O incremento de contidos nos blogues xa é suficientemente importante para que estes blogues se abran á totalidade de comunidade educativa, o que se fará a próxima semana mediante o apartado Blogues desta web. Este incremento ten que ver coa capacidade de xestión dos blogues que xa acadaron os asistentes ao curso de posgrao de formación e o inicio da intervención de poñentes que desenvolven obradoiros que relacionan os contidos do currículo co cambio climático.
Estas intervencións curriculares desvinculadas da formación para a xestión de blogues iniciáronse o pasado sábado 8 de novembro coa intervención do profesor de ensino secundario da especialidade de física e química Ramón Cid, desenvolvendo o módulo Materiais e sostibilidade: do cosmos á nanotecnoloxía e a próxima participación de outros 3 poñentes de obradoiros curriculares. O primeiro destes tres en intervir será o profesor de Xeoloxía da Universidade Complutense de Madrid Francisco Anguita quen o sábado 15 de novembro presentará obradoiros para traballar o módulo Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental.
Os demáis aspectos do currículo de CCMC que relacionan a xeoloxía co cambio climático abordaraos o profesor de Didáctica da Xeoloxía da Universidade de Sevilla Emilio Pedrinaci no módulo que se desenvolverá o 29 de novembro, no que presentará obradoiros para abordar a comprensión dos compromisos para a sostibilidade dos riscos naturais e da sobreexplotación dos recursos. Por último, as relacións da xenómica coa problemática ambiental serán abordados o día 13 de decembro polo catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo.
Cada unha destas intervencións suporá unha inxección de contidos e actividades nos edublogues e eduforos de Climántica para CCMC.