Situou a orixe da enerxía que necesitamos no Sol, expoñendo que esta enerxía electromagnética acaba resolvéndose mediante diferentes transformacións nas que se vai degradando e disipando como enerxía calorífica que aumenta a entropía do medio. En base a este enfoque, propuxo unha liña de análise da historia do uso da enerxía facendo un seguimento da historia dos convertedores.
Seguindo esta liña, sinalou que o primeiros convertedores foron os vexetais, mediante a fotosíntese, con unha eficiencia do orde do 1 ao 1,5%. Relacionou tamén este convertedor coa fosilización que leva a que a enerxía química así obtida quede gardada como reserva nos combustibles fósiles. Referiuse de seguido ao segundo convertedor de enerxía en aparecer sinalando que foron os herbívoros con unha eficiencia maior, do orde do 10%. En relación a este convertedor, argumentou que esta eficiencia conseguiuse aumentar mediante a domesticación dos animais e aplicación de técnicas para mellorar o seu rendemento no traballo, en especial a partires do que se coñece como a revolución agrícola, chegando así a eficiencias nos cabalos do orde do 18%, que foi a conversión máis eficiente ata o século XIX. Para situar máis este tema, fixo mención a que o home fai aproximadamente 8.000 anos empezou a cultivar plantas en Oriente próximo. Sobre estes inicios da agricultura, situou a incorporación de animais para facer traballo, sinalando que esta incorporación lle permitiu mellorar as súas posibilidades de traballo físico situadas nos 100 W de potencia. Explicou que a utilización dos bois supuxo unha multiplicación por 4 e o uso de cabalos permitiulle pasar aos 800 W, mencionando que esta medida dou pé ao establecemento da unidade do Cabalo de vapor, que se corresponde coa potencia que ten un cabalo.
Unha vez situada a importancia dos animais pasou a tratar o seguinte convertedor que apareceu e que está moi ligado ao uso de animais: as rodas. Comentou que o seu uso apareceu fai uns 5.500 anos, en introduciuse en Galicia, segundo estudos do equipo de Fábregas, fai uns 4.000 anos, uns mil anos despois da aparición dos cultivos de cereais. Sobre este desenvolvemento inicial da agricultura, expuxo que no inicio dos cultivos das leiras en Galicia permitían colleitas durante un ano ou dous. En relación a este dato, sinalou que logo deixaban de ser fértiles ata uns 30 anos máis tarde. Explicou tamén como a fertilidade dos solos de Galicia cando se empezaron a cultivar viuse moi diminuída pola erosión o que dou pé aos bancais, que parece ser que apareceron xa na época dos castros, permitindo un maior aproveitamento enerxético da superficie cultivable. Sobre esta revolución agrícola, concluíu que en Galicia abriu un ciclo moi estable, desde fai uns 4.500 anos ata, máis alá do século IX.
Situou no século IX a aparición duns convertedores importantes ligados á enerxía hidráulica: o muíño de auga (maioritariamente de roda horizontal) e a forxa hidráulica (normalmente de roda vertical), e con menos importancia, aparece tamén o muíño de vento. Entre os séculos XII e XIII aumentaron as ferrerías hidráulicas onde a auga ao impactar na roda vertical provocaba movemento nun mazo que golpeaba o ferro incandescente coas cinzas da madeira para obter así unha mestura de C e Fe capaz de formar un aceiro resistente. Tamén sinalou que paralelamente apareceu, con menos importancia, o aproveitamento do vento mediante muíños de casa fixa como os de Catoira e tamén asistimos a un desenvolvemento da vela para a navegación que da paso ás carabelas no século XIV que evolucionan ata os grandes veleiros do século XVIII. Neste contexto iniciado no século IX e ata o século XIII, sinalou que se produciron importantes avances na agricultura como a alternancia de cultivos: millo, centeo e cebada. Outro adianto desta época que salientou foi o arnés do cabalo, que permite labrar sitios moi pesados con arados de aceiro obtidos na forxa hidráulica, ao verse o animal liberado do risco de afogamento.
Comunicou tamén que a pesares destes avances tecnolóxicos, non é ate o século XIX cando a enerxía da máquina empeza a camiñar para superar á enerxía somático (do home e dos animais). Dixo que as maquinas de vapor anteriores ás deste século tiñan unhas eficiencias que non superaban o 10%. Suliñou que en Galicia a primeira máquina de vapor púxose en marcha nos estaleiros de Ferrol para achicar diques. En relación á entrada da máquina de vapor en Galicia, reflexionou sobre a ferrería de Sargadelos que puido ser o principio de industrialización, pero en realidade foi o remate do ciclo da madeira e da auga polo esgotamento da madeira, sen que se dera o paso nas súas ferrerías ao uso do carbón mineral na máquina de vapor aplicada á siderurxia. En relación a esta época, indicou tamén que o ferrocarril apareceu en Galicia en 1873 coa liña Santiago – Carril, abríndose a continuación á liña a Madrid.
A continuación entrou nos vectores do século XX, sinalando que a aparición da luz eléctrica en Galicia foi moi rápida, pois desde o seu inicio en Pontevedra en 1888, expandiuse a todas as vilas e cidades nos 8 anos seguintes. Sinalou tamén que en 1925 empezou a etapa dos grandes encoros, coa instalación de 24.000 cabalos na moderna Central que hoxe é Tambre I. Unha vez situada a importancia da electricidade, abordou o outro avance no uso da enerxía no inicio do século XX coa introdución dos motores de combustión interna. Situou a entrada dos coches en Galicia coa fabricación dos coches Castro que funcionou entre 1902-1904. Expuxo que o uso da electricidade e do coche levou a un importante aumento no consumo enerxético per cápita. Tamén comentou que durante o desenvolvemento tecnolóxico a poboación de Galicia pasou do orde de 300.000 habitantes que se calcula que tiña Galicia no ano 1300 ata os case 3 millóns actuais.
Así que desta interesante conferencia para a aplicación da unidade 2 de Climantica, podemos concluír que Galicia se comportou igual que o resto do mundo, coa maior dispoñibilidade de enerxía aumentou a súa poboación e a súa vez aumentou tamén o consumo per cápita.