Falando de tempo, clima e cambio climático.

Ás persoas gústanos falar moito do tempo; de feito, cando non atopamos temas de conversa e queremos falar con alguén, recorremos a falar do tempo. Ata o de agora, era moi común atoparse con algún coñecido pola rúa ou con algún veciño no ascensor e falar do tempo.

Ola, dona Rosa! Hoxe parece que vai chover. O tempo volveuse tolo!

Pero nos últimos tempos, a esta conversa uníuselle esta outra:

No telexornal acaban de dicir que nunca se deran unhas temperaturas tan altas para esta época do ano como as de hoxe. Verdadeiramente en novembro e en manga curta! Seguro que a culpa a ten iso do “cambio climático” !

A idea de cambio climático non sempre se manexa co suficiente rigor, o que pode levarnos a confundir cambios bruscos no estado do tempo atmosférico con cambios climáticos. O cambio climático xa non é algo que só se lea nos libros científicos ou nas publicacións especializadas. O debate trasladouse á rúa, e agora, ademais de falar do tempo atmosférico, é doado que tomando o café no bar da esquina escoitemos ao compañeiro da mesa do lado comentar os novos datos que corroboran un cambio climático.

meteo img

Pero, sabemos realmente do que falamos ou só repetimos o que escoitamos?

Sen dúbida aceptamos a información que nos chega por diversas canles sen reflexionar moi a fondo sobre a veracidade das mesmas, de aí a proliferación de erros.

Abonda con escoitar os programas de noticias da radio ou da televisión, para darnos conta de que utilizamos mal moitos termos. O caso do clima e o tempo atmosférico é un bo exemplo. Estamos afeitos a escoitar frases como que “debido ás adversas condicións climáticas non se puido celebrar o partido de futbol”. O tempo meteorolóxico refírese ao estado da atmosfera nun intre determinado ["hoxe chove sen parar"], namentres que o clima é a suma de todos os estados do tempo que se sucederon nunha rexión durante un período máis ou menos amplo.

meteo img

Sen afastarnos dos medios de comunicación, vemos como as noticias relacionadas co clima se tratan cun discurso alarmista ou catastrofista. Calquera fenómeno meteorolóxico como nevadas intensas, chuvias fortes ou ondas de calor insoportable son achacadas con rapidez a un cambio climático debido á man do home. Pero non debemos esquecer que hai causas naturais que están a influír nas variacións do clima.

A maior parte dos científicos están de acordo en que nos últimos tempos a temperatura global do noso planeta estase a elevar. Se ben se poden discutir as porcentaxes de culpabilidade que temos nós neste proceso, a comunidade científica non ten dúbidas do aumento. Deste xeito teremos que cambiar moitas das actuacións que dende lonxe veñen sendo daniñas e buscar novas vías de desenvolvemento sostible para a vida no planeta.

Tempo (atmosférico): estado da atmosfera nun lugar e momento concretos. P.ex.: Hoxe en A Coruña o tempo é chuvioso. A meteoroloxía estuda os fenómenos atmosféricos (vento, chuvia, neve, saraiba…) e o mecanismo que os produce, intentando a súa predición.

Clima: sucesión dos diferentes tipos de tempo durante, como mínimo, un ano. P.ex.: O clima de Galicia é oceánico. A climatoloxía é a ciencia que o estuda.

Diferenza entre tempo e clima: En A Coruña e Río de Xaneiro pode facer o mesmo tempo (P.ex.: chuvioso, frío, soleado,…), pero iso non quere dicir que teñan o mesmo clima (A Coruña: temperado oceánico; Río de Xaneiro: tropical).

Facendo unha arriscada comparación: o clima sería coma unha película dos diferentes tipos de tempo.

meteo img
 

TEMPO E CLIMA NA FALA E NA ESCRITA

  •  

pinguino
pinguino