CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Vídeo Aprendemos en Chacahua

 
Vídeo titulado Aprendemos en Chacahua que recolle as experiencias piloto desenvoltas no parque nacional sobre o manglar do estado mexicano de Oaxaca, no marco do programa de colaboración co colexio Madrid de México D.F.


Climántica en México

 


O proxecto Climántica foi convidado polo colexio mexicano – español Madrid coa participación da UNAM, do programa La Ciencia en tu Escuela da Academia Mexicana das Ciencias e da Academia mexicana de profesores de Ciencias Naturais, a desenvolver iniciativas no sistema educativo mexicano.

As actividades iniciáronse ás 9 de mañá do día 31 de outubro co Encontro Climántica – Academia Mexicana de Ciencias no que se presentaron as bases metodolóxicas de Climántica e o seu desenvolvemento cronolóxico. A ese encontro, celebrado na sede da Academia Mexicana de Ciencias, asistiu o equipo ao completo do programa La Ciencia en tu Escuela, encabezado polo seu director Carlos Bosch Giral.



A segunda actividade desenvolveuse ás 12 da mañá na sede do promotor das actividades, o colexio Madrid. Alí a través dunha conferencia - coloquio Francisco Sóñora explicou o desenvolvemento dos proxectos Climántica e Oceántica a autoridades educativas e medioambientais de México convidadas para a ocasión pola directora xeral do colexio Madrid Rosa María Catalá. A conferencia da tarde foi dirixida a profesores e a pais de alumnos do centro, e nela fíxose fincapé nas respostas a preguntas para qué, por qué, qué, cómo e con qué ensinan Climántica e Oceántica.



O venres 1 de novembro foi dedicado tamén a conferencias no colexio Madrid, neste caso dirixidas aos alumnos de Secundaria e Bacharelato. A conferencia para alumnos titulada 2101 regreso ao cambio climático de 2013, foi impartida en tres quendas do orde de 300 alumnos en cada unha delas. Na primeira quenda asistiron os alumnos de Bacharelato, na segunda os alumnos de primeiro de secundaria e metade dos de segundo curso, e na terceira quenda o resto dos alumnos de segundo e os de terceiro curso.

O resto das actividades xa se desenvolveron no Parque nacional de Lagunas de Chacahua, e consistiron nun conxunto de actividades baseadas no modelo de actividades de campo sobre o ecosistema do manglar deseñadas e lideradas dende hai 16 anos polo profesor do colexio Madrid, Julio Ríos. A estas actividades incorporáronse dinámicas, metodoloxías e contidos do proxecto Climántica, co obxectivo de abrir praxes conxuntas sobre actividades de Educación Ambiental. As experiencias piloto foron desenvoltas por 25 alumnos de 3º de Secundaria.

O luns 4 de novembro empregouse para desprazarse dende México D.F. ata o Parque Nacional no estado de Oaxaca, a onde se chegou xa de noite. Despois de montar o campamento e de cear, esa noite desenvolveuse o primeiro itinerario nocturno na praia para identificar rastros e acadar técnicas de rastreo de tartarugas en período de desove.

O martes 5 de novembro pola mañá dedicouse a actividades no criadeiro de crocodilos do Parque nacional. Alí estudáronse as diferenzas entre o crocodilo autóctono C. acutus e o de pantanos C. moreletii, que se introduciu na zona, afectando a identidade xenética da especie autóctona. Tamén se fixeron diferentes referencias á bioloxía das especies. Por último practicaron técnicas para retirar exemplares en situacións nas que este especie pode poñer en risco á especie humana, para proceder así a trasladalos a zona máis seguras.

As actividades da tarde do martes iniciáronse con itinerario en barco para observar o parque nacional e a fauna e flora do manglar. A continuación procedeuse a facer o segundo itinerario pola praia para localizar tartarugas. Alí atopouse unha tartaruga gólfiña desovando e procedeuse por parte do equipo técnico do Parque a explicar as tarefas de traslado de ovos cara o cercado de protección, para protexer o desenvolvemento embrionario da actividade ilícita por parte ladróns de ovos e da captura por parte dos animais. Os alumnos fixeron o proceso para protexer ese desove e observaron tamén no cercado de seguridade como saían as crías dos que naceron esa noite na área protexida.



As actividades do mércores 6 iniciáronse coa liberación das crías de tartaruga que naceron o día anterior. Todos os estudantes recolleron tartarugas que foron liberadas no lugar indicado polos técnicos responsables da conservación das tartarugas. A continuación conduciron aos alumnos cara os niños que foron abandonados por esas crías durante a noite, para proceder entre todos a limpalos para evitar a acumulación de microorganismos na porción de praia cercada. Durante ese proceso de limpeza todos os alumnos lograron liberar algunha cría que non logrou saír durante a noite.



As actividades da tarde do mércores consistiron en facer a análise das características físico – químicas da auga da lagoa. Os resultados puxeron de manifesto que a auga tiña unha temperatura de 28º en superficie, un pH do orde de 7,5 e uns niveis de nitratos, fosfatos, materia en suspensión e demanda biolóxica de osíxeno axeitados para a vida destes ecosistemas salobres. Isto puxo de relevo a nivel empírico a importancia do elevado grao de filtración neste tipo de ecosistemas. Tamén se observaron organismos acuáticos ao microscopio, chamando a atención de forma especial as colonias de pólipos con diferentes especializacións. Xa de noite fíxose unha práctica de observación de crocodilos no seu hábitat natural.



O xoves día 8 iniciouse á actividade ás cinco e media da mañá, incorporándose os alumnos a lanchas de pesca tradicional, onde os pescadores ensináronlle aos alumnos a importancia da técnica sostible no Parque nacional mediante prácticas de pesca con liña na desembocadura da lagoa. A continuación subiuse ao faro para facer unha interpretación paisaxística, xeomorfolóxica e de ecoloxía visual da formación do manglar como consecuencia da desembocadura do río no mar.

Unha vez que se descendeu do faro, fíxose un itinerario a pé polo manglar non inundado máis próximo ao campamento e observáronse as tres principais especies predominantes no parque: mangle vermello, mangle branco e mangle botoncillo. Tamén se observou a cantidade de fango que quedou da inundación da zona co furacán que ocorreu un mes antes. Sobre o papel deste tipo de ecosistemas na protección dos furacáns e no control das inundacións, reflexionouse como esa zona antes estaba inundada porque a auga baixaba con máis lentitude.

A situación actual os guías relacionáronna coa deforestación na parte superior, o que fai que auga baixe con máis forza e diminúa o papel protector de eventos extremos, que tanto preocupa nos escenarios de adaptación ao cambio. Tamén se fixo mención á importancia económica destas plantas halófitas das que depende a construción nas casas da zona. En relación ao seu papel ecolóxico, ademais do seu papel no control de inundacións e na protección contra furacáns como os que se acababa de producir, fíxose referencia a que os amplos sistemas radiculares reciben e procesan os nutrientes, capturan e precipitan sólidos en suspensión e enriquecen a auga de osíxeno. Isto xustifica o seu papel como filtros biolóxicos de control de contaminación e mellora a calidade da auga, todo elo reflectido nas análises da auga da lagoa efectuada o día anterior.



A tarde do xoves estivo dedicada á adaptación de dinámicas de Climántica á rexión de Mesoamérica e ao ecosistema do manglar. Durante estas dinámicas buscouse integrar os coñecementos aplicados durante a semana relacionándoos co cambio climático. Abordouse así a importancia de rexenerar áreas de manglar para conseguir novas superficies forestais que actúen de sumidoiros de CO2. Tamén se fixo fincapé no seu papel na resposta aos previsibles aumentos de fenómenos extremos na rexión, etc.

O equipo Climántica quere agradecer ao colexio Madrid e todas as demais organizacións dispostas a apoiar a adaptación deste concepto pedagóxico á rexión de Meseoamérica, e nese sentido tamén quere destacar a importancia da incorporación ao equipo de grupos docentes como o que lidera esta iniciativa encamiñada á conservación do manglar.


Conferencia de Ángel Carracedo nos Encontros coa investigación para a sostibilidade e a saúde

 
Xa está publicado en Climántica TV o vídeo da segunda conferencia dos Encontros coa investigación científica dos alumnos de primeiro de Bacharelato do Barbanza. Esta segunda conferencia correu a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela,  director da Fundación Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional del Genotipado.

O profesor Carracedo iniciou a súa intervención contextualizando a súa charla no eido da orientación profesional e vocacional cara as investigacións contemporáneas a favor da sostibilidade e da saúde, centrándoa así dentro da temática dos encontros. Para situar a charla nestas claves, lembrou as dúbidas, inquedanzas e contexto académico que tivo el cando estaba na idade dos alumnos que asistiron aos encontros. Para manter este discurso sobre as relacións da evolución das súas liñas de traballo coa evolución da Xenómica, articulou a charla sobre unha secuencia cronolóxica dos fitos do seu ámbito de coñecemento, relacionándoos con fitos persoais da súa investigación e da do seu grupo de investigación.

O primeiro fito ao que se referiu foi a oportunidade que tivo para formarse en Xenómica forense en Suecia, o que lle permitiu atender a súa vocación, toda vez que en España naquela época non había esa especialidade. Nese paralelismo que foi establecendo entre os seus fitos de investigación e os do seu ámbito de investigación, situou en paralelo a estes inicios da súa formación investigadora, coa aparición do ADN nun suposto océano primitivo, molécula que vai a ser o fío condutor do seu ámbito de coñecemento, polo valor que esta ten para identificarnos.

Situou a continuación os fitos das súas investigación no seu regreso a Galicia, cos dos avances da Xenómica no ámbito forense, pola capacidade que xa empeza a haber daquela para facer usos forenses do ADN, do que destacou as achegas de Alec Jeffrens sobre o ADN non codificante. Fixo mención a este descubrimento, porque atopouse que nese ADN lixo todos éramos tremendamente diferentes, o que posibilitaba que un tamaño mínimo de ADN permitira sacar o perfil xenético de todo un individuo, podendo así resolver con moita facilidade casos coma os de paternidade.  Daquela época destacou tamén que o seu afán por descubrir cousas novas nese contexto de avance da xenómica, lle permitiu aprender o importante que é descubrir cousas novas. Fixo referencia a que o interese que tiña por entender o por qué das cousas dende os perfís xenómicos, favoreceu que a metade dos marcadores que se usan na actualidade no ámbito da Xenómica forense, e a totalidade dos novos, foran descubertos no seu Instituto. Isto naquela época chegou a situalos no principal referente europeo no seu ámbito de investigación, o que lles permitiu participar en casos de relevancia internacional.

O seguinte fito do seu desenvolvemento científico, foi a introdución na Xenómica clínica, á que dixo que chegou porque como médico sempre tivo a vocación de investigar para curar enfermidades. Este é un ámbito de investigación ao que se chega cando se pode secuenciar o ADN e ver con detalle os cromosomas. O seu obxecto de estudo son os danos no ADN que producen enfermidades. Un exemplo de enfermidades relacionadas con fallos do ADN que puxo, foi o do cancro, cuxo orixe ten que ver con danos no ADN que impide que as células morran. Destacou como estes avances da xenómica e a evolución nas liñas de investigación do seu grupo cara ao ámbito clínico, levárono a impulsar a Fundación Galega de Medicina Xenómica do SERGAS que está a dirixir, o no que están a ter máis de 30.000 pacientes ao ano. Dentro de este ámbito de investigación, e dentro do marco estatal, pasou tamén a dirixir o Centro Nacional do Xenotipado. En relación a este ámbito clínico, tamén fixo referencia aos múltiples proxectos que se están a desenvolver dende estes marcos institucionais, moitos deles relacionados co cancro.

O fito seguinte no que se centrou, foi o relativo á relevancia actual do seu grupo no ámbito da xenómica forense, premiado no 2011 coa medalla Adelaida que os veu a recoñecer como o grupo de maior relevancia internacional nese ámbito. Dende ese marco afrontaron e están a afrontar casos de moita importancia e relevancia mundial, entre os que citou o 11S, 11M e o Tsunami asiático. Destes casos puxo algúns exemplos de descubrimentos moi coñecidos a nivel internacional.

O último fito ao que se referiu, fíxoo en termos de futuro. Dentro das liñas novas que dixo que lle interesaban na actualidade, mencionou o convite que recibiu para participar nun proxecto internacional que consiste en conseguir o ADN de todos os organismos mariños, o que permitiría inmortalizar a esas especies. En relación a esta liña, fixo mención ao interés que pode ter no contexto do castigo histórico aos océanos pola sobrepesca e a contaminación.

Pechou a súa intervención poñendo de novo o acento na dimensión orientadora e de estímulo das vocacións investigadoras a favor da saúde e da sostibilidade, sobre a que trataron os encontros. Para conseguilo mencionou a diversidade de perfís investigadores dos responsables de cada liña de investigación do grupo. Sobre estes perfís sacou dúas conclusións que deixou a modo de recomendación aos alumnos. As dúas recomendacións – conclusións formulounas sobre as características que teñen todos os membros do seu grupo son: 1) búsqueda constante da súa ilusión por descubrir cousas novas e pelexa continúa por ela, 2) moita capacidade de traballo, que a súa vez require da primeira conclusión – recomendación, porque non se pode traballar moito se non se está moi ilusionado co que se fai.


Un día no laboratorio de xenómica de Angel Carracedo

 
Pode verse en Climántica TV o vídeo sobre a visita de 12 alumnos de bacharelato do IES Espiñeira atendendo ao convite do director da Fundación Pública Galega de Medicina Legal e máximo responsable do Centro do Xenotipado Nacional, o doutor Ángel Carracedo.

Durante a visita, os alumnos tiveron ocasión de coñecer os principais departamentos e liñas de investigación explicadas por este prestixioso científico galego, galardoado coa medalla Adelaida, o maior galardón científico a nivel mundial no campo das Ciencias Forenses. Deste xeito os alumnos puideron coñecer as metodoloxías que están a seguir en campos fundamentais para a mellora da saúde, como a identificación xenética de cancros, o descubrimento das bases xenéticas de enfermidades raras e os seus desenvolvementos no ámbito da farmacoxénomica.

Tamén tiveron ocasión de formular preguntas a diversos científicos do grupo sobre a actividade que estaban a desenvolver nese momento, e de realizar actividades habituais no laboratorio.

Un sexenio de Climántica

 
Con motivo da celebración do sexto ano de existencia de www.climantica.org, que se puxo en marcha o 9 de febreiro de 2007, procedeuse a publicar en Climántica TV o vídeo Un sexenio de Climántica que recolle unha cronoloxía a modo de anuario de imaxes correspondentes aos seis anos de aplicación do proxecto.

Durante este primeiro sexenio www.climantica.org superou as 870.000 visitas, procedentes de 153 países. Estes datos supoñen un incremento de máis de 200.000 visitas en relación as 659.000 visitas que existían cando se publicou a información o ano pasado, coincidindo cos cinco anos de existencia do proxecto.


Cambio climático no océano

 


Está publicado en Climántica TV o vídeo que recolle a conferencia titulada Cambio climático no océano impartida polo investigador do Instituto Español de Oceanografía Antonio Bode.

Nela situou o papel do océano na regulación do clima, incidindo no papel da cinta transportadora do calor. Fundamentou o papel do océano como reservorio de CO2 en base ao funcionamento da bomba biolóxica e da física. Analizou a entrada e saída deste gas en febreiro e en agosto nas diferentes rexións oceánicas. Tamén situou os niveis de reservorio do gas CO2 de orixe antropoxénico nas diferentes rexións oceánicas.

A continuación abordou as proxeccións do AR4 IPCC (2007) relativas a: CO2 atmosférico, quentamento e nivel do mar, circulación oceánica global, eventos extremos e acidificación. Todos os riscos oceánicos do cambio climático analizounos no marco da importancia socioeconómica do océano costeiro.

Por último, contextualizou en Galicia a importancia socioeconómica do seu océano costeiro e analizou as evidencias e impactos do cambio climático nese océano costeiro e nos seus recursos en base aos estudos de Cligal, dos que foi corresponsable.


Feliz Nadal e ventureiro aninovo 2013

 
Climántica ven de publicar o vídeo con 5 minutos de bos momentos do desenvolvemento do proxecto no ano 2012, co obxectivo de proceder á tradicional felicitación de Nadal dos seus usuarios. O vídeo – resumo empeza e remata con imaxes da participación dos alumnos no proxecto este ano, e entre elas aparece unha selección de imaxes da formación do profesorado durante o ano 2012.

Arranca con imaxes do V Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica celebrado en Vilagarcía o 21 de xuño de 2012, e do seu campus internacional, para premiados no congreso, desenvolto no albergue da Xunta de Gandarío entre o 23 e 29 de xuño de 2012.

O vídeo remata coa entrevista de alumnos ao co - presidente do grupo III do IPCC celebrada en Vigo e con imaxes do festival de fin do campus internacional celebrado no auditorio da Casa da Cultura de Sada o 29 de xuño de 2012, no que se presentaron os vídeos, obras de teatro e actuacións musicais preparados ao longo do campus.

Entre estas imaxes iniciais e finais da participación dos alumnos, inclúense imaxes, organizadas por orde cronolóxico, dos tres cursos de formación do profesorado desenvoltos ao longo do ano 2012 e das tres actividades de Climántica no III Simposi d´ Educació per la sostenibilitat do CEFIRE de Castellón, celebradas en Vila – real o 10 de novembro de 2012.


Climántica colabora con EducaBarrié nunha actividade da reunión do IPCC en Vigo

 


EducaBarrié convidou a Climántica a desenvolver unha actividade dos seus alumnos con científicos implicados na reunión do IPCC en Vigo do 6 ao 9 de novembro de 2012, no marco da elaboración do novo informe que ten previsto a súa publicación para o 2014.

A actividade consistiu nas entrevistas co Co - presidente do grupo III do IPCC sobre Mitigación do cambio climático, o doutor Ramón Pichs Madruga e co organizador do encontro e membro dese mesmo grupo, o catedrático de Economía aplicada Xavier Labandeira, que participou no I Congreso Climántica sobre respostas educativas ao cambio climático que tivo lugar en Pontevedra en maio de 2010, no que disertou sobre a Economía na mitigación e na adaptación ao cambio climático. Os vídeos destas dúas entrevistas publicaranse proximamente en Climántica TV.

As dúas entrevistas foron conducidas por dous alumnos destacados pola súa participación no proxecto Climántica, coordinados por Francisco Sóñora, autor e director do proxecto Climántica. O tándem de entrevistadores foron Álvaro Castro do IES Arzúa, autor de varios traballos premiados nas cinco edicións do congreso CLMNTK, e membro da delegación española no cumio internacional Vamos a coidar do Planeta que se celebrou en Brasilia en xuño 2010, e Úrsula Martínez do IES Valle-Inclán de Pontevedra, tamén premiada por traballos presentados nos dous últimos congresos de Climántica e presentadora no papel de Aire do V Congreso CLMNTK e do acto de presentación de traballos do primeiro campus internacional.



Climántica quere agradecer a EducaBarrié por convidar ao proxecto a desenvolver esta interesante iniciativa, e por todo o apoio que lle ten prestado en actividades de formación do profesorado e no contacto de científicos colaboradores de Climántica cos alumnos.


Climántica no III Seminario Iberoamericano CTS da Organización de Estados Iberoamericanos

 


O Comité Organizador do III Seminario Iberoamericano CTS da ensinanza das ciencias da Organización de Estados Iberoamericanos, que se celebrou no IES San Isidro de Madrid entre o 28 e o 30 de setembro de 2012, convidou a Francisco Sóñora, en calidade de autor e director do proxecto Climántica, a desenvolver un obradoiro sobre a didáctica multimedia do proxecto. Tamén comunicou as dimensións do proxecto na mesa MC 2-3, onde se presentaron ademais proxectos CTS sobre sostibilidade de Portugal, Brasil e México.

Na mesa MC 2-3 sobre proxectos CTS relativos á sostibilidade, que se celebrou na mañá do sábado 29 de setembro, presentáronse as características de Climántica, a súa organización, os seus contidos CTS sobre enerxía, cambio climático e hidrosfera, os modelos de aplicación do proxecto para diferentes niveles de competencia curricular e as súas propostas de formación do profesorado, rematando coas poleas de transmisión CTS para sacar a Educación Ambiental de Climántica dende os centros educativos cara a sociedade en xeral.

No obradoiro Didáctica multimedia sobre cambio climático dende o proxecto Climántica celebrado na tarde do domingo 30 de setembro, analizouse unha selección de cuestionarios de diversas propostas da Didáctica multimedia (http://biblioteca.climantica.org/gl/formacion/didactica )de Climántica, sobre las seguintes temáticas: o papel de la atmosfera na regulación da temperatura, cambio climático normal, a súa regulación ao longo da historia da Terra, cambio climático antropoxénico, impactos nos ecosistemas; e as relacións do cambio climático coa economía e coa sociedade. Sobre estes cuestionarios, analizáronse a súa coherencia, a pertinencia, a validez e a secuenciación. Ao longo do obradoiro, valoráronse propostas para implementar a didáctica multimedia de Climántica nos sistemas educativos iberoamericanos nos que traballan os asistentes.

Climántica quere agradecer á Organización de Estados Iberoamericanos esta oportunidade e o impulso na implementación do proxecto en diferentes países iberoamericanos.


Descarga do cuarto capítulo do libro “Auga e cambio climántico”

 

Xa se pode descargar en Unidades didácticas do apartado Biblioteca o Capítulo 4. A auga, fonte de vida dende os océanos á terra firme, escrito polo autor e director do proxecto Climántica, Francisco Sóñora Luna e polo vulcanólogo fundador da Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPECT), Francisco Anguita Virella. As descargas poden facerse en versións galego e castelán. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 4 capítulos restantes:

Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.


Obradoiro e conferencia de Ángel Carracedo no campus CLMNTK 2012

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do obradoiro e da conferencia que impartiu no campus CLMNTK 2012, o xoves 28 de xuño de 2012, Ángel Carracedo, catedrático de Medicina legal da USC e director do grupo de investigación que é primeira referencia mundial en xenómica forense dende o ano 2011.

Este prestixioso investigador desenvolveu un obradoiro que consistiu en extraer ADN de chícharos. Sobre esta visualización, fixo un percorrido sobre os fundamentos básicos das investigacións do seu grupo, baseándose en breves estudos de casos prácticos que resolveron, moitos dos cales eran coñecidos polos alumnos debido á súa repercusión nos medios de comunicación.

O potencial didáctico e de divulgación da exposición do profesor Carrecedo, posibilitou o interese da totalidade do auditorio, un reto nada doado, pola diversidade de idades dos alumnos premiados (entre 12 e 21 anos), e pola diversidade xeográfica (Galicia, Andalucía, Comunidade Valenciana, México D.F. e Bos Aires).

Climántica quere expresar o seu agradecemento a este científico, distinguido entre outros premios, coa medalla Adelaida, premio Jaime I de investigación médica, medalla de Galicia e medalla de Castelao; por facer o esforzo desinteresado de encaixar na súa axenda esta visita ao campus. Tamén quere destacar a vocación deste prestixioso científico por transmitir coñecementos e estímulos intelectuais ao grupo de estudantes premiados por Climántica polo seu talento para a comunicación co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre o cambio climático e o medio ambiente.


Vídeo do Primeiro campus internacional de Climántica

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo do campus para premiados no V Congreso CLMNTK dos estudantes de Climántica. Este vídeo, elaborado, ao igual que os anteriores, por xentileza de Pedro García Losada, recolle un resumo das actividades do campus desenvolvidas entre o 23 e o 29 de xuño, e a presentación da totalidade dos traballos que formaron parte do festival de fin de campus: presentación dos seis vídeos elaborados polos grupos seminarios coordinados polos estudantes universitarios en calidade de educadores en prácticas voluntarios, as interpretacións musicais preparadas nos obradoiros de improvisación musical e a obra de teatro preparada nos obradoiros de improvisación musical.

A elaboración dos vídeos dos grupos de alumnos fíxose sobre un fío condutor expresado no lema, “Coñezo Sada e A Coruña, compároas co pasado, e busco conclusións para un futuro sostible”. Orientados por ese lema os alumnos organizáronse en grupos seminario, coordinados cada un educador/a en prácticas. A cada grupo seminario pedíuselle elaborar un vídeo inspirado nese lema, que recollera os datos das visitas programadas para coñecer Sada e A Coruña. Para centrar o inicio da realización do vídeo, fíxose un obradoiro sobre a elaboración de argumentos, apoiado na improvisación teatral. A partires dese momento iniciouse o traballo en equipos para a elaboración dos vídeos. Os traballos dos proxectos e seminarios combinouse con actividades lúdicas e deportivas, entre as que destacou o voleipraia por xentileza da Federación Galega de Voleibol.

Este campus, co que se premiou a 40 estudantes galegos por traballos presentados ao V Congreso CLMNTK, supuxo a primeira experiencia internacional, ao participaren tamén delegacións de México, Arxentina, Alacante e Málaga, apoiados polos seus gobernos e/ou comunidades educativas.

Estas delegacións de alumnos de fóra de Galicia que destacaron polos traballos que presentaron ao V Congreso CLMNTK, aportou unha diversidade moi enriquecedora, e incorporou ao equipo de docentes ás profesoras voluntarias Ana Jiménez do colexio Madrid de México D.F., Mª Dolores Pérez do IES Poetas Andaluces de Málaga, Mª del Mar Sierra e Josefina Santacreu do IES Virgen del Remedio de Alacante e Jorge Greco da Escola Técnica Superior Nº 12 D. E. 1 «Gral. José de San Martín de Bos Aires.

Neste campus tamén participaron como voluntarios/as as educadoras en prácticas Ana Patricia Losada, Antía Carrera, Gema Cid, Helena Caamaño, Lucía Melo; e o educador en prácticas, e director da Agrupación teatral Criaturas, Juan Mosquera, que desenvolveu tamén os obradoiros de improvisación teatral, e o profesor da Escola de Altos Estudos Musicais de A Coruña José Rodríguez, quen desenvolveu os obradoiros de improvisación teatral.

Tamén desenvolveron obradoiros e charlas o catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS), Ángel Carracedo e os profesores da Escola de restauración de Pontevedra e artistas significados na liña de Arte e natureza, Antón Sobral e Carmen Hermo.

A todos estes participantes Climántica quere agradecerlle a súa achegas valiosas, entusiastas e desinteresadas. Tamén agradece o apoio á Consellería de Traballo e Benestar, quen cedeu o albergue, con todos os medios para a estancia e o desenvolvemento das actividades. Ao departamento de Urbanismo, Medio Ambiente e Infraestruturas do Concello de A Coruña, por posibilitar a totalidade das actividades nesa cidade, á empresa municipal EMALCSA de A Coruña, por posibilitar os desprazamentos e visitas ás súas plantas potabilizadora e depuradora de augas residuais e á dirección e persoal técnico do Auditorio da Casa da Cultura de Sada, por posibilitarnos os ensaios e a celebración do festival de fin do campus.


Vídeo da xornada presencial do V Congreso CLMNTK

 


Xa está publicado en Climántica TV o vídeo correspondente á xornada presencial do V Congreso CLMNTK. Nesa xornada, que se celebrou en Vilagarcía o día 21 de xuño de 2012, participaron máis de 300 estudantes dos centros educativos de Galicia implicados na organización do V Congreso CLMNTK.

Na inauguración interviñeron o director de Climántica e o alcalde de Vilagarcía. Francisco Sóñora agradeceu a participación e o esforzo dos centros educativos presentes por facer posible o evento; e destacou o significado que ten para Climántica chegar ao V Congreso. Tamén salientou a importancia desta segunda edición virtual, como unha fórmula eficiente que facilita a incorporación doutras comunidades autónomas e países. Salientou ademais a importancia da Educación Ambiental, da creatividade, do talento e da innovación para saír de situacións de crises ambientais e económicas coma as actuais. Tomás Fole destacou a importancia da iniciativa e a boa acollida da mesma na cidade de Vilagarcía. Nese sentido, destacou que a crise económica non se combate soamente co euro, senón tamén con formas de actuar, entre as que sinalou o respecto polo medio ambiente e a eficiencia enerxética.

A continuación iniciouse a presentación de traballos. O acto estivo conducido por un equipo de catro alumnas que xa participaran con este rol na edición do ano pasado. Alba, Silvia, Telma e Úrsula estiveron coordinadas e apoiadas polo humorista Manu Lago. As alumnas presentaron dende os roles de superterra, supersol, superaire e superaula, personaxes que foron recuperando vitalidade e enerxía ao longo do evento, debido á sensibilización dos traballos que ían presentado.

A primeira quenda de presentación de traballos estivo dedicado aos elaborados en centros de fóra de Galicia: dous de Arxentina, dous de México, un de Uruguai, un de Colombia, un de Chile, dous de Madrid, dous de Cantabria, un da Comunidade Valenciana e un de Andalucía. Os estudantes saudaron ao auditorio a través de Internet. Posteriormente asistiron ao campus delegacións de México, Arxentina, Alacante e Málaga, que contaron co apoio dos seus gobernos e/ou comunidades educativas.

A continuación procedeuse a presentar unha representación dun 10% dos traballos presentados segundo esta secuencia:

1. Aínda nos queda moito polo que loitar de Úrsula Martínez Álvarez e Santiago Durán Baeza. IES Valle Inclán

2. Manifesto da Terra. De María Losada González e César Alonso Fariñas. IES San Mamede

3. The environment de Valeria Crujeiras, María Fernández, Anabel Fernández, Carme Romero e Conchita Paz. IES Leliadoura

4. Oda al medio ambiente de Fernando Rubio Astilleros e Pablo de Lucia Finkel. IES Margarita Salas

5. A historia do clima de Fátima García. IES Campo de San Alberto

6. Un transporte alternativo de Alba Lado Caamaño e Christian Carrillo Sueiro. IES Poeta añón

7. Como salvar o planeta de Cecilia Moretón Rodríguez e Ariana Fernández González. IES Otero Pedrayo

8. Telexornal 2098 de María Losada González e Paula González Fernández . IES San Mamede

9. Estropear o planeta un gran erro de Andrea Nimo e Silvia Tuñas . IES Poeta Añón

10. Un acto de terrorismo ambiental de José Calvo Ayuso. IES Otero Pedrayo

11. Metamorfose enerxética. Nerea Rivadulla e Ana Romero. IES Campo de San Alberto

12. Salvemos el mundo de Pablo Couto Andrés, Gonzalo Álvarez de Soutomayor de Pugnaire, Iván Fernández Braña, Xoel Bouso López e Yolanda Rivas Sobrado. IES San Rosendo

13. A nosa Terra de Estefany Patiño e Tatiana Dono. IES Fontiñas

14. Nas túas mans de Jessica Piñeiro Brea e Alba Castro Oubiña. IES Francisco Asorey

15. Galicia, a nosa Terra de Alba Calo Blanco e Iria Ferreiro Gómez. IES Poeta Añón

16. Climate change de Manuel Argiba, Sara Maneiro e Laura Laíño. IES Leliadoura

17. De onde vimos e onde vamos de Iván Fernández Braña, Xoel Bouso López, Alejandra Garabana Maroño, Ayeik Mendez Díaz, Manuel Franco Torviso, Diego terrón Barcia, Moises Chao Fernández, Xosé Ramón Rico Pérez, Xerardo Rodriguez Franco, Susana Fra Murado, Pablo Couto Andrés, Gonzalo Álvarez de Soutomayor de Pugnaire, Borja Rivas Rodriguez e Marcos Vázquez López. IES San Rosendo

18. O que ten corazón que actúe de César Alonso Fariñas, María Losada González, Paula González Fernández, Alberto Prol Barbosa, David Meire Alonso, Elodí Cid Santos, Melisa Santiago Nieto, Aida Carballo Pumar, Noelia Meire González e Samuel González Fernández. IES San Mamede

Unha vez rematada a presentación de traballos procedeuse ao sorteo dunha tablet e dunha web TV entre os asistentes, por xentileza da empresa galega Blusens.


Xornada presencial do V Congreso CLMNTK

 


Os centros educativos de Galicia que participaron no V Congreso CLMNTK, organizan, o día 21 de xuño de 2012, a xornada presencial do V Congreso CLMNTK; na que se desenvolverá esta axenda de traballo.

Nesta xornada presencial presentarase unha selección de traballos que representarán aos centros con profesorado implicado na organización deste V Congreso CLMNTK. A este equipo docente organizador, o proxecto Climántica quere expresarlles o seu agradecemento pola dedicación, compromiso e implicación nesta etapa de intensa actividade nos centros educativos, coincidindo co remate do curso académico.

Tamén se proxectará un vídeo co saúdo dos estudantes – autores das outras catro comunidades autónomas e cinco países iberoamericanos participantes. Pódese acceder aos vídeos de presentación de alumnos de varios destes centros, dende a marxe dereita do portal deste V Congreso CLMNTK; no que están publicados todos os traballos por orde descendente de puntuación.


Homenaxe de Climántica aos seus estudantes no Día Mundial do Medio ambiente

 


Coa experiencia educativa extraída durante o tempo de existencia deste proxecto, Climántica quere celebrar unha data tan sinalada como é o Día Mundial do Medio Ambiente, expresando aquí a honra que supón para o proxecto ter unha rede de estudantes desta calidade.

O día 5 de xuño para Climántica é unha data para pararse a lembrar a participación entusiasta dos estudantes no deseño e nas demostracións prácticas na rúa, nas que se implicaron activamente para ensinar aos cidadáns as causas, consecuencias e solucións ao cambio climático. Unha lembranza, que neste día tan sinalado, ven motivada polo peche, nesta época, dos seus congresos CLMNTK. Por iso agora Climántica entende que é o momento de pedir aos usuarios deste portal que se impliquen na votación dos traballos destes estudantes - de Galicia, doutras comunidades autónomas e de varios países iberoamericanos - que participaron no V Congreso CLMNTK.

Ese é o motivo polo que dende aquí solicitamos esta colaboración aos usuarios deste portal, co convencemento de que este V Congreso deixou unha interesante variedade de formatos e competencias de comunicación, configurando un conxunto de traballos que aportan valiosos aspectos didácticos e de sensibilización ambiental entre iguais. Por iso, e para conseguir unha maior masa crítica e representatividade das votacións de usuarios, agradecémoslle que apoien o esforzo de sensibilización ambiental destes xoves voluntarios ambientais, votando e invitando a votar a outros usuarios durante todo o período de votacións.


Descarga do terceiro capítulo do libro “Auga e cambio climántico”

 

Xa se pode descargar en Unidades didácticas do apartado Biblioteca o Capítulo 3. Historia, presente e futuro da auga na Terra en versións galego e castelán.  Tamén se pode navegar polo seu contido extraído para a divulgación cara a cidadanía en xeral premendo no terceiro apartado Auga e cambio climático do menú da marxe esquerda da páxina de Inicio. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 5 capítulos restantes:

Capítulo 4. A auga fonte de vida dende os océanos á terra firme.
Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.


Climántica nas “XIX Jornadas pedagógicas da Asociación portuguesa de Educación Ambiental”

 


O proxecto Climántica foi convidado a desenvolver unha comunicación e un obradoiro nas XIX Xornadas da Asociación portuguesa de Educación Ambiental, que se celebraron en Cámara de Lobos (Madeira) o 8, 9, 10 e 11 de marzo de 2012.

Na comunicación fíxose unha exposición cronolóxica dos produtos que se foron elaborando ao longo dos cinco anos de existencia de Climántica, destacando o tratamento transversal dos seus contidos, as motivacións da súa produción e as diferentes aplicacións educativas nas aulas.

O obradoiro desenvolveuse a longo de dúas horas con un grupo de estudantes de 11º ano (16-17 anos). Iniciouse coa presentación de oito escenas da novela A treboada de C, seleccionadas pola relación coas problemáticas ambientais máis recentes nesa rexión: os incendios e a inundacións do ano 2010. Ese contexto recente na memoria dos estudantes, e o estímulo do pensamento diverxente que supuxo a dinámica, posibilitou que xurdiran diversos argumentos que deron lugar a un coloquio.



O obradoiro complementouse con unha acción de reforestación para recuperar a vexetación que existía antes de agosto de 2010 na zona que foi afectada polos incendios. Esta actividade aportou a Climántica novos referentes prácticos para o seu obradoiro Reforestar para compensar.




Segundo capítulo do libro “Auga e cambio climático”

 


Está dispoñible para a descarga no apartado Biblioteca o capítulo 2 do libro Auga e cambio climático titulado A auga en movemento. Tamén se pode navegar polo seu contido máis divulgativo extraído para informar á cidadanía, en versión HTML. Durante as vindeiras semanas irase procedendo do mesmo xeito cos 6 capítulos restantes:

Capítulo 3. Historia, presente e futuro da auga na Terra.
Capítulo 4. A auga fonte de vida dende os océanos á terra firme.
Capítulo 5. A auga na historia da humanidade.
Capítulo 6. O cambio climático nunha sociedade sedenta.
Capítulo 7. A auga, un recurso crítico na sociedade do cambio climático.
Capítulo 8. Un cambio de dirección cara o uso sustentable na sociedade do cambio climático.



“Biografía de la Tierra” para un lustro de www.climantica.org

 


Con motivo da celebración do quinto ano de www.climantica.org, posto en marcha o 9 de febreiro de 2007, o científico colaborador do proxecto, Francisco Anguita Virella, puxo á disposición dos usuarios deste portal o seu libro Biografía de la Tierra, revisado no ano 2011. Como acto simbólico, procedeuse a sortear un exemplar do libro dedicado polo autor entre os 40 asistentes ao curso Ciencias da Terra para o Mundo Contemporáneo.
 
Ao longo destes 5 anos a web de Climántica superou as 659.000 visitas procedentes de 133 países diferentes.





Feliz Nadal e ventureiro aninovo 2012

 


Climántica quere transmitir aos usuarios desta web feliz Nadal e ventureiro aninovo 2012 con lembranzas dos mellores momentos do ano 2011.

Vídeo en Climántica TV


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino