A ruta partiu do porto da Pobra do Caramiñal onde nos esperaban os guías do parque e o catamarán. Iniciouse a travesía cunha forte choiva. A medida que o barco se achegaba ao exterior da Ría a situación do mar comezou a empeorar, ata atoparse en pleno temporal, o que obrigou a cambiar o rumbo, dirixíndose o barco cara a outra Illa do Parque Nacional, Cortegada, repleta de enormes loureiros.
Polo camiño parouse nunha batea, onde os guías explicaron as diferentes etapas do cultivo do mexillón e púidose ver as cordas baixo as augas. Sobre esta observación explicouse a importancia dos afloramentos de augas profundas frías para achegar nutrientes ao fitoplancto e manter a enorme productividade e biodiversidade das rías.
Entre os múltiples problemas que afectan a este cultivo, destacaron dous, as mareas vermellas e a acidificación dos océanos. Relacionaron ambos co Cambio Climático. No caso das mareas vermellas, que fan que o mexillón non se poida consumir, o aumento da temperatura global favorece o crecemento dos dinoflagelados tóxicos e a súa acumulación no interior dos mexillóns. No caso da acidificación dos océanos, expúxose o feito de que dificulta a formación da cuncha do mexillón, co aumento dos niveis de dióxido de carbono na atmosfera.
Antes de regresar, a embarcación atracou no porto de Vilanova de Arousa, visitando a casa de Val Inclán onde a guía do museo, fíxolles un interesante relato da súa vida e transmitiulles a súa admiración polo xenial escritor arousán.
A pesar da meteoroloxía adversa, a xornada foi emocionante e a convivencia fantástica.