O 23 de xaneiro o investigador do CSIC Xosé Antón Alvarez Salgado acercounos aos impactos do cambio climático nos ecosistemas mariños aportando información moi valiosa referente ao que está a ocurrir nas costas galegas. Na primeira parte da súa intervención, cuxo vídeo xa se pode ver en ClimánticaTV, centrouse en aportar as evidencias na variación no clima ao longo do tempo ademais de evidenciar a implicación antrópica no cambio climático.
Se analizamos os datos de temperatura dos primeiros 700 m de columna de auga nos océanos observamos como a partir dos anos 50 a temperatura do mar aumentou sendo a velocidade de aumento maior a partir dos anos 80. En Galicia aínda que os científicos só dispoñen de datos superficiais tense rexistrado un aumento de 0,8 ºC fronte ás Rías Baixas.
Respecto á salinidade, detectouse que nas latitudes altas diminue de xeito significativo debido á fusión dos xeos que fai que os ríos árticos descarguen máis auga doce ao océano. Outra das causas da diminución da salinidade é a desaparición dos glaciares de Groenlandia. Nas latitudes baixas debido ao quecemento cada vez evapórase máis auga e polo tanto aumenta a concentración de sales nos mares. Esto afecta ao gradente de salinidade e polo tanto á circulación termohalina.
O nivel do mar ten aumentado 1,5 cm por década, pero esto non acontece de xeito lineal senón que se asemella máis a un comportamento exponencial. Na Ría de Vigo o nivel do mar ascendeu 16 cm nos últimos 60 anos. Esto pode inducirnos a reflexionar sobre o risco ao que nos expoñemos se non temos en conta a subida do nivel do mar cando se proxectan as infraestruturas portuarias pois estas serán máis vulnerables a distintos episodios drásticos (por exemplo tormentas, oleaxe, etc.) onde a altura dos diques pode verse superarada en poucos anos.
Os cambios de temperatura tamén ten implicacións sobre a actividade biolóxica do mar. Podemos seguir o efecto cascada iniciado co aumento de temperatura deste xeito: océanos máis quentes, menos chegada de augas frías á superficie, menos produción (temperatura- nutrientes-clorofila-produción-pesca). Constatouse un cambio nos últimos 15 anos na distribución da produción dos océanos. O afloramento en Galicia está en relación coa intensidade dos ventos que soplan do norte e a aceleración de Coriolis que despraza cara ao océano as capas superficiais da auga permitindo o ascenso de augas frías subsuperficiais cargadas de nutrintes. En certas zonas como son as de Perú e Chile ou Suráfrica o maior quentamento da terra en relación ao océano provoca un maior gradente de presión entre as células de alta e baixa presión por onde discurren os ventos e como resultado final os ventos intensifícanse favorecendo a produción biolóxica. Non obstante en Africa do Norte e Iberia o fenómeno vese complicado porque os centros de presión desplázanse. Así os datos obtidos reflicten que a extensión do periodo onde domiñan os ventos do norte tense reducido, ademáis a intensidade do afloramento reduciuse un 45% nos últimos 40 anos.
O tempo de renovación das rías tense duplicado nos últimos anos o cal calquer verquido na ría se antes precisaba de 7 ou 8 días para limparse agora precisa 19. Ademáis a auga na ría circula máis lentamente estratifícase máis e polo tanto as especies formadoras de mareas vermellas (dinoflaxelados) vense favorecidas. Polo tanto os polígonos de bateas estarán máis tempo pechadas coas consecuentes perdas económicas.
Respecto ao impacto sobre os recursos explotables, o científico fixo fincapé na relación entre o vento e a calidade e a velocidade de crecemento do mexilón. A concentración de CO2 antropoxénico nas costas galegas tense duplicado dende 1975. Esta acidificación das augas tamén ten repercusión na calcificación das especies. Ademáis deixou constancia da maior frecuencia de aparición de peixes de augas máis quentes nas nosas costas debido ao aumento da temperatura das augas.