Esta conferencia, auspiciada por un network de escolas de secundaria moi activas en educación ambiental, celébrase anualmente en distintas partes do mundo co obxectivo de compartir experiencias internacionais e articular actividades interdisciplinares sobre medio na que participan tanto profesores coma alumnos.
Nesta ocasión, o lugar elixido foi Portugal e a entidade encargada da organización foi a Asociación Portuguesa de Educación Ambiental (ASPEA), que elixiu como temática os océanos, a súa conservación e o seu futuro.
A única participación española na Conferenca foi a delegación enviada por Climántica con doce alumnos e dúas profesoras do IES San Alberto e do IES Virxe do Mar de Noia. Do 28 de xuño ao 4 de xullo puideron participar no intenso programa de actividades da conferencia, que incluía workshops, traballos de campo ou visitas a espazos naturais e centros de interese ambiental.
Igualmente, os alumnos galegos presentaron ante o resto das delegacións do CEI2015 un proxecto de investigación sobre a ría de Noia que está recompilado na web riadenoia.weebly.com. Divididos en dous equipos, realizaron un intenso traballo sobre os sistemas natural e antrópico da ría, analizando a xeomorfoloxía, as dinámicas, os ecosistemas, os recursos ou o impacto ambiental, entre outras cousas.
En Youtube pode verse tamén o vídeo Water, life cycle que presentaron ao concurso de vídeos da conferencia e que advirte sobre como o lixo que tiramos ao mar pode rematar nos alimentos que comemos.
A Conferencia foi tamén para alumnos e profesores unha importante experiencia para o intercambio de lazos de confianza, amizade e cooperación entre persoas de distintos países, así como unha excelente oportunidade para practicar idiomas.
Durante os cinco días que durou o Encontro, os rapaces tiveron que utilizar o inglés, idioma oficial da Conferencia, para todos os traballos e presentacións. Ademais interactuar con estudantes de Taiwan, China, Turquía, Dinamarca, Grecia, EUA, Mexico, Indonesia, Hungría ou Rusia, entre outros.