A maioría das actividades do campamento centráronse no deseño e execución de obras de arte no litoral, que foi a temática central deste campamento. Para conseguilo contouse coa formación, asesoría e coordinación dos profesores Antón Sobral e Carmen Hermo, da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia. Estes dous artistas e docentes expertos na liña de Arte na natureza dedicaron a tarde do día 7 de setembro a presentar o fundamento da obra dos autores máis relevantes nesta modalidade artística. Na tarde do día 8 os estudantes agrupáronse en 4 equipos, e cada un deles deseñou e executou unha obra colectiva. Coas imaxe e notas do deseño, do desenvolvemento e do resultado desta obra, elaboraron unha presentación ao longo da tarde do día 9. Esas presentacións expuxéronas a primeira hora do día 10 diante dos dous artistas docentes coordinadores e dos compañeiros. Despois de que os artistas Sobral e Hermo retroalimentaran os traballos, baixaron todos á praia de Gandarío a recoller obxectos que deixou o mar para facer obras libres individuais ou en pequenos grupos. Pola tarde, coa presentación e retroalimentación destas obras rematou o traballo creativo sobre o arte efímero no litoral.
O último día do campamento, o sábado 11 de setembro, dedicouse pola mañá a actividades de investigación no marco da Educación Ambiental no contexto urbano, centrándose principalmente nos recursos e contextos que aporta o Parque de pasatempos de Betanzos. A tarde dedicouse a actividades de Educación Ambiental no medio natural, centradas nun itinerario de estudo da fauna, flora e paisaxe do río Chelo e na súa Aula de interpretación.
As estudantes universitarias premiadas formáronse durante a estancia para encargarse do deseño e da dirección das veladas nocturnas e das actividades lúdicas e de convivencia. Neste tipo de actividades aproveitouse de xeito especial o equipamento de embarcacións, pistas polideportivas e piscina deste albergue da Xunta de Galicia.