CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Xa se pode ver en ClimánticaTV o terceiro documental do seminario impartido por Francisco Anguita

 


Este terceiro documental que xa se pode ver en ClimánticaTV recolle a fase final do seminario impartido por Francisco Anguita o día 15 de novembro. O seu contido recolle as respostas ás preguntas que se lle formularon na parte de coloquio.

Sobre unha pregunta sobre a Astenosfera, aproveitou para poñer o acento da complexidade do coñecemento científico nas fronteiras. Indicou que este concepto aparece en relación á discusión da hipótese da Deriva continental en 1914.  A baixa velocidade sísmica detectada entre 100 e 250 km de profundidade en determinadas zonas, levou a Hess a extrapolar estas observacións locais a toda a Terra, sen datos, o que cualificou como o que nunca debe facer un científico. Por esa extensión global, o concepto da Astenosfera non é válido na actualidade, porque na última década quedou contestado que esa zona de baixa velocidade sísmica non é continua. Sábese que en determinadas zonas o manto superior é plástico. Noutras zonas como na Península Escandinavia onde se da por comprobada a Isostasia, o manto é ríxido ata os 300 km como nos cratóns.

Ao respostar sobre o que pasa con Orión, comentou o difícil que nos resulta asumir que un planeta poida moverse na Vía Láctea como o fan as estrelas, sen a influenza gravitatoria dunha estrela, para facer referencia as dificultades que supón para o ensino e aprendizaxe da ciencia das cuestións de tipo cultural como é o caso de ter asumido que a todos os planetas lles pasa como o noso. Sobre a sorpresa que manifestou o auditorio, expresou que desde o seu punto de vista é bo que o profesorado de ciencias se sorprenda e cuestiónase que a seguridade teña que ser un importante atributo dos profesores, indicando que esta asignatura ten que supoñer ao profesorado inseguridade e necesidade de estudo.

Sobre preguntas relativas á morfoloxía de Marte, contestou que o que máis preocupa e a existencia de auga, polo que pode supoñer de probabilidade de atopar células tipo bacterias. Propón o debate entón de si a auga é o único medio no que pode haber vida. Sobre esas fotos de relevo de Marte, ademais da presenza de auga sobre a súa superficie no pasado, conclúe a presencia dun vulcanismo de fai uns dous millóns de anos, o que supón no pasado de Marte actividade volcánica e tectónica.

Sobre unha vida que precisa de medio acuoso, como a actual da Terra, a vida na Terra non poderá existir máis alá de 2000 millóns de anos, porque a medida que o sol camiñe cara xigante roxa, o calor será tal que a Terra evolucionará  cara unha situación como a de Venus, sen auga líquida pola calor, e por tanto non será posible a vida e a atmosfera voltarase densa e rica en dióxido de carbono. Por tanto, o cambio climático de natureza antropoxénica estaría acelerando este proceso.

En definitiva, este terceiro documental, acaba de resumir unha sesión maxistral, onde a través do coñecemento do Cosmos, o profesor Anguita situou o problema ecolóxico na Terra con unha análise comparativa co pasado, presente e futuro dos astros que nos son coñecidos e que temos estudado, facendo fincapé no que vale a pena seguir estudanto e nas leccións que xa temos aprendidas e que temos que aplicar para conservar a saúde do noso planeta.

Xa se pode ver en ClimánticaTV o segundo documental do seminario impartido por Francisco Anguita

 


Este segundo documental da serie de tres que recollen a intervención de Francisco Anguita no curso de Climántica na materia CCMC desde a sostibilidade e as TIC, contén a entrada de cheo aos problemas ambientais no seminario que impartiu o 15 de novembro de 2008.

Empeza falando da desaparición segura do petróleo neste século, presentando un teito dubidoso sobre o 2030 ou 2040.

O seguinte problema ecolóxico que presentou é o do incremento de riscos xeolóxicos ligados á superpoboación cos problemas urbanísticos e territoriais asociados. Pon como exemplo o risco de desprendemento na ladeira N do Teide, como un exemplo de como a economía incremeta os riscos naturais.

Sobre a superpoboación da Terra e a contraposición que supón entre economía e ecoloxía, abriu o debate ético en relación a posibilidade de que en algún momento pode xerarse a necesidade de crear disposicións legais globais para controlar a poboación do Planeta.

A continuación tratou o problema do desxeo, facendo fincapé en que no verán de Groenlandia de 2007 o desxeo foi o 30% superior ao do 2006. Para evidenciar a urxencia, centrouse no exemplo da situación dos osos polares. Opinou que esta urxencia de novo enfronta economía e ecoloxía, pois estase a percibir que a única urxencia que temos agora é que a economía se repoña, e calquera outra prioridade debe esperar, sobre todo aquelas que sexan susceptibles de xerar opinión de que poida supor un freo a esta recuperación.

A seguinte preocupación  ambiental centrouna sobre a pregunta “resistirá a civilización actual un clima do Cretácico”. Se no século XX a temperatura global aumentou en 0,7 ºC, no próximo século aumentará ao menos o triple. O incremento térmico probable ao longo deste século sería de aproximadamente 3 ºC, podendo chegar a ser incluso de 6 ºC. Este escenario térmico é similar ao que existiu no Cretácico, temperatura que nos poderá permitir bañarnos no Ártico, o que sería moi difícil para a biosfera actual, porque as súas especies non estarían adaptadas.

Con unha clara relación con esta posible repetición do clima do cretácico, entrou no problema da subida da temperatura do nivel do mar. Enfocou este problema en base a datos reais da subida da temperatura en 7  ºC que ocorreu no Mediterráneo en solo 18 días. Unha vez aportado este dato, expuxo que un aumento de 3º C na temperatura deste mar, podería chegar a provocar risco de furacáns, debido aos aumentos de convención que se relaciona con tal aumento.

Diante desta situación, criticou o desenvolvemento sostible e manifestou que permite destruír o Planeta sen mala conciencia. Defendeu esto, porque sendo un concepto dos anos 80, desde aquela sigue o crecemento insostible. Enfronta o modelo do que intenta vivir acorde co Planeta co que pretende vivir mellor con máis, e aproveitou esta polémica pera defender a idea de vivir ben con menos.

Sobre esta situación de crise planetaria abordou tamén o debate da terra - formación de Marte como posibilidade de fuxida. Referiuse á dificultade de industrializar o planeta para xerar un efecto invernadoiro capaz de regular a temperatura e permitir a implantación dos vexetais, o que permitiría que o habitáramos en milenios, presentando as dúbidas de se hai tempo ou incluso se é lícito e oportuno facelo. Por outro lado a Terra está a recibir 200.000 habitantes novos/día o que faría necesario mover un millón de persoas en 5 días, para situar a baixa probabilidade de fuxida.

O seguinte debate ético centrouno sobre si el Homo sapiens como última especie que chegou, ten lexitimidade para estar a facer desaparecer especies. Sobre esto concluíu  que a responsabilidade da nosa especia co Planeta existe, e non é solo unha demanda dos ecoloxistas, porque é evidente que estamos consumindo por encima da pegada ecolóxica. Con este principio, non se trata de crear estudantes mártires, senón de crear contextos docentes que xeren unha nova conciencia.

A continuación entrou no debate de que o que comemos nun xantar é posible que recorrera 133.000 km en avión e barco antes de chegar a mesa, é dicir dou a volta o mundo. Sobre este dato, abriu o debate ético sobre a controversia de que este comercio favorece á economía do terceiro mundo, pero provoca o aumento do efecto invernadoiro,  presentando así un novo debate enraizado no enfrontamento economía e ecoloxía.

En base a todas as dimensións expostas deste enfrontamento, concluíu o risco de que quede relegado pola crise económica o traballo do IPCC, que a día de hoxe supón o esforzo científico máis amplo, coordinado e prudente, dado que diante de obxeccións políticas aos postulados, retíraos se non son comprobables ao 100%. Sobre este rigor, amplitude e consenso do informe IPCC do ano 2007, pechou o debate sobre a posibilidade de que o cambio climático sexa natural, decantándose pola conclusión do IPCC 2007, defendendo que agora a discusión e debate está no que debemos facer para solucionar o problema que creamos, coa dificultade de que somos a única especie que non nos comportamos de forma solidaria e que aos políticos a Terra nos lles vota, senón que o fan os cidadáns en base a economía. Tamén se referiu a que os humanos ata agora solucionamos os nosos problemas e necesidades coa tecnoloxía, pero a magnitude deste problema pode estar situándonos por primeira vez diante do umbral da solución tecnolóxica dos problemas, e por tanto a tecnoloxía pode xa non ser suficiente para resolver o cambio climático.

Xa se pode ver en ClimánticaTV o primeiro documental do seminario impartido por Francisco Anguita

 


O sábado 15 de Novembro, Francisco Anguita, doutor en CC. Xeolóxicas e profesor titular da Universidade Complutense de Madrid, impartiu o seminario “Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental”, dentro do curso Climántica na materia de CCMC desde a sostibilidade e as TIC.

A extensión dos contidos tratados quedan recollidos en tres documentais. Xa está pubilicado en Climántica TV o primeiro documental destes tres. Nel recóllese a modo de introdución, un resumo do contido do seminario.

A continuación defendeu un fío condutor para a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, que partindo do cosmos, permita abordar á problemática ambiental centrada no cambio climático. O fío condutor foi:

Universo --> Galaxias --> Estrelas + Planetas --> Terra --> Homo sapiens

Sobre a capacidade de modificación do Homo sapiens do medio, propuxo un paso en orden inverso, advertindo do risco da visión antropocéntrica do enfoque:

Homo sapiens --> Terra (cambio climático de orixe antropoxénico)

Partindo do Big Bang chegou, seguindo o fío condutor á formación de planetas, reflexionando sobre a formación de atmosferas e hidrosferas oceánicas nas superterras, propoñendo o debate de si a auga é necesaria para a vida, e de se nun planeta superterra oceánica pode desenvolverse unha civilización tecnolóxica, facendo fincapé que esta pregunta era a chave de Astrobioloxía, sobre o que advertiu da controversia deste ámbito de coñecemento, ao non ter probas nin datos sobre o que postula.

Situándose na aparición da vida da Terra na súa orixe en base as formacións de bandas ricas anos de 12C e pobres en 13C (ligado a ambientes orgánicos) nas rochas máis antigas da Terra (4 109 anos) formadas en contexto oceánico en Groenlandia, fai a reflexión sobre a capacidade da vida de aparecer cando se estaba formando a Terra. Tamén falou dos indicios de que nestes momentos xa funcionara a tectónica de placas, relacionando este feito, coa súa influenza sobre a evolución da vida, por canto que facilitaría un cambio de nichos ecolóxicos e hábitats.

Sobre esta situación propuxo se podería estar pasando o mesmo nos planetas veciños Venus e Marte. En Marte situou mostras de pegadas morfolóxicas que suxerían a presenza de auga. En Venus tamén mencionou que a proporción de deuterio na atmosfera suxire a posibilidade da presenza de auga, polo que fai uns 4.000 millóns de anos podería estar dandose nos dous planetas a vida. En canto a existencia de tectónica de placas, indicou que as pegadas da superficie eran máis suxerentes cara o modelo en Marte que en Venus. Tamén fixo fincapé na importancia da auga no satélite de Jupiter Europa, por dispor dunha capa de xeo de 100 km de profundidade, o que supón a maior reserva de auga do sistema solar. Se sobre esta capa se sitúan volcáns, o calor podería derreter o xeo, o que posibilitaría  a posibilidade de existencia de vida ligada a esa enerxía térmica e desvinculada da enerxía solar. Por eso, concluíu que ese satélite, que xa tivo unha visita, merecería unha segunda visita.

Con este razonamento, abordou unha aproximación planetaria ao problema ecolóxico situando cambios climáticos de envergadura nos dous planetas veciños cando se orixinou a vida na Terra. Sobre esta circunstancia, situou a enorme dificultade que parece supoñer que poida manterse unha estabilidade climática na Terra que permita a sostibilidade da vida, posibilitando a reflexión sobre a importancia de que o uso de combustibles fósiles poida a estar a afectar a esa estabilidade.

En definitiva, unha proposta maxistral e de gran utilidade para ou labor cotiá do profesorado de CCMC que lle permite achegar a complexidade, dificultade, amplitude e controversia da investigación do cosmos para entender a formación da Terra desde o Big Bang. Este enfoque non solo lle da máis significatividade á compresión da investigación do cosmos, senón que tamén  lle aporta un valor engadido transversal que posibilita a sensibilización ambiental.

Sistema de blogs Climántica

 
Xa está activo o novo sistema de blogues Climántica dende o cal se pode acceder as catro plataformas de blogues: Climaeucambio, Climántica CCMC, Temáticos e Internacional. Pódese acceder a este sistema dende o apartado Blogues desta web.

Aquelas persoas que queiran participar con un blog deben solicitalo no correo climantica@climantica.org

Novo documental sobre o módulo Materiais e sostibilidade: Do cosmos á nanotecnoloxía

 

ramon-cid

O pasado sábado 8 de Novembro, Ramón Cid Manzano, licenciado en CC. Físicas e en CC. Químicas catedrático de instituto da especialidade de Física e Química, impartiu un seminario dentro do curso Climántica na materia de CCMC desde a sostibilidade e as TIC.

A modo de introdución, e dunha forma rigorosa e concisa, Ramón resumiu ás características propias do traballo científico, o papel do discurso e a aplicación dás ciencias na solución dos problemas cotiáns.

Para rematar esta amena introdución, o poñente, alegou, en ton de humor, a contribución do coñecemento científico na comprensión do mundo e na formación dun espírito crítico nos cidadáns.

A continuación, centrouse en cada un dos bloques temáticos da materia CCMC, presentando ao profesorado recursos dispoñibles na rede dos que valorou a súa utilidade didáctica e para os que suxeriu distintas actividades para aplicar nos blogues e nas aulas de Climántica nas Ciencias para o Mundo Contemporáneo.

Nos bloques temáticos “Xestión sostible” e “Novos usos, novos materiais”, tomando como eixo vertebrador o cambio climático, animou ó profesorado a incluír nas súas programacións de aula actividades relacionadas co Proxecto ITER (Fusión Nuclear) e a Nanotecnoloxía  así como actividades relacionadas coas escalas e a orixe do Universo e dá formación da Terra a partir dos coñecementos cosmolóxicos actuais que nos mostran en páxinas como a da  NASA ou no GTC.

Na mesma liña pedagóxica, abordou diferentes tendencias actuais na investigación científica: a Nanotecnoloxía como a Hadronterapia, a GRID ou o acelerador de LHC (CERN) directamente relacionadas coa temática que se está a abordar nos blogues de CCMC.

En definitiva, unha sesión maxistral e de gran utilidade para ou labor cotiá do profesorado, que só divulgadores como Ramón Cid son capaces de conducir dun xeito tan ameno e exemplifícante.


Recursos dos blogues de Ciencias para o mundo contemporaneo

 


O blogue guía ou blogue de blogues de centros xa contén 4 páxinas completas de recursos dixitais para desenvolver a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo (CCMC) co fío condutor da sostibilidade no marco da sociedade do cambio climático. Unha vez rematado o módulo I Sostibilidade e cambio climático impartido polos profesores de ensino secundario Susana Vázquez e Jesús M. Teira quedou completa a colección de titoriais con suficiente detalle para que calquera docentes poida chegar a administrar e xestionar un blogue CCMC de Climantica apoiándose na visualización destes titoriais. Calquera docente que queira usar este blogue nas súas clases non ten máis que solicitalo a climantica@climantica.org.

O incremento de contidos nos blogues xa é suficientemente importante para que estes blogues se abran á totalidade de comunidade educativa, o que se fará a próxima semana mediante o apartado Blogues desta web. Este incremento ten que ver coa capacidade de xestión dos blogues que xa acadaron os asistentes ao curso de posgrao de formación e o inicio da intervención de poñentes que desenvolven obradoiros que relacionan os contidos do currículo co cambio climático.

Estas intervencións curriculares desvinculadas da formación para a xestión de blogues iniciáronse o pasado sábado 8 de novembro coa intervención do profesor de ensino secundario da especialidade de física e química Ramón Cid, desenvolvendo o módulo Materiais e sostibilidade: do cosmos á nanotecnoloxía  e a próxima participación de outros 3 poñentes de obradoiros curriculares. O primeiro destes tres en intervir será o profesor de Xeoloxía da Universidade Complutense de Madrid Francisco Anguita quen o sábado 15 de novembro presentará obradoiros para traballar o módulo Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental.

Os demáis aspectos do currículo de CCMC que relacionan a xeoloxía  co cambio climático abordaraos o profesor de Didáctica da Xeoloxía da Universidade de Sevilla Emilio Pedrinaci no módulo que se desenvolverá o 29 de novembro, no que presentará obradoiros para abordar a comprensión dos compromisos para a sostibilidade dos riscos naturais e da sobreexplotación dos recursos. Por último, as relacións da xenómica coa problemática ambiental serán abordados o día 13 de decembro polo catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo.

Cada unha destas intervencións suporá unha inxección de contidos e actividades nos edublogues e eduforos de Climántica para CCMC.


Inicio da segunda edición do curso de posgrao Climántica: Competencia dixital

 


O mércores 5 de novembro iniciouse a segunda edición do curso de posgrao Climántica: competencia dixital, que se estrutura en cinco módulos: obradoiros de blogues, ferramentas TIC para os blogues, moderación e administración para blogues, obradoiros de meteoroloxía e climatoloxía de competencia dixital e experiencias de laboratorio sobre cambio climático. Este curso está especialmente deseñado para traballar Proxectos interdisciplinares co fío condutor do clima e do cambio climático. Nesta primeira xornada do curso, no que hai 37 matriculados, traballáronse os seguintes aspectos do primeiro módulo:

  • Potencialidade didáctica do blogue guía Climaeucambio
  • Primeiras accións para crear un blogue:
  • Acceso
  • Categorías
  • Publicación do primeiro post
  • Inxerir vínculos

Convocatoria da segunda edición do curso Climántica: Competencia Dixital

 


O curso está deseñado para que poida servir de especialización ao profesorado na xestión académica de edublogs e eduforos que lle permita desenvolver a competencia dixital dos estudantes de Proxecto interdisciplinar na liña da proposta “Climaeucambio” co fío condutor do clima e do cambio climático. Os créditos presenciais adicaranse á formación para xestionar e dinamizar edublogs e eduforos e a obradoiros nos que se traballen actividades prácticas (de meteoroloxía, climatoloxía e cambio climático) que estimulen a argumentación dos estudantes dentro destas propostas TIC para o desenvolvemento da competencia dixital.

Este curso universitario de posgrao consta de 60 horas (6 créditos) das cales 18 son presenciais e as restantes compútanse pola investigación – acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos obradoiros desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes. O curso estructúrase en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os mércores de novembro e primeiro mércores de decembro de 18 a 21 horas, e que foron reestructurados en base a avaliación da primeira edición. Estes 5 módulos son:

  1. Obradoiros de blogues I: primeiras accións para crear un blogue. Mércores 5 de novembro Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  2. Obradoiros de blogues II e ferramentas TIC I. Mércores 12 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  3. Ferramentas TIC II e moderación e xestión de blogues e foros. Mércores 19 de novembro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario do grupo TIC do equipo Climántica e José Fernández Maneiro, licenciado en Xeografía e Historia e profesor de ensino secundario do equipo Climántica.
  4. Obradoiros de meteoroloxía escolar. Mércores 26 de novembro. Poñentes: Ana Lage e Santiago Salson. Doutores en Físicas, enxeñeiros técnicos informáticos e técnicos de MeteoGalicia.
  5. Actividades prácticas sobre cambio climático. Mércores 3 de decembro. Poñentes: Mercedes Rodríguez Ruibal e Raquel Troitiño Barros. Licenciadas en Bioloxía e profesoras de ensino secundario do grupo ciencia - tecnoloxía do equipo Climántica.

No mes de marzo fixarase unha data para a posta en común das conclusións obtidas da investigación - acción asociada á aplicación da parte práctica na aula.

Pode verse o contido detallado dos módulos, os obxectivos, a xustificación do curso, e as liñas metodolóxicas básicas no tríptico.

Os interesados poden inscribirse cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando no asunto a cal dos tres criterios abaixo sinalados se acollen, de cara a facilitar o proceso de selección, de ser necesario. As prazas do curso cubriranse segundo a orde de inscrición e tendo en conta estes tres criterios:

  1. Que sexan docentes que impartan a materia Proxecto interdisciplinar (PI).
  2. Que sexan docentes de centros educativos que non imparten PI.
  3. Que sexan licenciados ou mestres que non exercen a docencia en centros educativos. Neste caso requírese que a solicitude se acompañe dunha proposta práctica para desenvolver a parte práctica no blogue temático que se lle asigne.

O curso é totalmente gratuíto, tanto na xestión como na docencia e nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvemento, pero a retirada do título, como ocorre con todo tipo de títulos das universidades, está supeditado ás taxas universitarias, que neste caso son do orde de 15€.


Avance do videoxogo CLMNTK que se porá en marcha en decembro

 


En decembro estará a disposición dos estudantes o videoxogo CLMNTK sobre cambio climático, territorio, consumo e enerxía, do que se presenta un avance.

Novo documental en Climántica TV

 
DOCUMENTAL SOBRE A PRESENTACIÓN E INICIO  DO CURSO
"CLIMANTICA NA MATERIA DAS CC. PARA O MUNDO CONTEMPORÁNEO DESDE A SOSTIBILIDADE E AS TIC"




Xa se pode ver no apartado de Climántica TV o documental correspondente á presentación do curso e inicio do primeiro modulo titulado Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros de Climántica en CC. para o Mundo Contemporáneo que tivo lugar o día 4 de outubro na facultade de Físicas da USC.

Premios en setembro correspondentes ao I Congreso de estudantes CLMNTK en Climántica TV

 


Sólo os estudantes premiados de ESO disfrutaron o seu campamento formativo en xuño. Do 8 ao 12 de setembro celebráronse os premios de bacharelato con actividades de orientación, itinerarios didácticos, xogos de rol, obradoiros e actividades lúdico deportivas. Xa se pode ver en Climántica TV o documental relativo a estas actividades.

Tamén se premiou ao IES Os ollos Grandes de Lugo con unha estancia en Lira o día 29 de setembro con actividades centradas en dous itinerarios didácticos.

Stephen Hawking: Cambio Climático e posibilidades do cosmos para a Humanidade

 


Pode verse un curto en Climántica TV que contén as declaracións deste científico nas que expresa o seu pensamento sobre a relación do cambio climático e a vida humana no cosmos na rolda de prensa que concedeu en Santiago o 24-9-2008.

Curso universitario de formación continua do profesorado

 
Climántica na materia das Ciencias para o Mundo Contemporaneo desde a sostibilidade e as TIC

Este curso universitario de posgrao consta de 110 horas (11 créditos) das cales 33 son presenciais e as restantes compútanse pola investigación – acción derivada das tarefas necesarias para a incorporación de actividades nos blogues de aula relativas aos obradoiros desenvoltos nos módulos presenciais e da retroalimentación da argumentación dos estudantes.

O curso estrutúrase en 5 módulos presenciais que se desenvolverán na Facultade de Físicas no campus Sur da USC os sábados de 10 a 14 horas, con un descanso na metade da xornada. Estes 5 módulos son:
  1. Sostibilidade e cambio climático nos blogues e foros de Climántica para as Ciencias do Mundo Contemporáneo (CCMC). Sábados 4, 11, 18 e 25 de outubro. Poñentes: Jesús M. Teira Rois e Susana Vázquez, licenciados en CC. Químicas e profesores de ensino secundario, docentes do grupo TIC do equipo Climántica.
  2. Materiais e sostibilidade: do cosmos á nanotecnoloxía. Sábado 8 de novembro. Poñente: Ramón Cid, profesor de ensino secundario licenciado en CC. Físicas e en CC. Químicas.
  3. Do Big Bang ao problema ecolóxico: aproximación do cosmos á problemática ambiental. Sábado 15 de novembro. Poñente: Francisco Anguita. Doutor en Xeoloxía e Profesor Titular da Universidade Complutense de Madrid.
  4. Os compromisos para a sostibilidade derivados dos riscos naturais e da sobreexplotación de recursos. Sábado 29 de novembro. Poñente: Emilio Pedrinaci. Doutor en Xeoloxía e Profesor asociado de CC. Experimentais da Universidade de Sevilla e profesor de ensino secundario.
  5. Como pode influir a xenómica no mundo contemporáneo. Sábado 13 de decembro. Poñente: Ángel Carracedo. Catedrático de Medicina Legal da USC e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago de Compostela.
Pode verse o contido detallado dos módulos, os obxectivos, a xustificación do curso, e as liñas metodolóxicas básicas no tríptico.

Os interesados poden inscribirse
cubrindo o seguinte formulario que deberá enviarse ao enderezo climantica@climantica.org, indicando no asunto a cal dos tres criterios abaixo sinalados se acollen, de cara a facilitar o proceso de selección, de ser necesario. As prazas do curso cubriranse segundo a orde de inscripción e tendo en conta estes tres criterios:
  1. Que sexan docentes que impartan a materia CCMC no curso 2008-2009.
  2. Que sexan docentes dos departamentos didácticos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química e que no curso 2008-2009 non impartan a materia CCMC.
  3. Que sexan titulados en CC. Biolóxicas, CC. Xeolóxicas, CC. Químicas e CC. Físicas ou asimilables a efectos de docencia.
O curso é totalmente gratuito, tanto na xestión como na docencia e nos materiais e recursos consumidos no seu desenvolvento, pero a retirada do título, como ocorre con todo tipo de títulos das universidades,  está supeditado ás tasas universitarias, neste caso as establecidas para títulos de posgrao de formación continua.

Reedición da proposta Climaeucambio para aplicar en Proxecto Interdisciplinar no curso 2008-2009

 


Atendendo á demanda de envío de libros de Climaeucambio para aplicar neste curso en Proxecto interdisciplinar, na liña do desenvolto en máis de 150 centros de Galicia o curso pasado reedítase o libro do estudante, para garantir que cada estudante poida dispoñer dun exemplar gratuíto, e tamén a guía didáctica solucionario.

Tamén se admiten novas solicitudes de apertura de blogues e de incorporación á iniciativa Climántica – Meteo para recibir o material de meteoroloxía escolar e a dotación da aplicación web que pon a disposición dos centros MeteoGalicia.

De cara a atender as posibles demandas de actualización didáctica do profesorado para o desenvolvemento desta proposta, reedítase o curso de posgrao. Este curso celebrarase na facultade de Físicas da USC os mércores 5, 12, 19 e 28 de novembro e o 3 de decembro. O horario será de tarde, de 18 a 21 horas.

O prazo de inscrición abrirase nesta web na primeira quincena de outubro.

Pode solicitarse máis información a través do enderezo de contacto desta web climantica@climantica.org.

Documental sobre experiencias piloto no sistema educativo de Arxentina

 


Xa está dispoñible no apartado de Climántica tvdocumental que recolle as primeiras experiencias piloto do proxecto Climántica no sistema educativo de Argentina. Estas actividades tiveron lugar os días 29 e 30 de maio de 2008. Os estudantes aos que foron dirixidas foron os escolares de educación secundaria do colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, no que se escolarizan unha porcentaxe de descendentes de galegos superior ao 80%. As actividades con escolares desenvolvéronse o día 29 de maio e estiveron dirixidas co obxectivo de explorar ideas previas sobre causas, consecuencias do cambio climático e posibles solucións, mediante dous tipos de actividades:

  • Coloquio en grupo grande con todos os escolares sobre causas, consecuencia e solucións do cambio climático.

  • Dinámica con unha clase de 15-16 anos. Esta dinámica tivo dúas partes ben diferenciadas. Nunha primeira parte os estudantes organizáronse en pequenos grupos de traballo para estudar unha ficha con ilustración relativa ao problema. O grupo de traballo titulou a ficha e argumentou en relación ao que lles comunicaba sobre causas e/ou consecuencias do cambio climático. Nunha segunda parte púxose en común o traballo de todos os grupos.

O día 30 de maio explicouse o proxecto á comunidade educativa interesada mediante unha conferencia.

Documental sobre experiencias piloto no sistema educativo de Cuba

 



Xa está dispoñible no apartado de Climántica tvdocumental que recolle as primeiras experiencias piloto do proxecto Climántica no sistema educativo de Cuba. Os días 26, 27 e 28 de maio de 2008, Climántica iniciou as súas actividades piloto no sistema educativo de Cuba. A cátedra de Educación enerxética no Instituto Pedagóxico da Universidade de A Habana interesouse polo proxecto Climántica para incorporar a didáctica do cambio climático na experimentación da reforma do currículo da asignatura de Educación enerxética do ensino secundario, que está a desenvolver no seu núcleo de experimentación “Ciudad Escolar Libertad”. Dentro destas actividades destacaron as dinámicas de grupos con escolares de 14-16 anos para explorar ideas previas, consistentes en dous tipos de dinámicas:

  • Dinámica en pequenos grupos. Esta dinámica tivo dúas partes ben diferenciadas. Nunha primeira parte os estudantes organizáronse en pequenos grupos de traballo para estudar unha ficha con ilustración relativa ao problema. O grupo de traballo titulou a ficha e argumentou en relación ao que lles comunicaba sobre causas e/ou consecuencias do cambio climático. Nunha segunda parte púxose en común o traballo de todos os grupos.

  • Dinámica de grupo clase para elaborar un esquema con fichas colocadas a modo de dominó. Este esquema sintetizou a argumentación colectiva sobre o problema do cambio climático e a súa relación coas causas que o producen e os efectos que desencadean.

As actividades de Climántica nesta primeira aproximación a Cuba, remataron o 28 de maio con unha conferencia de presentación do proxecto no II Congreso do Grupo de Educación Enerxética (GEA).


Conclusión do I Congreso Climántica para Estudantes

 
Actualización 2: Xa se pode ver o documental do I Congreso en Climántica TV.
Actualización: Xa se pode ver o documental da estancia no campamento formativo en Climántica TV.



Case 300 estudantes de centros educativos de Galicia reuníronse o día 21 de xuño en Santiago para analizar, entre outros temas, as medidas fronte ao cambio climático, o desenvolvemento sostible e o respecto ao medio ambiente, no I Congreso de Estudantes de Climántica, organizado pola Consellería de Medio Ambiente.
Os alumnos de ensino secundario obrigatorio (ESO), bacharelatos e ciclos formativos de centros educativos das catro provincias galegas participaron nesta actividade coa exposición dos traballos que presentaron no seu día á segunda edición dos premios Climántica, convocados no marco do proxecto educativo co mesmo nome que puxo en marcha a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos rapaces sobre o cambio climático e cómo atallalo.
Nesta xornada que se desenvolveu no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, os estudantes expuxeron os seus traballos presentados ao concurso nas súas tres modalidades: literatura –narrativa, poesía e cómic-, multimedia – curtametraxes, power point, entrevistas, teatro e cancións-, e artes plásticas –fotografía, debuxo e posters-. A exposición conxunta dos traballos serviu así mesmo para dar a coñecer ao público a visión que os máis xóvenes teñen sobre o cambio climático e as súas proposta para coidar o medio ambiente e fomentar o desenvolvemento sostible.
O Congreso de Climántica serviu ademais para que os estudantes de diferentes lugares de Galicia tivesen oportunidade de coñecer o punto de vista de outros alumnos, na exposición conxunta dos traballos presentados e nos que se atopaban traballos con moita calidade con títulos tan significativos como “o cambio climático e as súas consecuencias”, “cambiar nós para que non cambie o clima”, “se non o coidas es tonto”, “¿por qué ao home lle custa manter a terra”, “un día na vida dunha árbore”, entre outros. Todos estes traballos quedaron publicados na revista CLMTK que se lles entregou aos asistentes e en breve estará publicados nesta web.
A xornada estivo pensada tamén para os pais e docentes que acompañan aos estudantes, con actividades que inclúen mesas redondas sobre “alimentación e ambiente” na que se abordarán cuestións como a agricultura ecolóxica e a alimentación, a medicina ecolóxica ou o deporte.

Premios
Un total de 60 estudantes -30 de Eso e 30 de bacherelatos e ciclos formativos- recibiron neste congreso os diplomas correspondentes aos premios da segunda edición do concurso de Climántica, que foron entregados pola Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e polo Director Xeral de Desenvolvemento sostible. Estes premios daranlle a oportunidade de participar nunha estancia formativa de cinco días de convivencia nun equipamento de Educación Ambiental de Galicia. Concretamente, os alumnos de ESO disfrutarán entre o 23 e o 27 de xuño nunha estancia nun equipamento de San Xoán de Río en Ourense; e os de bacharelato e ciclos formativos irán entre o 8 e o 12 de setembro a outro equipamento no Parque Natural das Fragas do Eume. Ver programa.


Actores de Climantopía.


Grupo de escolares do IES Ollos Grandes que representaron a obra de teatro no I Congreso.


Panorama da entrada ao Congreso.

I Congreso Climántica para estudantes

 


O sábado 21 de xuño terá lugar o I Congreso Climántica para estudantes no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. Para consultar a programación pódese descargar o díptico oficial.


Próxima convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica 2007-2008

 
Actualización: Orde do 18 de xuño de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria dos premios a experiencias curriculares no Proxecto Climántica, 2007-2008.

A Consellería de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible está a ultimar a tramitación dunha orde de aprobación das bases e convocatoria dos Premios a experiencias curriculares no proxecto Climántica 2007-2008.

Ditos premios teñen por obxecto fomentar a aplicación das propostas de Climántica nos centros educativos sostidos con fondos públicos de Galicia e recoñecer o traballo educativo desenvolto no marco do proxecto.


Primeira experiencia piloto de Escolas Climántica de Avós e Netos

 
Actualización: Xa se pode ver o documental da experiencia en Climántica TV.



O día 9 de xuño tivo lugar no IES Campo de San Alberto a primeira experiencia piloto dunha das dimensións máis innovadoras de Climántica: Escolas Climántica de avós e netos. Esta experiencia estivo coordinada polo docente do equipo Climántica José Fernández Maneiro, profesor de ensinanza de adultos deste instituto.

Os estudantes de nivel II de adultos titelaron aos estudantes de proxecto interdisciplinar Climaeucambio de 1º de ESO do mesmo centro para chegar a unhas conclusións que permitiron comparar a sostebilidade do consumo de alimentos, da producción de residuos, da mobilidade, do ocio e do traballo na idade de 12 e 13 anos dos maiores coa dos estudantes de primeiro de ESO.


Bajo el patrocinio de la UNESCO

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino