Este congreso consolidouse como o acontecemento de maior impacto e participación de cantos se ocupan do uso educativo de Internet, especialmente no entorno iberoamericano. Nesta ocasión, a principal novidade foi que ademais das sesións presenciais, durante os meses previos estivo desenvolvéndose un innovador Congreso virtual no que participaron máis de 10.000 persoas e no que Climántica tivo unha excelente acollida, que resultaría determinante para a selección das súas experiencias web 2.0 para comunicar nesta parte presencial.
Este Congreso conta coa presenza de destacados especialistas en educación e Novas Tecnoloxías, entre os que se encontran o ex Ministro de Educación de Portugal, Roberto Carneiro; a Directora de Programas Educativos da Fundación Telefónica, Marián Juste e o Secretario Xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Álvaro Marchesi, contando con Brasil como país invitado.
Unha das temáticas máis destacadas no proxecto, foi a expansión das redes sociais interactivas, sobre o que se sustenta a expansión en rede de Climántica. Para debater sobre cómo afectan estas á educación ou qué límites se deben por no seu uso, Bernardo Hernández, Director Mundial de Marketing de Google, debateu sobre este tema con Zaryn Dentzel, creador de Tuenti, que actualmente é a rede social preferida dos xoves, encargándose da moderación da mesma o periodista Manuel Campo Vidal.
Na primeira das dúas comunicacións de Climántica neste congreso, o director do proxecto, Francisco Sóñora Luna, presentou Climántica como un proxecto web 2.0 mediante a comunicación titulada “Innovación 2.0 en la Pedagogía del Cambio Climático con www.climantica.org”. Comezou situando a Climántica como un proxecto global de Educación Ambiental en rede co obxectivo básico de intercambiar ideas e experiencias, xerar produtos didácticos interdisciplinares, enriquecer o currículo de Educación Ambiental e abordar as principais problemáticas ambientais relacionándoas co cambio climático. En canto ao público diana, expuxo que estaba dirixido á cidadanía en xeral e a todos os niveis do sistema educativo con produtos como unidades didácticas, blogs, documentais, novelas, videoxogos, comics, curtos de animación e revistas. Tamén indicou que pon á disposición do cidadán leccións e cursos web de autoaprendizaxe e autoavaliación, ofrecendo contidos en galego, castelán, portugués e inglés.
Destacou ademais que os libros didácticos, (un e dos), que abren cada unha das etapas teñen unha aplicación moi directa nas clases de secundaria e universidade, porque o seu deseño global e interdisciplinar posibilita que a súa aplicación nas diferentes áreas, materias e módulos resulte interesante, sinxela e eficaz, tal e como evidencia o seu uso en clases de Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía, Historia, Física, Química, Tecnoloxía e Economía, entre outras. Pero suliñou que o valor máis importante destes libros é a súa capacidade e flexibilidade para orientar ao profesorado na súa adaptación e aplicación para as súas clases.
A continuación situou os seus grandes modelos de aplicación no sistema educativo, destacando para o ensino Secundario o modelo de aplicación en ESO en Proxecto Interdisciplinar, mediante o material didáctico denominado Climaeucambio , por cuxo contido se pode navegar desde o seu apartado de Clima mozo , que permite tamén acceder á aplicación web desenvolta por Meteogalicia de MeteoEscolas que posibilita a representación e comparación dos datos obtidos polos estudantes dende as súas estacións meteorolóxicas. Sinalou ademais a importancia que ten para esta proposta a presenza dun blog temático de Meteoroloxía dinamizado polo técnico de MeteoGalicia Juan Taboada. Outro sistema de Blogs que destacou polo seu éxito académico, foi o que permite o desenvolvemento da nova materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo con edublogues e sobre o que nestes intres se está desenvolvendo a formación da segunda promoción de profesores que o van a aplicar mediante un curso semipresencial que implica 9 sábados presenciais, sendo fundamentais os libros didácticos de cambio climático e de enerxía e cambio climático , curso que tamén se está a desenvolver en Portugal co apoio institucional da Unesco, presentando tamén a importante argumentación que xa se está a desenvolver nos blogs de aula dos 15 centros piloto de Coimbra. Rematou os modelos académicos presentando o modelo de aplicación en Primaria mediante o material didáctico Aprendemos coas Escolas Climánticas en papel e a versión dixital na subweb Primaria.
Por último fixo mención á importancia da web para toda a cidadanía divulgando a actualidade do proxecto en sistema blogue e posibilidade de navegación HTML polo contido das unidades didácticas editadas en papel, que na actualidade son a de cambio climático e a de enerxía. Tamén fixo fincapé nas leccións de autoaprendizaxe sobre cambio climático do apartado de Formación así como a visualización de múltiples vídeos no apartado de Climántica TV e da descarga da primeira novela da colección de Contos Climánticos A Treboada de C do escritor Agustín Agra e tamén dos comics de cambio climático e enerxía. Rematou a súa intervención destacando a importancia do videoxogo web CLMNTK, que é un xogo interactivo de simulación en rede no que os xogadores teñen que xestionar novas poboacións para os habitantes que escapan dunha cidade moi contaminada no ano 2015, conciliando a sostibilidade, o progreso, e a economía, co benestar social da poboación e o respeto ao medio ambiente, tentando que o contorno non se vexa afectado.
A continuación interveu a coordinadora dos blogues de aula, Susana Vázquez, presentando coa súa comunicación a importancia deste recurso na aula en base a exemplificacións da aplicación nun centro do desenvolvemento da nova asignatura común para todos os estudantes de 1º de Bacharelato de España, Ciencias para o Mundo Contemporáneo utilizando estes edublogues no desenvolvemento da totalidade da asignatura.