Pode verse dende
Climántica TV o
vídeo da conferencia impartida pola investigadora en Xenética e Antropoloxía do equipo dos Xacementos de Atapuerca, María Martinón Torres no curso “Ciencias para o Mundo contemporáneo no proxecto Climántica”.
A conferencia centrouse na tese de que o clima no proceso de hominización non solo funciona como barreira e como camiño, senón tamén como catalizador de cambios. Para defendela, partiu do pensamento de Darwin, do que dixo que era un pensador que se mantivo dende o século XIX ata os nosos días como nº1 do pensamento evolutivo. Del recolleu a idea de que para saber como se desenvolveu a nosa evolución, interesa contextualizarnos como primates. Por iso partiu do principio de que a Antropoloxía para esclarecer a hominización debe levar esta comparativa ao terreo da anatomía e a embrioloxía con un enfoque comparado, incorporando na actualidade tamén o ADN.
Outra idea de Darwin á que recorreu para a defensa da tese da súa charla foi o mecanismo da selección natural proposto por Darwin, entendendo este como o conxunto de factores que van a actuar como filtro. As especies que se adaptan a estes filtros sobreviven. Sobre esta base da selección natural, entrou noutro concepto fundamental para a defensa da súa tese que é o de especiación, facendo referencia a que había moitos mecanismos polos que se podía producir a especiación, dos que destacou dous:
- Que a poboación orixinal se escinda porque apareceu unha barreira. Dentro destas barreiras, por proximidade a súa tese, indicou que o clima supón unha importante barreira en moitos casos de especiación.
- Que se produza un cambio significativo no ecosistema que supoña unha vantaxe para a selección dunha serie de características fronte a outras.
Unha vez situados estes conceptos, entrou xa a abordar os aspectos taxonómicos e filoxenéticos da hominización, tendo sempre como base a localización xeográfica e as datacións dos xacementos para sacar as súas relacións coas barreiras e camiños que puideron ser determinantes nesta filoxenia, facendo unha especial reflexión sobre aquelas referidas ao clima.
Sobre esta base de análise evolutivo, caracterizou ao xénero
Homo como un xénero que consume carne en principio como preeiro e logo como cazador. A aparición da caza, argumentou que implicaba un reto para as características do xénero polo que debeu ir asociada ao aumento da capacidade cranial que posibilitase o desenvolvemento das habilidades técnicas necesarias para a construción de ferramentas e o desenvolvemento de estratexias de interacción social; pero sobre todo, sostivo que a caza tivo que ter consecuencias sobre o movemento e a dispersión.
Por tanto estamos esta especie de
Homo asociado a un nicho ecolóxico determinado polos hábitos carnívoros non arborícolas que tería a súa orixe fai uns 2,5 millóns de anos. Este novo nicho veuse favorecida por un cambio climático que a seleccionou pola súa alimentación carnívora, a súa capacidade cranial e a man prensora. A Antropoloxía clásica sitúa no
Homo habilis africano a primeira especie de deste xénero. Este procesos iniciado fai uns 2,5 millóns de anos, deixarían á primeira especie do xénero
Homo en clara vantaxe fronte aos coetáneos
Austrolophitecus. Pero o rexistro fósil invítanos a pensar que esta especie non foi a que pasou a Asia, senón que posiblemente o primeiro homínido en facer esta migración sería o
Homo ergaster, que puido chegar ata fai 1,7 millóns de anos. Na súa existencia como especie pasaría de África a Asia e sería xa nese continente onde xurdiría o
Homo erectus.
A partires deste momento, na liña da súa tese de analizar o clima como barreira, como camiño e como contexto de cambio no proceso de hominización, a argumentación da investigadora Martinón pasou a contrastar as recentes investigacións dos rexistros fósiles no continente euroasiático coas ideas clásicas sobre o proceso de hominización. Sobre este tipo de contrastes presentou a reflexión de fondo de cómo en vez de mellorar as teorías que non encaixan nas evidencias, inicialmente as comunidades científicas usan as teorías para cuestionar as evidencias. Sen dúbida unha tendencia a vixiar e poñer en evidencia nunha materia de divulgación académica da ciencia fronteira, como é Ciencias para o Mundo Contemporáneo.
A primeira gran controversia das investigacións antropolóxicas contemporáneas en Eurasia coas teorías da clásicas da hominización, situouna na República de Georgia. Nese perfecto cruce de camiños atopouse un xacemento de homínidos de fai uns 2 millóns de anos. Indicou que alí apareceu un homínido dunha capacidade cranial duns 600 c.c. máis adaptado á bipedestación que
Homo habilis. Isto sumado a que en xacementos de
Austrolopithecus garhi apareceran ósos cortados a modo de extracción da médula, dato tecnolóxico que aproxima máis do que se pensaba a estas dúas especies, e abre así a hipótese de que o coñecido ata o de agora como
Homo habilis non sexa o primeiro representante do xénero
Homo. Esta hipótese ponnos diante da controversia de que esta especie do xacemento de Georgia puidera tratarse en realidade da primeira especie do xénero
Homo.
Esta especie coñecida como
Homo georgicus someteuse a análise das técnicas da Antropoloxía dental. Unha análise deste tipo aporta datos moi fiables pola cantidade de detalles que están presentes nestas pezas, pola estabilidade das mesmas ao longo da vida dos individuos e pola súa facilidade para a conservación. As análises mostraron a dita especie como máis primitiva que
Homo ergaster e
Homo erectus. Ao mesmo tempo estas probas foron reforzadas por outras de carácter xeográfico, cronolóxico, anatómico e biolóxico. Polo tanto, estas probas sitúan a
Homo georgicus como precursora das outras dúas. Isto supón romper o pensamento de linealidade xeográfica no proceso de hominización que, por outro lado, non ten ningunha apoio lóxico, pois unha especia orixinada en Ásia a partires de outras especies anteriores que procedían de África, pode volver a África e orixinar alí o
Homo ergaster e o
Homo erectus. A razón pola que o primeiro
Homo abandonou África puido deberse a que tiveron que buscar a caza porque se desprazara nesa dirección, por presión demográfica ou que non tiveron barreiras xeográficas nin climáticas.
Recentemente en Europa apareceu outro xacemento que ampliou a visión clásica da hominización. Trátase dos xacementos de Atapuerca. Ata ese momento o xacemento de homínidos en Europa máis antigo estaba en Alemania con restos de homínidos de fai medio millón de anos. En Atapuerca no nivel TD6 da Gran Dolima atopouse unha poboación de entre 900.000 e 950.000 anos con restos de fauna e de industria de nivel tecnolóxico 1. Coa información que se atopou chegouse a conclusión de que era unha época cálida e que os restos eran de individuos de entre 6 e 9 anos procedentes de episodios de canibalismo. Pénsase que é unha poboación de orixe europea, hipótese que se ve reforzada pola existencia dunha barreira climática na zona do deserto do Sahara máis patente que a actual. Posteriormente na Sima do elefante atopouse un resto humano de fai 1,3 millóns de anos moi parecido a
Homo georgicus. Esta especie, coñecida como
Homo antecessor, considérase propiamente europea.
En Atapuerca atopamos tamén un importante rexistro de
Neanderthales de unha antiguidade do orde de 540.000 anos dos inicios do Pleistoceno medio. O tipo de dispersión intencional dos corpos e a acumulación de restos de 5.000 fósiles nunha galería de 8m x 4m invita a pensar que se trata dun enterramento. Este xacemento supón o 90% do rexistro de
Neanderthais do Pleistoceno medio, e acabarían dando o
Homo neanderthalensis clásico.
Os
Neanderthais acéptase que son europeos sen discusión porque é onde aparecen os restos. Na súa configuración puido ter unha importante influencia o illamento derivado das barreiras climáticas orixinadas coa aparición das glaciacións. Coas estes fenómenos climáticos, os Pirineos e os Alpes pasan a ser auténticas barreiras infranqueables que levan a que as poboacións de homínidos solo podan vivir en algúns sitios, sendo a Península Ibérica un posible fondo de saco importante. En esas condicións as poboacións de
Homo heildelbergensis foi a liña que levou no Pleistoceno superior, caracterizado por illamento persistente, ao
Homo neanderthalensis que coa súa extinción pecharía unha liña evolutiva.
Con este exemplo, María Martinón, concluíu a súa tese, aproveitando para poñer en valor os estudos interdisciplinares para reconstruír a hominización a influencia sobre a mesma das barreiras e camiños abertos polo clima, destacando unha vez a importancia que ten contextualizar neles a nosa bioloxía. Por iso rematou a charla confirmando o postulado darwiniano do seu inicio sobre a importancia de poñer a nosa bioloxía en comparación coa dos simios, concluíndo que somos primates xerárquicos, territoriais, moi sociais, para atopar elementos propios como a tendencia a emigrar por todas as latitudes e a capacidade de ter memoria afectiva máis alá da proximidade que nos da a oportunidade de trazar complexas redes sociais.
Con esta charla maxistral na que defendeu a tese do “homínido emigrante que atopa no clima barreiras e camiños” trasladou a un auditorio de máis de 50 docentes asistentes ao curso un importante coñecemento para aplicar a importancia do clima sobre a nosa especie, ilusionándoos ao mesmo tempo por formar redes sociais capaces de atopar camiños axeitados para dar as respostas educativas ao cambio climático para superar as súas barreiras.