Actualización: Xa se pode ver o documental da visita a Coimbra en Climántica TV.
O turno de conferencias do Segundo encontro de estudantes de cuarto ciclo, celebrado no Auditorio de Galicia o 7 de xuño, co que rematou o curso 2007-2008, abriuse con Climántica. Esta asignatura púxose en marcha en cuarto ciclo da USC por primeira vez durante este curso. As 30 horas teóricas leváronse a cabo na aula seminario da facultade de Farmacia os mércores de 17 a 18 horas e nelas desenvolvéronse os seguintes contidos:
- Controversia arredor do cambio climático.
- Dominios climáticos do mundo: o dominio de Galicia.
- Elaboración das prediccións meteorolóxicas.
- Elementos da estación meteorolóxica. Rede meteorolóxica de Galicia.
- Cambios no clima na historia da terra: métodos, descrición do clima na historia xeolóxica e evidencias paleoclimáticas en Galicia.
- O cambio climático: evidencias, interpretación da regulación térmica e da súa alteración, causas e consecuencias do quentamento global.
- Horizontes de futuro en base ao cambio climático.
As 30 horas de prácticas desenvolvéronse coas seguintes experiencias:
- Visita a Coimbra para estudar o cambio de dominio climático ao longo do tranxecto e a súas implicacións na vexetación. Estudos do paleoclima e das grandes extincións nos museos de xeoloxía e de ciencias da Universidade de Coimbra. Evidencias do paleoclima comunicadas polos fósiles atopados na canteira de Cantenhede.
- Visita a Carnota para relacionar a influencia do cambio climático sobre as praias e dunas da zona. Tamén se efectuou unha visita didáctica con técnicos de Mar de Lira.
- Visita a Sotavento e obradoiros sobre enerxías renovables e consumo.
- Prácticas de laboratorio sobre clima e cambio climático.
- Realización do curso multimedia Cambio climático na aula de informática.
Na docencia da asignatura Climántica de cuarto ciclo participaron docentes do Equipo Climántica así como asesores científicos do proxecto pertencentes a MeteoGalicia, á Universidade e ao CSIC.