CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Os condicionantes xeolóxicos da biosfera dende a orixe da vida ata a sociedade do cambio climático

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle o terceiro e último seminario que impartiu no curso, Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo o  vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella.

O doutor Anguita centro este seminario na procura  de respostas á pregunta sobre se a nosa soidade (ou compañía) cósmica é tal vez a máis popular que se pode facer á Ciencia, e sobre as implicacións das nosas accións para a continuidade da vida do Planeta no cosmos. Dixo que o fío condutor introdutorio para responder a estas preguntas,  buscouno nun libro escrito por dous científicos, un paleontólogo e un astrónomo. Unha vez exposto este fío condutor introdutorio, pasou a avaliar o comportamento da nosa sociedade co resto da biosfera, e co planeta en xeral.

Con este enfoque, consolidou a estrutura conceptual do seminario sobre estas catro ideas - eixo fundamentais:

1) As condicións para a vida no Universo. 
2) A información do rexistro xeolóxico sobre a vida na Terra. 
3) O homo sapiens e as súas relacións cos recursos xeolóxicos.
4) Consecuencias para a biosfera do uso dos recursos xeolóxicos da nosa época e as solucións que lle estamos a dar.

A argumentación sobre estes catro eixos conceptuais que expuxo no seminario, quedan recollidos neste documento que queda á disposición dos usuarios para a súa descarga.


O enfoque medioambiental da Terra fluida

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do segundo seminario impartido polo vulcanólogo Francisco Anguita Virella no curso Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo, titulado O enfoque medioambiental da Terra fluída.

O fío que seguiu para enfocar os aspectos medioambientais da Terra fluida foi a suma de problemas ambientais que ten formulada a sociedade actual no hidrosfera, na atmosfera e na criosfera; que ilustrou mediante un gráfico publicado por un grupo internacional de investigadores en 2009 na revista Nature, no que se cuantificaba o grao en que estamos a violar as marxes de seguridade do planeta. Sobre esa imaxe propuxo a tese de que a maioría dos problemas ambientais, refírense á Terra fluída, o conxunto de subsistemas que abrangue atmosfera, hidrosfera e criosfera.

Con este fío condutor foi revisando os impactos que producimos, e seguimos producindo, sobre cada subsistema da Terra fluída: os aerosois na atmosfera; a acidificación que esta contaminación causa nos océanos; o burato de ozono, que non parece reducirse significativamente, e agora ademais apareceu sobre o Ártico; as alteracións nos ciclos do nitróxeno e o fósforo; os conflitos en torno á auga; e por último o cambio climático, que inflúe en moitos dos outros temas.

Estes impactos xustificounos nos esquemas básicos de circulación atmosférica (coas súas células de Hadley) e oceánica (a famosa fita transportadora global e o fenómeno periódico Del niño) e do ciclo da auga, cunha corrente fluvial como tema máis complexo.

O contido detallado que expuxo en relación á contaminación e impactos sobre a atmosfera e a hidrosfera, e o relativo aos impactos do cambio climático sobre os subsistemas fluídos quedan recollido neste documento para a súa lectura e descarga.


Enerxía interna do Planeta e medio ambiente

 


Está publicado en Climántica TV o video que resume o contido da primeira das tres xornadas do curso Ciencias da Terra para o mundo contemporáneo dende Climántica impartido polo vulcanólogo Francisco Anguita Virella.

O fío condutor da primeira xornada do curso foi a enerxía da Terra. Fixo a consideración inicial de que para abordar este tema é necesario considerar que o Planeta non é unha cebola que imos estudando capa a capa, senón un sistema dinámico cuxos fluxos enerxéticos conectan todos os seus subsistemas.

Por iso sinalou a súa preocupación porque, as ilustracións clave dos libros de texto transmitan esa dinámica, moito máis importante que a estratificación en capas, e por iso apostou polas representacións extraídas da tomografía sísmica, que permite representar o manto en 3D, que é a mellor forma de transmitir a enerxía da Terra e a súa evolución dende o inicio da Tectónica de placas. Neste sentido o material máis frío procedería da subducción fondo do Mar de Thetis. Tamén sinalou que este tipo de representación deixan o concepto Astenosfera tal e como foi definido en 1914, como todo aquilo que está debaixo da litosfera, pero non como unha capa definida. Os materiais flúen a través de todo o manto, e coa súa dinámica, trasladan a súa enerxía á litosfera.

Fixo fincapé en que na superficie, esa dinámica profunda reflíctese basicamente en dous procesos, vulcanismo e sismicidade, que levan aparellados importantes riscos, para persoas e bens. Isto convérteos en importantes interseccións entre Ciencia e Sociedade, e por iso en fenómenos perfectos para un enfoque das materias CTMA e CCMC baseado no estudo de casos.

En relación aos volcáns, empezou con unha aclaración previa pola súa importancia ambiental: a influencia dos volcáns sobre o clima é ambivalente. Expuxo que cando nunha erupción ultraexplosiva a proporción de aerosois é importante (como o foi por exemplo no caso do Pinatubo en 1991), pódense inxectar na estratosfera cantidades importantes de partículas que bloqueen a radiación solar e polo tanto arrefríen a Terra; pero este é un efecto de prazo curto, uns poucos anos como máximo. O efecto contrario, quentamento causado pola emisión de gases de efecto invernadoiro, é moito máis significativo a escala xeolóxica. En concreto, a hipótese básica para explicar o clima de invernadoiro do Cretácico é a erupción dunha masa enorme de rochas volcánicas no fondo do Pacífico acompañada de cantidades tamén masivas de CO2. Non se coñece un sistema máis eficaz de quentar a atmosfera dun planeta que extraer do seu interior, vía volcáns, gases de efecto climático.

A continuación revisou varios exemplos paradigmáticos da avaliación de riscos de orixe profunda, empezando polos volcánicos que quedan relatados neste documento que queda a disposición para a descarga e lectura dos usuarios.


Sistemas de depuración de augas residuais con macrofitas

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia – coloquio impartida por Diego Rey Quintana sobre a depuración de augas residuais con macrofitas, mediante os tipos de sistemas baseados nos sistema de macrofitas emerxentes que se explican no capítulo 8 do libro da terceira etapa de Climántica Auga e cambio climático. Este relator expuxo as bases técnicas do sistema de depuración con macrofitas que desenvolveu dentro do proxecto I+D+i Hidrolution, posto en marcha por Vicente Torres Junco.

O enxeñeiro Rey, destacou as vantaxes do sistema en relación ás tecnoloxías convencionais, subliñando que non ten custo enerxético, ao usar plantas que inxectan osíxeno atmosférico á auga. Trátase dun sistema desenvolto con macrofitas emerxentes do xénero Typha. Baseándose nas bases morfolóxicas, histolóxicas e fisiolóxicas; fundamentou como estas plantas dispoñen dunha membrana que é capaz de transferir de xeito selectivo o osíxeno atmosférico, dende o medio máis concentrado (21% na atmosfera) ao medio anóxico propio das augas contaminadas.

Explicou como os sistemas se montan sobre unhas estruturas que facilitan a flotación da planta, para que non perda enerxía en manter a verticalidade. Co tempo, desenvolven un armazón radicular de tal densidade, que permite, ao cabo de 3 anos, desprazarse sobre a superficie sen necesidade de mollar os pés.

En relación á actuación destas plantas nos sistemas que poñen en marcha imitando os procesos naturais, diferenciou tres substratos:
  1. Inferior no que decanta a materia orgánica más densa e no que non existe osíxeno, e por tanto no que se producen procesos anaerobios e fermentativos.
  2. Superior, ou substrato flotante, que é rico en osíxeno atmosférico aportado polas raíces das plantas.
  3. Zona facultativa intermedia, que favorece a interacción aerobia e anaerobia, que a fai moi reactiva; e por tanto non xera niveis significativos de lamas e malos olores.

En relación á superficie necesaria, aportou o dato de que chega con un m2/habitante, e apoiándose nel, defendeu este sistema como moi interesante para un territorio con dispersión da poboación, como é o caso de Galicia. Sinalou tamén que se trata dun sistema que non requiría da separación entre augas da pluviometría das dos colectores, porque o aumento e diminución do nivel, non afecta ao funcionamento do sistema, dado que os microorganismos están asociados ás raíces.

Fixo referencia tamén aos diferentes sistemas que están a desenvolver, destacando sobre todo 3 modelos:
  1. En balsas, que se dispoñen onde non hai nada previamente, e neste caso constrúense uns sistemas graduados de balsas.
  2. Depuradoras recicladas. En depuradores convencionais que se abandonan cando non se ten medios para mantelas. O que se fai é plantar nos tanques da depuradora.
  3. Illas en lagos, un sistema que usan nos proxectos de axuda ao desenvolvemento que se están levando a cabo en África.

En relación a estes últimos, dixo que os lagos de África en xeral están contaminados por augas residuais, e aínda así, a xente úsaos para bañarse e beber. Por iso a súa intervención busca mellorar de xeito eficaz a calidade desas augas. Para conseguilo, montan illas flotantes de macrofitas nos puntos onde ocorren os vertidos. En relación a estas intervencións, referiuse á importancia das intervencións en África na liña de aportar á depuración de augas residuais unha dimensión potabilizadora; porque a xente consumía as augas contaminadas. Puxo como exemplo o que ocorre nas ribeiras do río Níger, onde a xente consume a auga do río moi contaminada con metais pasados, e a esperanza de vida está nos 40 anos.

En relación á depuración de augas residuais con produtos químicos, sinalou que pode requirir dunha arqueta na entrada á depuradora; porque as augas son tóxicas, pode afectar ao desenvolvemento. Por iso nestes casos combínase co sistema de depuración clásico.

En definitiva, o enxeñeiro Rey expuxo con detalle, tanto na conferencia como no amplo coloquio, os fundamentos polos que este tipo de sistema non presentan gastos enerxéticos, e tampouco producen lamas no proceso de degradación de materia orgánica; superando así dúas desvantaxes dos sistemas convencionais.


Riscos nas augas oceánicas

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo da conferencia Riscos nas augas oceánicas. Trátase dunha conferencia relacionada co contido do capítulo 7 do libro da 3ª etapa de Climántica Auga e cambio climático, impartida polo profesor da Universidade de Santiago Urbano Fra, quen abordou os riscos como resultado da interacción das sociedades humanas e a natureza na área costeira.

O profesor Urbano caracterizou as áreas costeiras como espazos moi dinámicos nos que se conxuntan procesos naturais e antrópicos, nos que se dispón de recursos dos dous medios: oceánicos e continentais, e no que se dan procesos de transporte, pero que tamén están sometido a riscos procedentes deses dous medios.

Os primeiros riscos nos que se centrou foron os riscos sísmicos. En relación a eles, sinalou que en España as zonas sísmicas son practicamente costeiras, destacando as provincias de Granada, Málaga e Almería. Relacionou este risco co dos tsunamis, exemplificando esta relación no tsunami derivado do terremoto de 1755, con efectos sobre todo na costa oeste da Península e con unha destrución da zona do porto do Lisboa, que deu lugar a súa reconstrución co modelos urbanismo con organización racional propio de despotismo ilustrado do século XVIII. Mencionou tamén o de 1969, cuxo epicentro se situou na costa Suroeste da Península.

Pero indicou que os tsunamis no Atlántico non teñen tanto risco coma no Pacífico, e situou como o maior tsunami do Atlántico o de Escandinavia, que foi debido a corremento de sedimentos mariños debido que se acumularon na plataforma durante a erosión glaciar orixinada durante a última glaciación. Sobre esta causa de formación de tsunamis, fixo mención ao risco que se apuntou nos medios de que se poida producir un na illa de A Palma por corremento de material volcánico; o que tivo uns efectos temporais sobre o turismo. As outras dúas causas de tsunamis que apuntou foron os volcáns e os terremotos.

Aproveitou este concepto para referirse aos megatsunamis, caracterizados por ondas moi grandes, con unha altura máxima de medio quilómetro e de lonxitude máxima de un quilómetro. Exemplificou este fenómeno coa catástrofe que se produciu por este motivo na costa da zona dos Alpes de Italia, onde unha onda destas, entrou nun encoro e produciu centos do vítimas nos pobos da ribeira. Sobre a importancia destas ondas, fixo mención tamén ás consecuencias do impacto sobre a morfoloxía da costa, poñendo especial énfase no retroceso dos humedais costeiros; e das limitacións que poden supoñer os nosos asentamentos, sobre todo coa construción de diques e escolleiras, podendo estas chegar a impedir eses retrocesos.

Dixo que outro risco moi vinculado tamén aos nosos asentamentos costeiros, e que se vai a ver incrementado cos efectos do cambio climático sobre a subida do nivel do mar, son as inundacións fluviais coma as que ocorreron en Galicia no ano 2006. Fixo fincapé na relación destas inundacións fluviais cos incendios do verán de ese ano; que fixeron desaparecer a cobertura vexetal, o que facilitou o arrastre de sedimentos, que afectaría dun xeito especial aos bancos de marisqueo.

Tamén se referiu ao efecto das ondas por suma de mar de vento e mar de fondo, como os efectos sobre o paseo marítimo de A Coruña no ano 2009. Comentou así mesmo a importancia dos furacáns e dos ciclóns que poden desprazarse dende latitudes tropicais e subtropicais ata latitudes medias, como foi a caso do Hortensia do ano 1984, con un importante impacto na agricultura e nas vivendas de Galicia. Sobre este tipo de fenómenos extremos, reflexionou sobre o que significa desenvolvementos urbanísticos coma o da cidade de Nova Orleans, que despois das últimas inundacións do furacán Katrina no ano 2005, pasou de 800.000 habitantes a 500.000. Sobre esta cidade, fixo mención a súa situación estratéxica tentadora para as relacións comerciais interiores e exteriores, que a converte de modelo de cidade tan desexada por localización, como imposible por riscos de inundacións.

Outro tipo de riscos asociados a zonas latitudinais concretas que mencionou foi os derivados do desxeo que se está a producir no xeo do polo Norte. Puxo exemplos de efectos de choques de xeo sobre as costas de Canadá, Península de Escandinavia e Rusia.

Mencionou tamén os riscos derivados das mareas vermellas, exemplificándoas cos tres tipos de dinoflaxelados que están a producir toxinas en Galicia. Situou o primeiro episodio de mareas vermellas en Galicia no ano 1974, identificada por efectos en Francia debido ao consumo de marisco con toxinas procedentes das nosas rías. Situou as dúas épocas de afloramento dos dinoflaxelados dende os fondos da ría, no verán polos ventos no nordés e no outono pola desaparición da termoclina de verán. Tamén se referiu ás dúas medidas para facer fronte a estas mareas vermellas: peche de polígonos cando hai mareas vermellas e vixiar constantemente os moluscos; dous xeitos de evitar o dano sobre a saúde mediante un custo económico.


Impactos do cambio climático no océano costeiro

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía, Antonio Bode Riestra. O seu tema referiuse aos impactos no océano costeiro, que se aborda no capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático.

Antonio Bode iniciou a charla caracterizando o océano a nivel global, sinalando que se trata do ecosistema máis productivo, por canto que supón o 55% da produción primaria mundial. Fixo fincapé tamén no seu papel na regulación do clima e tamén na regulación dos niveis de CO2, como o principal sumidoiro deste gas polo efecto de dúas bombas: unha biolóxica que o retira nos restos carbonatos cara os sedimentos, e unha bomba física, en forma de arrastre de auga fría que descende e o almacena no fondo do océano. Deste xeito retírase a metade de dióxido de carbono emitido á atmosfera. Nesa visión global do océano, enumerou tamén unha serie de impactos sinalados no último informe do IPCC: incremento do nivel do mar, acidificación, desxeo do polo Norte, diminución da salinidade e aumento de eventos extremos.

A continuación situou o océano costeiro como o 15% das superficie oceánica no que se localiza máis do 50% da poboación. Analizou as razóns, moitas das cales teñen que ver cos usos e posibilidades que ofrece ese océano costeiro. Contextualizou esa análise en Galicia na que, dixo que as actividades relacionadas co océano supoñen o 70% da actividade económica e do orde do 80% do turismo. Reflexionou sobre a relación desas actividades con moitos dos impactos actuais do océano costeiro.

Na análise dos impactos, empezou polo quentamento. Destacou que este está sendo bastante acelerado nas nosas latitudes, no que está a supoñer un promedio de 0,8ºC cada 30 anos e que ao final do século pode ser de 3º C, situación que pode resultar crítica para determinadas especias.

O seguinte impacto que analizou foi a subida do nivel do mar, que relacionou co quentamento e co desxeo terrestre (glaciares). Sinalou que en Galicia está a producirse un aumento do nivel do mar de 2 cm. por década ao longo dos últimos 60 anos. Sobre este dato propuxo a reflexión do que supón que un cm. de subida do nivel do mar, poida implicar a perda de hasta un metro de lonxitude de praia. En relación a esta análise, fixo tamén mención a que este dato complícase máis co aumento que se está a observar nos temporais e no tamaño das ondas. Dixo que isto xa se estaba a ter en conta en obras públicas como se está a ter en conta no porto exterior de A Coruña.

Sobre a diminución do pH indicou que este estaba a descender 0,05 unidades/década desde 1975. Referiuse aos efectos desta variación sobre o desenvolvemento dos organismos con esqueleto carbonato, e sobre os riscos que pode chegar a supoñer sobre a resistencia de cunchas de mexillóns e ostras.

Outros dos impactos que analizou foi diminución do afloramento por diminución dos ventos do Nordeste. Estes ventos, predominantes en verán, teñen unha orientación perfecta para retirar a auga da superficie cara o interior, facilitando con esta depresión na costa, o escenso de auga fría profunda, rica en nutrientes. Dixo que estes ventos antes mantíñanse durante un período amplo, de febreiro a novembro. Na actualidade estanse a reducir, posiblemente debido ao cambio climático, e isto está a afectar a produtividade das rías.

Fixo mención a que a nivel global tamén se está a rexistrar dende o ano 1958 unha estratificación xeral debido ao quentamento da auga superficial, provocando unha diminución da produtividade primaria. Expuxo que tamén se está a constatar a diminución de diatomeas e o aumento de dinoflaxelados, algúns dos cales son os responsables das mareas vermellas. Este aumento de dinoflaxelados tamén se está a constatar nas rías, onde se observa unha renovación máis lenta pola diminución do afloramento, que coincide co aumento de días de peche dos polígonos por mareas vermellas.

Entre os impactos derivados do aumento da temperatura das augas costeiras galegas pode subliñarse a aparición de especies asociadas a augas máis quentes, entre as que xa se teñen identificado 21 especies de afinidade subtropical.

Rematou a conferencia referíndose a outros impactos nos ecosistemas oceánicos non derivados do cambio climático. Para facelo apoiouse nun mapa de impactos no océano publicado pola revista Science (2008), entre os que mencionou os vertidos, a diminución de peixes predadores por sobrepesca. Contextualizando en Galicia, fixo mención á diminución do tamaño do mexillón, a diminución da ameixa babosa polo aumento da temperatura das augas, que pon tamén en compromiso á ameixa fina, que está xa no límite de distribución. Por último fixo mención á diminución de capturas de polbo, parece ser que asociado á diminución do afloramento.


A contaminación das augas continentais

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia do catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, Francisco Díaz-Fierros, referida ao capítulo 7 do libro da terceira etapa de Climántica, Auga e cambio climático. Por tanto, nela abordou a contaminación das augas continentais a nivel global, a nivel europeo, a nivel de España e a nivel de Galicia.

Empezou a conferencia enmarcando a contaminación da auga a nivel histórico; facendo referencia ao cambio de concepción, no que a auga deixou de considerarse como impoluta, debido ao gran fedor de Londres en 1858, por acumulación de fecais no Támese. Esta contaminación foi consecuencia da mellora das condicións hixiénicas da poboación, que provocaron un importante aumento de fecais aos ríos. Ata entón a auga era considerada como pura, e con esa situación de contaminación do Támese, pasouse a ver como algo susceptible de contaminar por nós. Deste xeito, a contaminación orgánica e fecal apareceron como primeiras formas de contaminación. Logo xurdiu a salinización, logo, coa industrialización, a contaminación por metais pesados a acidificación, a contaminación radiactiva, e coa agricultura intensiva, a eutrofización.

Sobre a contaminación a nivel mundial, destacou os avances dos países que se adiantaron a esta preocupación como Noruega e Canadá, que practicamente solo lles quedan os retos da contaminación orgánica. Nesa visión global da contaminación, fixo mención aos problemas de contaminación das augas continentais nos países do leste, entre os que destacan os metais pesados e a salinización. En relación aos países pobres rurais, expuxo que practicamente non teñen problemas de metais pesados e de contaminación radiactiva; pero si presentan importantes problemas de contaminación orgánica e fecal. Nos estuarios hai contaminación orgánica tal, que provoca a falta de osíxeno por proliferación de algas. Nos países máis desenvolvidos, no 2007 atopouse, unha tendencia á diminución dos fosfatos. En xeral, os países más avanzados son os que teñen maior contaminación das augas continentais, pero tamén son os que máis melloran.

Fixo fincapé en que a contaminación das augas continentais pode ser puntual e difusa. A puntual afrontase con depuradoras de augas residuais no punto de saída. Sen embargo na difusa, hai moitos puntos nos que se produce a contaminación e esta sigue camiños diversos e non predicibles. A única forma para afrontala é limitar a cantidade de vertido nunha superficie. Así por exemplo, no caso do nitróxeno, non debe superarse os 170 kg/Ha en ningún sitio que poda levar auga cara os ríos. Esa limitación imponse porque por encima desa cantidade por Ha, as plantas e o solo non son capaces de reter o nitróxeno, e este lávase. Para facer fronte a este tipo de contaminación, recomendou manter a vexetación de ribeira, que defende a auga do río da contaminación difusa. Dixo que España ía retrasada na entrega da normativa, e presenta unha contaminación importante, con máis da metade dos encoros eutrofizados pola agricultura e polos residuos domésticos das lavadoras, ricas en P.

En relación á situación de Galicia, referiuse, en primeiro lugar, á situación da calidade da auga dos ríos, medida en base á súa potabilidade. Sinalou que teñen mala calidade parte do Miño, Sar, unha pequena parte do Anllóns e parte do Sil. Dixo que máis da metade dos ríos de Galicia terían unha boa calidade da auga, aplicando este criterio de potabilidade, medido soamente dende o punto de vista físico – químico; pois dende o punto de vista bacteriolóxico, a maioría dos ríos galegos non teñen auga potable. Comentou que había ríos, como o Sar, onde aparecen bioindicadores de niveis de contaminación preocupante, como poden ser determinadas malformacións en algunhas comunidades biolóxicas. Dixo tamén que máis da metade dos encoros galegos están en situación mesotrófica ou eutrófica, con algún hipereutrofizado como o dos Peares.

En relación á situación das augas subterráneas, expuxo que en Galicia había poucos acuíferos, e que ademais son de tamaño pequeno. O máis grade é o de A Limia. Dixo que se trataba dun acuífero aberto, formado por unha capa de area, que acumula a auga, e que vai dende os 20 ata os 60 m de profundidade. Por tanto esta auga non está protexida da contaminación por ningún tipo de barreira xeolóxica. Sinalou que por debaixo da area, aparece unha capa de arxila, e algúns sitios, capas de lignitos. Esta capa illa un acuífero fósil inferior. Outros acuíferos importantes están nos vales de Sarria e da Terra Chá, como grandes depresións do terciario en Galicia. O resto localizaríanse en rochas, fracturas e zonas de acumulación. En todos eles, resulta moi difícil establecer unha relación entre riscos e contaminación. Nas zonas húmidas, en xeral, a contaminación é por nitróxeno. Na Terra Chá, onde o acuífero é de bolsas de area protexida por arxila; aínda así, o 11% dos pozos analizados presentan máis de 50 mg/l de nitratos e o 23% supera os 25 mg/l .

En relación a cómo afrontar os problemas de contaminación, dixo que á contaminación puntual prodúcese onde hai concentración de poboación. Neste sentido, fixo referencia a que en Galicia, non se separan as augas pluviais das domésticas, entre o 80% e o 90% dos casos. Si se fixera, as pluviais poderían verterse directamente. Ao non facelo, teñen que pasar necesariamente por depuradora; o que aumenta a contaminación das augas, e os días de choiva, fai chegar ás depuradoras moita máis auga da que pode tratar. Sobre a contaminación difusa, dixo hai que controlar o nitróxeno de orixe orgánico gandeiro. Isto urxe facelo en zonas como Arzúa, Silleda ou Lalín, onde se está engadindo máis nitróxeno orgánico e inorgánico do que poden tomar as plantas, o que supón un impacto sobre as augas por contaminación difusa. En relación a este tipo de contaminación difusa, aludiu tamén á contaminación por praguicidas, antibióticos e hormonas, centrándose no exemplo do lindano.

Por último, sinalou que o cambio climático vai a agravar o problema, porque ao haber máis secas, haberá menos dilución. Sen embargo concluíu con unha mensaxe optimista e esperanzadora, apoiándose en países avanzados, como Noruega e Canadá, que dende que diagnosticaron ben os problemas da contaminación das súas augas continentais, tomaron medidas que se están mostrando eficaces para resolvelos. Por iso comentou que esperaba que a situación actual de contaminación fora un máximo, con tendencia a diminuír progresivamente nos próximos anos.

Novo curso sobre as dimensións transversais ambientais das Ciencias da Terra

 


Aproveitando a oportunidade que supón a visita a Galicia do vulcanólogo fundador da AEPECT e colaborador habitual do proxecto Climántica, Francisco Anguita Virella, propúxoselle o deseño, preparación e impartición deste novo curso. Para facelo, pedíuselle que desenvolvera unha adaptación de carácter medioambiental dos obxectivos da materia de Ciencias da Terra e Ambientais, para conseguir un enfoque transversal coa flexibilidade suficiente para inspirar contextos transversais nas materias da especialidade de Bioloxía e Xeoloxía e nas áreas de Ciencias da Natureza e de Coñecemento do Medio.

O profesor Francisco Anguita concretou o deseño en tres módulos aos que lle dedicará a cada un unha xornada de traballo:
  1. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra fluída
  2. O enfoque medioambiental dos subsistemas da Terra sólida
  3. Os condicionantes xeolóxicos da biosfera, dende a orixe da vida á sociedade tecnolóxica
O curso así deseñado quedou convocado en FProfe do Servizo de Formación do Profesorado cos seguintes datos:

    Referencia: S1101071
    Centro de formación e recursos: CAFI
    Temporalización:  07/02/2012  -  09/02/2012
    Data límite de inscrición: 30/01/2012
    Lugar: CAFI
    Prazas:  35

Folleto informativo



Inicio do curso “Competencias básicas no proxecto Climántica”

 


O mércores 11 de xaneiro de 2011 celebrouse a 1ª xornada do curso Competencias básicas no proxecto Climántica. Nela desenvolvéronse dous seminarios.

No primeiro seminario, o director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora, expuxo os diferentes recursos que o proxecto Climántica elaborou para traballar todas as competencias básicas recollidas nos currículos de Primaria e de ESO, facendo especial fincapé no videoxogo CLMNTK, de acordo coa súa guía didáctica.

No segundo seminario, o profesor de Bioloxía e Xeoloxía que coordina a aplicación do proxecto Climántica no IES Francisco Asorey de Cambados, Víctor Caamaño, expuxo a súa experiencia no desenvolvemento de competencias básicas a través dos blogues de Climántica do centro; e como estes estimularon a posta en funcionamento da revista electrónica transversal A Buxaina.

A seguinte xornada celebrarase o luns 16 de xaneiro. Na primeira parte, José Manuel Bouzán, coordinador do equipo de novas tecnoloxías do CEIP de Palmeira, e responsable da adaptación das actividades do libro Aprendemos coas escolas climánticas ao formato interactivo on-line Eduprimaria; presentará estas actividades para mostrar como permiten desenvolver competencias de tratamento de información e dixital, e de aprender a aprender.

Na segunda parte, Juan Taboada, responsable da predición operativa de MeteoGalicia, mostrará a través de posts do seu blogue temático de meteoroloxía en Climántica, como se pode desenvolver a través desa forma de comunicación da meteoroloxía a competencia básica de coñecemento do mundo físico e de aprender a aprender.

O último seminario desenvolverase o martes 24 de xaneiro. Nel, Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño, exporán a súa experiencia na aplicación do proxecto Climántica no centro a través da implicación dos estudantes para comunicar o cambio climático á cidadanía mediante o deseño e desenvolvemento de prácticas de laboratorio. Deste xeito, mediante prácticas de laboratorio sinxelas, mostrarán como se pode fomentar as competencias básicas de coñecemento do medio físico, o tratamento da información, a autonomía e iniciativa persoal, social e cidadá.


Reedición do curso “Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contempor...

 


Procedeuse á reedición do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, de acordo ao establecido para os cursos nos que a demanda supera moito á oferta de prazas. A diferenza da primeira edición, que quedou enmarcada no IES Virxe do Mar e na Concellería de Educación de Noia, esta segunda edición queda enmarcada en EducaBarrié.

Nesta nova edición, mantéñense os Relatores sobre os ámbitos da ciencia fronteira recollidos no currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo que interviñeron na primeira edición, e incorporase ademais a investigadora do equipo de Atapuerca e responsable da liña de Investigación sobre Antropoloxía Dental en Homínidos no Centro Nacional de Investigación sobre Evolución Humana, María Martinón Torres, que intervirá, o día 4 de febreiro, co seminario titulado “O homínido emigrante: clima, barreiras e camiños”.

Os outros cinco relatores, que xa estiveron na primeira edición, esta vez intervirán de acordo con esta axenda:
  • 21 de xaneiro. Ángel Carracedo Álvarez. Catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela. “Xenómica para o mundo contemporáneo: xenómica de poboacións e clima”
  • 28 de xaneiro. Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Catedrático de Edafoloxía da USC e Vicepresidente do Consello da Cultura Galega. “Cambio climático nos ecosistemas terrestres”
  • 4 de febreiro. Antonio Bode Riestra. Investigador do Centro Oceanográfico de A Coruña do Instituto Español de Oceanografía. “Cambio climático no medio oceánico”.
  • 11 de febreiro. Francisco Anguita Virella. Vulcanólogo fundador da Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT). “Do big bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental e aos riscos”
  • 25 de febreiro. Bernardo Parajó Calvo. Profesor da escola Enxeñería industrial de Vigo e director da Axencia Enerxética de Vigo. “Desenvolvementos tecnolóxicos sobre Enerxía e sustentabilidade: pasado, presente e futuro na sociedade do cambio climático”.

Folleto informativo

Inscrición



Convocatoria do curso "Competencias básicas en Climántica"

 


Este curso deseñouse pensando en abordar proxectos interdisciplinares centrados no currículo de coñecemento do medio de Primaria e no ámbito de Ciencia-Tecnoloxía-Sociedade de ESO. Para conseguilo, estruturouse o curso nunha parte presencial e noutra a distancia, con metodoloxías diferentes, pero complementarias.

Contidos:
  • O cambio climático
  • Xestión do territorio, do urbanismo, dos recursos e da enerxía para adaptación ao cambio climático no videoxogo CLMNTK
  • Boas prácticas na alimentación
  • Hábitos de mobilidade saudable
  • Consumo responsable
  • Evidencias, causas, consecuencias e solucións do cambio climático
  • Fundamentos de meteoroloxía escolar
O prazo para a inscrición en FProfe remata o día 20 de decembro.

Folleto informativo


Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos profesores

 


Está publicado en Climántica TV un vídeo sobre o seminario para profesores A auga no mundo Contemporáneo, impartido por Francisco Anguita Virella. Tamén se pode descargar e ler unha recensión sobre o seu contido. O seminario está baseado no contido do novo libro de Climántica Auga e Cambio Climático. Aínda que o tema abordado foi a auga no mundo contemporáneo, iniciouno con un preámbulo relativo á aparición da auga sobre a Terra, para situala como un recurso limitado e susceptible de perderse, como ocorreu en Venus e en Marte. Sostivo que os tres planetas deberon recibir a auga a través do impacto de meteoritos procedentes de máis alá da liña de neve. Para sensibilizar sobre as repercusións da falta de auga sobre as civilizacións, invitou ao profesorado a recorrer a civilizacións, - Anasazi, Maya e Jemer - que non foron capaces de soportar as secas por unha mala xestión dos recursos, especialmente os forestais. Coa base desta visión retrospectiva, abordou os grandes problemas coa auga no mundo contemporáneo, como a construción de presas, o desvío e modificación de canles naturais de ríos, a explotación de acuíferos fósiles, e o desxeo no marco do cambio climático.


Prácticas relativas ao seminario “Cambio climático no océano”

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo sobre as prácticas relativas ao seminario Cambio Climático no Océano, impartido, o sábado 15 de outubro, por Antonio Bode, no marco do curso Integración do proxecto Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Estas actividades desenvolvéronse na praia de Testal de 12 a 14 horas e no criadoiro de moluscos do Freixo dende as 17 ata as 19 horas. Ás actividades do obradoiro da praia de Testal asistiron todos os docentes matriculados no curso, e ás actividades do obradoiro no criadoiro, solo foron os voluntarios.

Unha vez rematado o seminario Cambio Climático no Océano que se desenvolveu no IES Virxe do Mar de 10 a 11:45 horas, os asistentes ao curso desprazáronse á praia de Testal para participar nun obradoiro sobre as ideas forza expostas por Antonio Bode no IES Virxe de Mar.

Na aplicación práctica dos contidos do seminario, este científico do Instituto Español de Oceanografía contou coa colaboración do biólogo da Cofradía de mariscadores de Noia, Antonio Rama. Esta parte práctica iniciouna Antonio Bode. Desta forma, na praia de Testal aplicou coñecementos que expuxo antes no IES Virxe do Mar; apoiándose no coñecemento teórico – práctico do marisqueo de Antonio Rama, quen fundamentou dende o punto de vista biolóxico as tarefas de marisqueo, e da súa xestión biolóxica, entre as que destacou os mostreos.

Entre os conceptos que Antonio Bode expuxo no Instituto, e que aplicou na praia, destacaron os relativos á necesidade de ordenar o territorio na xestión do medio litoral, incluíndo o interior das rías, e incluso do océano. Para facelo centrouse nos efectos de eliminación de terreo de recheo, por parte da auga da ría, que se visualiza no acceso á praia dende a estrada que vai á lonxa. Chamou a atención dos docentes sobre a natureza de recheo do material derruído depositado sobre a praia. Sobre esa observación, fixo fincapé sobre o importante que é non facer recheos como os que se fixeron en Testal. Dixo que estes recheos se van a ver afectados de forma moi significativa pola subida do nivel do mar, cos conseguintes riscos nos casos nos que hai construcións sobre eses terreos gañados ao mar.

No relativo aos efectos que se poden derivar do cambio climático sobre os bivalvos obxecto do marisqueo nese banco en concreto, abordaron o feito de que a ameixa se poida atopar xa moi no límite da distribución, polo que lle pode estar afectando de forma significativa a subida da temperatura da auga. Tamén se fixo mención, a nivel xeral, á importancia que pode ter a alteración do sistema climático nas rías sobre os afloramentos e sobre as riadas; dous impactos claros para este tipo de bivalvos.

A continuación fíxose unha demostración das técnicas de marisqueo a pé, coordinadas polo patrón maior da Cofradía, Santiago Cruz; e na que participaron mariscadoras que explicaron as técnicas ao profesorado. Nestas tarefas de marisqueo a pé con rastro, tamén participou profesorado que coñecía a técnica, e outro que quixo experimentala por primeira vez.

Pola tarde, Antonio Rama explicou as actividades que está a dirixir no criadeiro de moluscos que ten a Cofradía no Freixo. Alí contou tamén coa colaboración de Antonio Bode, que lle fixo varias preguntas a Rama, cuxas respostas resultaron interesantes para o profesorado, porque con esas respostas, o Biólogo da Cofradía, expuxo os fundamentos científicos de diversos aspectos. Bode tamén aportou, ao longo da visita á nave, coñecementos e reflexións formuladas dende o seu ámbito da Oceanografía.

O biólogo Rama empezou o itinerario pola nave, explicando o sistema para obter fitoplancto para alimentar ás larvas e aos xuvenís de berberechos. A continuación pasou a explicar a indución do desove, coas diferenzas entre as tres especies. Para finalmente abordar os procesos a seguir para garantir un número satisfactorio de xuvenís para levar a bateas. Os asistentes observaron ao microscopio mostras de berberecho e ameixa na fase crítica na que deixan de ser larvas nadadoras, para pasar a fixarse ao substrato. Centrándose nesta etapa final dos xuvenís na nave, referiuse á elevada mortaldade nos xuvenís, previo ao momento de pasalos ás bateas. Nese senso, fixo fincapé na importancia que ten que o colector colla auga en bo estado; aínda que tamén mencionou que a renovación faise soamente nun 10% do volume dos tanques, para aproveitar ben a comida.

Antonio Rama rematou a actividade explicando os cambios que introduciu, dende a posta en marcha do criadoiro, no sistema para ter os xuvenís en bateas, facendo fincapé na mellora dos resultados. Sobre a incorporación dos individuos ás bateas, onde engordan previamente a ser sementados nos bancos; referiuse á importancia que ten que os xuvenís teñan ao menos 3 mm. Dixo que con 2 mm xa se poderían levar á batea; pero expuxo que aínda era un tamaño moi pequeno, sobre todo porque tiñan unhas cunchas moi brandas; e por iso aínda serían moi vulnerables aos depredadores.


Seminario “A auga no mundo contemporáneo” cos estudantes

 


Durante os días 27, 28, 29 e 30 de setembro desenvolveuse o seminario para estudantes A auga no mundo contemporáneo no IES Urbano Lugrís de A Coruña, no IES Virxe do Mar de Noia, no IES Otero Pedrayo de Ourense e no IES Rosalía de Castro de Santiago. Ao seminario desenvolto neste último centro, é ao que se corresponden as imaxes do vídeo resumo que se acaba de publicar en Climántica TV.

O seminario desenvolveuno o xeólogo Francisco Anguita Virella; coautor do libro Auga e cambio climático, do que se extraeu o contido do seminario, e autoridade académica no eido da Xeoloxía. Nel abordou a auga dentro e fora do Planeta, dende a súa orixe ata a situación actual; e fíxoo dende un enfoque da defensa ecolóxica do recurso; manifestando que o facía dende a paixón que sentía como xeólogo polo Planeta. Xustificou esta posición persoal vinculada á súa profesión, sobre a idea de que un xeólogo ten que defender o Planeta, porque aínda que sabe que se coñecen máis de 1.000 planetas no universo; descoñécese se hai vida noutros, e ademais, se existira en algún; non teríamos medios técnicos para chegar alí.

Expuxo a curiosidade da existencia da auga no noso Planeta, cando os coñecementos actuais sobre o orixe do sistema actual postulan a fuxida da auga volátil dos planetas próximos ao Sol. Dixo que pola orixe do sistema solar, nós deberíamos quedar excluídos desta substancia, porque a auga do sistema solar tendeu a situarse máis alá da liña de neve. Por iso deberían ter quedado sen auga Mercurio, Venus, a Terra e Marte. Sen embargo, se aínda así a auga está presente na Terra; pénsase que se debe a que chegou de máis aló da liña de neve a través de asteroides.

Tamén fixo mención a que había probas de que Venus e Marte tamén tiveron océanos; polo que nese caso, a auga tamén debería ter chegado a eles a través dos asteroides. Aproveitou este razoamento para analizar as causas que puideron facer desaparecer a auga deses antigos océanos de Venus e Marte. No caso de Venus, todo parece indicar que se perdeu por un proceso de quentamento global do Planeta. Pénsase isto porque na pouca auga que permanece alí, a proporción entre deuterio (isótopo pesado de H) e o hidróxeno normal, é moi elevada; tal e como ocorre na Terra naqueles lugares onde se dan procesos de efervescencia, como pode ser o caso dos reactores nucleares. No caso de Marte, o seu relevo invita a pensar na existencia de auga líquida superficial. As hipóteses sobre a desaparición da auga en Marte, decántanse máis por procesos derivados da baixa gravidade do Planeta nun Planeta moi frío. Por iso a auga solo a atoparemos en Marte no seu subsolo.

Sobre esta reflexión dos océanos planetarios, entrou na orixe dos océanos da Terra, situandoa aos 170 millóns de anos do orixe da Terra. Explicou a súa formación vinculada a tectónicas de Placas, que sitúa as dorsais oceánicas no centro das depresións dos fondos oceánicos. Fixo mención á importancia da aparición da vida, e as probas que a vinculan co orixe da Tectónica de Placas. Aproveitou estas reflexións para relacionar a oportunidade que supuxo a Tectónica de Placas para xerar infinidades de ambientes diferentes, co seu correspondente potencial para estimular a evolución.

Cambiando a escala de tempo na súa análise, abordou os problemas que tivemos os humanos coa auga ao longo da historia. Antes de entrar nos estudos que se teñen sobre as crises da auga, abordou os métodos que utiliza a ciencia para chegar as conclusións desas crises da auga. Entre os períodos críticos que supuxeron probablemente a desaparición das civilizacións, explicou o caso dos indios anasazi, o antigo imperio maia, ou casos coma o dos habitantes da illa de Pascua. Exemplos vinculados a procesos de deforestación masiva, crecemento importante da poboación sobre unha base agrícola débil e períodos seguidos de importantes secas. Preguntou, ao longo dos relatos da desaparición de cada civilización que puxo de exemplo; si poderíamos ter algo que aprender desas crises para o mundo contemporáneo.

Para rematar, abordou os problemas actuais coa auga como son o desxeo dos glaciares, a subida do nivel do mar, o maior risco de que se formen turbulencias na atmosfera e no océano, debido ao seu quentamento. Relacionou estes impactos coas consecuencias derivadas da emisión de gases procedentes do noso uso de combustibles fósiles, apoiándose na gráfica do aumento de emisións de gases invernadoiro dende 1850, e aplicando o modelo do efecto invernadoiro. En base a esta análise, destacou o feito de que en 2010 o Ártico foi navegable por primeira vez nun veleiro catamarán. Sobre este dato propuxo a reflexión crítica sobre o acordo ao que chegaron Noruega e Rusia para explotar o gas natural; un recurso que vai a acrecentar o problema. Sinalou o paradoxal que resulta que Noruega fundamentara o seu desexo de non entrar na Unión Europea argumentando que a lexislación europea que terían que adoptar, non era suficientemente estrita.

Sobre estas argumentacións, concluíu que na sociedade contemporánea o cambio climático está a preocupar moi pouco, porque de feito, unha vez clarificado o modelo polos científicos; séguense aumentando as emisións. Por iso concluíu que o que realmente preocupa agora é a crise; e por tanto a economía.

En definitiva, o coñecemento que nos deixa o profesor Anguita neste vídeo é moi interesante para os estudantes de Ciencias para o Mundo Contemporáneo e Ciencias da Terra e Ambientais, aos que se dirixiu nesta breve estancia en Galicia. Pero tamén é interesante para calquera estudante, e polo seu valor de comunicación no marco da ciencia – técnica e sociedade contemporánea; é un recurso útil para toda a cidadanía.


Convocado un curso on-line recoñecido con 100 horas polo Ministerio de Educación

 


No marco de colaboración coa “Asociación Española para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT)” iniciado no curso 2008-2009, esta asociación xestionou por segundo ano consecutivo a convocatoria do “Curso virtual CLIMÁNTICA, un curso para desarrollar el currículo de Ciencias para el Mundo Contemporáneo conducido por el cambio climático con las TIC" que foi avaliado polo Ministerio de Educación e Ciencia no curso pasado, quen lle outorgou un recoñecemento oficial de 100 horas (10 créditos). O prazo de inscrición remata a finais do mes de xaneiro e a plataforma ábrese o día 1 de febreiro.

A validez oficial dos cursos do MEC nas diferentes administracións educativas das comunidades autónomas, facilitou o feito de que a través desta vía de formación se chegara a formar docentes da maioría das comunidades autónomas. Cada docente que segue o curso, ao rematalo, quédalle un blogue de Climántica e unha versión do curso para aplicalos nas súas clases nesta proposta de desenvolvemento do currículo de Ciencias para o Mundo Contemporáneo no resto do curso académico e en cursos sucesivos.
 
A través desta vía, Climántica está a incorporar á súa rede, docentes de todas as comunidade autónomas, o que valoriza aínda máis a colaboración natural entre Climántica e a AEPECT.

Para máis información: http://www.aepect.org/climantica_2011.htm


O hominido emigrante: clima, barreiras e camiños

 


Pode verse dende Climántica TV o vídeo da conferencia impartida pola investigadora en Xenética e Antropoloxía do equipo dos Xacementos de Atapuerca, María Martinón Torres no curso “Ciencias para o Mundo contemporáneo no proxecto Climántica”.

A conferencia centrouse na tese de que o clima no proceso de hominización non solo funciona como barreira e como camiño, senón tamén como catalizador de cambios. Para defendela, partiu do pensamento de Darwin, do que dixo que era un pensador que se mantivo dende o século XIX ata os nosos días como nº1 do pensamento evolutivo. Del recolleu a idea de que para saber como se desenvolveu a nosa evolución, interesa contextualizarnos como primates. Por iso partiu do principio de que a Antropoloxía para esclarecer a hominización debe levar esta comparativa ao terreo da anatomía e a embrioloxía con un enfoque comparado, incorporando na actualidade tamén o ADN.

Outra idea de Darwin á que recorreu para a defensa da tese da súa charla foi o mecanismo da selección natural proposto por Darwin, entendendo este como o conxunto de factores que van a actuar como filtro. As especies que se adaptan a estes filtros sobreviven. Sobre esta base da selección natural, entrou noutro concepto fundamental para a defensa da súa tese que é o de especiación, facendo referencia a que había moitos mecanismos polos que se podía producir a especiación, dos que destacou dous:
  1. Que a poboación orixinal se escinda porque apareceu unha barreira. Dentro destas barreiras, por proximidade a súa tese, indicou que o clima supón unha importante barreira en moitos casos de especiación.
  2. Que se produza un cambio significativo no ecosistema que supoña unha vantaxe para a selección dunha serie de características fronte a outras.
Unha vez situados estes conceptos, entrou xa a abordar os aspectos taxonómicos e filoxenéticos da hominización, tendo sempre como base a localización xeográfica e as datacións dos xacementos para sacar as súas relacións coas barreiras e camiños que puideron ser determinantes nesta filoxenia, facendo unha especial reflexión sobre aquelas referidas ao clima.

Sobre esta base de análise evolutivo, caracterizou ao xénero Homo como un xénero que consume carne en principio como preeiro e logo como cazador. A aparición da caza, argumentou que implicaba un reto para as características do xénero polo que debeu ir asociada ao aumento da capacidade cranial que posibilitase o desenvolvemento das habilidades técnicas necesarias para a construción de ferramentas e o desenvolvemento de estratexias de interacción social; pero sobre todo, sostivo que a caza tivo que ter consecuencias sobre o movemento e a dispersión.
 
Por tanto estamos esta especie de Homo asociado a un nicho ecolóxico determinado polos hábitos carnívoros non arborícolas que tería a súa orixe fai uns 2,5 millóns de anos. Este novo nicho veuse favorecida por un cambio climático que a seleccionou pola súa alimentación carnívora, a súa capacidade cranial e a man prensora. A Antropoloxía clásica sitúa no Homo habilis africano a primeira especie de deste xénero. Este procesos iniciado fai uns 2,5 millóns de anos, deixarían á primeira especie do xénero Homo en clara vantaxe fronte aos coetáneos Austrolophitecus. Pero o rexistro fósil invítanos a pensar que esta especie non foi a que pasou a Asia, senón que posiblemente o primeiro homínido en facer esta migración sería o Homo ergaster, que puido chegar ata fai 1,7 millóns de anos. Na súa existencia como especie pasaría de África a Asia e sería xa nese continente onde xurdiría o Homo erectus.

A partires deste momento, na liña da súa tese de analizar o clima como barreira, como camiño e como contexto de cambio no proceso de hominización, a argumentación da investigadora Martinón pasou a contrastar as recentes investigacións dos rexistros fósiles no continente euroasiático coas ideas clásicas sobre o proceso de hominización. Sobre este tipo de contrastes presentou a reflexión de fondo de cómo en vez de mellorar as teorías que non encaixan nas evidencias, inicialmente as comunidades científicas usan as teorías para cuestionar as evidencias. Sen dúbida unha tendencia a vixiar e poñer en evidencia nunha materia de divulgación académica da ciencia fronteira, como é Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

A primeira gran controversia das investigacións antropolóxicas contemporáneas en Eurasia coas teorías da clásicas da hominización, situouna na República de Georgia. Nese perfecto cruce de camiños atopouse un xacemento de homínidos de fai uns 2 millóns de anos. Indicou que alí apareceu un homínido dunha capacidade cranial duns 600 c.c. máis adaptado á bipedestación que Homo habilis. Isto sumado a que en xacementos de Austrolopithecus garhi apareceran ósos cortados a modo de extracción da médula, dato tecnolóxico que aproxima máis do que se pensaba a estas dúas especies, e abre así a hipótese de que o coñecido ata o de agora como Homo habilis non sexa o primeiro representante do xénero Homo. Esta hipótese ponnos diante da controversia de que esta especie do xacemento de Georgia puidera tratarse en realidade da primeira especie do xénero Homo.

Esta especie coñecida como Homo georgicus someteuse a análise das técnicas da Antropoloxía dental. Unha análise deste tipo aporta datos moi fiables pola cantidade de detalles que están presentes nestas pezas, pola estabilidade das mesmas ao longo da vida dos individuos e pola súa facilidade para a conservación. As análises mostraron a dita especie como máis primitiva que Homo ergaster e Homo erectus. Ao mesmo tempo estas probas foron reforzadas por outras de carácter xeográfico, cronolóxico, anatómico e biolóxico. Polo tanto, estas probas sitúan a Homo georgicus como precursora das outras dúas. Isto supón romper o pensamento de linealidade xeográfica no proceso de hominización que, por outro lado, non ten ningunha apoio lóxico, pois unha especia orixinada en Ásia a partires de outras especies anteriores que procedían de África, pode volver a África e orixinar alí o Homo ergaster e o Homo erectus. A razón pola que o primeiro Homo abandonou África puido deberse a que tiveron que buscar a caza porque se desprazara nesa dirección, por presión demográfica ou que non tiveron barreiras xeográficas nin climáticas.

Recentemente en Europa apareceu outro xacemento que ampliou a visión clásica da hominización. Trátase dos xacementos de Atapuerca. Ata ese momento o xacemento de homínidos en Europa máis antigo estaba en Alemania con restos de homínidos de fai medio millón de anos. En Atapuerca no nivel TD6 da Gran Dolima atopouse unha poboación de entre 900.000 e 950.000 anos con restos de fauna e de industria de nivel tecnolóxico 1. Coa información que se atopou chegouse a conclusión de que era unha época cálida e que os restos eran de individuos de entre 6 e 9 anos procedentes de episodios de canibalismo. Pénsase que é unha poboación de orixe europea, hipótese que se ve reforzada pola existencia dunha barreira climática na zona do deserto do Sahara máis patente que a actual. Posteriormente na Sima do elefante atopouse un resto humano de fai 1,3 millóns de anos moi parecido a Homo georgicus. Esta especie, coñecida como Homo antecessor, considérase propiamente europea.

En Atapuerca atopamos tamén un importante rexistro de Neanderthales de unha antiguidade do orde de 540.000 anos dos inicios do Pleistoceno medio. O tipo de dispersión intencional dos corpos e a acumulación de restos de 5.000 fósiles nunha galería de 8m x 4m invita a pensar que se trata dun enterramento. Este xacemento supón o 90% do rexistro de Neanderthais do Pleistoceno medio, e acabarían dando o Homo neanderthalensis clásico.

Os Neanderthais acéptase que son europeos sen discusión porque é onde aparecen os restos. Na súa configuración puido ter unha importante influencia o illamento derivado das barreiras climáticas orixinadas coa aparición das glaciacións. Coas estes fenómenos climáticos, os Pirineos e os Alpes pasan a ser auténticas barreiras infranqueables que levan a que as poboacións de homínidos solo podan vivir en algúns sitios, sendo a Península Ibérica un posible fondo de saco importante. En esas condicións as poboacións de Homo heildelbergensis foi a liña que levou no Pleistoceno superior, caracterizado por illamento persistente, ao Homo neanderthalensis que coa súa extinción pecharía unha liña evolutiva.

Con este exemplo, María Martinón, concluíu a súa tese, aproveitando para poñer en valor os estudos interdisciplinares para reconstruír a hominización a influencia sobre a mesma das barreiras e camiños abertos polo clima, destacando unha vez a importancia que ten contextualizar neles a nosa bioloxía. Por iso rematou a charla confirmando o postulado darwiniano do seu inicio sobre a importancia de poñer a nosa bioloxía en comparación coa dos simios, concluíndo que somos primates xerárquicos, territoriais, moi sociais, para atopar elementos propios como a tendencia a emigrar por todas as latitudes e a capacidade de ter memoria afectiva máis alá da proximidade que nos da a oportunidade de trazar complexas redes sociais.

Con esta charla maxistral na que defendeu a tese do “homínido emigrante que atopa no clima barreiras e camiños” trasladou a un auditorio de máis de 50 docentes asistentes ao curso un importante coñecemento para aplicar a importancia do clima sobre a nosa especie, ilusionándoos ao mesmo tempo por formar redes sociais capaces de atopar camiños axeitados para dar as respostas educativas ao cambio climático para superar as súas barreiras.


Convocado o curso para profesores “CCMC no proxecto Climántica”

 


Está aberto ata o 16 de decembro de 2010 o prazo para inscribirse neste curso na plataforma FPROFE co código X1001139, incluído no CFR Servizos centrais na área Ámbito científico:

Plataforma FPROFE  -  https://www.edu.xunta.es/fprofe/

Este curso on-line de 30 horas de duración aborda todos os contidos da materia Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC) conducidos polo cambio climático e aplicados coas TIC. Para conseguilo, o curso non solo aportará a formación necesaria, senón que ademais cada docente que o siga, ao rematalo, quedarase con un edublogue e con unha versión do curso que conteña as actividades que máis lle interesen para que as desenvolvan os seus estudantes neste e nos sucesivos cursos académicos.

Tríptico con información do curso


Seminario impartido por Ángel Carracedo en "CCMC no proxecto Climántica"

 


O catedrático e director do Instituto de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo, impartiu o seminario A xenómica e as súas ensinanzas para a sustentabilidade co cal se clausuraba o segundo curso de Ciencias para o Mundo Contemporáneo no Proxecto Climántica. En Climántica TV podemos ver o video deste seminario.

O profesor Carracedo comezou o seu seminario facendo unha revisión histórica dos fitos na investigación en xenómica dende os inicios da xenética con Mendel. Os avances na investigación no campo da xenómica acadaron unha aceleración importante a partires dos anos 70 debido á confluencia dos avances no coñecemento e na tecnoloxía. E importante explicarlles aos alumnos qué é o xenoma dun xeito que a eles lles resulte atractivo ese achegamento, e para isto, nos propón unha actividade práctica na aula e a explica paso a paso no video, ademais do símil do libro para entender o DNA. Esa revolución do coñecemento veu derivado do que se coñeceu como Proxecto Xenoma Humano, que comezou en 1990 e finalizou no 2001, no que participaban un consorcio privado e un público que chegaron da man a ter toda a información do xenoma humano.

Hoxe en día sabemos algunhas cousas do xenoma como que a cantidade total de pares de bases (3 mil millóns), que prácticamente todo o noso DNA é non codificante, o DNA lixo (non podemos dicir que non sirve para nada, de feito todo o xenoma non codificante é o motor da evolución pois é o que ten máis variabilidade. Tamén sabemos que somos das especies máis idénticas e das que temos menos diversidade interindividual. Por outro lado, non sabemos o número exacto de xenes, a función da maioría, o xeito de como interaccionan...Queda moito traballo por facer.

A xenómica na medicina xoga un papel moi importante no diagnóstico, prognóstico e tratamento das enfermidades. Estas análises xenómicas teñen connotacións importantes e a primeira delas é que as enfermidades que teñen que ver con xenes, normalmente herédanse e isto ten consecuencias como a de otorgar á análise un compoñente predictivo importante, pois moitas veces podemos prognosticar unha enfermidade antes nas persoas sans, unha vez temos detectado a doenza noutro individuo da familia. Este tipo de enfermidades xenéticas mendelianas que se heredan, son máis de 3000. Estas enfermidades que se poden considerar enfermidades raras xa que teñen unha frecuencia na poboación inferior ao 1 por mil, son non obstante importantes en conxunto. A súa identificación pode ser porque falten cromosomas, teñamos algún de máis, que falte un anaco grande de un, ou que falte un anaco pequeno. Un exemplo o temos no Síndrome de Williams, que ao paciente fáltalle un anaco pequeno do cromosoma 7 (15 ou 20 páxinas no símil do libro). Non obstante, o 90 % dos defectos que se ven ao facer análises xenéticos de enfermidades, non é nada máis que unha letra esté cambiada por outra. A retinitis pigmentosa (cegueira máis frecuente nos adultos) e a morte súbita, son das enfermidades xenéticas máis frecuentes. Ata fai pouco ambas doenzas era imposible diagnosticalas pois non dependen dun xen único senón de moitos. Agora dispoñemos de chips de DNA con todas as mutacións que se atoparon ata o de agora, no caso da morte súbita, que podense aplicar na prevención dos pacientes con risco de desenvolver a doenza.

Respecto ao cancro temos que ter en conta de que ten que ver cos xenes pero non é necesariamente unha enfermidade xenética, a maior parte dos cancros non se heredan. Na Fundación Galega de Medicina Xenómica, onde investiga o grupo do profesor Carracedo, o 50 % do traballo do grupo é sobre o cancro. A eficacia dos tratamentos que se fan en Medicina, e todavía moi limitada. Un medicamento de primeira línea terapéutica ten unha eficacia nun doente do 50 % de media, ainda que esto depende moito do grupo terapéutico (no cancro somos pouco eficaces e máis eficaces nos antidepresivos e analxésicos) pero queda un amplio porcentaxe de mellora. Este déficit na eficacia é debido a que non entendemos que hai detrás das cousas, pois clasificamos as enfermidades polos signos físicos que presentan. Se poidésemos clasificalas polas súas causas etiopatoxénicas poderiamos tratalas mellor. Y este é o grande futuro da xenómica que xa está comezando a aparecer coa investigación das variacións polimóficas SNP (Polimorfismos Nucleotídicos Simples). Están descritos máis de 11 millóns de SNPs. De todos estos SNPs só estudando 1 millón conseguimos ter información de todo o noso xenoma. As análisis estanse a facer en centros de todo o mundo, en España temos o Centro Nacional de Xenotipado, tratando de ver os xenes que están detrás do cancro, de enfermidades neurolóxicas, psiquiátricas, etc. Todos estos estudos do xenoma completo, están a revolucionar o coñecemento da Medicina. Ángel Carracedo ponnos o exemplo das súas investigacións sobre o descubrimento das bases xenéticas da esquizofrenia (que afecta ao 1% da poboación) e que publicaron na revista Nature no 2009.

Secuenciar o xenoma de James Watson tivo un custo de millón e medio de dólares e rematouse no 2007. Hoxe en día pódese facer por 5000 euros en duas semanas, e probablemente para o 2012 o seu custo só sexa de 1000 euros nos secuenciadores de nova xeneración.

O traballo en Medicina Forense experimentou un cambio radical a partires do ano 1985 cando o investigador Alec Jeffreys determinou as funcións do DNA lixo e veu que ainda que temos moitas frases que se repiten, o número de veces destas repeticións varía dun individuo a outro. Deste xeito a mediados da década dos 90 xa eramos quen de ter un perfil de DNA do tamaño da cabeza dun alfiler. Un dos traballos máis requeridos na práctica de xenómica forense son as probas de paternidade, pero un dos máis importantes é o relacionado coa criminoloxía ou nas labores de identificación.

Ademáis outros exemplos para tratar nas clases sobre as aplicacións da xenómica, son os casos de resolución de enigmas históricos grazas ao DNA mitocondrial, que se transmite por vía materna, de nais a fillos (as análises dos restos da familia Romanov, a conclusión de que o denominado “corazón de pedra” corresponde ao fillo de María Antonieta, esposa do rey Luis XVI de Francia...).

As novas técnicas xenómicas están a acelerar o coñecemento neste campo. Coñecemos que o neanderthal e o sapiens ainda que conviviron longo tempo, non se mixturaron, ou se se misturaron non chegaron a ser fértiles pois non temos DNA mitocondrial neanderthal no noso xenoma. Podemos determinar que o Homo sapiens moderno saiu da rexión dos grandes lagos en África fai uns 150000 anos; vamos entendendo como foron todas as migracións acaecidas ao longo da historia humana. O membro do mesmo grupo de investigación, Antonio Salas (do que podemos ver o video en Climántica TV da súa intervención no I Congreso Climántica de Profesores) logrou reconstruir a historia das migracións da África subsahariana, utilizando DNA de poboacións actuais.

De tódolos xeitos as investigacións en xenómica adéntranse nos temas éticos, e un exemplo o temos coa creación das bases de datos criminais feitas cos perfiles xenéticos de delincuentes, privadas en algúns casos, controladas pola policía noutros... Podemos dicir que é un caso de seguridade fronte a intimidade e liberdade, en termos de control sobre o individuo.

Ángel Carracedo conclue a súa intervención asegurando que na actualidade a ciencia é moito máis multidisciplinar do que era, hai que valorar as posibilidades de cada un, pero é certo que hai que loitar polas ilusións de cada un e que non hai ilusión que non se consiga sen traballar.


Conferencia de José Manuel Bouzán no I Congreso Climántica

 


Xa se pode ver en Climántica TV o vídeo do relatorio de José Manuel Bouzán no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O mestre do CEIP de Palmeira e coordinador de seminarios sobre a aplicación das TICs na aula aportou a súa experiencia no eido das novas tecnoloxías dentro dos centros educativos.

José Manuel Bouzán comezou facendo un percorrido polos distintos proxectos de introdución das TICs nas aulas. Non obstante opina que os problemas dos comenzos seguen sendo os de hoxe en día: que facemos con toda esta tecnoloxía dentro da aula?. Non podemos poñer por diante á tecnoloxía se por detrás non temos metodoloxías, pedagoxías e didácticas... O que ten que predominar é o ensino e as TICs poden ser o medio. O acceso á información debería cambiar roles, como pode ser o do “profesor enciclopedia”; o uso das TICs permite que se ensine a procesar e saber buscar a información. Entre os docentes parece que existe aínda a creencia de que empregar tecnoloxía implica unha merma na calidade de aprendizaxe.

Para rematar José Manuel Bouzán enumera unha serie de infinitivos que poden ser conxugados co uso das TICs: crear, compartir, colaborar, descubrir, experimentar, investigar...

Conferencia de Fernando Ojeda no I Congreso Climántica

 


Climántica TV ven de publicar o vídeo da intervención de Fernando Ojeda no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor de secundaria do Colexio da Presentación de Málaga e coordinador do proxecto Ecourban defendeu a importancia da web 2.0 na Educación Ambiental actual.

Para o profesor Ojeda existe unha falta de investigación na relación entre a educación ambiental e as tecnoloxías da información e comunicación, e de estudios que verifiquen a importancia dos proxectos que unen os dous ámbitos. Participou nun estudo cun grupo de traballo da Universidade de Granada, que consistiu en sondear entre os educadores ambientales a relación entre as tecnoloxías e a EA. Existe un 37 % dos educadores ambientales que utilizan as TIC na súa vida cotiá, pero cando se lles pregunta si utilizan estes recursos na súa labor profesional, a porcentaxe diminue ata o 14%. Non obstante, o 98 % contestan que as TIC son moi importantes para ambientalizar o curriculum. A contradición nestes datos é debida, segundo a mesma enquisa, a que os educadores afirman que non teñen a formación suficiente neste eido. Un dato que pon de manifesto a enquisa é que o 75 % nunca utilizou os blogs ambientales para adquirir información. Neste momento Fernando Ojeda aproveita para deixar constancia da importancia dos blogues dentro do proxecto Climántica e indica que os profesores de Climántica son pioneiros no uso desta ferramenta con fins ambientais.

Por moita tecnoloxía que apliquemos a un modelo que non funciona seguirá sen funcionar a menos que mudemos o modelo, hai que facer cousas novas. De todolos xeitos as cousas estan a cambiar, buscando novas vías, cambiando as formas de ensinar...Todos estos cambios invitan á reflexión encamiñada a mudar hábitos. Fai falla darlle a volta a Tbilisi para decir outras cousas e pasaremos de estar noutro tempo a enfrontarnos aos novos retos que nos plantexa a sociedade do século XXI.

Coa aparición da web 2.0 o usuario consumidor pasa a ser un usuario tamén produtor (“prosumidor”) de coñecemento. Coa web 2.0 o webmaster produce, recibe ademais contribucións doutra xente, e hai outros usuarios que tamén poden producir ou consumir ao mesmo tempo. Existe maior participación, máis contidos xerados polo usuario, máis intelixencia colectiva e múltiples ferramentas o que se traduce en máis recursos para o usuario.

Fernando Ojeda indícanos o camiño hacia onde deberiamos tirar, para o que é preciso plantexar formación, máis avaliación dos proxectos, fomentar criterios de calidade que sirvan para sustentar os proxectos, favorecer a participación, intentar que os materiais sexan de libre acceso. A web 2.0 ten sentido se o coñecemento e os materiais son compartidos. Hoxe en día é preciso participar para poder aprender.

Non obstante, como afirma o relator, en última instancia está moi ben o das tecnoloxías pero sempre será importante o ter algo que dicir, alguén a quen contarllo e por último saber como facelo.

Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino