Climántica estivo presente na mesa redonda sobre Comunicación e Educación sobre o Cambio Climático que moderou o director do proxecto, Francisco Sóñora, e que se celebrou o día 25 de setembro no marco do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia.
O primeiro membro da mesa en intervir foi o técnico do Centro Nacional de Educación Ambiental, Francisco Heras que expuxo un marco global, como experto en comunicación sobre cambio climático, destacando que o educador ambiental debe transmitir as causas, os riscos e como actuar diante da problemática do cambio climático.
De seguido interveu o catedrático de Edafoloxía da USC, Francisco Díaz - Fierros, tratando a temática dos riscos. Na súa exposición destacou que a sociedade xa percibe que o cambio climático é un problema, polo que a educación ambiental é un dos factores claves para informar sobre os riscos deste fenómeno. Precisou tamén que na súa opinión é necesario ensinar á poboación a avaliar os riscos deste problema ambiental.
Xa entrando en modelos de Educación Ambiental, Rachel Trajber, coordinadora de Educación Ambiental do Ministerio de Educación de Brasil expuxo as liñas que se están a seguir no seu departamento. Pola súa parte, Francisco Sóñora presentou o proxecto Climántica como un modelo concreto de educación, sensibilización e comunicación, situado como un dos catro piares do Plan Galego de Acción contra o Cambio Climático.
Enviado por mónica lópez pérez 08 10 2007 as 11:50