Aproveitou estes problemas e dificultades éticas para destacar a importancia da educación, para deixar claro os conceptos básicos que fundamenten as opinións. Destacou tamén a creatividade, sinalando que os sistemas educativos van en contra dos espíritos creativos e premian ao sistemático e traballador. Indicou que se necesita un equilibrio entre traballo e creatividade, polo que é necesario formar alumnos creativos. Tamén destacou a importancia de formar aos estudantes para a mobilidade laboral, pois hoxe en día os equipos de investigación son internacionais. Outro aspecto que destacou para a formación dos novos foi a interdisciplinariedade, tan importante para abordar os problemas ambientais.
Na última parte abriu un coloquio onde a maioría das preguntas dirixíronse cara a relación da xenómica co ambiente e sobre a concreción do estudo do noso xenoma. Unha destas preguntas sobre o xenoma dirixiuse a saber o número de xenes que coñecemos. Sobre esto indicou que o xenoma descuberto no 2002 era un borrador e agora coñecemos moito máis. Os xenes anotados son 23.000, os esperados 28.000 e sabemos a función de 14.000.
Entre temas ambientais destacou as particularidades xenéticas dos cántabros e asturianos, en especial dos primeiros. Esto fundamentouno no feito de que esta zona fora un refuxio glaciar en Europa.
Esta xustificación dou pé á pregunta de si existe relación entre a evolución humana e os cambios climáticos. Contestou que os cambios climáticos non solo permiten entender as propias migracións humanas, senón tamén as diferenzas físicas e as enfermidades, como é o caso dos xenes que teñen que ver co metabolismo do calcio. Para entender a evolución de poboacións naturais, non solo as humanas. Sobre esta influencia do clima na xenética, mencionou os estudos do seu grupo sobre os efectos que está a ter o cambio climático sobre a mosca da Drosophila.
En definitiva, o profesor Carracedo deixounos unha actualización dos contidos da xenómica facendo interesantes relacións co ambiente e co cambio climático. Destacou moito a importancia da profesión dos asistentes por seren divulgadores do coñecemento científico e educadores de novos cidadáns, invitando a que fomenten a súa creatividade, capacidade de mobilidade e que saiban moito dunha cousa pero tamén algo de todo para conseguir a interdisciplinaridade que se necesita para superar retos do século XXI como o cambio climático.