Que é o cambio climático e por que nos preocupa?
O clima da Terra sempre sufriu cambios. Pero actualmente estamos a percibir que o clima está cambiando cunha tendencia cara ao quentamento global cunha velocidade que nos preocupa.
Isto pode ter que ver coa emisión de gases á atmosfera como resultado da combustión do carbón e do petróleo, entre os que destaca o dióxido de carbono (CO2). Sabemos que eses gases teñen a propiedade de reter a calor: é o efecto invernadoiro (tal e como o fai o vidro dos invernadoiros). Por iso a eses gases se lles chama gases de efecto invernadoiro.
As Nacións Unidas (ONU) usa o termo cambio climático para referirse a un quentamento global da atmosfera cos seus efectos sobre a variabilidade do clima da Terra, que é moi probable que se deba á acción humana.
Aínda que o cambio do clima por efecto da acumulación de CO2 na atmosfera é unha teoría xa de finais do século XIX, non foi ata 1988, coincidindo con grandes secas en EEUU, cando a ONU congregou a expertos para investigar que estaba acontecendo co clima.
Estas investigacións levaron aos primeiros modelos de evolución climática. Estes expertos formularon previsións de evolución supoñendo a intervención humana no clima por emisión de gases e nestas dúas últimas décadas cumpríronse, esas previsións e aínda se superaron lixeiramente.
Desde que empezou a preocupación por este problema estase a seguir con atención a evolución da temperatura en todo o mundo. Na Coruña temos datos do Instituto Nacional de Meteoroloxía nos que podemos comprobar que desde 1974 existe unha tendencia ao aumento da temperatura constante desde entón, e eso mesmo observouse a nivel global planetario.
1) En 1995 os expertos da ONU concluíron que o conxunto de evidencias dispoñibles suxire un certo grao de influencia humana sobre o clima global.
2) No ano 2001 concluíron que atoparon interferencias perigosas do ser humano no sistema climático, cunha probabilidade mínima de que non teñan que ver coa acción humana.
3) Recentemente en febreiro de 2007 a humanidade alarmouse coas conclusións do último estudo no que se manifestou que o quentamento do sistema climático é inequívoco, moi probablemente debido aos gases invernadoiro derivados da combustión de combustibles fósiles entre os que destacan o carbón e o petróleo. A prensa recolleu esta voz de alarma dos científicos con titulares deste tipo: “Máis de 2.500 científicos culpan á actividade humana do cambio climático” (27/1/2007).
As dúas últimas décadas, desde que se iniciaron os estudos da ONU, tiveron unha tendencia ascendente na temperatura global. A temperatura media da superficie terrestre subiu máis de 0,6ºC durante os últimos anos do século XX. En España subiu 1,5º, máis de 3 veces a media mundial, igual que en Galicia, como se pon de manifesto no gráfico correspondente A Coruña, cumpríndose as previsións dos expertos de Nacións Unidas.
O adiantamento da primavera biolóxica e o atraso da chegada do inverno, de tal xeito que o período de floración de moitas especies adiantouse 5 días por década nos últimos 50 anos. Isto está alterando o equilibrio no funcionamento dos ecosistemas. Na figura da páxina seguinte compróbase como a larva da bolboreta, principal alimento do ferreiriño, nos últimos 20 anos adiantou 13 días a eclosión obrigando ao ferreiriño a substituír a larva desta especie por outras.
Segundo os rexistros do Instituto Nacional de Meteoroloxía, a chegada das andoriñas adiantouse unha media de 10 días nos últimos trinta anos.
Glaciar Bertrán (Campo de Xeo Patagónico Sur, Arxentina). Os icebergs como os da fotografía son bloques de xeo, desprendidos das frontes dos Glaciares, que flotan nas augas. O quentamento global favorece a aparición destes icebergs nos océanos, co conseguinte perigo para a navegación. Ao estar composto exclusivamente por auga, o noso ollo pode apreciar a cor azul reflectida polo xeo.
Relacionado con este aumento de temperatura nos 20 últimos anos, constátase a diminución da superficie xeada do Ártico e a desaparición de glaciares o que se relaciona co aumento do nivel do mar uns 15 cm neste século pasado. Xa desapareceron a metade dos glaciares que había en España en 1980.
Outras evidencias non tan aceptadas son o aumento da frecuencia e a intensidade dalgúns fenómenos como os que dan lugar a intensos e frecuentes furacáns.
Cambios no réxime de precipitacións nalgunhas rexións e unha tendencia ás secas que posibilitan a aparición de incendios.
A humanidade semella como se atopara na enerxía obtida dos combustibles fósiles unha base para un forte crecemento e aumento da esperanza de vida, de tal xeito que nos dous séculos de uso de combustibles fósiles a poboación mundial fíxose aproximadamente seis veces máis grande, crecendo como lle sucede a unha especie cando chega a un lugar onde non ten límites na obtención dos recursos que necesita. Expoñemos de seguido a evolución do problema ao longo da historia:
Cambio na maquinaria e nas fontes de enerxía. Na época da revolución industrial (e xa pasaron uns 200 anos) o home empezou a cambiar o uso de máquinas e ferramentas manuais ou tiradas por enerxías como a animal (p.ex. no transporte), eólica ou acuática (por exemplo nos muíños), por outras nas que se necesitaba o uso de enerxías de orixe fósil: primeiro o carbón (nas máquinas de vapor: dos antigos ferrocarrís a vapor) e logo o petróleo (nos motores de combustión interna: como os dos automóbiles). Isto foi a base dun forte crecemento económico e industrial, pero tamén demográfico (nestes 200 últimos anos multiplicouse a poboación mundial por 6 aproximadamente), medrando como lle sucede a unha especie cando chega a un lugar onde non ten límites na obtención dos recursos que necesita.
Aumento esaxerado do consumo enerxético. Desde que se empezaron a usar os combustibles fósiles ata hoxe non só aumentamos o consumo enerxético por ser máis, senón que tamén nos volvemos máis egoístas no consumo, como tamén lles ocorre aos individuos dunha especie que conquista un recurso sen explotar.
Ao sermos cada vez máis e necesitarmos máis enerxía por individuo, aumenta considerablemente o uso de combustible fósiles, en especial carbón e petróleo. Deste xeito abrimos unha importante vía de saída á atmosfera de gases como o CO2 que de forma normal non estaría funcionando a este ritmo de saída cara á atmosfera, porque o carbón e o petróleo están soterrados en capas profundas.
Situación actual con notorio aumento do efecto invernadoiro. Aínda que parte deses gases efecto invernadoiro que emitimos en gran cantidade por esta nova vía poden quedar retidos no océano, ou ser retirados por plantas xuvenís mediante a fotosíntese para o seu proceso de crecemento, no mellor dos casos calcúlase que máis da metade deses gases que sacamos nós nesa vía non normal ou non natural queda na atmosfera. Sabemos que eses gases reteñen a calor e que axudan a regular a temperatura.
Esa regulación, nas cantidades normais, resultou clave para a aparición da vida e sen ese tipo de gases na atmosfera habería unha temperatura moito máis baixa na Terra, tanto que a vida non sería posible.
Pero con esta vía nova aberta por nós e que usamos e aumentamos ao longo duns 200 anos estamos facendo que a cantidade destes gases sexa máis grande do normal ao romper o equilibrio do “funcionamento da cadea” aquí ilustrada e comentada.
Estas vías non normais ou determinadas por nós, de saída do dióxido de carbono e outros gases invernadoiro que están a provocar o súa acumulación na atmosfera podendo producir un aumento da temperatura global, aumentaron especialmente nos últimos 50 anos pola proliferación do uso de transporte tanto aéreo como terrestre, da produción de enerxía mediante centrais térmicas e de procedementos industriais que requiren moita enerxía e producen CO2 nos seus procesos, como é o caso das industrias do cemento.
Con esta vía de saída de gases efecto invernadoiro que abrimos, estamos alterando os equilibrios normais deste tipo de gases na atmosfera que comunicamos con esa “cadea de bicicleta”. Como ben sabedes unha bicicleta funciona con normalidade se o tamaño do piñón e do prato son os axeitados ou normais para o tipo de traxecto que está a facer. Nós estamos a modificar estes tamaños con “cambios anormais” para o funcionamento da atmosfera, tanto no “piñón” (deforestacións e incendios) como os do “prato” (queima de combustibles fósiles) moito máis preocupantes e perigosos que os primeiros.
Con isto estase a provocar que a atmosfera aumente o seu comportamento asemellándose cada vez máis ao vidro dun invernadoiro, aumentando así a súa eficacia na retención da calor, tanto que a cantidade de calor retida pode chegar a ser un problema para a supervivencia das especies, e esta maior eficacia na retención é á que os científicos lle están atribuíndo o quentamento rápido que se está a manifestar de forma continua nos últimos anos.
Un planeta que é un “invernadoiro perfecto” é Venus, pois estando ao dobre de distancia do Sol que Mercurio ten máis temperatura, pois posúe unha atmosfera de aproximadamente 95% de CO2 o que fai que se acaden temperaturas de 464ºC tanto de día como de noite.
Esta diferenza nula entre a temperatura diúrna e nocturna pon de manifesto o papel deste gas como regulador da temperatura, sobre todo cando se compara con Mercurio, sen atmosfera e que ten unha diferenza noite–día duns 620ºC. Tamén este gas explica que a dobre de distancia do sol Venus sexa máis quente que Mercurio, o que pon de manifesto a eficacia do CO2 para reter a calor.
“Cando queimamos combustibles fósiles facemos que a Terra se pareza algo máis a Venus, é dicir aumentamos o efecto invernadoiro ou o que é mesmo, o quentamento global da terra”.
Non todos somos iguais de responsables, pois dos 6.000 millóns que habitamos a Terra, os 1.000 que vivimos nos países industrializados consumimos o 75% do total da enerxía que se usa na Terra. Se os 5.000 millóns de habitantes restantes do planeta tiveran a oportunidade de consumir como o facemos os EEUU, Canadá, Unión Europea e Xapón (entre os catro sumamos 1.000 millóns de habitantes) necesitaríanse 10 planetas. Se o mapa mundi se fixera con este reparto do consumo enerxético da Terra, teríamos estoutro mapa.
desde Galicia ao sur da Península, atravesando Portugal, atopámonos estas paisaxes características: en Galicia paisaxes húmidas como sebes, logo entre Porto e Lisboa campos de cultivo de viñedos mesturados con montes e campos que van perdendo o aspecto húmido para acadar outro máis seco. De Lisboa ao Algarve van aparecendo as devesas, onde predominan as sobreiras.
Como resultado do cambio climático posiblemente que estas paisaxes se vaian transformando tendendo Galicia a ter un certo compoñente das paisaxes do mediterráneo, e o sur tenderá a desertizarse.
Neste proceso ten moito que ver a migración das especies, en especial as vexetais, nas que se constata adiantos de floración e migracións cara ao norte e altitudes maiores. Así en España a floración do olmo adiantouse uns 30 días nos últimos 30 anos.
Nacional de Meteoroloxía, nos últimos 30 años as temperaturas en España aumentaron unha media de 1,5ºC, máis do dobre da media mundial. Esta media global é a que nos preocupa máis porque desde a última glaciación, época na que o xeo cubría a maior parte de Europa, a temperatura media global tan só aumentou entre 3 e 5ºC.
Ao aumentar a temperatura global do planeta haberá moitos sitios que teñan secas estacionais. A diminución das chuvias no sur e no leste de España reduceuse un 23% no último século.
Fendas de retracción en solos arxilosos que se formaron pola perda de auga en períodos de secas.
Aumento de riscos de incendios. Ao haber máis secas e moito dióxido de carbono que fai medrar a vexetación, os incendios están cada vez máis favorecidos .
Incendio en Xuño (Porto do Son) en agosto de 2006.
Tanto as secas como os incendios favorecen que se perda a vexetación que retén o solo, o que favorece os procesos de desertización. As cinzas que quedan nos montes queimados, xunto co solo erosionado, son arrastrados polas chuvias fortes cara aos ríos, depositándose na súa desembocadura, soterrando o marisco, que morre por asfixia.
Solo erosionado que ardeu en agosto de 2006 que posteriormente se erosionou polas enchentas que ocorreron no outono de 2006, ao estar desprotexido por falta de vexetación.
Isto foi frecuente en Galicia no outono do ano 2006, coincidindo coas primeiras chuvias do outono despois dos incendios masivos ocorridos no verán dese mesmo ano.
Limpeza da praia de Combarro dos fangos que chegaron dos montes da zona coas enchentas de 2006. Eses montes erosionáronse porque quedaron desprotexidos de vexetación cos incendios de agosto de 2006.
A alteración do sistema climático pode favorecer un aumento do período de chuvias fortes, en áreas non preparadas para acoller tanta cantidade de auga. Os solos teñen unha capacidade para diminuír a súa virulencia se ofrecen unha alta capacidade de infiltración e unha boa circulación baixo terra da auga. Pero o cambio climático diminúe tamén estas propiedades. Así a queima de montes, incrementa os procesos de escorrentía superficial e os sedimentos que arrastra poden taponar os leitos dos ríos, favorecendo o seu desbordamento e multiplicando os efectos devastadores das cheas.
Consecuencias derivadas do aumento da temperatura da auga do mar. Como consecuencia do aumento da temperatura global, tamén aumenta a temperatura da auga do mar. A temperatura media das augas oceánicas de Galicia incrementouse en 0,8ºC nos últimos 20 anos. Esta é unha tendencia xeneralizada e especialmente preocupante nas zonas de augas pouco profundas e nas zonas máis calorosas como ocorre nas zonas tropicais, onde este aumento é máis evidente.
Esta é a causa de que estean desaparecendo grandes superficies de corais. O aumento de 1ºC nas zonas de augas pouco profundas en áreas tropicais ricas en corais, expulsa as zooxantelas (pequenos organismos) que viven sobre a súa superficie posibilitando a vida dos corais.
A desaparición destes pequenos organismos que se perden co aumento da temperatura da auga, provoca o branqueamento dos corais e posterior morte. Por esta razón a Gran Barreira de Australia duns 2.000 km2 perdeu por branqueamento máis dun 60% da súa superficie, quedando na actualidade só uns 1.200 km2.
O aumento de temperatura da auga provoca migracións térmicas mariñas das especies buscando augas axeitadas ás marxes de temperatura ás que están adaptadas. No hemisferio norte temos constancia desta tendencia de migración cara ao norte, algunhas incluso en especies que viven fixas ao substrato, como é o caso das laminarias.
Efectos derivados do desxeo e da subida do nivel do mar. A subida de temperatura global provoca o desxeo que está facendo desaparecer o xeo dos glaciares e fai xurdir o desxeo de neves perpetuas nas altas cordilleiras como foi o caso das neves perpetuas do Kilimanjaro que desapareceron nos últimos 20 anos.
Este proceso é especialmente notorio no caso do Ártico, sobre o que os científicos da ONU, nas últimas conclusións dos seus estudos emitidas no ano 2007, prevén o seu desxeo no 2040 durante os meses de verán. A auga doce do desxeo vai alterar as correntes mariñas oceánicas diminuíndo a súa capacidade termorreguladora e potenciando aínda máis o cambio climático.
Este desxeo e a dilatación da auga por aumento da temperatura provoca a elevación do nivel do mar. Nos anos 60 a elevación do mar na costa atlántica española era de 2 milímetros ao ano, pero recentemente observáronse subidas de 3,5 mm en Cantabria.
Os científicos da ONU nas conclusións dos últimos estudos prevén que o nivel do mar subirá entre 18 e 59 cm nos próximos 100 anos provocando a desaparición de praias, marismas, dunas, brañas e inundacións en zonas habitadas, pois cada cm de altura pode supoñer o avance do mar 1 metro sobre a terra.
As fortes e intensas choivas caídas na vila de Cee a finais de novembro de 2006, provocaron a rotura das tuberías de drenaxe, dun diámetro insuficiente, que non poideron soportar a presión exercida pola auga, abríndose fochas nas rúas.
En Galicia isto suporía a perda de praias, dunas, marismas e humedais, con especial repercusión naquelas zonas onde se constrúe a nivel do mar. Pero noutros lugares como Bangladesh que ten enormes planicies próximas ao nivel do mar pódese perder a superficie onde están as casas duns 17 millóns de habitantes. Cidades como Venecia xa están a vivir esta problemática, e nela está prohibido habitar os baixos.
Un canal pequeno de Venecia, cerca da súa desembocadura no Gran Canal á altura de Rialto. Nesta cidade está prohibido vivir nos baixos porque cada vez se inundan con máis facilidade polo afundemento da cidade. A subida do nivel do mar podería conlevar medidas deste tipo en moitos sitios costeiros.
O cambio climático non só afectará aos pobos ligados a existencia do xeo ártico como os inuíts. Os demais efectos do cambio climático expostos que implican inundacións, secas, furacáns, etc., afectan aos países máis pobres e menos responsables das emisións.
O que está provocando esta situación é que estes cidadáns debido as facilidades actuais para desprazarse, refúxianse e buscan oportunidades laborais e de integración nos países máis ricos, que á súa vez buscan defenderse destes fenómenos migratorios.
As civilizacións primitivas que vivían máis illadas por barreiras montañosas ou oceánicas ao non dispoñer dos medios actuais de transporte, tiñan moito máis complicado fuxir destas crises climáticas. Hai teorías que explican a desaparición dos maias e do antigo imperio exipcio porque a unhas condicións climáticas moi favorables durante as que aumentou a poboación, seguiron unhas condicións climáticas moi adversas que provocaron a falta de alimento, que os levou á desaparición pasando antes polo canibalismo.
Un fenómeno global como este, danos a sensación de que nos supera como individuos, porque supoñemos que se toda Galicia actúa conxuntamente durante cen anos non obtería grandes resultados e estaría igualmente afectada de non actuaren da mesma forma todos os países.
Como o fenómeno se orixina como consecuencia da suma de numerosas emisións en todo o mundo, tendemos a pensar que a nosa responsabilidade persoal non ten importancia diante dese enorme conxunto.
En Galicia somos un conxunto de moitas vilas moi pequenas, das que a maioría son aldeas do medio rural. Aquí o transporte privado convértese en imprescindible e todo o mundo necesita usar o coche con frecuencia e o transporte público non está implantado porque non é rendible.
Pero temos que ter moi presente que este reto é moi grande, seguro que un dos maiores aos que nos enfrontaremos. Non se trata só dun problema ecolóxico, porque está a afectar á pobreza, á igualdade de oportunidades e á xustiza, á saúde, etc.
Canto máis tarde actuemos, máis difícil e caro será. Se afrontamos o reto melloramos a calidade de vida.
Ningunha acción é insignificante:
- Apagar as luces que non usamos
- Apagar os aparellos que están en espera
- Encher ben a lavadora
- Instalar lámpadas de baixo consumo
Pero tamén nos temos que acostumar a tomar medidas e facer números para saber se estamos mellorando. Entre as accións e medidas que hai que tomar destacan:
Coméntalles aos teus pais que adoptar certas medidas á hora de coller o coche pode repercutirlles nos seus petos, xa que aforrarán en gasolina e mesmo baixaran as emisións de CO2: revisar o vehículo con periodicidade, conducir a baixas revolucións, frear e acelerar dun xeito suave…Por exemplo pasar de 100 a 120 km/h pode aumentar o consumo nun 44%.
Unha parte importante dos desprazamentos en coche pola cidade, adoitan ser traxectos de menos de 3 km polo que deberiamos ter en conta a utilización do transporte público. Ademais para os traxectos máis curtos sempre cabe a posibilidade de movernos a pé ou en bicicleta.
En traxectos de menos de 3 km en bicicleta ou andando, en vez de coller o coche, evitarás a emisión de 490 g de dióxido de carbono á atmosfera, axudando a deter o cambio climático.
Unha lámpada de baixo consumo, na súa vida útil, evita a emisión de media tonelada de dióxido de carbono á atmosfera, axudando a deter o cambio climático.
Acórdate de apagar completamente a túa televisión, radio, ordenador, videoconsola ou equipo de música; xa que deixala no modo “espera” produce un consumo innecesario de enerxía.
Tenta convencer os teus pais de que cambien as lámpadas normais por outras de baixo consumo, podes decirlles que aínda que son máis caras, aforrarán nas vindeiras facturas da luz, xa que consomen ata cinco veces menos e poden durar unha media de dez veces máis.
Se na vosa casa tedes pensado mercar un novo electrodoméstico, fíxate nas etiquetas que vos van indicar a súa clase enerxética. Un frigorífico de clase A pode consumir ata un 39% menos de enerxía que un de clase C, e evita a emisión de 1 tn de CO2 durante a vida útil do aparello. Elixindo aparellos de baixo consumo enerxético e de baixas emisións estaremos axudando de xeito significativo na loita contra o cambio climático.
Apaga tamén os interruptores da luz cando marches do cuarto onde te atopes. Se es o último en saír da aula mira que as lámpadas queden apagadas. Podes deseñar unha pegatina cun lema que sirva de recordario para que se apaguen as luces, e poñela a carón dos interruptores das aulas, dos baños, etc. A utilización de auga quente xunto coa calefacción no fogar, son as accións que máis enerxía consomen. Así que procura non abusar do tempo que pasas baixo a ducha e fai o mesmo coa temperatura da auga. Cerra ben as billas, pois a perda dunha simple gota de auga, de maneira constante, chega a gastar preto de 100 litros ao mes.
Na casa non precisamos andar en manga curta no inverno, así que podemos regular a calefacción para manter a estancia agradable pero sen desaproveitar a enerxía. Unha temperatura óptima son os 20ºC. Recorda que cada grao que baixes na temperatura do cuarto estarás aforrando un 6% no consumo. Ademais non debemos airear as habitacións coa calefacción acesa durante máis de 10 minutos. Unha boa práctica para evitar a perda de calor é pechar as cortinas e as persianas pola noite.
Quen dixo que reciclar é unha molestia? Pon en práctica o teu propio plan de recollida de residuos no fogar, implicando os membros da túa familia. Pensa que se mercas produtos que non veñan cun exceso de envoltorio menos terás que reciclar. Por cada quilo de plástico reciclado, déixase de emitir uns 1.5 kg de CO2. Recorda tamén que coa separación do lixo contribúes ademais de a aforrar en materiais a reducir sensiblemente o consumo de enerxía (reciclar unha lata do teu refresco favorito pode aforrar ata un 90% da enerxía necesaria para facer unha nova).
Reciclar 1 kg de aluminio evita a emisión de 9 kg de dióxido de carbono á atmosfera, axudando a deter o cambio climático.