As características que definen o clima veñen determinadas polo
  comportamento de tres elementos básicos: as temperaturas, as
  precipitacións e os ventos. Estes tres elementos son os que
  temos que observar para recoller datos, analizalos e sacar conclusións
  que nos leven a prever o tempo atmosférico a curto
  prazo (isto é o que fan os meteorólogos), e a caracterizar un
  clima, xa a máis longo prazo (esta é tarefa dos climatólogos).
 
 
  
  
    A temperatura é o elemento meteorolóxico principal. Como veremos,
    dela depende a evaporación, e a condensación do vapor de
    auga e, polo tanto, a humidade atmosférica e as precipitacións
    que ocorren cando baixa a temperatura ata uns determinados
    niveis. A temperatura condiciona tamén a presión atmosférica,
    pois o aire quente vólvese máis lixeiro e ascende, ocupando o
    seu lugar o aire frío, producíndose así os ventos.
  
  
    A temperatura é o nivel de enerxía que presenta a atmosfera,
    segundo a cal podemos dicir que vai frío ou calor.
  
   
 
  
  
    Medimos a temperatura cun aparello chamado termómetro, que
    a mide en graos. O termómetro máis usado entre nós é o inventado
    por Celsius, no que se marca como 0ºC a temperatura na
    que se funde o xeo e como 100ºC a temperatura do punto de ebulición
    da auga.
  
  
    Anders Celsius (1701–1744) foi un físico e astrónomo
    sueco, inventor en 1742 da escala centígrada para
    medir as temperaturas: o punto 100ºC era o do punto
    de conxelación e o de 0ºC o punto de ebulición da
    auga, sempre a nivel do mar. Non, non estamos equivocados!
    Así era a escala que el propuxo: ao revés cá
    actual. O seu compatriota Linneo inverteu esta escala 3
    anos despois.
  
   
  
    As condicións necesarias de medición son: termómetro protexido
    por unha caseta de dobre teito, rexiñas de ventilación e a 2
    metros do chan, todo para evitar o quentamento.
  
   
 
  
  
    En meteoroloxía e climatoloxía interesa o uso da temperaturas
    medias (TM), que se calcula facendo unha media entre a temperatura
    máxima e a temperatura mínima. Isto é importantísimo
    para confeccionar gráficas climáticas e poder observar as características
    do clima facilmente.
  
  
    Podería darse o caso de que un día de xaneiro se producise, por
    un casual, unha temperatura máxima de 26ºC en Barcelona,
    dato que nos podería levar a equívoco e dicir: “ O clima de
    Barcelona é moi cálido nos meses invernais”, cando na realidade
    é que a temperatura media do mes de xaneiro nesta cidade é
    de 10ºC aproximadamente. Por tanto no estudo do clima é necesario
    utilizar as temperaturas medias.
  
  As medias máis usadas son:
    - TM diaria: suma da T máx. e mín. do día, dividido por 2.
    - TM mensual: suma das TM de cada día dividido polo nº de
    días do mes.
    - TM anual: suma das TM de cada mes dividido por 12.
  
   
  
    Outro dato moi interesante é o da Amplitude ou oscilación
    Térmica (AT), que vén sendo a diferenza entre a temperatura
    máxima e mínima diaria, mensual ou anual. Tendo en conta este
    dato, vamos poder concluír se o clima do lugar é suave (se por
    exemplo, a AT entre o mes máis caloroso e o máis frío é pequena
    p.ex: 10 ºC) ou extremo (se por exemplo, AT anual é grande,
    por exemplo: 25ºC). Máis adiante analizaremos isto máis en profundidade.
  
 
  
  
    O aire pesa sobre a superficie terrestre exercendo presión sobre
    ela. Pero a presión normal pode experimentar variacións locais
    máis o menos grandes, principalmente por obra da temperatura.
  
   
  
    As zonas nas que a presión é superior á normal chámanse áreas
    de alta presión ou anticiclóns e aquelas nas que a presión é inferior
    á normal constitúen as áreas de baixas presións, ciclóns ou
    borrascas (depresións, comunmente chamadas borrascas). As
    áreas de baixas presións atraen cara a elas o aire de rexións próximas
    onde a presión é máis alta (anticiclóns), sendo así responsables
    de que o aire se mova (vento). Deste xeito,condicionan en
    moitos casos as temperaturas e as precipitacións dun lugar, xa
    que esas masas de aire poden ser cálidas ou frías, e estas á súa
    vez poden ser secas ou húmidas. Estas áreas non están fixas,
    senón que se desprazan e cambian de forma, facendo que o
    tempo atmosférico cambie tamén.
  
  
    Con todo, estes cambios adoitan seguir unhas pautas temporais;
    polo que os ventos dominantes nunha zona poden chegar a ser
    un elemento fundamental para caracterizar o clima dese lugar.
    No caso de Galicia, por exemplo, os ventos que veñen do oeste
    ou suroeste (compoñente oeste) están asociados a baixas presións
    e os de nordeste están relacionados con altas presións. O
    contacto co océano favorece que o clima galego sexa húmido e
    teña unhas temperaturas suaves.
  
  
    A velocidade do vento mídese cun aparello chamado anemómetro
    e a súa dirección determínase cun cataventos.
  
   
 
  
   
  
    O aire contén sempre unha cantidade de
    vapor de auga, maior ou menor, procedente
    da evaporación da auga dos mares, das
    terras húmidas e da transpiración dos
    vexetais, e que representa menos do
    0,001% da auga que temos en todo o planeta
    Terra.
  
  
    Por iso na atmosfera hai sempre humidade,
    pero cando o aire contén a máxima cantidade
    de vapor de auga que pode manter nesa
    presión e temperatura (o aire dise saturado),
    se baixa a temperatura máis, empeza a
    precipitar, transformándose o vapor de
    auga en auga líquida. Isto provoca que a
    cantidade de auga que hai no aire atmosférico
    acaba precipitándose en forma de
    chuvia, neve ou saraiba (tal como entenderemos
    máis adiante cando estudemos o
    ciclo da auga).
  
  