CAMBIA O CLIMA?
SE QUEIMAMOS QUENTAMOS
AUGA E CAMBIO CLIMÁTICO
O LIXO TAMÉN QUENTA
COMO AFECTAN OS CAMBIOS NO CLIMA ÁS ESPECIES E AOS ECOSISTEMAS?
O CLIMA NA PAISAXE, NA ORDENACIÓN DO TERRITORIO E NO TURISMO
MEDIO RURAL E CLIMA
MEDIO URBANO E CLIMA

Conferencia de José Antonio Caride no I Congreso Climántica

 


Climántica TV publica o vídeo da conferencia de José Antonio Caride no I Congreso Climántica sobre Respostas Educativas ao Cambio Climático. O profesor da Facultade de Ciencias de Educación da USC abreu a mesa redonda de respostas educativas ao cambio climático aportando a súa visión da educación ambiental nas perspectivas da innovación.

José Antonio Caride comeza a súa conferencia facendose eco das palabras das profesoras Sauvé, Orellana e Sato en 2002: A educación ambiental parte dunha longa traxectoria histórica, a través da cal foi adquirindo unha tripla pertenza: social, ambiental e educativa. Na Educación Ambiental xorden diversas correntes de pensamento e de prácticas determinadas polas raíces ideolóxicas e éticas dos diversos protagonistas, e polas diferentes representacións da educación, do medio ambiente e do desenvolvemento que eles adoitan.

A EA se constrúe tamén como unha opción política. Obviamente nela conflúen diversos modos de entender, de pensar e de facer, como corresponde a esta denominación. En Galicia temos contribuido significativamente a esta construción da Educación Ambiental. A Universidade de Santiago de Compostela no ano 1980 era a primeira universidade española e unha das primeiras europeas en incorporar unha materia de EA nos seus plans de estudos. O Instituto de Ciencias da Educación creaba un taller interdisciplinar convocando a diversas persoas de ámbitos distintos de coñecemento. A Estratexia Galega de Educación Ambiental foi o primeiro documento deste tipo aparecido nas comunidades autónomas do estado. Galicia ten convocado algún dos encontros, dos foros, congresos ou seminarios máis interesantes dos que se teñen celebrado en España e mesmo de carácter internacional no eido da Educación Ambiental.

O que leva implícito o concepto de Educación Ambiental é unha idea de cambio, de transformación, o que debemos ainda procurar é facer máis ainda do que está feito. A EA aglutina un amplo repertorio de prácticas socio-educativas que teñen como finalidade dar unha resposta pedagóxica á crise ambiental, promovendo un cambio de mirada respecto dos modos de estar e ser no mundo. De ser así existen catro aspectos que debemos ter en conta se queremos promover procesos de cambio, de innovación. O primeiro é o cambio de valores que orientan as relacións Humanidade-Biosfera e dos seres humanos entre sí. Un segundo cambio nos situa no mundo dos saberes de coñecer, de representar e interpretar as realidades socio-ambientais coas implicacións que isto comporta para os procesos de ensino-aprendizaxe. Tamén debe ser un cambio na esfera do comportamento, nos hábitos e capacidades da poboación reorientando os estilos de vida e os procesos de desenvolvemento. Por último aludiríamos a un cambio no escenario socio-político alentando procesos congruentes co alcance da crise ambiental e chegar a mobilizar á participación da cidadanía dun xeito máis crítico.

Polo tanto a Educación Ambiental debería ser unha proposta alternativa nos modos de educar e educarse na sociedade do terceiro milenio. Que sexa creadora e impulsora de novos enfoques e estratexia no diálogo educación-sociedade-ambiente; xeradora de iniciativas cívicas e de responsabilidades compartidas, e en definitiva, posibilitadora dunha nova ética ecolóxica e biocéntrica. A EA debe concretarse en plans, programas, estratexias e iniciativas que supoñan actuacións que se desenvolvan en moi diferentes contextos sociais.

O profesor Caride remata coas palabras do poeta do Caurel Uxío Novoneyra homenaxeado este ano 2010 nas Letras Galegas: “Prós que saben que ti podes ser outra cousa/prós que saben que o home pode ser outra cousa/sabemos que ti podes ser outra cousa/sabemos que o home pode ser outra cousa”. En definitiva, sabemos que outro desenvolvemento e que outro mundo tamén é posible.

Comentarios:
 
  • Sintaxis HTML: Deshabilitado
  •  
  •  

Últimas entradas

Categorías

Buscar

pinguino
pinguino