Xa se pode ver en
ClimánticaTV o
primeiro documental sobre o seminario impartido polo catedrático da USC Angel Carracedo, o sábado 13 de decembro, co que rematou a fase presencial do curso de “Climántica na materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo desde a Sostibilidade e as TIC”.
Empezou a súa intervención situando o rápido avance da xenética humana, tendo en conta que ata o 1956 non coñecíamos o número de cromosomas humanos. Sobre este número, fixo unha analoxía que recomendou para o uso nas aulas, onde asimilou cada cromosoma con un libro escrito con 4 letras, relacionando o tamaño relativo do primeiro coa altura dunha vivenda unifamiliar. Logo fixo fincapé nos rápidos avances das posibilidades de aplicación para entender aspectos como as nosa adaptación ao medio, en especial no relativo as variacións climáticas e para resolver problemas médicos, coas súas implicacións éticas.
Situou a importancia do Proxecto Xenoma, co seu desenvolvemento entre os anos 1990 e 2002, impulsada pola administración de EEUU, posibilitada pola aparición de técnicas como a PCR, a robótica e a informática, así como o interese e implicación da industria farmacéutica. Deste xeito caracterizou a secuenciación dos 3,3 millóns de pares bases, dos que solo un 2% son codifícantes.
Tamén se referiu á importancia das secuencias non recombinantes do ADN mitocondrial, como expresión da liña materna e do xenoma do cromosoma Y como equivalente do paterno. Dixo que a importancia destas secuencias xenómicas radicaba en que ao non recombinar e herdarse un por liña materna e outro por liña paterna, podía facerse un seguimento das mutacións. Sinalou tamén a importancia do seguimento desta variabilidade expresada nas mutacións e da que temos xa moitas caracterizacións co descubrimento de diferentes SNPs.
Insistiu en que a variación é fonte de oportunidades de supervivencia e por tanto de evolución, polo que cantos máis variantes teña un individuo máis posibilidades ten de dar respostas a cambios no medio como pode ser o cambio climático, ou de colonizar medios con características e climas diferentes. Exemplificou esto sobre o que significou a dispersión dos humanos cara o norte e cara o sur despois da última glaciación. Nesta época fría a poboación de humanos de Europa tendeu a concentrarse no norte da Península Ibérica, a onde chegaba a corrente cálida do Golfo e no norte da Italia. Ao cambiar o clima, migraron cara o norte e o sur, sobrevindo aqueles individuos con máis variabilidade xenética que lles permitirían unha maior adaptación ao medio.
Destacou sobre esto a importancia da información que aporta o estudo da deriva xénica, ao poder saber cando unha mutación se fixa en forma de polimorfismo, sobre o que se fundamentan os estudos actuais baseados nos SNPs. Deste xeito podemos coñecer a expansión da especie humana, podendo chegar a coñecer o punto onde se orixinou, nunha zona moi próxima a rexión de África dos Grandes Lagos fai uns 138.000 anos, desde alí migraron cara o norte, entrando en Europa fai uns 40.000 anos e chegando á Península ao inicio da última glaciación, entrando en Galicia fai uns 17.000 ou 15.000 anos. Desde aquí ao remate da glaciación foron cara Irlanda. Para entender esta dispersión co estudo da deriva xénica, hai que supoñer que zonas desérticas actuais estaban forestadas, polo que hai que supoñer cambios no clima.
Outra ruta ben coñecida con estes estudos e a extensión dos Bantus desde a zona centro occidental de África cara o sur. Como civilización que tiña un dominio do ferro, foron colonizadores agresivos que exterminaron aos pobos por onde pasaron. Movéronse por dúas rutas, unha occidental, na que non se mesturaron coas poboacións nativas, e por unha oriental, na que integraron algunha poboación nativa, pero solo feminina, pois a integración reflíctese no ADN mitocondrial (6%) pero non no cromosoma Y (0,3 % de integración). Contou tamén como aplicaron este método para o estudo das rutas da escravitude de África a América, que deixaron clarificadas.
Outro descubrimento curioso da aplicación deste método que explicou foi a aparición da máxima densidade de aplotipo morisco en León. Ademais a segunda rexión en importancia foi Galicia, mentres que Andalucía rexistrou os valores máis baixos. A explicación atoparona traballando interdisciplinarmente cos historiadores. Explicaron esto a partires da orden de Felipe II de expulsar aos moriscos en barcos cara África. Nas primeiras expedicións provocáronse matanzas masivas. Esta información parece que se estendeu entre a comunidade e moitos marcharon cara o norte escapando dunha morte segura. O feito de que en León haxa máis que en Galicia pode explicarse por proximidade ao sur e tamén porque en León había unha importante cultura mozárabe.
Sobre a importancia da adaptación ao medio, comentou tamén a importancia que este pode ter na penetrancia de diversas enfermidades. Un exemplo que puxo sobre esto foi o do cancro de mama, de orixe xenético localizado nos xenes CRA1 e CRA2. Sobre ela indicou o cambio de penetrancia da xeración das nosas nais que era dun 75% á nosa xeración onde xa alcanza unha penetracia dun 98%, case unha manifestación segura da enfermidade, como resultado do cambio das circunstancias ambientais e formas de vida. Tamén se referiu á importancia da base xenética nas enfermidades ambientais como as asepsias, onde hai individuos que pola súa información xenética teñen unha mortaldade dun 75% mentres que outros solo do 5%. Outro exemplo que puxo foi o da enfermidade das vacas tolas, que non solo depende da inxestión do prión, senón que ademais debe haber nas dúas primeiras posicións dun codón de dúas A que sólo ten 1/3 da poboación. Os 2/3 restantes poden comer prión puro que nunca manifestarán a enfermidade.
En definitiva un documental moi útil para acadar unha ampla visión da importancia das aplicacións da xenómica no mundo contemporáneo entre as que se poden destacar o esclarecemento da importancia dos cambios climáticos na evolución da especie humana, así como para prever as claves da relevancia que vai a ter este campo de estudo para a afrontar a influencia do cambio climático sobre a penetración das enfermidades, permitíndonos adiantarnos no estudo de adaptacións.