Xa está publicado en Climántica TV o primeiro documental desta serie de tres que recollen a intervención do profesor Pedrinaci.
Este primeiro documental recolle o inicio da súa intervención na que sinalou as características que debe ter esta nova materia, que toma o seu principal referente de Inglaterra. Entre estas características destacou:
- Debe ser unha formación científica cualificadora para calquera estudante de bacharelato, aspecto este totalmente novo no noso sistema educativo. Por tanto, debe aportar un instrumental útil para calquera cidadán, polo que potenciará a aprendizaxe da argumentación científica, diferenciará o que é ciencia do que é pseudo - ciencia e o que son datos e feitos das opinións.
- Debe tratar temas científicos de actualidade e interese social.
- Os problemas que se aborden deben ser sinxelos e non precisarán dun gran aparato matemático.
- As teorías e as leis deben introducirse solo cando as situacións as demanden e na medida que sexan imprescindibles para resolver os problemas que se presenten.
- Debe superar a fenda da ensinanza da ciencia consolidada que fai que profesores do século XX ensinen ciencias do século XIX para estudantes do século XXI. É dicir, esta nova materia debe dedicarse á ciencia fronteira, que ademais dará unha idea máis clara e nítida de como se produce a ciencia. Si se centra na ciencia consolidada, será redundante para os estudantes da modalidade de ciencias e farase moi complexa e pouco motivadora para os estudantes doutras modalidades.
- Deben tratarse 7, 8 ou 9 problemas como máximo ao longo do curso que vertebren todo o currículo. Entre estes problemas hai que elixir os de máis interese social, que faga buscar documentación recén publicada, e que por tanto non aparecerá nos libros de texto e que susciten debates. Entre estes temas sinalou o cambio climático, a enerxía nuclear, os transxénicos, a xenómica, porque son temas que suscitan debates bioéticos que nos van a influír e nos que podemos influír como cidadáns informados e con criterio.
Unha vez situadas estas características, pasou a desenvolver as actividades prácticas do seminario. Neste primeiro documental recóllese a primeira actividade coa que traballou procedementos para explorar ideas previas e sacar un mapa organizativo do traballo para dar unha resposta ordenada e lóxica as cuestións que xurdan, como procedementos a utilizar na maioría das propostas prácticas desta materia. Ademais, destacou desta primeira actividade, o feito de que utiliza recursos que non solo valen para traballar riscos, senón que serven para calquera outra temática de CCMC.
Entre os procedementos que pon en xogo esta primeira actividade, insistiu na importancia do mapa organizativo porque cando se tratan informacións que están na prensa, na televisión e en internet, é necesario poñer orden nesta información. Un esquema organizativo deste tipo non solo permitirá navegar con criterio na selva informativa de internet, senón que facilitará abordar explicacións científicas buscando regularidades, fuxindo das casualidades para buscar as causalidades. Sobre esto abordou como se pode dar resposta desde CCMC a cuestións como ¿Por que os riscos naturais se dan máis en países pobres?, ¿existen relacións entre volcáns e terremotos co cambio climático?
No remate deste primeiro documental recóllese o que comunicou sobre a forma de trasladar a idea de que os riscos naturais son inevitables, pero con coñecementos científicos podemos evitar as súas consecuencias. Centrou esto sobre a distribución xeográfica dos terremotos. Estableceu que unha vez detectado as regularidades na distribución xeográfica dos terremotos, é o momento idoneo para introducir a teoría da Tectónica para entender esa relación e as medidas que permitirán diminuír os seus efectos. Exemplificou así a característica, que expuxo ao inicio da súa intervención, de introducir a teoría solo cando sexa preciso, facendo unha explicación moi clara e didáctica de como se introduce esta teoría para explicar a regularidade na distribución xeográfica dos terremotos.
En definitiva, este documental resume unha proposta maxistral e de gran utilidade para o labor cotiá do profesorado de CCMC que lle permite abordar con seguridade a proposta de articular esta materia desde fíos condutores que sexan problemas de gran preocupación social, como é o caso do cambio climático, debuxando liñas metodolóxicas que permiten levala a cabo e deixando multitude de recursos á disposición do profesorado.