Con este artigo dáse a coñecer unha proposta metodolóxica na que os estudantes colaboran con científicos para establecer series de datos significativos para coñecer os impactos do cambio climático sobre un banco marisqueiro que é o principal motor socio económico dunha poboación costeira de máis de 14.000 habitantes. Exponse o marco teórico implicado na experiencia curricular e explícase a estratéxica de ensino aprendizaxe mediante prácticas de laboratorio que permite que os alumnos comprendan ese marco para poder actuar como científicos escolares eficaces neste tipo de colaboracións cos equipos de investigación. Tamén se describe a aplicación práctica deses coñecementos nunha investigación que permite iniciar unha serie temporal sobre a situación do recrutamento do berberecho (Cerastoderma edule), para coñecer como lle pode afectar o cambio global no principal banco marisqueiro deste molusco de elevado valor comercial en Galicia – España. Descríbese a metodoloxía de ciencia escolar aplicada, finalizando coa análise de datos a través das gráficas obtidas e a obtención de conclusións. Entre as conclusións obtidas cabe destacar a necesidade de realizar este tipo de estudos ao longo dos anos, antes e despois da campaña, para ter series significativas que permitan tomar decisións como poden axustes da duración da veda para adaptarse ao cambio climático. Entre as implicacións pedagóxicas obtidas destaca o interese deste tipo de propostas para acelerar a incorporación de contidos novos ao currículo que urxe que cheguen á sociedade e o beneficio mutuo que obteñen as comunidades científicas e as escolares deste tipo de colaboracións.